Hiracoideos

(Redirección desde «Damáns»)
Hiracoideos
Hyracoidea
Damáns

Rango fósil: eoceno - actualidade

Damán do Cabo (Procavia capensis)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia (= Eutheria)
Superorde: Afrotheria
Orde: Hyracoidea
Huxley, 1869
Familia: Procaviidae
Thomas, 1892
Xéneros

A dos hiracoideos (Hyracoidea) é unha orde de mamíferos placentarios afroterios que comprende unha soa familia, a dos procavíidos (Procaviidae),[1] con catro especies agrupadas en tres xéneros,[2] coñecidos vulgarmente como damáns.[3]

Os damáns son uns pequenos ungulados que presentan moitas características primitivas. En particular, desenvolveron mal a regulación da temperatura interna, que compensan cunha termorregulación condutual, como amorearse entre eles e tomando o sol.

Orixináronse en África hai 50 millóns de anos (no oligoceno), estendéndose na actualidade por todo este continente e pola península Arábiga e noutras partes do Oriente Medio.

Aínda que os damáns gardan certo parecido externo con roedores como a cobaia ou coello de Indias (Cavia porcellus), en realidade son ungulados primitivos. Considéranse como os parentes vivos máis próximos aos elefantes e os manatís, pese a que o seu aspecto físico sexa moi diferente, debido á evolución diverxente.

Características editar

Morfoloxía editar

Os hiracoideos son mamíferos pequenos, cunha lonxitude que varía entre os 30 e os 60 cm. En tamaño e forma corporal parécense á marmota común (Marmota marmota, da familia dos esciúridos, os esquíos), pero coa cola e as patas moi curtas. Son plantígrados, e as plantas dos seus pés están cubertas de almofadas elásticas. Teñen catro dedos nas extremidades anteriores, e tres nas posteriores; os dedos rematan en pequenos pezuños primitivos, e só o dedo interno das patas traseiras ten unha pequena garra afiada, fixada nunha falanxe bífida.

A súa pelaxe é normalmente curta e de cor amarelada ou apardazada. Ademais das glándulas dispersas pola pel, teñen unha área glandular espida na parte dorsal do corpo, rodeada de pelos eréctiles de cor diferente, cuxas secrecións utilizan para marcar o seu territorio.[4]

Esqueleto editar

No seu esqueleto destacan as órbitas pechadas e a mandíbula maciza. Os membros son mesoanxónicos, e o seu eixe pasa polo terceiro dedo. O fémur ten un pequeno terceiro trocánter. A estrutura do carpo é moi primitiva, cos ósos dispostos en serie. Carecen de clavícula.[4]

Fisioloxía editar

O encéfalo é primitivo; os hemisferios cerbrais presentan só lixeiras circunvolucións. Porén, os centros olfactivos están ben desenvolvidos, xa que o olor é a base da súa orientación. Posúen órganos de Jacobson.

A diferenza da maioría doutros animais que se alimentan de ramas e pastos, non utilizan os incisivos da parte dianteira da mandíbula para cortar follas e herba, máis ben usan os molares. Hai un amplo diastema entre os incisivos e os outros dentes. A súa fórmula dentaria é 1.0.4.3 / 2.0.4.3. Os incisivos superiores son amplos e crecen continuamente, como nos roedores. Os dous inferiores son menores e de crecemento limitado, están aplanados e serrados nos bordos.

O seu intestino presenta un cego ben desenvolvido, e presenta un par adicional de grandes apéndices. Os hiracoideos son herbívoros, aínda que as especies que viven na estepa tamén se alimentan de insectos, como, por exemplo, saltóns.

O seu aparello circulatorio está caracterizado pola presenza dunhas retia miriabilia arteriais nos membros.

Os riles son simples. Nos machos os testículos permanecen na cavidade abdominal, e o pene carece de baculum (óso peneano). A abertura vaxinal e o recto nas femias están situados nunha prega da pel común. O único ou ou os dous pares de mamas son inguinais. O útero é bicorne. A placenta é inicialmente difusa, pero cando o embrión se desenvolve faise zonaria. Despois dun período de xestación duns sete meses, as femias paren dunha a seis crías precoces (a regra, é de dúas ou tres crías por parto).[4]

Bioloxía editar

Os hiracoideos son fitófagos que ocupan un nicho ecolóxico e biótopos semellantes aos dos coellos. Os que habitan nos bosques son solitarios, mentres que as especies que viven nas rochas e nas estepas viven en colonias de até un cento de individuos. As formas que habitan nos bosques son de hábitos nocturnos, en tanto que os que viven nas estepas son diúrnos, e pasan a noite en fendas das rochas ou nos tobos que escavan.

Hoxe en día distribúense por toda África, excepto nas súas rexións máis setentrionais, así como pola península Arábiga, o Sinaí, Siria e Palestina.[4]

Evolución editar

Os hiracoideos mostran moitas características primitivas e, ao mesmo tempo, numerosas peculiaridades anatómicas propias. Debido a isto, os zoólogos intentaron encontrar relacións de parentesco entre os membros deste grupo e os doutras varias ordes de mamíferos fósiles e actuais, aínda que os damáns alcanzaron a categoría de orde hai xa moito tempo (1869). Parece fóra de toda clase de dúbidas que as especies desta orde son unha rama lateral antiga de ungulados primitivos. A súa anatomía recorda máis estreitamente á dos proboscídeos e os sirenios. Son moi parecidos aos pequenos ungulados primitivos do terciario dos que evolucionou a superorde dos penungulados (Paenungulata), plantígrados, con catro dedos mas patas dianteiras e tres nos membros posteriores, con pezuños e unha uña no dedo interno, polo que frecuentemente se agrupan con eles nesta superorde.

A evolución dos hiracoideos tivo lugar en África. Tamén se encotraron fósiles en Europa, pero só no plioceno, e hoxe se presentan tamén no Oriente Medio, como quedou dito. No oligoceno inferior esta orde era moi rica en especies, e estaba enormemente diversificada. As especiues daqueles tempos aínda tiñan unha dentición completa e unhas órbitas abertas. Ao mesmo tempo, porén, a estrutura dentaria estaba xa enormemente diferenciada: os dentes podían ser bunodontes, selenodontes ou lofodontes. Algúns alcanzaron un tamaño bastante grande (como o dunha ovella).[4]

Suxeriuse que os parentes máis próximos aos hiracoideos son os tetiterios, pero este debate non está aínda totalmente pechado. Xunto con este taxon os proboscídeos e outros extinguidos, os tetiterios forman o clado dos penungulados, que segundo os datos xenéticos moleculares queda clasificado dentro da superorde dos afroterios.[Cómpre referencia]

As relacións represéntanse neste cladograma:[5]

Penungulados
Tetiterios

Proboscídeos

Sirenios

Taxonomía editar

Orde editar

A orde dos Hyracoidea foi fundada polo biólogo británico Thomas Henry Huxley en 1869. Tradicionalmente, desde esa data, recoñécese a este grupo de animais esta categoría ou rango de orde. En 1997, McKenna e Bell, seguindo a súa clasificación cladistica, propuxeron reclasificar o grupo nunha nova categoría, a de suborde, dentro da orde dos Uranotheria McKenna & Bell (1997),incluída no clado dos penungulados (Paenungulata). Porén, a maioría dos autores, aínda recoñecndo o traballo de McKenna e Bell, seguen a considerar os hiracoideos como unha orde.[1] [Véxase Taxonomía dos mamíferos#Clasificación de McKenna e Bell (1997)].

Sinónimos

Ademais de polo nome outorgado por Huxley, e actualmente válido, a orde coñeceuse polos seguintes sinónimos[1]

  • Hyracea Haeckel, 1895
  • Hyraciformes Kinman, 1994
  • Laminungula Gray, 1869
  • Lamnungia Van der Hoeven, 1858
  • Lamnunguia Illiger, 1811
  • Procaviata Imamura, 1961

Familia editar

A familia dos Procaviidae creouna en 1892 o zoólogo británico Oldfield Thomas, en Proc. Zool. Soc. Lond., 51.[2]

Sinónimos

Ao longo do tempo, esta familia coñeceuse tamén polos seguintes sinónimos:[2]

  • Hyracida Haeckel, 1866
  • Hyracidae Gray, 1821
  • Procaviinae Whitworth, 1954
  • Procavioidea Kalandadze e Rautian, 1992

Notas:
1. De todos estes nomes, só Hyracidae Gray, 1821 corresponde ao dunha familia.
2. Hyracidae Gray, 1821 é un nome baseado no xénero Hyrax Hermann, 1783. Revisado por Hahn (1934) e Roche (1972) a familia conservou soamente os xéneros Procavia e Dendrohyrax (cambiando consecuentemente o seu nome), e Hoeck (1978) e Meester et al. (1986) consideran a Procavia, Heterohyrax e Dendrohyrax como xéneros separados. Unha clave dos xéneros moderna foi desenvolvida por Meester et al. en 1986.[2]

Etimoloxías editar

Orde

O nome da orde, Hyracoidea, está formado sobre a base do nome do xénero Hyrax Hermann, 1783 coa desinencia -oidea, plural neutro de -oideus, derivada do grego antigo εἴδος eídos, "aspecto", "aparencia", "forma", coa vogal de unión -o-, usada na formación de moitos nomes de ordes.

O termo do latín científico Hyrax, pola súa parte, procede do grego antigo ὕραξ ‎hýrax, "rato-musaraña", co que se coñecían estes animais na antigüidade.

Familia

O nome da familia, Procaviidae fórmase, como é habitual, sobre a raíz do nome do seu xénero tipo, Procavia, coa desinencia ´-idae, propia dos nomes das familias de animais.

Este nome, Procavia, está formado polo elemento do latín pro-, derivado da preposisión prō, "diante de" e o xénero Cavia, roedores histricomorfos suramericanos, o tipo da familia dos familia dos Caviidae, cuxa especie máis coñecida é o coello de Indias ou cobaia (Cavia porcellus).

Clasificación editar

A orde dos Hyracoidea subdivídese en dúas subordes que comprenden cinco familias, tres delas con especies recentes, e con máis de dúas ducias de xéneros en total. Só a familia dos Procaviidae ten especies actualmente viventes.

O cadro presentado a continuación está baseado en Martin Pickford et al. e D. Tab Rasmussen et al.[6][7][8][9]

  • Orde Hyracoidea Huxley, 1869

Geniohyidae, presente no oligoceno inferior en África, comprendía, como vimos, cinco xéneros. Entre eles, †Bunohyrax e †Geniohyus tiñan os dentes bunodontes.
En †Megalohyraxda familia, †Saghatheriidae, que tiña o tamaño dunha ovella, os dentes eran solenodontes.[4]

Galería das especies viventes editar

Os hiracoideos e o home editar

Os hiracoideos eran xa coñecidos na antigüidade. Están mencionados na Biblia. E unha teoría bastante aceptada postula que esta similitude cos roedores levaría aos fenicios que alcanzaron as ribeiras da Península Ibérica no 1100 a. C., a confundilos cos damáns da súa terra natal, os shaphan; de aí que ao novo país descuberto lle chamaran I-shaphan, que traducido literalmente significa "a illa dos hiracoideos", nome que co tempo se convertería en Hispania. Cómpre dicir que o significado literal deste nome é pouco exacto, xa que España non é unha illa, nin se encontran nela hiracoideos.[4][10]

O seu consumo está prohibido no xudaísmo.

Extracto do Antigo Testamento sobre este tema:

7. Porén, entre os ruminantes e animais de pezuño bifurcado e fendido, non podedes comer estes: o camelo, a lebre e o damán, que ruminan, pero non teñen o pé bifurcado; tendes que telos por impuros.
8. Ou o porco, que ten bifurcado e fendido o pé, aínda que non rumina: considerádeo tamén como impuro. Non comeredes a súa carne e non tocaredes os seus cadáveres.
Deuteronomio, XIV, 7 - 8.

Porén, segundo as definicións modernas, nin os damáns nin as lebres son ruminantes.

Por outra parte, as dexeccións dos damáns, depositadas nunha latrina común das súas colonias, secas e reducidas a po, foron moi utilizadas na farmacopea europea durante os séculos XVIII e XIX, baixo o nome de Hyraceum, para combater determiandas doenzas xinecolóxicas.[11]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Hyracoidea Huxley, 1869 no MSW.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Procaviidae Thomas, 1892 no MSW.
  3. damán no Dicionario de gelego, Vigo, Ir Indo, 2004, ISBN 84-7680-504-7.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Kowalski, (1981).
  5. Frédéric Delsuc, Jean-François Mauffrey, Emmanuel Douzery, "Une nouvelle classification des mammifères", Science, vol. 303,‎ xaneiro de 2003. Ler en liña.
  6. Martin Pickford, Yoshihiro Sawada & Brigitte Senut (2011): "Geochronology and palaeontology of the Palaeogene deposits in the Sperrgebiet, Namibia". En: Thomas Lehmann & Stephan F. K. Schaal (eds.): The world at the time of Messel. Puzzles in Palaeobiology, Palaeoenvironment and the History of Early Primates. 22nd International Senckenberg Conference Frankfurt am Main, 15th - 19th November 2011: 129–130
  7. Eugenie Barrow, Erik R. Seiffert & Elwyn L. Simons (2010): "A primitive hyracoid (Mammalia, Paenungulata) from the Early Priabonian (Late Eocene) of Egypt". Journal of Systematic Palaeontology 8 (2): 213–244,
  8. Nancy J. Stevens, Patrick M. O'Connor, Eric M. Roberts & Michael D. Gottfried (2009): "A Hyracoid from the Late Oligocene Red Sandstone Group of Tanzania, Rukwalorax jinokitana (gen. and sp. nov.)". Journal of Vertebrate Paleontology 29 (3): 972–975.
  9. Martin Pickford (2009): "New Neogene hyracoid specimens from the Peri-Tethys region and East Africa". Paleontological Research 13 (3): 265–278.
  10. Cuisin, M. e Petter, F. (1977): "El Origen de los Mamíferos Domésticos", en Matthews, L. Harrison, ed. La Vida de los Mamíferos, tomo II, p. 786. Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-0700-X.
  11. Rodríguez de la Fuente, F. (1970), p. 68.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2, pp. 313–320.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, pp. 381–385.
  • Rathbun, Galen B. (1984): en Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. Nova York: Facts on File. ISBN 0-87196-871-1, pp. 730–733.
  • Rodríguez de la Fuente, Félix (1970): "Los damanes, parientes de los elefantes con aspecto de marmotas", en Enciclopedia Salvat de la Fauna, Tomo 2, África (Región etiópica), pp. 66–72. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones.
  • Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar