Xente de aquí e de acolá

obra literaria de Álvaro Cunqueiro

Xente de aquí e de acolá é un libro de relatos de Álvaro Cunqueiro publicado por Galaxia en 1971. A 3ª edición de Galaxia foi patrocinada pola Caixa de Aforros de Galicia en 1981.[1] En 2011 Galaxia reeditouno na Biblioteca Álvaro Cunqueiro.[2]

Xente de aquí e de acolá
Autor/aÁlvaro Cunqueiro
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Relatos
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1971
Precedido porSi o vello Sinbad volvese ás illas...
Seguido porOs outros feirantes
editar datos en Wikidata ]

Contido editar

Carta que o autor mandou ao Dr. Domingo García-Sabell cando ordeaba este libro. editar

"...Pois ben, eu podería dicirche que viña de estar con istes, dos que conto nas páxinas que siguen. Agora ben, houbo istes, hainos? Podería alguén contestar, súpito, que non os houbo nin os hai, xa que eu tireinos do meu maxín. E o tal daría por sentenciado o pleito, pro coido que ti non, e eu tampouco... Eu quero saber si hai moita diferencia entre o vivo e o pintado, ou máis crar aínda: si istes de meu son ou non son galegos, e que é o que predican do galego, si é que son dista nación... Querse dicir que hai neles -é a miña opinión- unha onza en cadaquén, do ser galego, e repartido entre toda esta xentiña está cáseque todo o andamiaxe do galego, están as súas varas de medir o mundo, as voltas do seu maxín, as reviravoltas dos seus soños e devezos, a súa calidade intelectual, o gosto da solpresa, a ironía que fai dun home, nun intre dado, un señor rei, e a humildade, e a sabrosura da perguiza, o adoecer do que non hai, e o morrer soio coa súa teima, e deixala en herdo, coma un tesouro inatopable... querse decir que eu adoito a pasar tempadas fóra do mundo, esculcando? Esculcando o segredo do ser galego.[3] "

Relatos editar

  • Somoza de Leiva (1981, páx. 13)

E acordeime entón de Somoza de Leiva. Mercou unhas estampas sobre a "Noite triste" e Hernán Cortés. Era perito afeccionado e picapreitos. Trouxo un can moi especial, apropiado para avogados: É un can que soio lle ladra á parte contraria. Era un can que nunca fallaba. Remata: Esquecíaseme decir que o can chamábase Moctezuma.

  • Pontes de Meirado (1981, páx. 16)

Coñocín a Pontes de Meirado hai moitos anos. Argumentaba nas barberías que non existían as antípodas terrestres e tamén falaba do grande imán terreal central. Tivera un grande amor na Arxentina, unha italiana, coa que quixo casar por poderes pero a moza quedou co seu irmán, que o representaba na voda. Nunca se recuperou. Acaba o narrador falando nun ton elevado: tiraba un pano branco... pasábao polos narices e polos ollos. Polos narices pra poder millor lembrarse do aroma da amante perdida, e polos ollos pra secar gordas e amargues bágoas.

  • Penedo de Alduxe (1981, páx. 19)

Era un grande contador e coñecía todas as historias meiregas. Sobre todo falaba da famosa capa de ouro. Soñaba con ela e cos ananos. Un día espertou no soño e falou co anano, mesmo viu pola fiestra a famosa capa. Mais quedaron uns fíos dela atrapados na figueira e agora trainos nun libriño de papel de fumar. Eu miraba con respeto a Penedo, o único mortal do noso tempo no que se tivese pousada a capa de ouro dos santos e mistieriosos abades antergos.

  • Liñas de Eirís (1981, páx. 23)

O señor Ramón dos Liñas era albeite afeccionado e tamén curaba, curaba mandando soñar ao doente e pedíndolle que correse. Un día atopou un sombreiro, púxoo e resultou ser un sombreiro caprichoso, só saudaba a quen a el lle apetecía. Ata falou, díxolle que era do secretario. Enfadouse e marchou. Esta historia contouma o señor Ramón en confianza, e con promesa miña de que nunca a levaría aos papeis. Fará trinta anos do choio. Estabamos onde a presa do muíño, nos levadeiros sentados. De vez en cando, unha mazá caía á auga.

  • Penedo de Rúa (1981, páx. 26)

A penedo faloulle un corvo, contoulle que desconfiase do avogado dun preito que tiña e que mirase polo xuíz. Penedo foise a Lugo, tratou do asunto e gañou. Buscou o corvo para darlle as grazas. O corvo pediulle un sombreiro e outras cousas. Tamén lle contou onde había tesouro na Braña. E non mentiu, Penedo atopou un obxecto que resultou ser un pedal de bicicleta cando aínda non chegaran as bicicletas. Volveuno enterrar no seu sitio.

  • Louzao de Mouride (1981, páx. 30)

Este Manuel Costa considerábase medio parente seu por teren nado os dous o mesmo día á mesma hora; polo signo do zodíaco estaban destinados a grandes logros na diplomacia. Emigrou a Buenos Aires e fíxose bo cociñeiro, casou cunha italiana pero descubriu que esta se disfrazaba de home e traballaba de bombeiro. Louzao quixo sacarlle a idea e ela marchou deixándoo co meniño. Volveu Manuel (Penedo) a Galicia, criou o meniño e seguía lendo sempre todas as novas de incendios alí onde os houbese: si chega a estar alí a miña Vittoria, apagábano voando. Xa mozo o cativo, chegou un baúl da Arxentina, eras os vestidos, uniforme etc da muller. O fillo puxo o casco de bombeiro e xa non o quixo sacar.

  • Mel de Vincius (1981, páx. 34)

Cando escribín a miña Escola de menciñeiros, quedáronseme esquecidos Mel de Vincius... Curaba enfermos mandando que fixeran un retrato, sacaba os demos do corpo só con darlles nome e chamar por eles, que ao verse descubertos fuxían dando patadas. Tamén se contaba que tiña o don da ubicuidade. Escribía crimes para as coplas dos cegos e así se foi labrando fama de entendido en leis e viaxaba moito atendendo ao mundo legal.

  • Novo de Parmuíde (1981, páx. 37)

Desde que as viu nunha festa sempre lle gustaron as randeeiras. Ao volver do servizo militar en Valladolid trouxo unha moi bonita. Co paso do tempo descubriu que sentar nela podía ter poderes curativos e dedicouse en exclusiva a atender o choio da randeeira. Mesmo lle pediu ao narrador que lle escribise un soneto e uns versos en latín para acompañar a curación. E dicíaos ao revés para que ninguén os memorizase e lle roubase o negocio. Morreu Novo e o sobriño quéixase de que non lle quedasen á familia as palabriñas para poder explotar o aparello que dorme no faiado.

Este relato foi levado ao audiovisual[4] co mesmo título, Novo de Parmuíde, dirixido por Roberto Vidal Bolaño.[5]

  • A cachola de Bouso (1981, páx. 41)

Discutiu nunha feira cun tratante valenciano que desprezou os galegos. Ao abalar a cabeza soltáronselle os ósos. Tivo que ir a un compostor que llos colocou e os pegou con cera. Celebraron o éxito cunha boa comida. Pero sobráballe un, o óso do azougue e o compostor tivo que sacarllo cuns esbirros. É un caso semellante a outro que houbo en Chicago.

  • O paraugas Xacinto (1981, páx. 45)

Guerreiro de Noste ía polo monte cando topou un home cun grande paraugas, un puño era un rostro humano que sacaba a lingua. O home dixo que era o seu cuñado Xacinto. Xacinto topara o paraugas, abriuno e papouno. O paraugas falaba para darse a coñecer, ata a muller o recoñeceu pola lingua, que a tiña moi longa. E logo Guerreiro ve como o paraugas marcha voando co home a cabalo da cana.

  • Figueiras de Bouzal (1981, páx. 48)

Sempre andaba en preitos e estudando nos códigos. Antes de morrer pediulle á muller que o enterrase cun exemplar do código. Así o fixo e uns días despois a muller arreglouse coa interesada no preito pola herdanza dun irmán del. Cando volvía cos cartos do acordo e unha cocha (porca) aparecéulle o marido en figura de corvo e afeoulle o trato. E caeu morto alí mesmo o corvo. A viúva meteuno nunha caixa e enterrouno. ... antes de metelo na caixa, envolveuno nun xornal que traguía as bases pra a codificación do Dereito Foral Galego. Cousas que pasan. Xa ten en que pasar o tempo Figueiras, si é que sigue xurisperito...

  • O segredo don Xosé (1981 páx. 52)

Delfín ía gardar o coche cando atopou un xastre coa mesa posta e traballando nun prado. Fálalle, o xastre dille que se chama don José, el chámalle así e todo desparece. Logo a xente non o cre e el enfádase. Dáse por matinar no xastre e nos seus instrumentos. De aí pasa ao traballo de atopar tesouros e do que se quedaría o Estado nese caso e conclúe: Así no merece la pena el atopar tesoros!

  • Rello de Pontemil (1981, páx. 55)

Rello vai á taberna, mira as partidas de cartas pero non xoga. Ás doce sempre marcha co seu can levando o xornal enteiro ou un anaco del, non sabe ler pero senta co xornal aberto na solaina. Como o narrador o coñece cóntalle o asunto. Resulta que se lle apareceu un tal Xestoso de Montes, home moi sabido e preocupado no outro mundo por se o Kaiser volveu reinar en Alemaña. Prometeulle dous pesos á semana se está atento nos xornais ás novas sobre o Kaiser, por iso el colle o xornal a diario na solaina para que o vexa o morto, que paga moi ben. O narrador conta que o Kaise morreu, mais Rello seguirá lendo no xornal sen saber ler e cobrando.

  • A chaqueta do mouro (1981, páx. 58)

Felipe de Francos vai visitar unha moza a Ribeira de Piquín sempre na súa mula. Atopa un home pequeno cavando na terra, pregunta, a resposta é que busca unha chaqueta. Atópaa, pona, é unha chaqueta de ouro e o home confesa ser un mouro. Este cóntalle a historia da chaqueta que sempre quere metersa na terra e procurar unha ponte para esconderse moito tempo, por iso el viaxa con pico e pa; non hai chaqueta coma ela. E déixalle probala a Felipe, que nota como a chaqueta pesada tira para a terra e case o soterra se non lle botase unha man o mouro. E póndose o mouro de novo a chaqueta aquela, foise cáseque correndo camiño de Lodoso. Brilaba a chaqueta dándolle os derradeiros raios daquela doce serán de setembro.

  • Polido de Sabuceira (1981, páx. 63)

Acusárono de darlle morte a un tratante chamado Gareto que o enganara no trato dunha vaca tísica. Mais el demostrou que o día do crime estaba noutro lado. Falaba cos lobos. E facía mil cousas máis. Xa con cincuenta anos decidiu casar cunha de corenta, ela esixiulle xurar que non tivera que ver na morte do Gareto. Un día indo os dous polo campo Polido di que alí foi o crime e dúas manchas de sangue resucitaron coma se fose fresco. Ela convéncese da culpabilidade e rexeita o casamento. E Polido meteuse na casa. Si pasaba alguén polo camiño, pechaba as contras. Douse a beber caña i a escoitar no fonógrafo que trouxera de América "El sitio de Zaragoza".

  • Soleiro en figura de corvo (1981, páx. 66)

Istas historias de corvos que falan, ou de xente que reaparez, vindo dende as chousas dende o outro mundo, en figura de corvo, debería poñelas todas xuntas, pro van sementadas por este libro, aquí ou acola. Soleiro aparecéuselle á muller en figura de corvo e tatexaba o mesmo ca de vivo. Caeulle á muller no cesto que levaba de vender uns polos. Volveu par dicirlle que non vendese uns eidos. Como ela teimaba en vender o paxaro peteiraba nos cristais da ventá. Foi ela a un menciñeiro que lle recomendou escribir en cen papeis que non vendía e espallalos poos camiños, para que o lese o corvo.

  • Cando Penedo foi de caza (1981, páx. 69)

Aos cincuenta anos mercou escopeta para ir cazar. Saíu de caza á espera, pousou unha pega no canón da escopeta e ata lle falou, así non a podía matar. Volveu ao día seguinte con dúas escopetas, así se se poñía no cano dunha disparaba coa outra. Volveu a pega e acabaouna convencendo de que se convertera en coello. Disparou as dúas á vez e matou o coello. Resultou ser unha pel atada cun cordón e uns papeis dentro. Eran do viúvo de Couzán que debere escribir neles despois de morto. Levoullos á sobría, vendeu a escopeta e non volveu á caza.

  • Merlo de Lousadela (1981, páx. 72)

Despois de describir Lousadela e as súas xentes fala do amigo Merlo e os seus oficios. Volveu de Buenos Aires falando algo de italiano e improvisaba na taberna discursos en italiano inventando a maioría. Parte do ano andaba arranxando reloxos e facendo algo de máxia, metendo un chisqueiro por unha orella e sacándoo pola outra. Cando un cura lle cuspiu na orella, saíu fume. Eu isto non o vin, e ben o sinto, que xa non poderei velo, que Merlo morreuse fai pouco dun punto frío que se lle puxo no fígado.

  • Carrexo de Fontes (1981, páx. 75)

Despois de describir o sitio de Fontes fala de Carrexo ou Antón de Xil. Veu de Buenos Aires coa idea de que a lúa alí pesaba moito, seguiu coa teima e co medo ata mercou un casco de guerra e reforzaba os teitos da casa. Dou noutras manías ou visións e ruídos dos non se podía desfacer. Decidiu acabar con eles metendo un caldeiro de auga na cabeza e afogou.

  • Leiras de Parada (1981, páx. 78)

Este seu amigo é criador de capós de Vilalba. Ademais das copiñas de licor tamén lles le libros, con algúns están espertos e con outros dormen que dá xenio velos.

  • Louredo de Hostes (1981, páx. 80)

Cando fixo o servizo militar en Valencia o sarxente formábaos a diario para contarlles os soños que tivera. El non conseguía soñar e por consello do sarxento mercou uns anteollos para poder soñar. E vaia se soñou o resto da vida. Xa morto deixoulle os anteollos aos sobriños para que soñasen por quendas, mais eles rían e déronllos ao cura de Baroncelle. Sabe Deus o que soñaría o reverendo don Daniel Pernas Nieto coa axuda diles, que valencianas brancas, que viños tintos, que troitadas, que festas, naquelas longas e frías noites de inverno, cando acinzan coa xeada as ponlas núas das bidueiras.

  • Leiras de Tardiz (1981, páx. 83)

Chamado Jesualdo Pértega, estivo en Buenos Aires traballando en pastelarias. Contaba historias de alá, de italicanos, de clientes... E el que lle parece ista xente? E nós, os galegos, humildes, cun paqutiño de petisús pra a casa, un que outro domingo.

  • Muñiz de Parada (1981,páx. 86)

Xa morreron o xastre Muñiz de Parada e o párroco de Vilarelle, unha pena que lles podería mostrar probas documentadas sobre a súa disputa. O xastre estivera en Barcelona aprendendo a coser nunha xastrería a carón da catedral onde atenderan a xente da nobreza. E tamén fixeran vestimentas para cans, usando un libro en inglés que explicaba como tomar as medidas. Mais o cura non cría na existencia dese libro polo que se enemistou co xastre. Nin no leito de morte deu a brazo a torcer o abade: non possumus, dixo. Mais o que conta o conto si soubo do libro e conta quen o escribiu e outras invencións do autor inglés Guillermo Oughtred. Houbérame gustado decirllo a don Victorino Graña, pra que retirase aquel célebre non possumus! que lle soltou na derradeira hora da súa vida ao xastre Muñiz de Parada, que me fixo a min un calzón de dril con tres petos.

  • Felipe de Bures (1981, páx. 90)

O fillo de Felipe marchou traballar a Gales. Felipe fora de canteiro a Francia, traballou na catedral de Reims. Especialixouase en sacarlles aos canteiros areas dos ollos cuns pelos de lebre. Tamén contaba moito de que houbera casar cunha viúva, pero estaba chea de postizos, e cada vez que o contaba ía engadindo postizos, chegando a dubidarse da verdade. O fillo conservou os pelos da lebre, aínda que haxa lebres alá en Inglaterra. Quizaves algunha diferencia ten que haber entre unha lebre católica galega e unha lebre anglicana.

  • Seixo de Parderrubias (1981, páx. 93)

Seixo viu un homiño pequeno debaixo dun paraugas moi grande, vai detrás del pero non consegue chegar á súa altura porque o anano salta ou mesmo voa por enriba dun regato. Senta a descansar e de alí a un anaco volve xa o do paraugas, pónselle no camiño para falar e nin así. Ao pouco pasa Ribalda, quen lle conta que andaba a soñar un anano cun paraugas mais escapóuselle do soño. El aconsella a Ribalda nun preito e fanse amigos. Así que Ribalda lle vai cobrar por volver soñar o anano e por outros soños. Seixo acaba en Conxo (psiquiátrico). Nunca toquei moedas de ouro, meu Ribalda, dicíalle Seixo. Pois agora vaste fartar, hom!, respondíalle Ribalda, cobrándolle dous anos de renda adiantada.

  • Leiras do Marco (1981, páx. 97)

Entendíase moi ben cos animais e mesmo podía curalos. A un porco que se rañaba moito escoitouno, receitou fregas de farelo e que non se rañase. Un galo que non galeaba unhas galiñas traídas de fóra, el soubo que era porque lle cheiraban mal, e houbo que lavalas con xabón moitas veces. E remata: dicen que morreu dun susto. Pro ista é outra historia.

  • O Gaito e o seu zapato (1981, páx. 101)

Perdeu un pé na Coruña, que o atropelou un tranvía. Practicaba como faría sen o pé cando o zapato do pé que faltaba lle falou en portugués. Fixéronse amigos Gaito e o do zapato, Quinteiro Filho, un portugués atropelado por un tren en Lugo que tivera un pé deforme embalsamado en Río de Janeiro. Andan xuntos e ata algunha xente viu un zapato paseando co Gaito.

  • Pedro Corto (1981, páx. 105)

Facía globos de papel que mandaba ao aire para fosen ao mar que el nunca vira. Tamén sabía domar saltóns. Aos trece anos marchou a América e dicía seu tío que alá na Pampa non había saltóns. Non sei que sería de Pedro Corto. Cando por San Xohán vexo saltós no monte, sempre me lembro dil.

  • Os diálogos de Perrín (1981, páx. 108)

Rompeu unha perna e estivo un mes encamado. Empezou a soñar que falaba cos animais, por exemplo coas lebres cando ía de caza e lles perdoaba a vida. Mais ao espertar xa non lembraba a fala dos animais. Ata que un día lembrou ta pura mikala. Díxollas ao seu querido can Colón, este entristeceuse e marchou. Perrín deixou de soñar coas falas animais. Un día que estaba de caza apareceu Colón con acento castelán e díxolle a Perrín ta pura mikala. Perrín entendeu que non podía volver ao monte nunca máis.

  • Monteiro de Rubias (1981, páx. 112)

Nos antergos desa familia pódese chegar ata Fernán Pérez de Andrade o Bo. Foi tomar os baños á praia de Covas en minguante e saíu cunha sombra que non o abandonaba nin para durmir, ata de lle daba de comer mais non probaba bocado. Volveu aos baños en crecente e a sombra quedou na auga, moito a botaba de menos e pronto finou el. Agora a nora teme que ao pequecho Antón lle apareza a sombra.

  • A ánima de Souto de Lires (1981, páx. 116)

Naceu coa cabeza ladeada, un brazo máis curto que o outro e un pé medio volto. El dicía que podía valerse igual para moitas cousas, mesmo tiña a ilusión de poder ir ao servizo militar, mais dérono por inútil total e entre iso e que non o quixo unha moza entrou en depresión. O cura tentou convencelo de que no outro mundo todos son iguais. Na cama comentaba que non habería no alén un fotógrafo que lle tirase un retrato para mandarlles ao cura e mais á moza. Finou e un tempo despois aparecéuselle ao cura un corvo que tiña unha cabeza ladeada, unha á máis curta e un pé volto. E o corvo berrou: voando non hai coxos!

  • Cerdeira do Marco (1981, páx. 119)

Moito lle apetecía ter un papagaio. Quedou viúvo dunha vella rica e mandou pedir un papagaio a Barcelona por catálogo. Mandáronlle un que falaba francés moi ben pero viña afeito a comer biscoistos e saíalle caro, había que adaptalo á cociña galega. Un día o papagaio voou, o dono non se deu afeito á súa ausencia e iso que mercou un dicionario de francés para poder falarlle.

  • Lomas de Noceda (1981, páx. 123)

Na Escola de Menciñeiros aparece unha versión do relato titulada Lomas de Pontigo.

Tiñan un muíño e o neno un día de chea saíu navegando polá ventá no berce acompañado dunha rata. Quedoulle o gusto polos asolagamentos e o Diluvio universal, lía todo no Progreso sobre isto. O seu tío Filipo fora asistente do xeneral Weyler e limpáballe as botas. Xa perdida a illa, Xaneiro (Filipo) volveu a Cuba e casou cunha rapaza que tiña un lunar. Viñeron e vivían no Candedo.

  • Pascuas de Lurres (1981, páx. 126)

Puxéronlle de nome Felices, polo que era Felices Pascuas García. No servizo militar en Xirona o sarxento mandábao de postal vivinte a dar felicitacións. Por iso deu en falar do sitio de Xirona e logo do famoso de Zaragoza pola música. Afeccionouse ao tambor, aprendeu a tocalo, mercou un e levábao con el sempre a todos os sitios. Xa nas portas da morte pediu confesar co tambor, e o cura: Toliño, toliño! Era tan bo, tan, bon, que o deixeu tocar o que que quixo. El Señor teña a súa alma.

  • Porteiro de Mouros (1981, páx. 129)

Haberá ou non haberá mouros en Mouros. Porteiro di que de aí lle vén o nome. Un día Porteiro atopou un mouro sentado nunha póla, tiraba unha moeda ao chan, asubiaba e a moeda volvía á súa man. Deulle a moeda a Porteiro, era unha media onza de Isabel II. Fixéronse amigos e deulle máis ata que se lle acabaron, deullas por crer na existencia dos mouros. Coa última moeda andaron os dous polas feiras, o mouro facendo de mago, asubiando e traendo a moeda, cos cartos mercoulle ao mouro uns zocos e uns anteollos de vista cansada. Vivía no castiñeiro, non se sabía como entraba e saía. Enfermou Porteiro e o mouro foino ver un par de veces, aínda que ninguén o viu entrar nin saír. Finou o home e os fillos atoparon as moedas de ouro. Tiraron co castiñeiro para atopar o resto do tesouro pero nada. Díxose que agora o mouro xoga tirando a moeda á auga. Os fillos de Porteiro conservan as moedas e ensínanllas a quen llelo pide.

  • Areeiro de Pordade (1981, páx. 133)

O señor Marcelino traía de Lugo un cento de xornais atrasados para ler durante o ano. Era capador e gaiteiro. Para a capa mercaba a ferramenta na botica do pai do narrador. As palletas para a gaita viñan de Barcelona e un curmán que foi a Buenos Aires mandoulle unhas búlgaras.

  • Braulio de Regadas (1981, páx. 136)

Dedicábase á caza da lontra, á que lle aproveitaba ata a graxa. Salvara de milagre dun raio. Veu a treboada e achegouse a un castiñeiro, entón unha man de home forte mandouno a cen metros e o raio partiu a árbore en tres. Mesmo lle quedara o brazo agarrado algo máis longo. El quen sería o que lle botou a man? O Anxo da Garda?, perguntáballe eu. -Ou un encanto compasivo, ou un difunto que pasaba, ou San Cosme...

  • Belle de Seixo (1981, páx. 139)

Chufábase de que matara un lobo en Asturias e de que ninguén matara tantos lobos coma el. Ata matou o lobo Quinto para o que lle tivo que pedir prestada unha estola ao cura, para esperalo e logo dispararlle. O Quinto tiña unha grande cicatriz no pescozo. Fixéralla o sancristán de Sismondi, que se atoparan e o sancristán espiuse de todo e mordeu o lobo. Mais da mordida quedoulle no corpo o sangue do lobo e pronto morreu.

  • Couto de Carracedo (1981, páx. 142)

Danlle novas de Couto, que era moi afeccionado ás máquinas voadoras e a quen lle deixara unha revista con debuxos do Leonardo da Vinci interpretados por Fournier. Couto estivera no servizo en Valencia e namoriscara cunha viúva e logo marchara o rexemento para o norte onde o aire era moi san. Se tivese unha semana de vacacións iría a Muras ver a Couto e escoitar as súas historiasl

  • Barcas e o golpe (1981, páx. 145)

Barcas era zoqueiro, andaba polos lugares facendo e arranxando zocos. Entre uns restos de madeira atopou un raposo, faloulle e fixéronse amigos. Chamábase Anís e tamén lle pediu unhas zocas novas e preguntoulle: Esquencíaseme, home? Quen manda en Francia. -Un tal De Gaulle. Que falta lle fai sabelo? -É que un raposo que hai en Meira, cando se vai de caza entre vairos, colle sempre a galiña meirande, e póndose enriba dela berra: Quen manda en Francia?

  • Manuel Regueira (1981, páx. 148)

Fala de seu irmán Celso que cazaba teixugos e no leito de morte avisou aos fillos de que os ratos estaban comendo os queixos. Manuel fixo o servizo na capital e traballaba moi ben facendo pans e tamén esculturas. Fixo pés de moita xente famosa que se expoñían no trinque do negocio.

  • Sabelo de Bouzamo (1981, páx. 151)

De Sabelo de Bouzamo poido contar moitas cousas, pro agora vou decirlles somentes que lle ensiñou a asubir a un golpe (raposo). Unha vez deron un concerto espontáneo en Mondoñedo os dous. Fixera o servizo militar en Salamanca onde namorara cunha moza chamada María del Almidón. Volveu con intención de ila buscar e casar mais chegoulle carta dela, que nun encontro cun paraugas dun avogado quedara sen un ollo. A cousa non foi adiante porque el non sabía como escribirlle a unha muller que perdera un ollo, por moito que o intentou. Que foi do raposo? O mundo ao reves! Si lle digo que mo comeron as galiñas non mo vai crer!

  • Ruzos de Beiral (1981, páx. 154)

Primeiro fálase de Pedro Nistal que atopou un mouro. E despois de Ruzos que era grande pesacador e tamén preparador de comida como os coscos (caracois). Coñecía todo o que hai que saber das troitas e tamén podía falar con elas. Mais, como se di, o oficio de pescador non é de moita riqueza e acabou arruinándose.

  • Bertoldo de Reades (1981, páx. 157)

Cada vez coxea máis e mellor e cóntase como collera a coxeira. Un día de choiva topou con tres coxos que viñan debaixo dun paraugas, acabou el tamén debaixo do paraugas e os outros voaron coma corvos. E quedou coxo. O caso, repito, foi moi comentado. Aínda, no inverno,nalgunha cociña, ou un sábado na barbería, fálase dil. E ninguén lle atopa espricación.

  • Secundino Prieto (1981, páx. 160)

Era un lúcido analizador da súa condición de doente continuo. Vírase por dentro e era coma un reloxo, pero algunha peza se lle soltara coma un botón. Aconséllalle que lle pase o mal a outro, despois de moito estudar o asunto non atopou o xeito de como facelo. E finou.

  • Herdeiro de Vintes (1981, páx. 164)

Foi vender unha mula a Cababelos e mercou unha xarra branca. A xarra falou e pediu viño, a muller botoullo. Despois debía estar bébeda que empurrou as outras no cunqueiro e ela mesma caeu ao chan e escachou. Era moi afeccionado ao teatro e antes de morrer deixou dito: que toda la vida es sueño y los sueños, sueños son.

  • Neira de Pardomonte (1981, páx. 167)

Primeiro vén a historia do pai, don Felipe, que estivera no tempo da carlistada. Logo o fillo, que estivera no seminario de Mondoñedo, facía figuriñas coa navalla e soltaba frases en latín. Topou uns signos nunha peneda e consultaba en que significarían. Conta o caso do demo Abscóndito e tamén fala dos gastos no caso de atopar un tesouro.

  • Felipe de Lomba (1981, páx. 171)

Unha muller en Chicago soñaba cun elefante e un día un elefante escapado dun circo bateu na súa porta. Felipe de Lomba perdera un ollo por mor dun ourizo, foi a Castela á seitura e viu pendurada a longa pel dunha serpe. Logo deu en soñar con ela, tanto que tivo que ir a un menciñeiro, este aconselloulle botar fariña arredor da cama para ver de onde viña o becho. E resultou ser unha galiña, desde entón soñaba cun galo que lle peteiraba no buraco do ollo, non podía soportar a dor e finou. Chispas de Reiriz comenta: pasará, ao millor, que está vendo co ollo perdido, que quizaves no enterraron. Non se pode deixar un ollo solto polo mundo.

  • Louro de Salceda (1981, páx. 174)

Entendía en tesouros e falaba deles. Un tal Cándido atopou un, o tesouro convenceuno de que non o gastase e logo o paisano ía todos os anos cobrar os réditos. Louro estaba empeñado en saber ler de dereita a esquerda en galego, que é como hai que falarlles aos tesouros. Conta dun crego que atopou un tesouro, levouno para a casa e aliméntábao con páxinas do dicionario de latín.

Xende de aquí e de acolá, parte dunha triloxía editar

Este libro forma, xunto con Escola de Menciñeiros e fábula de varia xente[6] e Os outros feirantes[7] unha especie de triloxía que se recolle baixo o título de Semblanzas no volume III da súa Obra completa en galego[8]. Son 113 relatos : 15, 49, 49. Os tres libros semellan os retablos medievais de coleccións de contos como El libro de Conde Lucanor ou os Contos de Canterbury. Nos tres o protagonismo é da xente, no segundo baixo o nome de feirantes.

El mesmo ten aludido a esta unidade nunha entrevista a César Morán en 1982:

eu penso que (...) cando escribía “Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá” e “Os outros feirantes”, eu estaba escribindo un único libro, cunha grande unidade. É decir, que estes personaxes que eu saco alí, incluso cunha certa influencia de Castelao -en “Cincuenta homes por dez reás”, p.ex.- (el dá uns tipos e eu dou outros), eu penso que isto ten unha grande unidade, e que eu dou un retábulo da xente galega que eu coñecín..., e que eu invento, que é exactamente igual que se a houbera coñecido (...) todos estes tres libros son coma un único relato.

Unidade que se acentúa polo xogo intertextual: Cando escribín a miña “Escola de Menciñeiros” quedáronse esquecidos Mel de Vincios, Pita de San Cobade e un discípulo de Mel... [9]. Ou: Xa contei noutro libro meu que o gatipedro é como un gato gordo que... [10].. Mesmo chega a repetir Lomas de Pontigo con pequenas variantes en Escola de menciñeiros e Os outros feirantes.

Todos estes relatos breves levan polo xeral como título o nome ou alcume do seu protagonista e presentan a característica de seren breves e vivas lembranzas de personaxes que, nunha entorna realista e ás veces ata identificábel, levan adiante o seu vivir cotián. Alvaro Cunqueiro escribiu [11] que os poboadores destes libros non son de todo independentes da variada clientela que frecuentaba a botica do seu pai, mais ao mesmo tempo son produto da súa imaxinación, da súa fantasía.

Baixo unha aparente heteroxeneidade hai unha unidade non só no libro, senón que transcende a este. Os tres libros son máis realistas que as tres novelas e máis entroncados coa tradición oral. Ademais, tamén no discurso narrativo hai trazos que lle confiren unidade á obra.

Narración editar

No libro existe un único narrador principal que utiliza a primeira persoa e ao que lle outorga caracteres autobiográficos, o que pode levar confundir narrador e autor real: foi compañerio meu de escola en Riotorto, nun ano no que hobo tifus en Mondoñedo, e a min mandáronme á aldea, á casa do meu tío Serxio Moirón. Eu tiña oito anos e il once ou doce (páx. 105). Perrín de Buriz foi amigo de meu, Deus o teña na groria (páx. 108). O que fai Cunqueiro é xogar coa fráxil fronteira entre fantasía e realidade e utilizar ao mesmo tempo a técnica do conto oral tradicional. Acostuma describir os personaxes con bastantes detalles concretos: Cerdeira era un home pequeno, esmirriado, friolento, metidiño debaixo dun sombreiro mouro, de aza ancha (p. 119).

Neste libro destaca a introdución da maxia na literatura de costumes.[12]

Influencias e trazos da narrativa oral editar

A maioría dos contos están organizados en base a pequenos detalles ou anécdotas, que semellan irse enfiando de acordo coas ideas que van fluíndo na mente do contador, moitas veces sen ambiente nin intriga, cunhas técnicas que beben no xeito de contar oral, do paisano galego:

  • Sen dúbida unha das máis notorias é a de presentar o conto como "contado", o recurso á historia contada como fonte. Quería que eu escribise no semanario Vallibria de Mondoñedo algo do que il me contaba na barbería das ventaxas dun brazo máis curto que outro (páxs. 116).
  • A inclusión dun relato dentro de outro. En Gaito e o seu zapato inclúese a historia de Quinteiro Filho (páxs. 103). Dixéronme que morrera e contáronme unha historia (páx. 130)
  • A concreción espacial. Chamábase Antón. Rubias son outos montes, lonxana brañas do Sor, camposa e xesteiras, pasteiros con poa e trébole, algunha isolada abidueira, algunhas nogueiras nos chans, e nas encostas baixas os prados onde despoixas de San Xohán se sega a herba seca (páx. 112). Ao mesmo tempo dubídade do tempo: Fai cinco ou seis anos, un día calquera... (páx. 149)
  • A pormenorización innecesaria. Danse multitude de detalles innecesarios para a trama pero moi necesarios para a verosimilitude. ... chamado Novagildo, Vaia, Leovigildo, pro na casa non entenderan ben o crego no bautizoe seguíanlle Novagildo (p. 98).
  • A simplificación da sintaxe (repeticións: e .... e, que ... que)
  • A expresión sinxela e condensada.
  • Lingua con trazos da zona mindoniense: Non se non sabe si a broma... (páx. 126). O golpe falaba mui ben o galego, e co acento de alí mesmo, onde dicen autro por outro e aira por eira (páx. 146).
  • A concreción nos nomes: Todos o coñecían por Pedro Corto ou Pedro de Anteiro, pero chamábase Pedro Regueiro García (páx. 105)
  • As dúbidas sobre algúns datos: Non se non sabe si a broma foi do pai, o señor Arximiro, ou do padriño, Pedro Pardo... (páx. 126).

Traducións editar

  • Ao asturiano como Xente d'equí y d'acullá[13].
  • Ao castelán como La otra gente[14].
  • Ao éuscaro como Han-hemengo jendea.[15]
  • Ao francés como Gens d'ici et de là no 1988[16] e como Galiciens, corbeaux et parapluies no 1992[17], publicada en Actes Sud.
  • Ao inglés como People from Here and Beyond en 1989 por Sheila Ingrisano [18] e como Folks from here and there no 2011, por Kathleen March[19]
  • Ao polaco como Moje plemię en 2009 por varios tradutores a cargo de Jadwiga Konieczna-Twardzikowa e Maria Filipowicz-Rudek na editorial Księgarnia Akademicka de Cracovia.[20]

Notas editar

  1. Cunqueiro, Álvaro (1981). Xente de aquí e de acolá (3 ed.). Galaxia. ISBN 84-7154-182-3. 
  2. "Xente de aquí e de acolá". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-08-10. 
  3. Cunqueiro 1981, p. 9-11.
  4. "Vídeos para Lingua Galega e Literatura na ESO/BAC". www.ogalego.eu. Consultado o 2019-08-12. 
  5. "Novo de Parmuíde. Novo de Parmuíde. AVG. AudioVisual Galego". culturagalega.gal. Consultado o 2019-08-12. 
  6. Cunqueiro, Álvaro (1976). Escola de menciñeiros e fábula de varia xente. Galaxia. ISBN 84-7154-241-2. 
  7. Cunqueiro, Álvaro (1994). Os outros feirantes. Galaxia. ISBN 84-7154-308-7. 
  8. Cunqueiro, Álvaro (1983). Semblanzas. Galaxia. ISBN 84-7154-428-8. 
  9. Cunqueiro 1981, p. 34.
  10. Cunqueiro 1994, p. 23.
  11. Cunqueiro 1994, p. 41.
  12. Villanueva, Darío. "Cunqueiro y el realismo mítico europeo. El Cultural" (en castelán). Consultado o 2019-08-15. 
  13. "Xente d'equí y d'acullá". www.bibliotraducion.uvigo. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  14. "La otra gente". www.bibliotraducion.uvigo. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  15. "Han-hemengo jendea". www.bibliotradución.uvigo. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  16. "Gens d'ici et de là". www.bibliotradución.uvigo. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  17. "Galiciens, corbeaux et parapluies". www.bibliotraducion.uvigo. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  18. "People from Here and Beyond". www.bibliotraducion.uvigo. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  19. "Folks from here and there". www.bibliotraducion.uvigo. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2019. Consultado o 20/6/2019. 
  20. "Moje plemię". poczytaj.pl (en polaco). Consultado o 15 de maio de 2021.