Leonard Charles Wyon

medallista e gravador de moeda británico
Para outros membros desta familia de medallistas ingleses, véxase a páxina de homónimos Wyon

Leonard Charles Wyon, nado en Londres o 23 de novembro de 1826 e finado na mesma cidade o 20 de agosto de 1891, foi medallista e gravador británico da época vitoriana, coñecido particularmente por ser o autor da serie de moedas de ouro e prata conmemorativas do "Xubileu" ou 50 aniversario do acceso ao trono da raíña Vitoria.

Leonard Charles Wyon
Leonard Charles Wyon
nun autoretrato en xeso.


Nacemento23 de novembro 1826
  Londres.
Falecemento20 de agosto 1891
  Londres.
ÁreaDeseño e gravado de moedas e medallas.
EducaciónMerchant Taylors' School
ObrasSerie de moedas do Xubileu de Vitoria do Reino Unido.
Nacionalidade Británica
editar datos en Wikidata ]

Desde 1851 ata o seu falecemento en 1891 ocupou o posto de gravador xefe da Royal Mint, a ceca real do Reino Unido.

Traxectoria editar

Fillo máis vello de Catherine Sophia Keele (finada en 1851) e de William Wyon (1795-1851), que o antecedeu no cargo de gravador xefe, Leonard Charles Wyon naceu nun dos edificios do complexo da Royal Mint en 1826, e educouse na Merchant Taylors' School, de Londres.[1][2]

Desde neno, foi adquirindo do seu pai o interese e pola arte e os seus coñecementos básicos, así como unha gran habelencia para o gravado de cuños, de maneira que xa aos seus 16 anos levaba realizadas xa varias medallas, algunhas das cales se expoñen no Museo Británico,[1][2][3] xunto con esbozos, debuxos e outros obxectos do seu traballo.[4]

En 1843 expuxo por vez primeira na Royal Academy e a partir do ano seguinte comezou a súa formación nas escolas desa institución. No mesmo 1844, con só 18 anos, converteuse en segundo gravador da Royal Mint, ás ordes do seu pai,[1][2] e en 1846 creou unha das súas primeiras medallas amplamente elixidas, dedicada ao predicador irlandés Theobald Mathew.[3]

En 1850 recibiu da raíña Vitoria a encarga dunha serie de medallas cos retratos dos cativos da familia real e en 1851 executou o reverso da medalla da Grande Exposición, celebrada en Londres.[5] Ese mesmo ano, á idade de 24 anos, sucedeu o seu pai como gravador xefe da Royal Mint, logo do falecemento deste,[3] e tamén o sucedeu como gravador da Compañía de Ourives e, posteriormente, como gravador da Ofcina de Ensaios de Birmingham e Sheffield.[1] En 1854 gravou unha medalla laudatoria en lembranza do seu pai para a Art Union de Londres. Tamén como o seu pai, Leonard Charles creou cuños para a fabricación de selos de correos, ademais das medallas e as moedas.[5]

 
Medio penique de Vitoria (1876) coñecido como Bun Head, creado por Wyon.[6]

Xa como gravador xefe, en 1860 encomendóuselle a preparación das novas moedas divisionarias de cobre do sistema monetario británico, coa indicación de que en todas elas debería estar presente a figura de Britannia nos seus reversos. A propia raíña interesuse persoalmente polo deseño destas novas moedas e mesmo posou en varias ocasións para o seu retrato dos anversos. Wyon presentoulle varias propostas para a súa aprobación e ela mesma encargouse da escolla do deseño que finalmente se utilizou,[7] coñecido como Bun Head ("cabeza con moño"), polo peiteado da monarca. Coa pretensión de lles achegar un relevo ousado aos deseños das novas moedas de bronce, Wyon gravou os cuños orixinais con tanta profundidade que algúns se fracturaban logo das súas primeiras cuñaxes de proba, motivo polo que tivo que reiniciar o seu traballo para reducir o relevo dos cuños, cos que comezou a produción masiva das novas moedas.[2][8]

 
Florín "do Xubileu" (1889) a nome de Vitoria. A Wyon débeselle o deseño do reverso e o gravado de ambas as faces.[9]

Outra das obras máis salientables de Wyon como gravador de moeda foi a serie de moedas de ouro e de prata emitidas para celebrar o "xubileu" ou 50 aniversario do ascenso ao trono da raíña Vitoria, en 1887. Wyon foi o gravador de ambas as faces destas moedas e tamén o deseñador do reverso, mais o retrato do anverso gravouno a partir do deseño orixinal de Joseph Edgar Boehm, que recibiu a desaprobación xeneralizada da poboación logo da súa posta en circulación, entre outras cousas polo tamaño da coroa real, que se considerou ridiculamente pequeno.[2][10][11]

Leonard Charles Wyon, do mesmo xeito que o seu pai anteriormente, preparou tamén os cuños para as moedas de moitos lugares do Imperio Británico,[3] entre eles os Asentamentos do Estreito, Australia, a África Oriental Británica, o Canadá, Ceilán, Chipre, a Guiana Británica, Honduras Británica, Hong Kong, a India Británica, as Indias Occidentais, Jersey, Malta, Mauricio, Novo Brunswick, Nova Escocia, a illa do Príncipe Eduardo, Terra Nova e Xamaica.[2][12][13]

Entre as súas medallas con carácter de condecoración cómpre salientar a de Suráfrica (1853); as do Ártico e o Báltico, a do Motín da India e unha nova de Suráfrica (1879). Tamén son moi relevantes as súas medallas de retrato, entre elas as de William Wordsworth (1848), Robert Stephenson (1850), Joseph Paxton (1854), Richard Sainthill (1855), Henry Hallam (1859) e William Ewart Gladstone (1879).[3][5][14]

Vida familiar editar

O 22 de xuño de 1852 Leonard Charles Wyon casou con Mary Birks (1831-1902), con quen tivo varios fillos, dos que ningún continuou coa tradición familiar do gravado.

Aos seus 64 anos, o 20 de agosto de 1891 Wyon,[1][2][3] faleceu por causa da doenza de Bright e da apoplexía na súa residencia londiniense do número 54 de Hamilton Terrace, en St John's Wood, e o seu corpo foi soterrado no cemiterio vello de Paddington.[5]

Escolma de traballos editar

Moedas editar

Medallas editar

Selos postais editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Predecesor:
William Wyon
Gravador xefe da Casa da Moeda de Londres (Royal Mint)
1851 - 1891
Sucesor:
George William de Saulles


Predecesor:
William Wyon
 
Moedas da libra esterlina
Autores dos anversos

1860 - 1887
Sucesor:
Joseph Edgar Boehm