Dobre florín británico

antiga moeda de prata britanica de 4 xillins
Dobre florín [1][2]
A/: Busto coroado e velado de Vitoria cara á esquerda (busto do Xubileu).

Lenda: VICTORIA DEI GRATIA

R/: Os catro escudos nacionais coroados e en cruz , separados por cetros, arredor da estrela da Xarreteira.

Lenda: BRITT: REG: 18 87 FID: DEF :

O dobre florín é unha moeda británica de prata con valor de 2 floríns ou 4 xilins cuñada pola Royal Mint entre 1887 e 1890.

O seu anverso, deseñado por Joseph Edgar Boehm e gravado por Leonard Charles Wyon, representa un busto da raíña Vitoria, en tanto que o reverso, cos símbolos nacionais do Reino Unido, foi deseñado e gravado por Wyon baseándose nun modelo anterior das moedas de Carlos II.

O dobre florín introduciuse no marco dun redeseño xeral da moeda británica que tivo lugar en 1887, ano do Xubileu de Ouro da raíña Vitoria. Un dos propósitos do redeseño era substituír os retratos da raíña presentes nas moedas, que apenas cambiaran desde a súa xuventude e que xa non reflectían a aparencia real da monarca, que se achegaba ao seu septuaxésimo aniversario. Os responsables da Casa da Moeda e os políticos tamén intentaron reducir con esta moeda e coa dunha coroa a dependencia do medio soberano, unha moeda de ouro de dez xilins que resultaba cara de cuñar. Do mesmo xeito, é probable que pretendesen un achegamento á decimalización da moeda logo da introdución do florín (dous xilins, ou a décima parte dunha libra) en 1849.

Cando se emitiu por vez primeira en xuño de 1887, a moeda da serie do Xubileu provocou unha gran controversia. A pequena coroa real que Boehm colocara sobre a cabeza de Vitoria provocou burlas xeneralizadas. O dobre florín, en particular, foi criticado tamén polo seu tamaño, próximo ao da coroa (de 5 xilins), o que deu lugar a confusión, sobre todo porque ningunha das moedas levaba inscrita a indicación do seu valor facial. Esta moeda deixou de cuñarse despois de 1890, aínda que se mantivo na circulación ata entrado o século XX.

Antecedentes e contexto editar

Durante o século XIX, o Reino Unido mantivo o seu antigo sistema monetario, segundo o cal 12 peniques equivalían a un xilin e 20 xilins a unha libra.[3] Houbo un certo interese na decimalización deste sistema e, en 1849, emitiuse o florín, co valor de 2 xilins ou unha décima parte da libra, como primeiro paso nesa idea. O florín estaba destinado a substituír a media coroa, que valía 2 xilins e 6 peniques, e de feito a produción da media coroa interrompeuse inicialmente en 1850, aínda que se retomou en 1874, e ambas as moedas se seguiron cuñando ata a plena decimalización do sistema na década de 1970. A coroa, ou peza de 5 xilins, non se cuñou para a circulación entre 1847 e 1887, e a moeda de 1847 cuñouse só en cantidades moi limitadas.[4][5] Cando un director do Banco de Inglaterra propuxo un dobre florín en 1874, o máximo dirixente da Royal Mint, Charles Fremantle, opúxose.[6]

A seguinte moeda de maior valor facial era o medio soberano de ouro, equivalente a dez xilins.[7] Tratábase dunha moeda pequena, igual en tamaño aos seis peniques de prata, o que facía que fose habitual bañar en ouro estes últimos para os facer pasar por medios soberanos.[8][9] O Goberno desalentou o uso dos medios soberanos: de xeito diferente ás moedas de prata, o soberano e o medio soberano debían conter todo o seu valor en metal precioso, segundo unha exixente norma establecida pola Lei da Moeda de 1870. Estes límites eran tan estritos que o 45 % dos medios soberanos acabados de cuñar eran rexeitados polas balanzas automáticas da Real Casa da Moeda, o que obrigaba a cuñalos de novo. O Goberno beneficiábase da señoriaxe —é dicir, a diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción— sobre as moedas de prata nun 20 por cento aproximadamente, dependendo do prezo da prata. Así as cousas, o medio soberano era caro tanto polo valor do seu metal como polos seus custos de produción, especialmente en comparación coa cuñaxe de prata. Estes problemas eran menos graves co soberano, cuxa demanda seguía a ser alta como moeda de comercio mundial, en tanto que o medio soberano tendía a ficar en Gran Bretaña. En 1884, o Goberno de William Ewart Gladstone propuxo reducir a cantidade de ouro do medio soberano nunha décima parte, converténdoo nunha moeda fiduciaria, pero o cambio foi abandonado.[10] As moedas de ouro británicas tiñan curso legal para pagamentos de calquera cantidade, pero as moedas de prata só tiñan curso legal ata corenta xilins.[11]

Inicio editar

En setembro de 1886, o ministro de Facenda, Randolph Churchill, amosouse favorable a unha proposta da Cámara dos Comúns para abolir o medio soberano e substituílo por moedas de prata. Aínda que Churchill non se comprometeu,[12] o seu fillo e biógrafo, Winston Churchil, escribiu que "albergaba un designio mortal contra o medio soberano —"esa cativa moeda desbaldidora"—, que consideraba que era un elemento caro e innecesario na moeda británica".[13] Randolph Churchill amosouse partidario de retirar o medio soberano e substituílo por grandes moedas de prata,[14] e de que a amortización dos medios soberanos pendentes se pagase en parte con moedas de prata e en parte con billetes dunha libra. Como isto significaría que a moeda de maior valor facial coa que se podería dar cambio dunha libra sería a media coroa.[15]

 
James George Currie, gobernador do Banco de Inglaterra, partidario da creación do dobre florín.

James Currie, gobernador do Banco de Inglaterra, suxeriu un dobre florín para axudar na devolución do cambio. Antes de que estes asuntos puidesen decidirse, Lord Randolph dimitiu como chanceler a finais de decembro de 1886, e o seu sucesor, George Goschen, tardou en decidir se suprimir o medio soberano, aínda que finalmente decidiuse en contra. Non obstante, Goschen non era partidario desa moeda e non ordenou cuñar ningunha nas instalacións da Royal Mint entre xuño de 1887 e febreiro de 1890.[15]

Entre os que avogaban pola emisión de grandes moedas de prata achábanse os partidarios do bimetalismo, que convertía en moeda de curso legal tanto o ouro como a prata. A proposta dunha peza de 4 xilins xa fora bastante común para unha cuñaxe totalmente bimetálica desde polo menos 1868. Aumentar a cantidade de prata utilizada na cuñaxe sería un paso cara ao bimetalismo. A cuestión do bimetalismo foi especialmente aguda en Gran Bretaña a mediados da década de 1880 por mor dos problemas na India británica, onde o Goberno recibía ingresos en prata, pero logo tiña que facer pagamentos a Gran Bretaña en ouro, nun momento en que o valor da prata en relación co do ouro estaba a diminuír. O aumento da señoriaxe das grandes moedas de prata podería permitirlle a Gran Bretaña conceder á India un alivio financeiro.[16]

Non se achou documento ningún que explique claramente a decisión de emitir un dobre florín. O numismático G. P. Dyer, no seu artigo sobre as influencias que propiciaron esta moeda, escribiu:[17]

As súas orixes radican claramente no desexo de limitar o uso do custoso medio soberano, algo que pola súa vez conservaría o ouro e aumentaría a demanda de prata, ambos obxectivos desexables dada a preocupación de que unha oferta diminuída de ouro e un excedente de prata, ao alterar os seus valores relativos, prexudicasen o comercio e o Goberno da India. O feito de que se emitisen tanto dobres floríns como coroas suxire ambivalencia e indecisión canto a cal se preferiría, mais en calquera caso a poboación británica demostrou axiña que non lle importaba ningún dos dous.

John Clapham, na súa historia do Banco de Inglaterra, de 1944, describiu o dobre florín como "unha concesión pouco entusiasta aos admiradores do sistema decimal".[18] A emisión do dobre florín tamén se xustificou coa esperanza de que, ao ser unha moeda de prata do tamaño dun dólar, competiría co peso mexicano como moeda comercial no Extremo Oriente, e Fremantle sentiuse alentado cando se distribuíron 1.000 libras das novas moedas a un banco relacionado co comercio oriental en 1887.[19] No entanto, o valor intrínseco do florín dobre era duns seis peniques menos que a moeda mexicana, e só se enviou ao estranxeiro algo menos do cinco por cento dos dobres floríns.[20]

Deseño editar

Anverso editar

 
Anverso da medalla deseñada por Boehm para o Xubileu de ouro de Vitoria en 1887.[21]

En 1887, a raíña Vitoria levaba medio século no trono e tiña case 70 anos, mais as moedas do Reino Unido seguían a representala como unha muller nova, como o fixeran desde a primeira emisión de moedas coa súa efixie, de 1838. o seu "Xubileu de ouro", a celebración dos 50 anos de reinado, en 1887 brindou a oportunidade de colocar novos deseños nas novas emisións, e todas as moedas destinadas á circulación, excepto as pezas de bronce, luciron un novo retrato dela ese ano.[22]

 
Vitoria coa súa pequena coroa de diamantes.[23][24]

Xa en 1879, Joseph Boehm fora o elixido, ao parecer pola propia raíña Vitoria, para realizar un retrato dela que puidese servir de modelo para os deseños ds moedas.[25] Boehm preparou un retrato que se utilizou para unha medalla conmemorativa do Xubileu de Vitoria e que logo foi adaptado para as moedas en baixorrelevo por Leonard Charles Wyon, quen introduciu ademais lixeiros cambios.[26]

O anverso das moedas do Xubileu, emitidas por primeira vez en 1887 e nas que se encadra tamén o dobre florín, amosa ese retrato. A polémica non tardou en xurdir,[27] aínda que se trataba dun retrato do natural, xa que a raíña posara para Boehm. O anverso das moedas de 1887, segundo o autor numismático Howard Linecar, "produciu unha tormenta de desaprobación, dirixida particularmente contra a efixie da raíña". O motivo de que fose este deseño do anverso o aprobado pola propia raíña é un pequeno misterio".[28] No seu artigo sobre o papel de Boehm na cuñaxe do Xubileu, Dyer e Mark Stocker —biógrafo de Boehm— coinciden en que "aínda que o xuízo artístico da raíña foi un asunto de acertos e erros, segue a ser curioso que nin ela nin os máis implicados intuísen a posible resposta da poboación". O historiador Charles Oman considerou a cuñaxe do Xubileu como "a maior decepción do século".[29]

Vitoria leva unha pequena coroa, que mandara comprar para non ter que levar unha máis pesada.[8] Era a que prefería levar naquela época, e con ela aparece noutras efixies súas da mesma época.[30] Segundon Linecar, "se se coloca o dedo sobre a coroa non hai nada estraño no retrato: é simplemente o dunha dama viúva de loito. A desaprobación céntrase, xa que logo, na coroa ridiculamente pequena... Cando ela (e o público) se viu a si mesma como a vían os demais, decatouse de súpeto, como moitos de nós, de que levaba un 'sombreiro' que non lle conviña?".[31]

Simon Heffer, na súa historia de Gran Bretaña nas décadas anteriores á primeira guerra mundial, afirmou que o gravado da moeda do Xubileu era "honesto e realista", pero que Vitoria "parecía agre, sen bico e porcina; a súa cabeza sobredimensionada era aínda máis rechamante por unha coroa varios talles máis pequena que estaba colocada sobre ela, por riba dun estraño toucado".[32] O crítico de arte George Moore dixo da moeda do Xubileu: "O crisol arranxarao un destes días".[33] Pola súa banda, o numismático Lawrence W. Cobb, escribiu en 1985 a súa opinión máis matizada do retrato: "Wyon parece que intentou suavizar o aspecto avellentado, tenso e forzado da Raíña [na medalla], mais ao facelo perdeu parte da forza e o vigor do espírito indomable da raíña". No entanto, mesmo cos seus defectos, o retrato de Wyon conserva a maxestosidade da presenza da raíña".[26]

Ademais da coroa, a cabeza de Vitoria loce un velo de viúva. Logo da morte de Alberte, príncipe consorte, en 1861, gardara loito, e o velo era de cor negra.[31] O velo descende dun barrete de viúva que leva baixo a coroa.[26] A raíña leva un colar de perlas e hai un pendente na orella visible. Leva a cinta e a estrela da Orde da Xarreteira e a insignia da Orde da Coroa da India; as iniciais do artista, JEB, pódense atopar no truncamento do seu busto.[2]

Reverso e inscricións editar

 
O dobre florín confundíase adoito coa coroa, cuxos anversos eran practicamente idénticos e o seu tamaño non moi distante, e ningún dos dous levaba expreso o seu valor facial.[34]

O reverso presenta catro [[escudo]s] cruciformes, con cetros nos ángulos entre eles. Este modelo está baseado nos deseños de John Roettier para a moeda de ouro de Carlos II.[27] Os deseños do reverso do florín e do dobre florín —que son case idénticos— describíronse así na proclamación que os puxo en circulación: "contidos en catro escudos dispostos en cruz, cada escudo coroado, e entre os escudos catro cetros coroados por orbes, un cardo e unha arpa, e unha estrela da Xarreteira no centro".[35] Isto constitúe as armas do Reino Unido.[36] Os escudos de arriba e de abaixo son as armas de Inglaterra, o da dereita as de Escocia e o da esquerda as de Irlanda.[2] Gertrude Rawlings escribiu en 1898 que o deseño do dobre florín son "atizadores de lume radiantes e bandexas de ".[37]

Arredor dos motivos centrais do dobre florín hai unha alusión con abreviaturas a algúns dos títulos da raíña,[38] nunha inscrición que comeza xa no anverso con VICTORIA DEI GRATIA ("Vitoria, pola Graza de Deus..."), e que continúa no reverso con BRITT: REG: FID: DEF: ("... raíña dos británicos, defensora da fe").[1] As iniciais BRITT abranguen tamén as colonias e outros territorios británicos.[39] Non aparece, porén, IND: IMP: ("Emperatriz da India"), xa que a lei que lle permitiu a Vitoria adoptar ese título prohibíalle o seu uso dentro do Reino Unido, e o dobre florín reflicte esa decisión. Así e todo, a raíña quería que ese título aparecese na moeda británica e chegou a conseguilo na seguinte emisión, que aparecería a partir de 1893,[38] logo da desaparición do dobre florín.[40]

Do mesmo xeito que os outros deseños emitidos inicialmente en xuño de 1887, o do dobre florín non contén ningunha indicación sobre o valor facial da moeda.[41] En 1889, mesmo a persoa representada na moeda do Xubileu se amosou en contra dela ao escribir nunha nota: "á raíña desgústalle moito desgusta moito a nova moeda, e desexaría que a antiga puidese seguir usándose e a nova gradualmente caendo en desuso, e logo cuñar unha nova".[42] En 1891, a Casa da Moeda creou un comité para xulgar as propostas nun novo concurso, gañado por Thomas Brock, cuxo deseño se colocou nas novas emisións que comezaron entre 1893 e 1895,[8] con novos reversos para as moedas de prata superviventes entre os seis peniques e a media coroa, entre as que xa non estaba o dobre florín.[43]

Produción editar

Lanzamento e polémica editar

 
Sátira da emisión de moedas do Xubileu no número da revista Punch, or the London Charivari (1887).[44]

En decembro de 1886, Boehm conseguiu facer un modelo do deseño do anverso co que estaba satisfeito. Non foi ata febreiro de 1887 cando se fabricaron os cuños, gravados por Wyon, a partir dos cales se puideron cuñar as moedas. O 24 de marzo de 1887, Fremantle someteu os anversos de polo menos algunhas das moedas do Xubileu á aprobación de Goschen e, posteriormente, da propia Vitoria. Aínda que non está claro se o anverso do dobre florín se presentou nese momento, na colección da Royal Mint hai unha peza uniface que amosa só o reverso do dobre florín e que pode datar desa época. Vitoria aprobou o deseño de Boehm co desexo de que as novas moedas amosasen algún texto que indicase que foran cuñadas por mor do Xubileu de ouro. Fremantle non estaba disposto a consentir algo que demorase a nova cuñaxe, pero Vitoria era tan pouco proclive a ceder que Goschen lle pediu a Fremantle que o reconsiderase, mais este negouse a facelo.[45]

O 12 de maio de 1887, Fremantle anunciou oficialmente que habería cambios nas cuñaxes de ouro e de prata, entre os que figuraba a introdución do dobre florín no sistema, e o 17 de maio publicouse unha orde do Consello para tal efecto en The London Gazette. Ese mesmo mes, o informe anual do máximo responsable executivo da Casa da Moeda (Deputy Master) contiña gravados das moedas da nova emisión.[46] Fremantle escribiu nese informe acerca do dobre florín: "queda por ver se esta fermosa moeda vai ser popular en xeral".[6] Fremantle escribiu tamén un artigo para o número de xuño de Murray's Magazine titulado "Our New Coins and Their Pedigree" ("As nosas novas moedas e o seu pedigree"), no que dicía isto sobre o dobre florín: "non me faltan esperanzas de que estes intentos de substituír con moedas de prata de deseño artístico a moeda un tanto vulgar á que nos estivemos afacendo os últimos cincuenta anos sexan vistos favorablemente polo público; e é posible que a introdución dunha peza máis grande que as que ata agora adoitamos usar, en forma de dobre florín, poida ser útil en moitos sentidos".[41]

The Times, ao falar do novo florín dobre, non vía razón ningunha pola que a nova moeda fose necesaria, e describíaa como "moi pesada, moi grande e moi incómoda".[18] The Standard publicou o 19 de maio que "non hai ningunha necesidade particular dunha peza de catro xilins... e, agora que o dobre florín vai ser o valor intermedio entre os dous xilins e o medio soberano, probablemente se faga un novo intento de retirar a media coroa da circulación".[47] En The Belfast News Letter do 23 de maio líase: "é difícil imaxinar para que propósito se calculará o dobre florín; porque a inconveniencia das grandes e pesadas moedas de prata é demasiado grande para ser pasada por alto".[48] The Pall Mall Gazette publicaba o mesmo día que o dobre florín "con toda probabilidade vai ter moi pouca circulación no Reino Unido. O significado da moeda é que non debe ser un dobre florín, senón un dólar, e como tal circular no Leste, no Canadá e noutros países como os Estados Unidos, onde se usan dólares".[49] A coroa foi cuñada para a circulación por primeira vez en polo menos 40 anos, pero iríalle un pouco mellor que ao dobre florín, aínda que duraría un pouco máis, continuando cunha tiraxe decrecente ata 1902.[50]

 
"Vitoria deshonrada": a revista Fun (1887) parodia o florín e o dobre florín do Xubileu.[51]

A serie de moedas do Xubileu, incluídos o dobre florín e a coroa, emitiuse en xuño de 1887,[52] e o seu lanzamento oficial ficouse inicialmente para o 21 de xuño, data na que se ía celebrar o Xubileu de ouro da raíña.[36] Dado que ese día se proclamara festivo, a data de lanzamento cambiouse ao 20 de xuño, cando as moedas debían transportarse da Royal Mint ao Banco de Inglaterra, e alí utilizarse para satisfacer os pedidos dos bancos londinienses. Os bancos provinciais non disporían das novas moedas ata polo menos o día 22, e o Dundee Courier informaba: "espérase que a demanda do dobre florín esgote de camiño a primeira subministración".[53] Logo de pórense ao dispor da poboación as novas moedas, produciuse unha reacción moi negativa por parte da cidadanía e da prensa. Segundo Dyer e Stocker:[54]

Cando estoupou a tormenta de críticas, Fremantle parecía realmente sorprendido polo "triste xiro que tomaron os acontecementos, do máis inesperado para min". Houbo preguntas no Parlamento, críticas abertas de todos os sectores da prensa, caricaturas irónicas e chistes en publicacións como Fun e Punch, e mesmo algún comentario pouco amigable de John Evans, no su discurso presidencial ante a Royal Numismatic Society. A moeda recollía as peores consideracións: mal executada, indigna polo seu anverso e ineficaz, ao non especificar o seu valor facial no reverso.

Segundo Heffer, como "a popularidade de Vitoria se recuperara considerablemente entre o seu pobo en 1887, houbo unha protesta contra esta representación menos que idealizada".[32] O dobre florín foi especialmente criticado.[40]

Estas críticas chegaron á Cámara dos Comúns, onde Goschen respondeu a preguntas sobre a nova moeda os días 23 e 28 de xuño. O chanceler díxolles aos deputados que, igual que a poboación non confundía o florín e a media coroa, tampouco confundiría o dobre florín e a coroa.[55] A única diferenza no deseño entre o dobre florín e a coroa era que, en tanto que o primeiro levaba a lenda real dividida entre ambas as faces da moeda, a de media coroa amosábaa íntegra no anverso. Canto aos reversos, eran totalmente diferentes en ambas as moedas.[56]

O único efecto inmediato do clamor popular foi que a moeda de 6 peniques de prata —que ao non expresar o seu valor facial adoitaba bañarse en ouro para a facer pasar por medio soberano— retomase o seu antigo deseño do reverso, no que se indicaba o seu valor para evitar esa fraude.[57]

Continuación da produción editar

En decembro de 1887, Fremantle comentoulle nunha carta a Robert Hunt, subdirector da ceca sucursal de Sydney da Royal Mint, que as razóns para a emisión do dobre florín eran moi complicadas e que dubidaba que "algunha vez tivese unha gran demanda".[6] O 30 de maio de 1888, O correspondente en Londres do Liverpool Mercury declarou que "se produciron case 100.000 libras do dobre florín, e case toda esa cantidade desapareceu [...] o dobre florín non se fixo popular; ata a data non se conseguiu xeneralizar o seu uso".[58]

A frecuente confusión entre o dobre florín e a coroa deulle á peza de 4 xilins o alcume de "ruína dos taberneiros", xa que se a confusión entre ambas as moedas, con só 2 milímetros de diferenza e anversos case iguais, lles ocasionaba unha perda dun xilin en cada peza.[2] A revista The Banker's Magazine publicou en 1890: "porén, poucas persoas, mesmo poucos caixeiros, por moi experimentados que sexan, distinguirán doadamente a simple vista unha coroa dun dobre florín. Creemos que lles resultaría difícil estar perfectamente seguros de con que moeda están a tratar, a menos que examinasen o reverso e visen se o cabaleiro e o dragón [o deseño da coroa] están ou non nel".[59]

O ano 1889 foi o de maior número de emisións, tanto do dobre florín como da coroa, con máis dun millón de moedas cuñadas de cada unha. Isto debeuse a que o Goberno utilizou as dúas moedas grandes para o pagamento dos seus empregados, e tamén debido a un acordo que fixera co Banco de Inglaterra para reembolsar ao banco polo transporte de moedas de prata ás súas sucursais e aos solicitantes provinciais.[10] En marzo de 1890, Goschen dixo aos Comúns que "dificilmente se pode dicir que haxa algunha similitude entre o dobre florín e a coroa" e foi recibido con berros de incredulidade.[40][60] O 5 de maio, á pregunta de se se estaba a considerar a posibilidade de retirar a coroa ou o dobre florín, declarou que a coroa estaba a gañar popularidade e que "canto á peza de 4 xilins, é prematuro tomar unha decisión; só o tempo pode demostrar cal é o verdadeiro uso da moeda".[61]

No entanto, a cuñaxe do dobre florín cesou para sempre en agosto de 1890.[40] Segundo Richard Lobel no Coincraft Standard Catalogue of English and UK Coins, "este valor facial, impopular no momento da súa emisión, durou ata 1890, cando xa superara a súa utilidade. O uso do retrato de Boehm acelerou sen dúbida a súa desaparición".[27] John Craig, na súa historia da Royal Mint, afirmou que "a súa proximidade á peza de 5 xilins, o seu tamaño e a súa novidade foron desvantaxes fatais; foi abandonada [...] despois dunha emisión de dous millóns e medio de exemplares, e o fracaso foi tan flagrante que a Casa da Moeda, en contra de toda a súa práctica, devolveu as moedas ao seu valor nominal completo a quen llo solicitou".[62]

editar

Herbert Paul (membro de Edimburgh South) dixo ... que lle gustaría chamar a atención sobre o dobre florín e preguntar que se ía facer ao respecto. Non cría que ningún cambio constitucional que puidese ser ideado polo enxeño do home fose quen de causar nin a metade de problemas que a dificultade de distinguir entre unha peza de catro xilins e unha de cinco. O defunto ministro de Facenda dixo que un home podía distinguir entre unha moeda e a outra na escuridade mesmo estando bébedo, pero a el resultáballe difícil distinguilas coa mellor luz cando estaba sobrio, como lle ocorría en calquera momento. Canto antes se retirasen as pezas de catro xilins, mellor sería para os intereses comerciais e sociais do país.
— Debates na Cámara dos Comúns, 14 de marzo de 1893.[63]

Joseph Edgar Boehm morreu en decembro de 1890 e, segundo a crítica de arte Marion Spielmann, que o coñecía ben, "o seu espírito apracible inclinouse en silencio baixo o torrente de despectiva condena con que se recibiu a súa obra", o que provocou a súa doenza e a súa morte.[64] Wyon finou no agosto seguinte, e o numismático Leonard Forrer escribiu no seu Biographical Dictionary of Medallists que Wyon quixera ser o deseñador do anverso da moeda do Xubileu: "cara ao final da súa carreira, sufriu unha profunda decepción ao aceptar o Goberno o deseño de J. E. Boehm para o anverso da moeda do Xubileu de 1887, e crese que isto acelerou o seu final".[65][66]

En febreiro de 1891, Goschen nomeou un comité para o deseño de moedas baixo a dirección de John Lubbock, deputado liberal. Na súa primeira reunión dese mes, o comité decidiu por unanimidade que o dobre florín debía deixar de producirse, e isto foi confirmado por Goschen nunha declaración ante os Comúns o 25 de maio.[67] O comité emitiu o seu informe en marzo de 1892 e unha versión modificada en maio; ambos recomendaban que non se mantivese o dobre florín.[68] Fremantle reiterou isto no seu informe anual como máximo dirixente executivo da Casa da Moeda para 1892.[69] En xaneiro de 1893, The Daily Telegraph lembrou que o dobre florín fora rexeitado universalmente, "non bendicindo nin a quen daba nin a quen recibía".[40] En 1895, Robert William Hanbury, secretario financeiro do Tesouro, declarou en resposta a unha pregunta parlamentaria que non sabía por que se emitira esta moeda, e que debería ter feito algunha clara distinción entre ela e a coroa.[70] O rival do dobre florín, a coroa, seguiu emitíndose, e fixéronse considerables esforzos para que circulase, coa esperanza de que desprazase algúns medios soberanos do comercio, mais en 1902 estaba claro que o uso principal da moeda era pagar os salarios do Goberno nos estaleiros, logo do cal volvía inmediatamente aos bancos, e finalmente deixouse de emitir.[62]

En 1914, arredor do 70 % dos dobres floríns emitidos foran xa retirados, mais algúns seguían en circulación.[68] Un informe de 1931 para o Goberno estadounidense mencionaba o dobre florín como a única moeda obsoleta que circulaba en Gran Bretaña, e describíao como "raramente visto".[71] Logo de que a prata deixou de cuñarse en moedas circulantes en 1946, apareceron exemplares do dobre florín nos programas de recuperación de prata da Royal Mint a principios da década de 1960.[68] Esta moeda non foi desmonetizada cando se produciu a decimalización da libra en 1971,[72] e segue a ter un teórico curso legal coa equivalencia de 20 peniques ou a vixésima parte dunha liba esterlina.[1]

Coleccionismo editar

 
Estoxo coa serie de moedas do Xubileu da Raíña Vitoria de 1887, co dobre florín no centro.

A serie do dobre florín, con só catro anos para coleccionar, fíxose popular entre os coleccionistas que procuran unha serie completa. Existen algunhas variantes na serie. O anverso e o reverso orixinais eran totalmente planos, mais nalgúns espécimes de 1887 xurdiron pequenas diferenzas e o campo amosouse lixeiramente cóncavo. Ademais, a data de 1887 representouse orixinalmente como "I887", comezando por un "I" a modo de número romano, e logo modificouse co número arábigo. Do mesmo xeito, nalgunhas moedas de 1888 e de 1889, o segundo I de VICTORIA aparece como un número 1 arábigo invertido.[27]

O deseño do reverso ampliouse lixeiramente para a emisión de 1890. Existen moedas de proba de 1887, algunhas co primeiro anverso e o primeiro reverso (e un I romano), e outras co segundo anverso e o segundo reverso (e un 1 árabe).[27]

A Numismatic Guaranty Company, un servizo de clasificación de moedas, diferencia pouco entre as variedades de circulación do dobre florín, en todos os graos de conservación agás nos máis altos, e clasifica cada un, a partir de 2022, entre 15,50 dólares e 400 ou ata 750 dólares, neste caso en condición case perfecta. As moedas con acabamento proof —fondo espello e relevo mate— de 1887 acadan prezos superiores.[73]

Tiraxes editar

Estas son as tiraxes anuais do dobre florín durante os seus catro anos de existencia:[1]

Ano Estándar Proof
1887 483.300 4.000
1888 243.300 0
1889 1.185.100 0
1890 782.100 0

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "2 Florins - Victoria 2nd portrait; 'Double Florin'". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Coin - Double-florin, Queen Victoria, Great Britain, 1889". Museums Victoria.
  3. Browne, W. A. (1867). Páxina 6.
  4. Seaby, P. (1985). Páxinas 154-156.
  5. Spink (2016). Páxinas 465-473.
  6. 6,0 6,1 6,2 Dyer, G. P. (1995). Páxina 115.
  7. Spink (2016). Páxinas 409-414.
  8. 8,0 8,1 8,2 Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 342.
  9. Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 536.
  10. 10,0 10,1 Dyer, G. P. (1995). Páxinas 116-117.
  11. Browne, W. A. (1867). Páxina 13.
  12. Dyer, G. P. (1995). Páxina 118.
  13. Churchill, W. (1906). Páxina 187.
  14. Clancy, K. (2017) [2015]. Páxina 78.
  15. 15,0 15,1 Dyer, G. P. (1995). Páxinas 118-121.
  16. Dyer, G. P. (1995). Páxinas 121-124.
  17. Dyer, G. P. (1995). Páxina 125.
  18. 18,0 18,1 Dyer, G. P. (1995). Páxina 116.
  19. Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 533.
  20. Dyer, G. P. (1995). Páxinas 124-125.
  21. "Golden Jubilee Medal of Queen Victoria". Metropolitan Museum of Art.
  22. Seaby, P. (1985). Páxinas 153, 157.
  23. "Queen Victoria". National Portrait Gallery.
  24. "Queen Victoria's Small Diamond Crown 1870". Royal Collection Trust.
  25. Dyer, G. P.; Gaspar, P. P. (1992). Páxina 535.
  26. 26,0 26,1 26,2 Cobb, L. W. (1985). Páxina 257.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 Lobel, R. (1999) [1995]. Páxina 495.
  28. Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 109.
  29. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 274.
  30. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 281.
  31. 31,0 31,1 Linecar, H. W. A. (1977). Páxina 110.
  32. 32,0 32,1 Heffer, S. (2021). Páxina 10.
  33. Moore, G. (1913). Páxinas 119-120.
  34. "1 Crown - Victoria 2nd portrait". Numista.com
  35. Lant, J. L. (1973). Páxina 134.
  36. 36,0 36,1 "The New Coinage". En Sheffield Independent. 28 de maio de 1887. Páxina 8.
  37. Seaby, P. (1985). Páxina 157.
  38. 38,0 38,1 Lant, J. L. (1973). Páxinas 139-141.
  39. Seaby, P. (1985). Páxina 156.
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 Dyer, G. P. (1995). Páxina 114.
  41. 41,0 41,1 Lant, J. L. (1973). Páxina 135.
  42. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 283.
  43. Lant, J. L. (1973). Páxina 141.
  44. Punch, or the London Charivari. Volume 93. 9 de xullo de 1887. Páxina 7.
  45. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxinas 279-280.
  46. Lant, J. L. (1973). Páxinas 134-135.
  47. Lant, J. L. (1973). Páxina 133.
  48. "The New Coins". En Belfast News Letter. 23 de maio de 1887. Páxina 7.
  49. "The New Coinage". Pall Mall Gazette. 23 de maio de 1887. Páxina 14.
  50. Dyer, G. P. (1995). Páxinas 114-117.
  51. Fun. Volume XLVI. 6 de xullo de 1887. Páxina 5.
  52. Dyer, G. P. (1995). Páxina 120.
  53. "The New Coins". En The Courier. Dundee, 10 de xuño de 1887.Páxina 3.
  54. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxina 280.
  55. Lant, J. L. (1973). Páxinas 136-137.
  56. Spink (2016). Páxina 422.
  57. Lant, J. L. (1973). Páxina 137.
  58. "Our London Correspondence". en Liverpool Mercury. 30 de maio de 1888.Páxina 1.
  59. "The Mint Report". En The Banker's Magazine. 1.108. Xullo de 1890.
  60. Stocker, M. (1996). Páxina 68.
  61. "The New Coinage". Parliamentary Debates (Hansard). House of Commons. 5 de maio de 1890.
  62. 62,0 62,1 Craig, J. (2010) [1953]. Páxina 353.
  63. "£10, Supplementary, the Mint (including Coinage)". Parliamentary Debates (Hansard). House of Commons. 14 de marzo de 1893.
  64. Dyer, G. P.; Stocker, M. (1984). Páxinas 282-283.
  65. Forrer, L. (1916). "Wyon, Leonard Charles". En Biographical Dictionary of Medallists. Vol VI. Spink & Son, Londres. Páxinas 592-631.
  66. Lorich, B. (1993). Páxinas 1.429-1.430.
  67. Stocker, M. (1996). Páxinas 67-68.
  68. 68,0 68,1 68,2 Dyer, G. P. (1995). Páxina 114. Nota 4.
  69. Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint. Her Majesty's Stationery Office. 1893. Páxina 31.
  70. "On the Vote for £23,297, to complete the sum for Civil Service Commission". Parliamentary Debates (Hansard). House of Commons. 26 de agosto de 1895.
  71. Pennington, J. A. G. (1931). Metal and Paper Currencies of Europe. U.S. Foreign and Domestic Commerce Bureau. Páxina 55.
  72. "Nº 45436". En The London Gazette. 30 de xullo de 1971. Páxina 8.217.
  73. "Great Britain Double Florin. 1887 Arabic 1, Proof". World Coin Price Guide. Numismatic Guaranty Company.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar