Moeda de 10 dólares Cabeza India

10 dólares Cabeza India [1][2]
A/: busto da Liberdade cara á esquerda cun toucado de plumas indias. 13 estrelas na parte superior

Lenda: LIBERTY (no diadema).

R/: aguia sobre feixe de frechas e póla de oliveira. Valor facial non exergo.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / IN GOD WE TRUST (só a partir de 1908) / TEN DOLLARS

A moeda de 10 dólares Cabeza India (en inglés: Indian Head Eagle) é unha moeda de ouro co valor facial de 10 dólares que foi emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos de xeito continuo desde 1907 ata 1916, e despois de forma irregular ata 1933.

Tanto o anverso como o reverso desta moeda foron deseñados polo escultor Augustus Saint-Gaudens, quen non chegou a ver a moeda en circulación, xa que faleceu en agosto de 1907, antes do seu lanzamento oficial.

A partir de 1904, o presidente Theodore Roosevelt propuxo novos deseños máis artísticos para as moedas estadounidenses, o que levou a US Mint a contratar a Saint-Gaudens para os crear. Ao principio, Roosevelt e Saint-Gaudens consideraron a posibilidade de crear un deseño uniforme para os catro valores faciais cuñados en ouro, pero en 1907 Roosevelt decidiu utilizar para o anverso da moeda de 10 dólares —tamén coñecida como eagle ("aguia")— un modelo que o escultor concibira inicialmente para a moeda dun centavo. Para o reverso da moeda de 10 dólares, o presidente decidiuse por un deseño que amosaba unha aguia calva en pé que fora desenvolvido para a moeda de 20 dólares —"dobre aguia"— tamén obra de Saint-Gaudens, en tanto que o anverso amosaba un busto da Liberdade cara á esquerda cun toucado de plumas indias.

A moeda esculpida por Saint-Gaudens tiña un relevo demasiado alto para que a Casa da Moeda puidese cuñala doadamente, e tardou meses en modificar o deseño para que a moeda puidese cuñarse cun só golpe das prensas. Saint-Gaudens finou o 3 de agosto de 1907, e Roosevelt insistiu en que a nova moeda de 10 dólares se terminase e se cuñase ese mesmo mes. O 31 de agosto entregáronselle ao presidente unhas probas que difiren das moedas cuñadas posteriormente para a circulación.

A omisión do lema In God We Trust ("En Deus confiamos") nas novas moedas provocou a indignación da poboación e levou o Congreso a aprobar un proxecto de lei que ordenaba a súa inclusión. Así as cousas, o gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber, engadiu as palabras e introduciu de paso pequenas modificacións no deseño.

A moeda de 10 dólares Indian Head cuñouse regularmente ata 1916, e despois de xeito intermitente ata que o presidente Franklin Roosevelt ordenou á Casa da Moeda que deixase de producir moedas de ouro en 1933. Con ela finalizou a serie de moedas de 10 dólares de ouro cuñadas para a circulación que se iniciara en 1795. Moitas destas moedas foron fundidas polo Goberno a finais da década de 1930; a emisión de 1933 é unha rareza particular, xa que se distribuíron moi poucos exemplares.

Inicio editar

En 1904, o presidente Theodore Roosevelt escribiulle ao secretario do Tesouro, Leslie Mortier Shaw, queixándose de que a cuñaxe de moeda estadounidense carecía de mérito artístico, e suxeriulle que o Tesouro contratase un artista privado para preparar novos deseños de moedas, como o escultor Augustus Saint-Gaudens.[3] Atendendo a suxestión de Roosevelt, a Casa da Moeda contratou a Saint-Gaudens para redeseñar o centavo e as catro moedas de ouro do sistema: os 20 dólares (dobre aguia), os 10 dólares (aguia), os 5 dólares (media aguia) e os 2½ dólares (cuarto de aguia). O deseño coñecido como Liberty Head ("cabeza da Liberdade") cuñárase por primeira vez na moeda de 10 dólares en 1838;[4] e a derradeira incorporación a esa serie foi a moeda de 20 dólares Liberty Head, cuñada por primeira vez para a circulación en 1850.[5] Os deseños desas pezas permaneceran sen cambios durante máis de 25 anos, o que posibilitaba que puidesen cambiarse sen unha lei do Congreso.[6]

En 1905, o gravador da Casa da Moeda Charles E. Barber gravou o anverso da medalla de inauguración de Roosevelt, en tanto que o seu axudante George T. Morgan se encargou do gravado do reverso. A Roosevelt non lle gustou o traballo e contratou a Saint-Gaudens para que deseñase unha medalla non oficial conmemorativa da inauguración.[7] Saint-Gaudens previu a resistencia de Barber no asunto da nova cuñaxe e, neste sentido, escribiulle ao seu irmán Louis: "Barber é un S.O.A.B. ["fillo de puta"], mais tiven unha charla co presidente, quen lle ordenou ao secretario Shaw na miña presenza que lle cortase a cabeza a Barber se non cumpría as nosas ordes".[8]

 
Este reverso da medalla inaugural de Saint-Gaudens de 1905 amosa unha aguia en pé similar á da moeda de 10 centavos.

Roosevelt ficou impresionado por uns modelos que Saint-Gaudens preparara para a moeda dun centavo nos que aparecía unha cabeza da Liberdade. A principios de 1907, escribiu a Saint-Gaudens para lle propor que se engadise un gorro de guerra indio ao anverso do centavo: "Creo firmemente que polo menos nunha moeda deberiamos ter o toucado de plumas indio. É claramente americano e moi pintoresco. Non se podería ter unha cabeza como a de agora, pero co toucado de plumas?".[9] O historiador numismático Walter Breen describe isto como "a absurda adición dun gorro de plumas",[10] e o historiador de arte Cornelius Vermeule afirma que os 10 dólares Cabeza India "non chegaron a ser unha gran moeda porque Roosevelt interferiu" no seu deseño.[11] Non obstante, Saint-Gaudens engadiulle o toucado á cabeza da Liberdade en febreiro de 1907.[12] Estaba indeciso sobre que deseño utilizar para as pezas de ouro, que aínda debían ter un aspecto uniforme, e propuxo utilizar tamén o toucado da Liberdade para a moeda de 20 dólares. Mais Roosevelt decidiu provisionalmente utilizar deseños diferentes en ambas as moedas, deixándolle á moeda de 10 dólares o toucado da Liberdade. Pola súa banda, a moeda de 20 dólares de Saint-Gaudens amosaría a unha Liberdade camiñando cara a adiante, cunha aguia voando no reverso. O presidente estaba disposto a reunirse persoalmente con Saint-Gaudens se este se opuña, pero o escultor estaba gravemente enfermo de cancro e non se chegou a celebrar reunión ningunha.[13]

 
Modelo en xeso de Saint-Gaudens do deseño da Liberdade para o centavo. Roosevelt insistiu en lle engadir un toucado de plumas de indio.

O director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, George E. Roberts, escribiulle a Saint-Gaudens o 25 de maio de 1907: "Agora está decidido [...] o deseño para a moeda de 10 dólares será a cabeza de plumas da Liberdade coa aguia de pé".[13] Saint-Gaudens e os seus axudantes avanzaron axiña na revisión, e enviou modelos da nova moeda o 1 de xuño cunha carta na que se indicaba que o relevo dos novos modelos debía ser cuñable pola Casa da Moeda. As moedas de 20 dólares estaban a demorarse porque Saint-Gaudens enviara dúas veces á Casa da Moeda modelos cun relevo demasiado alto, que non podía cuñarse dun só golpe, como se requiría para a moeda circulante.[14] A súa carta foi remitida á Ceca de Filadelfia, onde o superintendente John Landis fixo que o gravador xefe, Charles E. Barber, a lese e puxese as súas iniciais. O 7 de xuño, Barber respondeu a Landis:[15]

Permítome informar de que recibín dous modelos en xeso e tamén unha copia dunha carta do Sr. Saint-Gaudens ao director, na que hai certas afirmacións que son un tanto enganosas [...] o relevo do deseño débese axustar ás condicións fixadas e, xa que logo, o único relevo que eu coñecía era o relevo de moedas; os modelos agora enviados non teñen relevo de moedas. [...] A data está en notación romana, non se previu nin sequera a do ano seguinte, xa que non queda lugar, e como estas moedas teñen que estar vixentes durante vinte e cinco anos antes de que se poida facer outro cambio, creo necesario declarar que dentro de poucos anos sería imposible datar os cuños.
 
Un modelo de metal para a moeda de 20 dólares de Saint-Gaudens, que finalmente se adoptou para a de 10 dólares.

Roberts escribiulle a Saint-Gaudens o 11 de xuño e suxeriulle que podería haber problemas coa data e co relevo; non recibiu resposta e volveu escribir o 18 de xuño. Esta vez o escultor respondeulle que estivera esperando o regreso do seu axudante Henry Hering, que se encargara de gran parte das xestións coa Casa da Moeda. Estaba de acordo en que os números romanos non eran aconsellables para a moeda de 10 dólares e enviou novos modelos á Casa da Moeda o 24 de xuño. Barber utilizou estes modelos para preparar un cuño, xunto cunha fundición de bronce que se produciu de xeito privado, e a Casa da Moeda cuñou pezas experimentais o 19 de xullo. Estas pezas de "alto relevo" requiriron varios golpes de prensa para realzar completamente o deseño. Saint-Gaudens escribiu á Casa da Moeda a mediados de xullo: "estou esperando saber sobre isto para proceder cos outros relevos", e envióuselle unha das novas pezas, xunto cunha moeda de 10 dólares do modelo Liberty Head para comparar.[16]

O 19 de xullo, Roberts envioulle un par de moedas similares ao secretario do Tesouro George Cortelyou, e sinalou que Saint-Gaudens utilizaba un acabamento suave para o deseño en lugar da cuñaxe afiada característica das pezas de ouro da Liberdade, e suxeriu que isto podería fomentar a falsificación.[16] Roberts comunicoulle estas preocupacións a Saint-Gaudens, quen solicitou moldes dos cuños utilizados para cuñar as novas pezas; os moldes foron enviados á súa casa en Cornish, Nova Hampshire, o 28 de xullo.[17] Saint-Gaudens morreu alí de cancro o 3 de agosto de 1907, e Roosevelt escribiulle á súa viúva Augusta: "considero un dos privilexios da miña Administración terlle encargado dúas das nosas moedas".[18]

Preparativos editar

 
O director da Casa da Moeda, George E. Roberts (nesta medalla da Casa da Moeda, deseñada por Barber), deixou o cargo o 31 de xullo de 1907.

Roberts deixou o cargo o 31 de xullo de 1907 para se converter en presidente do Commercial National Bank de Chicago. O seu sucesor, o daquela superintendente da Ceca de San Francisco, Frank A. Leach, non tomou posesión ata o 1 de novembro, e por iso o antigo director da Casa da Moeda, Robert Preston, actuou como director interino.[16]

O 7 de agosto, Roosevelt ordenou ao secretario Cortelyou que os deseños das moedas de 10 e de 20 dólares estivesen terminados e en produción o 1 de setembro. Con Landis de vacacións,[19] Cortelyou pasoulle a carta do presidente ao superintendente en funcións da Ceca de Filadelfia, Albert A. Norris, e deulle instrucións para que "se ocupase deste asunto de inmediato e levase a cabo as instrucións do presidente; e que se fixese todo o posible para acelerar o traballo".[20] Preston escribiulle a Roberts para lle solicitar información sobre a nova cuñaxe, e o ex director da Casa da Moeda respondeulle o 12 de agosto, esbozando a correspondencia con Saint-Gaudens e sinalando: "non se recibiron instrucións do presidente en relación ás moedas de 5 e de 2½ dólares, pero eu esperaba que o deseño da moeda de 10 dólares se utilizaría nelas". O presidente decidiu deixar as moedas dun centavo e as cuñadas en níquel sen cambios".[21]

En resposta ás instrucións do presidente, Barber escribiu a Norris para o informar de que o deseño da moeda de 10 dólares estaba pendente de aprobación desde xullo, sen mencionar o desexo da Casa da Moeda dun cuño con arestas máis afiadas. Norris sinalou na súa carta posterior ao director en funcións Preston que a Casa da Moeda tivera problemas co cuño de colar que gravaría o canto da moeda e imprimiría as 46 estrelas, que representaban o número de estados que habería despois da xa programada admisión de Oklahoma na Unión a finais de 1907. As autoridades da Casa da Moeda acudiran sen éxito aos seus homólogos da Monnaie de Paris na procura de consello, mais o taller mecánico da US Mint foi quen de perfeccionar o collar.[22] Norris defendeu a Barber na súa carta a Preston:[23]

Creo que o presidente comete unha inxustiza co Sr. Barber cando fala aquí de "certo pesadume mental e incapacidade para realizar o traballo moderno máis axiña, como demostran estes atrasos". A realización dos modelos para estas moedas encargóuselle a Saint Gaudens, que era escultor e non tiña experiencia no deseño de moedas. Cando se recibiron os modelos, notificouse á Oficina [da Casa da Moeda] que os cuños feitos a partir deles non funcionarían na prensa de cuñaxe [...] os modelos foron devoltos a Saint Gaudens, por petición súa, e proporcionouse un xogo modificado despois dalgún tempo. Informouse a Casa da Moeda Oficina de que nin sequera estes cuños serían satisfactorios para cuñar moedas, pero fabricáronse os cuños e comprobouse que non podían utilizarse na prensa de cuñaxe. Como imos cuñar moedas para o presidente?.
 
Exemplar de 1907 con grafila.

A finais de agosto, Augustus Saint-Gaudens enviou novos modelos para a moeda de 10 dólares ao director en funcións Preston. Cando Barber os examinou, observou que "os cuños fabricados a partir destes modelos suporían unha gran mellora con respecto aos xa realizados"[24] e afirmou que, con estes modelos, a Casa da Moeda podería ter a moeda en plena produción nun mes. Homer Saint-Gaudens, fillo do escultor, escribiulle a Preston: "Mr. Hering terminou por fin a moeda de 10 dólares cun relevo lixeiramente inferior ao da moeda [de ouro] francesa de Chaplin, [sic, en realidade Chaplain] que é o relevo máis baixo que Mr. Barber pode cuñar".[24] Mentres tanto, Cortelyou ordenou que se cuñasen 500 pezas na prensa de alta presión da Casa da Moeda a partir dos cuños que esta tiña dos esforzos anteriores de Saint-Gaudens, cumprindo así coa letra da orde do presidente do 7 de agosto. Preston enviou unha nota a Norris, na que o advertía de que era probable que o presidente pedise 100 pezas e lle suxería que tivese as moedas dispoñibles "para que as poida subministrar sen demora".[25] Segundo o historiador numismático Roger Burdette, "tratábase dunha 'póliza de seguro', posta en marcha por Cortelyou contra a furia presidencial".[26] O presidente viu os espécimes de mostra da moeda de 10 dólares o 31 de agosto, e expresou a súa satisfacción con elas e o seu desexo de ver máis cuñadas.[25]

Como o deseño de Saint-Gaudens non incluía unha grafila, o exceso de metal formaba unha "aleta" ou extrusión da moeda. A aleta rompía con facilidade e existía o perigo de que as moedas perdesen peso axiña, o que diminuía a súa utilidade como moeda comercial. Este problema foi solucionado por Barber, quen se encargou de gravar a grafila.[27]

Cuñáronse na prensa de medallas unhas cincocentas pezas a partir dos cuños orixinais de Saint-Gaudens, e distribuíronse na súa maior parte entre funcionarios do goberno. Estas coñécense como pezas de "bordo en liña", o que denota o ángulo agudo no que o campo da moeda se encontra co canto, sen o intermedio dunha grafila.[28] Estiveron dispoñibles para a súa compra na Casa da Moeda polo seu valor nominal polo menos ata 1912.[29] Unha delas acadou nunha poxa en xaneiro de 2011 os 230.000 dólares.[30] Cuñouse un total de 32.000 exemplares utilizando os cuños de Saint-Gaudens modificados por Barber, na súa maior parte utilizando prensas de cuñaxe ordinarias. Estas coñécense como pezas de "bordo redondeado".[31] O 9 de novembro de 1907, cos cuños fabricados a partir dos modelos de baixorrelevo de Saint-Gaudens en plena produción, Frank Leach, o novo director da Casa da Moeda, decidiu fundir 31.950 dos exemplares de bordo redondeado, salvando só cincuenta.[32] Segundo Leach nas súas memorias, estes "entregáronse a museos de arte e a funcionarios e outras persoas relacionadas co traballo".[33] Os exemplares de bordo redondeado que sobreviviron pódense distinguir doadamente das cuñaxes posteriores, xa que teñen puntos antes, entre e despois das palabras TEN DOLLARS ("Dez dólares") no reverso.[32] Un deles, que estivera en posesión da familia Leach durante un século, vendeuse en xaneiro de 2011 por 2.185.000 dólares.[30]

O director da Casa da Moeda, Leach, describiu as pezas nun informe dirixido a Cortelyou no que resumía o proxecto de redeseño:[34]

 
Cabeza da Liberdade esculpida por Saint-Gaudens, na que se basea a da moeda.
O anverso da moeda de 10 dólares leva a cabeza emplumada da Liberdade, que orixinalmente estaba destinada á peza dun centavo. Ao presidente gustoulle tanto este deseño que decidiu colocalo na moeda de 10 dólares. Segundo o artista, a cabeza deseñouse consonte as suxestións do presidente. No reverso aparece a aguia en pé, e no canto das moedas hai corenta e seis estrelas, unha por cada estado.

Deseño editar

Saint-Gaudens baseou a súa cabeza da Liberdade nun modelo que esculpira pero non utilizara para a estatua da Vitoria no Monumento a William Tecumseh Sherman, na cidade de Nova York, crendo aínda que o deseño sería aceptado para o centavo. O busto de Harriet Eugenia Anderson tamén inspirou a Saint-Gaudens no seu modelo e baixorrelevo titulado ΝΙΚΗ ΕΙΡΗΝΗ (en grego: "Vitoria e paz").[35]

 
Saint-Gaudens puido inspirarse para a aguia do reverso nesta moeda do Antigo Exipto.

O seu deseño do reverso era unha aguia de pé sobre un feixe de frechas cunha póla de oliveira aos seus pés.[36] Este foi o seu concepto orixinal para o reverso da moeda de 20 dólares, e garda unha gran similitude co seu reverso para a medalla inaugural.[37] Segundo unha fonte, a súa inspiración final para o reverso foi unha moeda de Tolomeo I de Exipto que representaba unha aguia en pé, ilustrada nun libro que el posuía e que lle prestara a Roosevelt.[38]

Jeff Garrett e Ron Guth cualifican os detalles da moeda como "algo fantásticos"; sinalan a improbabilidade de que unha muller leve un toucado que só levan os guerreiros e describen a palabra LIBERTY do toucado como "colocada de xeito incongruente".[39]

Lanzamento e produción editar

As novas moedas de 10 dólares Cabeza India entraron en circulación arredor do 4 de novembro de 1907, aínda que Leach non recibiu a aprobación formal para emitir as moedas ata o 19 de decembro.[40]

Xa o 7 de novembro apareceron artigos nos xornais nos que se sinalaba a omisión do lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") sobre esta moeda, e a Casa da Moeda comezou de camiño a recibir numerosas queixas a este respecto. Roosevelt cría que utilizar o nome de Deus nas moedas era sacrílego, e confirmara con avogados do Goberno que ningunha lei exixía o uso do lema. Saint-Gaudens quería incluír só o mínimo de letras nas novas moedas e parecéralle satisfactorio omitir o lema. Segundo o seu fillo Homer, Saint-Gaudens consideraba que o lema In God We Trust era unha intrusión artística que non exixía a lei, polo que o descartara por completo e, deste xeito, atraeu sobre si os comentarios da poboación".[41][42] A Cámara de Representantes aprobou entón un proxecto de lei que ordenaba o uso do lema nas novas moedas de 10 e de 20 dólares en marzo de 1908, e o Senado fixo o mesmo en maio. Roosevelt, coa opinión pública en contra, asinou a lei ese mesmo mes,[43] e Barber colocou o lema no reverso, á esquerda do peito da aguia.[44]

 
Reverso inicial da moeda de 1908, carente do lema IN GOD WE TRUST á esquerda da aguia.

Nas "pezas sen lema" cuñadas na Ceca de Denver en 1908, a marca de ceca "D" aparece sobre as follas preto das gadoupas da aguia no reverso; nas pezas con lema, cuñadas tanto en Denver como na Ceca de San Francisco (marca de ceca "S") a partir de 1908, a marca de ceca aparece á esquerda da frecha sobre a que se ergue a ave.[45] Barber tamén introduciu outros cambios menores na moeda; segundo Breen, "á parte da adición do lema, ningún dos pequenos cambios de Barber son defendibles como melloras, a menos que un insista en que tiña que aparecer máis do primeiro U de UNUM. Tampouco aumenta a calidade da impresión".[42]

As marcas de ceca de Denver de 1908 a 1910 son moito máis grandes que as dos anos seguintes; as marcas de ceca de San Francisco son sen todos os casos pequenas. Coa admisión de Novo México e Arizona como estados en 1912, o número de estrelas no canto aumentou de 46 a 48.[42]

A moeda cuñouse todos os anos desde 1907 ata 1916.[46] Durante a primeira guerra mundial, coas moedas de ouro cunha prima por riba do valor nominal e moitas pezas de ouro que regresaban de Europa para pagar os materiais de guerra, houbo pouca necesidade de novas moedas de ouro;[47] a cuñaxe dos 10 dólares interrompeuse despois de 1916.[48] Posteriormente, estas moedas cuñáronse só en 1920 (en San Francisco), en 1926 (en Filadelfia), en 1930 (en San Francisco) e as derradeiras emisións en Filadelfia en 1932 e 1933.[49]

En marzo de 1933, o presidente Franklin Roosevelt ordenou que non se liberase máis ouro en forma de moedas do Tesouro e, como resultado, a Casa da Moeda detivo a súa produción de moedas deste metal, pondo fin ás moedas con valor facial de 10 dólares, que comezara en 1795.[50]

O 28 de decembro de 1933, o secretario do Tesouro en funcións, Henry Morgenthau, ordenou aos estadounidenses que entregasen todas as moedas e os certificados de ouro, con limitadas excepcións, para recibiren papel moeda como pagamento.[51] Millóns de moedas de ouro foron fundidas polo Tesouro nos anos seguintes. Moitas das moedas de ouro que se ven hoxe no comercio numismático foran exportadas a Europa antes de 1933 e repatriadas despois de pórse fin ás restricións sobre a posesión de ouro.[52]

Coleccionismo editar

Coa excepción das pezas de altorrelevo de 1907, ningunha data ou marca de ceca das tiraxes de circulación da moeda de 10 dólares Cabeza India anteriores a 1920 é particularmente rara.[42] A 1911-D (Denver), cunha cuñaxe de 30.100 exemplares, ten un aumento de cotización en condicións de conservación excepcionais, que non se aprecia xa nos estados máis ordinarios.[53] Malia a súa cuñaxe de 126.500 exemplares, a 1920-S (San Francisco) é dunha rareza superior. Foi pouco coleccionada no seu momento, e con Europa aínda recuperándose da guerra, non se produciu moita exportación cara ao vello continente; en consecuencia, a maioría foron fundidas despois de 1933.[48]

Por outra parte, só un puñado de moedas de 1933 chegaron a ser distribuídas antes de que Roosevelt puxese fin ao pagamento de ouro, e practicamente toda a cuñaxe, de 312.500 exemplares, acabou refundíndose. Un dos exemplares que se conservou vendeuse en 2004, nunha condición de conservación perfecta (o mellor exemplar coñecido desa data) por 718.750 dólares.[54] Sábese que sobreviviron aproximadamente 40 espécimes datados en 1933.[55]

En paralelo ás emisións para a súa posta en circulación, cuñáronse exemplares con acabamento especial proof (fondo espello e relevo mate) desde 1907 ata 1915, todas en Filadelfia. Non se coñecen con exactitude todas as cantidades, pero a máis alta da que se sabe o número cuñado é a de 1910, cunha tiraxe de 204 (unha delas vendeuse por 80.500 dólares en 2006). Un dos exemplares superviventes das pezas de bordo redondeado, na súa maioría fundidas, corresponde a este acabamento especial proof; este exemplar único está en mans privadas.[56] O experto numismático Mike Fuljenz, no seu libro sobre as pezas de ouro con deseños indios cuñadas a principios do século XX, suxire que esta moeda era unha peza de proba, para comprobar o resultado dos novos cuños.[57] Coñécense diferentes acabamentos para as moedas proof. A única peza de 1907 ten un acabamento satinado, nos deseños en relevo, aínda que os exemplares proof posteriores se cuñaron cun acabamento mate escuro. Algúns exemplares proof de 1908 a 1910 cuñáronse cunha tonalidade máis clara.[56]

Tiraxes e cecas editar

Na moeda de 10 dólares Cabeza India, a marca de ceca aparece como unha inicial en tamaño pequeno, á esquerda da data non anverso, agás na emisión de 1908 "sen lema", na que aparece non reverso encima das follas, preto das gadoupas da aguia.

Ano Ceca Tiraxe [1][2][58]
Proof Circulación
1907 239.456
1908 sen lema 35.500
sen lema D 210.000
con lema 116 341.370
con lema D 836.500
con lema S 59.850
1909 74 184.789
D 121.540
S 292.350
1910 204 318.500
D 2.356.640
S 811.000
1911 95 505.500
D 30.100
S 51.000
1912 83 405.000
S 300.000
1913 71 442.000
S 66.000
1914 50 151.000
D 343.500
S 208.000
1915 75 351.000
S 59.000
1916 S 138.500
1920 S 126.500
1926 1.014.000
1930 S 96.000
1932 4.463.000
1933 312.500

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "10 Dollars Indian Head - No motto". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "10 Dollars Indian Head - With motto". Numista.com
  3. Burdette, R. W. (2007). Páxina 19.
  4. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 268.
  5. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 275.
  6. Burdette, R. W. (2007). Páxina 20.
  7. Vermeule, C. (1971). Páxinas 108-109.
  8. Moran, M. F. (2008). Páxina 219.
  9. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 83-84.
  10. Breen, W. (1988). Páxina 558.
  11. Vermeule, C. (1971). Páxina 115.
  12. Burdette, R. W. (2006). Páxina 84.
  13. 13,0 13,1 Burdette, R. W. (2006). Páxina 209.
  14. Burdette, R. W. (2006). Páxina 98.
  15. Burdette, R. W. (2006). Páxina 99.
  16. 16,0 16,1 16,2 Burdette, R. W. (2006). Páxinas 100-101.
  17. Burdette, R. W. (2006). Páxina 102.
  18. Burdette, R. W. (2006). Páxina 105.
  19. Moran, M. F. (2008). Páxina 307.
  20. Burdette, R. W. (2006). Páxina 106.
  21. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 106-107.
  22. Moran, M. F. (2008). Páxina 301.
  23. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 108-109.
  24. 24,0 24,1 Burdette, R. W. (2006). Páxina 113.
  25. 25,0 25,1 Burdette, R. W. (2006). Páxina 115.
  26. Burdette, R. W. (2006). Páxina 117.
  27. Moran, M. F. (2008). Páxinas 301-302.
  28. Breen, W. (1988). Páxina 559.
  29. Burdette, R. W. (2006). Páxina 118.
  30. 30,0 30,1 Roach, S. (2011).
  31. Yeoman, R. S. (2014). Páxina 274.
  32. 32,0 32,1 Burdette, R. W. (2006). Páxinas 116-117.
  33. Leach, F. (1917). Páxinas 378-381.
  34. Burdette, R. W. (2006). Páxina 149.
  35. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 82-83, 302.
  36. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 315.
  37. Burdette, R. W. (2006). Páxina 75.
  38. Burdette, R. W. (2006). Páxina 149.
  39. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 314.
  40. Moran, M. F. (2008). Páxina 321.
  41. Burdette, R. W. (2006). Páxinas 193-195.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 Breen, W. (1988). Páxina 560.
  43. Burdette, R. W. (2006). Páxina 197.
  44. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 384.
  45. Breen, W. (1988). Páxinas 558-560.
  46. Breen, W. (1988). Páxina 561.
  47. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 240.
  48. 48,0 48,1 Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 391.
  49. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 391-393.
  50. Fuljenz, M. (2010). Páxina 234.
  51. Bowers, Q. D. (2004). Páxinas 277-278.
  52. Lange, D. W. (2006). Páxina 165.
  53. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 387.
  54. Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxina 393.
  55. Fuljenz, M. (2010). Páxina 235.
  56. 56,0 56,1 Garrett, J. & Guth, R. (2008). Páxinas 418-422.
  57. Fuljenz, M. (2010). Páxina 175.
  58. "Indian Head Gold Eagle Mintages". Indianheadeagle.com

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar