Crime de honra

forma de control social a través da ameaza ou a perpetración do asasinato dun membro da familia

Crime de honra[1] é unha forma de control social a través da ameaza ou a perpetración do asasinato dun membro da familia. O control (xeralmente dunha muller) utiliza a afirmación de que a vítima trouxo vergoña ou deshonra á familia, ou violou os principios dunha comunidade ou dunha relixión. Os motivos son variados: o divorcio ou separación do cónxuxe, negarse a un casamento arranxado, ter unha relación desaprobada pola familia, ter relacións sexuais fóra do matrimonio, ser vítima dunha violación, vestir de formas que se consideran inapropiadas, participar en relacións non heterosexuais ou renunciar a unha fe.[2][3][4][5][6]

Definicións editar

Human Rights Watch define "crime de honra" como:

Os crimes de honra son actos de violencia, xeralmente asasinatos, cometidos por membros masculinos da familia contra membros femininos da familia, que se considera que trouxeron deshonra á familia. Unha muller pode ser o albo dos individuos dentro da súa familia por unha variedade de razóns, incluíndo: negarse a entrar nun casamento arranxado, ser vítima dunha agresión sexual, buscar o divorcio -mesmo dun esposo maltratador - ou cometer adulterio. A mera percepción de que unha muller se comportou de tal maneira que "deshonra" a súa familia é suficiente para desencadear un ataque.[7]

Os homes tamén poden ser vítimas de crimes de honra cometidos por membros da familia dunha muller coa que teñen unha relación que se considera inapropiada ou por participar en actividades homosexuais.[8][9]

Outra das razóns para ser vítima dun crime de honra é cruzar fendas sociais, involucrarse publicamente con outras comunidades, adoptar costumes ou relixións dun grupo externo ao propio. En determinados países, homes inmigrantes de baixo status demostraron o seu dominio patriarcal mediante a participación en crimes de honra contra membros femininos dunha familia que participou na vida pública, por exemplo, en políticas de integración feministas.[10]

Características xerais editar

O que distingue os crimes de honra doutros crimes é a súa natureza colectiva. A planificación depende de moitos membros da familia, ás veces dentro dun "consello familiar". Outra característica importante é a relación entre os crimes de honra e o control do comportamento individual, en particular da sexualidade/matrimonio, pola familia como un colectivo. Outro aspecto considerado é a importancia da reputación da familia no seo da comunidade e o estigma asociado á perda de status social, particularmente en comunidades pechadas.[11] Na maioría dos casos os perpetradores non enfrontan estigma nas súas comunidades, porque o seu comportamento se considera xustificado.[12]

Segundo Phyllis Chesler, hai dúas categorías principais de vítimas, unha son as nenas e as mulleres novas, cuxa idade media é de 17 anos, e a outra está composta por mulleres cunha idade media de 36 anos.[13]

Os asasinatos de honra das vítimas maiores son a miúdo perpetrados polo marido, mais no 44% dos casos os asasinos tamén inclúen a familiares da vítima ou do marido.[13] A taxa de participación dos familiares é maior no mundo musulmán en dous terzos dos casos que involucran a vítimas maiores, mentres que en Europa a familia participa no 31% dos casos. Case a metade das vítimas maiores foron sometidas a tortura antes de morrer.[13]

Os asasinatos de honra de mulleres novas foron no 81% dos casos asasinadas pola súa familia de orixe e o 53% das vítimas máis novas foron torturadas antes de morrer.[13].

Extensión editar

É moi difícil determinar e estimar a incidencia dos crimes de honra. Na maioría dos países os datos de crimes de honra non son recompilados sistematicamente, moitos deles son notificados como suicidios ou accidentes e son rexistrados como tales.[14][15][16] Aínda que os crimes de honra son normalmente asociados co continente asiático, especialmente con Oriente Medio e Asia Meridional, ocorren en todo o mundo.[17][18] En 2000, as Nacións Unidas estimaron que 5 000 mulleres son vítimas de crimes de honra cada ano.[19] Segundo a BBC, "os grupos de defensa das mulleres sospeitan que máis de 20 000 mulleres morren no mundo cada ano."[20] O asasinato non é o único de crime de honra, outros crimes inclúen: ataques con ácido, secuestros, mutilacións e malleiras. En 2010 a policía do Reino Unido rexistrou polo menos 2823 destes crimes.[21]

Métodos editar

Os métodos de asasinato inclúen lapidación, apuñalamento, malleiras, queimaduras, decapitación, aforcamento, degolamento, ataques de ácido letal, disparos e estrangulamento.[22] Os asasinatos ás veces realízanse en público para advertir os demais individuos dentro da comunidade das posíbeis consecuencias de participar no que se considera un comportamento ilícito.[22]

Uso de menores como perpetradores editar

A miúdo, as nenas e os nenos da familia son seleccionados para actuar como asasinos porque a súa minoría de idade carrexa beneficios legais. Aos nenos e ás veces ás mulleres da familia encárgaselles o control e a vixilancia do comportamento das súas irmás ou doutras mulleres da familia, asegurándose de que non fagan nada que manche a "honra" e a "reputación" da familia. Os nenos son comunmente encargados de perpetrar o asasinato, se se negan poden enfrontar graves repercusións, por parte da propia familia ou pola comunidade, baixo a idea de que non están a cumprir co seu "deber".[22][23]

Cultura editar

Trazos culturais xerais editar

Os trazos culturais que conducen aos crimes de honra son complexos. Os crimes de honra implican a violencia e o medo como ferramentas para manter o control. Argumentouse [quen?] que teñen a súa orixe nos pobos nómades e transhumantes: "estas poboacións cargan con todos os seus obxectos de valor e están en constante risco de seren roubados, non teñen recursos legais." Como resultado, inspiraren medo, utilizar a agresión e cultivar unha reputación de vinganza violenta co fin de protexer a propiedade é preferíbel a outros comportamentos. Nas sociedades onde hai un estado de dereito débil, a xente debe construír reputacións feroces.[24]

En moitas culturas onde a honra é un valor central, os homes son fontes activas desta, mentres que o único efecto que as mulleres poderían ter sobre ela é destruíla.[24] Unha vez que a muller destrúe a honra da familia ou do clan, hai unha necesidade de vinganza inmediata para restaurala; desta maneira a familia evita perder a súa reputación na comunidade. Como destaca a declaración de Amnistía Internacional:

O réxime de honra é implacábel: á muller de quen se sospeita que causou a deshonra non se lle dá a oportunidade de se defender, e os membros da familia non teñen ningunha alternativa socialmente aceptábel, polo que para eliminar a mancha na súa honra deben atacar a muller[25]

A relación entre os puntos de vista da sociedade sobre a sexualidade feminina e os crimes de honra é complexa. A forma en que as mulleres nas sociedades baseadas na honra traen deshonra aos homes é a miúdo a través do seu comportamento sexual; de feito, a violencia relacionada coa expresión sexual da muller documentouse desde a Roma antiga, cando o pater familias tiña dereito a matar a unha filla solteira sexualmente activa ou a unha esposa adúltera. Na Europa Medieval, a lei xudía ordenou a lapidación dunha muller adúltera e a da súa parella.[24]

Carolyn Fluehr-Lobban, profesora de antropoloxía en Rhode Island College, escribe que un acto, ou mesmo presunto acto, de calquera mala conduta sexual feminina, altera a orde moral da cultura e o derramamento de sangue é a única maneira de eliminar calquera vergoña causada polas accións femininas e así restaurar o equilibrio social.[26] Con todo, a relación entre a honra e a sexualidade feminina é un tema complexo, algúns autores argumentan que non é exactamente a sexualidade das mulleres o "problema", senón máis ben a autodeterminación das mulleres no que se refire a elas, así como a fertilidade. Sharif Kanaana, profesor de antropoloxía da Universidade de Birzeit, di que os crimes de honra son:

un tema complicado que penetra na historia da sociedade árabe (...) O que os homes da familia, clan ou tribo buscan nunha sociedade patriarcal é o poder reprodutivo. As mulleres da tribo son consideradas fábricas de facer homes. O crime de honra non é un medio para controlar o poder ou o comportamento sexual. O que hai detrás é a procura da fertilidade, ou o poder reprodutivo.[27]

Nalgunhas culturas, os crimes de honra considéranse menos graves que outros asasinatos debido a que proveñen dunha longa tradición cultural e por tanto son considerados apropiados ou xustificábeis.[26] Ademais, segundo unha enquisa realizada pola rede asiática da BBC, 1 de cada 10 dos 500 hindús, sijs, cristiáns e musulmáns entrevistados dixeron que levarían a cabo un asasinato cara a calquera persoa que ameace a honra da súa familia.[28]

Nighat Taufeeq do centro de recursos das mulleres en Shirkat Gah (Lahore, Paquistán) di: "É unha alianza profana que se dá en contra das mulleres: os asasinos enorgullécense do que fixeron, os líderes tribais condonan o acto e protexen os asasinos e hai unha conivencia da policía no encobremento."[29] A avogada e activista dos dereitos humanos Hina Jilani declara: "O dereito á vida das mulleres en Paquistán está condicionado á súa obediencia das normas e tradicións sociais."[30]

Un estudo turco en xullo de 2008 levado a cabo por un equipo da Universidade Dicle sobre os crimes de honra na rexión do Sueste da Anatolia, unha zona predominantemente kurda de Turquía, demostrou que poucos ou ningún estigma social están unidos ao crime de honra. Tamén afirma que a práctica non está relacionada cunha estrutura social feudal, "tamén hai perpetradores que son graduados universitarios. De todos os enquisados, o 60% son graduados de secundaria ou universidade ou polo menos, saben ler e escribir."[31][32]

Na época contemporánea, a situación económica e cultural cambiante da muller utilizouse para xustificar as aparicións de crimes de honra. As mulleres en culturas patriarcais que obtiveron a independencia económica das súas familias van en contra da cultura dominada polos homes. Algúns investigadores sosteñen que o cambio cara a unha maior responsabilidade das mulleres e menor por parte dos seus pais pode causar unha reacción nos membros masculinos da familia e que actúen de maneira opresiva e ás veces violenta co fin de recuperar a autoridade.[33]

Este cambio cultural parece, tamén, ter efecto nas culturas occidentais como Gran Bretaña, onde os asasinatos por honra xurdiron por mor de mulleres inmigrantes buscando maior independencia e a adopción de valores occidentais. Para as mulleres que remontan a súa ascendencia a Oriente Medio ou Asia do Sur, os crimes de honra tiveron como albo mulleres que usaron roupa considerada occidental, que tiñan un noivo ou que se negaron a aceptar un casamento arranxado.[34]

Fareena Alam, directora dunha revista musulmá, escribe que os crimes de honra presentados en culturas occidentais como Gran Bretaña son unha táctica das familias inmigrantes para facer fronte ás consecuencias alienantes da urbanización. Alam argumenta que os inmigrantes permanecen preto da súa cultura de orixe e dos seus familiares, xa que isto proporciona unha rede de seguridade. Ela escribe que:

"Nos seus lugares a esfera de control dun home era ampla e cun gran sistema de apoio. Nas nosas cidades cheas de estraños, non hai practicamente ningún control sobre os membros da familia, con quen sentan, falan ou traballan."

Alam sostén que este é un intento de recuperar o control e suprimir os sentimentos de alienación que son os que conducen, en última instancia, a un crime de honra.[35]

Principais desencadenamentos dos crimes de honra editar

Negarse a aceptar un casamento arranxado editar

Negarse a un casamento arranxado é a miúdo a causa dun crime de honra. A familia que predispuxo o matrimonio corre o risco de vergoña se o matrimonio non se realiza[36][37][38] e se permite unha relación con outra persoa sen coñecemento previo dos membros da familia.

Solicitar o divorcio editar

Unha muller tratando de obter o divorcio ou a separación sen o consentimento do esposo ou da familia estendida, tamén pode ser un desencadenamento dos crimes de honra. Nas culturas onde os casamentos son arranxados e os bens a miúdo se intercambian entre as familias, o desexo da muller de pedir o divorcio adoita ser visto como un insulto aos homes que negociaron o acordo.[39] Ao mostrar os seus problemas maritais fóra da familia, as mulleres son vistas como responsábeis de que a familia estea exposta á deshonra pública.[11]

Denuncias e rumores contra membros da familia editar

Nalgunhas culturas, a acusación contra unha muller pode ser suficiente para manchar a reputación da súa familia, e para desencadear un crime de honra: o medo ao ostracismo pola comunidade da familia é enorme.[40][41][42]

Vítimas de violación editar

En moitas culturas, as vítimas de violación enfróntanse a mostras de violencia, incluíndo crimes de honra por parte das súas familias e parentes. En moitas partes do mundo, as mulleres que foron violadas considérase que trouxeron "deshonra" ou "vergoña" ás súas familias.[43] Isto pasa especialmente se a vítima queda embarazada.[44]

Un punto clave no código de honra é a virxindade da muller, que debe preservarse até o matrimonio.[45] Suzanne Ruggi escribe: "a virxindade dunha muller é propiedade dos homes do seu ao redor; primeiro do seu pai, máis tarde, un agasallo para o seu marido, un dote virtual mentres se prepara para o casamento".[46]

Homosexualidade editar

Hai a evidencia de que a homosexualidade tamén é percibida como desencadeamento de crimes de honra. Non son só as relacións do mesmo sexo as que desencadean a violencia, sono, tamén, condutas consideradas inapropiadas para un xénero (por exemplo, un home actuando ou vestíndose dunha maneira "feminina").[23]

Un dos casos que saltou aos medios foi o dun home xordano gai ferido de bala polo seu irmán.[47] En 2008, un estudante turco homosexual, Ahmet Yildiz, foi tiroteado fóra dun café e máis tarde morreu no hospital. Os sociólogos chamaron a isto o primeiro caso publicado dun crime de honra gai en Turquía.[48][49][50][51][52] En 2012, un mozo de 17 anos foi asasinado polo seu pai en Turquía na provincia suroriental de Diyarbakir.[53][54]

O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados afirma que "as reclamacións formuladas por persoas LGBT revelan a súa exposición á violencia física e sexual, longos períodos de detención, abuso médico, ameaza de execución e crimes de honra."[55]

Parellas masculinas prohibidas

En moitas culturas baseadas na honra, unha muller mantén a súa honra a través da súa modestia. Se un home altera a modestia dunha muller, saíndo con ela, tendo relacións sexuais con ela (especialmente se a súa virxindade se perdeu), falando con ela, o home deshonrou a muller, mesmo se a relación é de consentimento. Por tanto, para restaurar a honra perdida da muller, os membros masculinos da súa familia a miúdo golpean e matan o agresor. Ás veces, a violencia esténdese aos membros da familia do agresor, xa que os ataques das inimizades de honra son vistos como conflitos familiares.[56]

Causas editar

Hai múltiples causas que orixinan os crimes de honra, e numerosos factores interactúan entre si.

Percepción das mulleres editar

Os crimes de honra son a miúdo o resultado de puntos de vista fortemente patriarcais sobre as mulleres, así como á súa posición na sociedade. En sociedades tradicionalmente dominadas por homes as mulleres dependen, en primeiro lugar do seu pai, e logo do seu esposo, a quen se espera obedezan. As mulleres son vistas como propiedade e non como individuos co seu propio valor. Deben someterse a figuras de autoridade masculina na familia; o non facelo pode orixinar violencia extrema como castigo. A violencia é vista como unha forma de asegurar o cumprimento e a prevención de rebeldía.[57][58] Segundo Shahid Khan, profesor da Universidade Aga Khan en Paquistán: "As mulleres son consideradas propiedade dos homes da familia, independentemente da súa clase, etnia ou relixión. O dono da propiedade ten dereito a decidir o seu destino. Este concepto de propiedade converteu as mulleres en mercadoría que se pode intercambiar, comprar e vender."[59] En certas culturas, as mulleres non teñen permitido tomar o control dos seus corpos nin da súa sexualidade, son propiedade dos homes da familia, do pai (e doutros parentes masculinos), son eles os que deben garantir a súa virxindade até o casamento; e tras o casamento do marido, ao que a sexualidade da súa muller está subordinada, unha muller non debe menoscabar os dereitos de propiedade do seu gardián mantendo relacións sexuais antes do matrimonio ou co adulterio.[23]

Culturas de honra e vergoña editar

O concepto de honra familiar é extremadamente importante en moitas comunidades musulmás. A cifra máis frecuentemente citada publicada polas Nacións Unidas en 2000 foi unha estimación de 5000 asasinatos en todo o mundo cada ano, a maioría deles en rexións islámicas de Asia meridional, África setentrional e o Oriente Medio.[60] A familia é vista como a principal fonte de honra e a comunidade valora moito a relación entre a honra e a familia. Os actos dos membros da familia que poden ser considerados inapropiados son vistos como fonte de vergoña para a familia aos ollos da comunidade. Tales actos a miúdo inclúen comportamentos femininos que están relacionados co sexo fóra do matrimonio ou a maneira de vestir, mais tamén poden incluír a homosexualidade masculina (como os asasinatos emo en Iraq). A familia perde prestixio na comunidade e pode ser rexeitada polos seus parentes. A única maneira de borrar a vergoña é a través dun asasinato.[57][58] As culturas nas que teñen lugar os asasinatos por motivos de honra adoitan considerarse "culturas colectivistas", nas que a familia é máis importante que o individuo, e a autonomía individual é vista como unha ameaza para a familia e a súa honra.[61]

Leis editar

Os marcos legais en determinados lugares poden fomentar os crimes de honra. Estas leis provén a indulxencia cara aos asasinos e a criminalización doutros comportamentos, como o sexo extramarital, vestir de forma "indecente" en lugares públicos ou relacións homosexuais.[62][63]

No Imperio Romano editar

No Imperio Romano a lei romana Lex Julia de adulteriis coercendis implantada por Octavio Augusto permitiu o asasinato das fillas e dos seus amantes que cometesen adulterio a mans dos seus pais e tamén permitiu o asasinato do amante da esposa adúltera a mans do seu marido.[64]

O Código Napoleónico editar

O Código Napoleónico non permitía que as mulleres asasinasen a maridos infieis, mentres que si permitía que os seus maridos asasinasen a mulleres infieis.[65] O artigo 324 do Código Napoleónico, aprobado en 1810, permitía o asasinato dunha esposa infiel e do seu amante a mans do seu marido.[66] Non foi abolido até 1975. O 7 de novembro de 1975, a Lei nº 617/75 artigo 17 derrogou o artigo 324 do Código penal francés de 1810.

O artigo 324 do Código penal de 1810, aprobado por Napoleón, foi copiado polos países árabes de Oriente Medio. Inspirou o artigo 340 de Xordania que permite o asasinato dunha esposa e do seu amante se son sorprendidos no acto a mans do seu marido. O artigo 324 do Código penal francés de 1810 tamén inspirou o artigo 188 do Código penal otomán de 1858; tanto o artigo 324 francés como o artigo 188 otomán utilizáronse para crear o artigo 340 de Xordania, que se mantivo mesmo despois dunha revisión de 1944 das leis xordanas que non afectaban á conduta pública nin ao dereito de familia, polo que o artigo 340 seguía sendo aplicábel en 2016.[67][68][69]

O mandato de Francia sobre o Líbano deu lugar á imposición do seu código penal en 1943-1944, e a lei libanesa inspirada en Francia sobre o adulterio permitiu que a mera acusación de adulterio contra mulleres se traducise nunha pena máxima de dous anos de prisión, mentres que os homes deben ser capturados no acto e non simplemente acusados, e son castigados cun ano de prisión.

O Artigo 324 de Francia inspirou leis noutros países árabes como:

  • Alxeria, 1991 Artigo 279 do Código penal
  • O Código penal de Exipto de 1937 núm. 58 Artigo 237

Código penal de 1966 Artigo 409

  • O Código penal de Xordania de 1960 núm. 16 Artigo 340
  • Artigo 153 do Código penal de Kuwait
  • Artigos 193, 252, 253 e 562 do Código penal libanés.
    • Estes foron emendados en 1983, 1994, 1995, 1996 e 1999 e finalmente foron derrogados polo Parlamento libanés o 4 de agosto de 2011.
  • Código penal de Libia Artigo 375
  • Marrocos en 1963 modificou o artigo 418 do Código penal.
  • Artigo 252 do Código penal de Omán
  • Palestina, que tiña dous códigos
  • O Código penal de Xordania de 1960 en Cisxordania e o Código penal de Mandato Británico Artigo 18 na Franxa de Gaza.
    • Estes foron derrogados respectivamente polo artigo 1 e o artigo 2 e ambos os dous polo artigo 3 da Lei nº 71 de 2011, que foi asinada o 5 de maio de 2011 polo presidente Mahmoud Abbas na Gaceta Oficial nº 2 do 10 de outubro de 2011. 91 que se aplica no Código penal das gobernacións setentrionais e as gobernacións meridionais de Palestina
  • Siria de 1953 emendado 1949 Código penal Artigo 548
  • Artigo 207 do Código penal de Tunes de 1991 (que foi derrogado)
  • Lei Nº 3/1978 dos Emiratos Árabes Unidos Artigo 334
  • Lei Nº 12/1994 do Iemen Artigo 232

Alemaña editar

Algúns casos de crimes de honra que se xulgaron nos tribunais alemáns viron reducidos os cargos de asasinato a homicidio ao se considerar a "defensa da honra".[70]

Suicidio forzado editar

Un suicidio forzado pode servir como substituto do crime de honra. Nestes casos, os membros da familia non matan a vítima directamente, obrígana a cometer o suicidio, co fin de evitaren o castigo. Os suicidios forzados son considerados como comúns en Turquía.[14][71] Informouse que en 2001, 565 mulleres perderon a vida en crimes de honra en Ilam, Irán, dos cales 375 foron escenificados como autoinmolación.[72] En 2008, a autoinmolación "ocorreu en todas as zonas de asentamento kurdo (en Irán), onde era máis común que noutras partes de Irán".[72] Afírmase que no Kurdistán iraquí moitas mortes son comunicadas como "suicidios femininos" para ocultar crimes relacionados coa honra.[73]

Restauración da "honra" a través dun matrimonio forzado editar

No caso de que unha muller solteira, ao asociarse a un home, perda a virxindade ou sexa violada, a familia pode tentar restaurar a súa "honra" cun matrimonio forzado. O noivo adoita ser o home que "deshonrou" a moza mais, de non ser posíbel, pódese tratar de arranxar un matrimonio con outro home, a miúdo alguén que forme parte da familia da persoa que violou a muller. Sendo isto a alternativa a un crime de honra, a muller non pode negarse a aceptar o matrimonio. Espérase que a familia do home coopere e proporcione un noivo á muller.[24][74][75]

Relixión editar

Widney Brown, director de promoción de Human Rights Watch, dixo que a práctica "vai a través de culturas e relixións".[76] A resolución 1327 (2003) do Consello de Europa estabelece que[77]

"A Asemblea sinala que mentres os chamados "crimes de honra" proveñen de raíces tanto culturais como relixiosas e son perpetrados en todo o mundo (sobre todo nas sociedades ou comunidades patriarcais), a maioría dos casos informados en Europa danse entre as comunidades musulmás ou musulmáns migrantes (aínda que o Islam en si non apoia a pena de morte por mala conduta relacionada coa honra)."

Segundo un estudo de Phyllis Chesler, na análise de 1989-2009 de 172 episodios de asasinatos por motivos de honra en todo o mundo relativos a 230 vítimas, o 91% dos perpetradores eran musulmáns. En América do Norte, a maioría dos asasinos (84%) eran musulmáns. En Europa, os musulmáns constituían unha proporción maior (96%). Todas excepto dúas vítimas tiñan a mesma relixión que os seus asasinos. O estudo concluíu que aínda que outros grupos relixiosos, como os sijs e os hindús, ás veces cometen tales asasinatos, os asasinatos por honra, tanto en todo o mundo como en Occidente, son principalmente crimes de musulmáns contra musulmáns.[13] Tamén se comunicaron asasinatos hindús por honra na India (principalmente relacionados coa preocupación pola pureza da caste) (Chesler sinala que mentres que os asasinatos musulmáns por honra son pouco comunicados nos medios de comunicación occidentais, os asasinatos hindús por honra reciben moita máis cobertura neles). Con todo, os hindús que emigraron a países occidentais non seguen o costume en Occidente.[78]

Moitos comentaristas e organizacións musulmás condenan os asasinatos por honra como unha práctica cultural non islámica.[79] Tahira Shaid Khan, profesora de asuntos da muller na Universidade Aga Khan, di que non hai nada no Corán que permita ou sancione os asasinatos por honra.[80] Porén, Khan culpa a actitudes (de diferentes clases, grupos étnicos e relixiosos) que ven as mulleres como propiedade sen dereitos propios como a motivación dos asasinatos por honra.[80] O erudito salafí Muhammad Al- Munajjid afirma que o castigo de calquera crime está reservado só para o gobernante islámico.[81] Ali Gomaa, o ex-Grande Muftí de Exipto tamén se pronunciou enerxicamente contra os crimes de honra.[79] Como unha declaración máis xenérica que reflicte a tendencia académica islámica máis ampla, Jonathan A. C. Brown di que "as preguntas sobre os asasinatos por honra chegaron regularmente á consulta dos muftís como Yusuf Qaradawi ou do defunto erudito libanés chiíta Muhammad Husayn Fadlallah". As súas respostas reflicten un raro consenso. Ningún erudito musulmán, xa sexa medieval ou moderno, sancionou un home que matou a súa esposa ou irmá por embazar a súa honra ou a da súa familia. Se unha muller ou un home que se atopan xuntos merecen a pena de morte por fornicación, isto tería que ser estabelecido pola evidencia requirida polo Corán: xa sexa unha confesión ou o testemuño de catro testemuñas masculinas, todos eles aos ollos da corte, que realmente viron a penetración que ocorreu.[82]

Historia editar

Matthew A. Goldstein, JD (Arizona), sinalou que os crimes de honra foron alentados na Roma antiga, onde os membros masculinos da familia que non tomaban medidas contra as mulleres adúlteras da súa familia serían "perseguidos activamente".[83]

A orixe dos crimes de honra e o control das mulleres é evidente ao longo da historia na cultura e a tradición de moitas rexións. A lei romana de Pater familias deulles aos homes da familia o control total de fillas/os e esposas. Baixo estas leis, as vidas dos nenos e as mulleres estiveron á discreción dos homes da súa familia. O dereito romano antigo tamén xustificou os asasinatos por honra ao afirmar que as mulleres declaradas culpábeis de adulterio podían ser asasinadas polos seus maridos.

Os crimes de honra teñen unha longa tradición na Europa meridional.[84][85][86] Segundo o Honour Related Violence - European Resource Book and Good Practice (páxina 234): "A honra no mundo mediterráneo é un código de conduta, unha forma de vida e un ideal da orde social, que define a vida, os costumes e os valores de moitos dos pobos do Mediterráneo".[87]

Durante o goberno de Calvino sobre Xenebra, as mulleres declaradas culpábeis de adulterio eran castigadas afogándoas no río Ródano.[84]

Na Dinastía Qing na China, pais e maridos tiñan o dereito de matar as mulleres que considerasen que deshonraran a familia.[84]

Entre moitos pobos amerindios, tamén nos aztecas e incas, o adulterio era castigado coa morte.[83]

Rexións editar

De acordo á ONU en 2002:

O informe do relator especial das Nacións Unidas relativo ás prácticas culturais na familia que atentan contra a muller (E / CN.4 /2002/83), indicou que os crimes de honra foran comunicados en Exipto, Xordania, Líbano, Marrocos, Paquistán, Siria, Turquía, Iemen e outros países do Mediterráneo e do Golfo Pérsico, e que tamén tiveran lugar e en países occidentais, como Francia, Alemaña e Reino Unido, dentro das comunidades de migrantes[88][89]

Ademais, a Comisión das Nacións Unidas sobre Dereitos Humanos reuniu información de varios países e considerando só os países que presentaron informes demostrouse que os asasinatos de honra se produciron en Bangladesh, Gran Bretaña, Brasil, Ecuador, Exipto, India, Israel, Italia, Xordania, Paquistán, Marrocos, Suecia, Turquía e Uganda.[90]

Segundo Widney Brown, directora de planificación e estratexia de Human Rights Watch, a práctica dos homicidios por motivos de honra "atravesa culturas e relixións".[91] En Occidente no período 1989-2009, 76 individuos ou grupos de perpetradores asasinaron 100 vítimas. Destes perpetradores, o 37% proviña de Paquistán, o 17% de orixe iraquí, o 12% de Turquía e o 11% de Afganistán. O 25% restante viña de Albania, Alxeria, Bosnia, Exipto, Etiopía, Güiana, India, Irán, Marrocos e Palestina (Cisxordania).[13]

Comparación con outras formas de asasinato editar

Artigo principal: Feminicidio.

Os crimes de honra son, xunto cos asasinatos por dote (principalmente no sur de Asia), os asasinatos de mulleres relacionados a cuadrillas como vinganza (asasinatos de mulleres membros das familias dos membros de cuadrillas rivais "- principalmente en América Latina) e os asasinatos por acusacións de bruxaría (África, Oceanía), algunhas das formas máis recoñecidas de feminicidio.[22][92]

Os defensores dos dereitos humanos compararon os "asasinatos por honra" cos "crimes pasionais" en América latina (que ás veces son tratados con extrema indulxencia) e tamén ao asasinato de mulleres por falta de dote na India.[80]

Algúns comentaristas fixeron fincapé en que o enfoque sobre os crimes de honra non deben conducir a ignorar outras formas de asasinato baseados no xénero das mulleres, en particular os de América Latina ("crimes pasionais" e os asasinatos relacionados con cuadrillas); a taxa de homicidios de mulleres nesta rexión é extremadamente alta; O Salvador preséntase como o país coa taxa máis alta de homicidios de mulleres no mundo.[93] En 2002, Widney Brown, directora de avogacía de Human Rights Watch, declarou que os "crimes pasionais teñen unha dinámica similar en que as mulleres son asasinadas por membros masculinos da familia e os crimes son percibidos como excusábeis ou comprensíbeis".[94]

Notas editar

  1. United Nations (ed.). "SECRETARY-GENERAL, IN ADDRESS TO "WOMEN 2000" SPECIAL SESSION, SAYS FUTURE OF PLANET DEPENDS UPON WOMEN". 
  2. "Ethics: Honour Crimes". BBC. 1 de xaneiro de 1970. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  3. "Honor killing: Definition and More from the Free Merriam-Webster Dictionary". merriam-webster.com. 31 de agosto de 2012. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  4. "Honor killing definition". dictionary.reference.com. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  5. "Shocking gay honor killing inspires movie - CNN.com". Edition.cnn.com. Consultado o 16 de agosto de 2013. 
  6. "Iraqi immigrant convicted in Arizona 'honor killing' awaits sentence - CNN.com". Edition.cnn.com. 23 de febreiro de 2011. Consultado o 16 de agosto de 2013. 
  7. Human Rights Watch (ed.). "Violence Against Women and "Honor" Crimes". Consultado o 6 de abril de 2001. 
  8. Razzall, Katie; Khan, Yasminara (2017-04-11). "Male 'honour' cases 'underreported'" (en inglés). Consultado o 2019-01-28. 
  9. Afghan couple stoned to death – Central & South Asia. Al Jazeera English (16 de agosto 2010). Recuperado o 1 de outubro de 2011.
  10. "Fadimes minnesfond". fadimesminne.nu. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2007. Consultado o 6 de xuño de 2007. 
  11. 11,0 11,1 Hbv-awareness.com (ed.). "FAQ". Consultado o 2015-02-15. 
  12. Justice.gc.ca, ed. (2013-09-24). "Introduction – Preliminary Examination of so-called Honour Killings in Canada". Consultado o 2015-02-15. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 Chesler, Phyllis (2010-03-01). "Worldwide Trends in Honor Killings". Middle East Quarterly (en inglés). 
  14. 14,0 14,1 unicef.org.tr (ed.). "UNICEF Turkey: Protective Environment for Children; Honour Crimes and Forced Suicides". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2013. Consultado o 23 de decembro 2013. 
  15. http://www.unl.edu/rhames/courses/212/readings/honor-kil-ng.pdf
  16. Holt, Gerry (2014-05-29). "BBC News – Why do families kill their daughters?". BBC News (Bbc.com). Consultado o 2015-02-15. 
  17. http://www1.umn.edu/humanrts/svaw/advocacy/modelsessions/what_is_GBV.PDF
  18. AIUSA’s Women’s Human Rights Program. "Honor Killings: Amnesty USA". amnestyusa.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2014. Consultado o 2 de maio de 2019. 
  19. ""Honor killing" under growing scrutiny in the U.S. – Crimesider". CBS News. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2013. Consultado o 16 de agosto de 2013. 
  20. Maher, Ahmed (20 de xuño de 2013). "Many Jordan teenagers 'support honour killings'". bbc.co.uk. Consultado o 23 de decembro 2013. 
  21. "'Honour' attack numbers revealed by UK police forces". bbc.co.uk. 3 de decembro de 2011. Consultado o 23 de decembro 2013. 
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 "Femicide: A Gobal Issue that demands Action" (PDF). Genevadeclaration.org. Academic Council on the United Nations System. p. 60. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de xuño de 2014. Consultado o 20 de maio de 2018. 
  23. 23,0 23,1 23,2 "Honour Related Violence" (PDF). Humanrights.ch. Kvinnoforum. 2005. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de marzo de 2016. Consultado o 20 de maio de 2018. 
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 "Historical Context – Origins of Honour Killing / Honour Killing – Worldwide / Honour Killing – In Countries with Islamic Law – Preliminary Examination of so-called Honour Killings in Canada". Justice.gc.ca. 2013-09-24. Consultado o 2015-02-15. 
  25. Amnesty International. "Broken bodies, shattered minds: Torture and ill-treatment of women". Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2008. Consultado o 6 de marzo de 2001. 
  26. 26,0 26,1 Carolyn Fluehr-Lobban. "Cultural Relativism and Universal Rights" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xuño de 2012. Consultado o 2 de decembro 2011. 
  27. Suzanne Ruggi. "Commodifying Honor in Female Sexuality: Honor Killings in Palestine". Middle East Research and Information Project. Consultado o 8 de febreiro de 2008. 
  28. "One in 10 'backs honor killings'". BBC News. Consultado o 8 de decembro de 2001. 
  29. Culture of Discrimination: A Fact Sheet on "Honor" Killings Arquivado 19 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.. Amnestyusa.org. Recuperado o 1 de outubro de 2011.
  30. "PAKISTAN Honour killings of girls and women". Amnesty International. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2016. Consultado o 15 de abril de 2008. 
  31. Murat Gezer. "Honor killing perpetrators welcomed by society, study reveals". Today's Zaman. Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2008. Consultado o 15 de xullo de 2008. 
  32. Sev'Er, Aysan; Yurdakul, Gökçeçiçek (2001-9). "Culture of Honor, Culture of Change: A Feminist Analysis of Honor Killings in Rural Turkey" (PDF). Violence Against Women (en inglés) 7 (9): 964–998. ISSN 1077-8012. doi:10.1177/10778010122182866. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de maio de 2019. Consultado o 02 de maio de 2019. 
  33. Hilal Onur Ince, Aysun Yarali and Dogancan Ozsel (2009). "Customary Killings in Turkey and Turkish Modernization". Middle Eastern Studies 45 (4): 537–551. doi:10.1080/00263200903009593. 
  34. Palash R. Ghosh. "Honor Crimes in Britain Far More Prevalent than Formerly Thought". International Business Times. Consultado o 2 de decembro de 2011. 
  35. Fareena Alam (6 de xullo de 2004). "Take the Honor Out of Killing". London: The Guardian. Consultado o 2 de decembro de 2011. 
  36. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2017. Consultado o 23 de abril de 2019. 
  37. "Ethics: Honour crimes". BBC. 1 de xaneiro de 1970. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  38. https://tspace.library.utoronto.ca/bitstream/1807/17543/1/cultureofhonour.pdf
  39. "Thousands of Women Killed for Family "Honor"". News.nationalgeographic.com. 2010-10-28. Consultado o 2015-02-15. 
  40. "Ethics: Honour crimes". BBC. 1 de xaneiro de 1970. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  41. Bhaskar Dasgupta (21 de febreiro de 2004). "No Honour In Honour Killings". countercurrents.org. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  42. "Archived copy" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de setembro de 2013. Consultado o 2013-09-21. 
  43. "Ethics – Honour crimes". BBC. 1 de xaneiro de 1970. Consultado o 16 de agosto de 2013. 
  44. Harter, Pascale (14 de xuño de 2011). "BBC News – Libya rape victims 'face honour killings'". Bbc.co.uk. Consultado o 16 de agosto de 2013. 
  45. http://kuscholarworks.ku.edu/dspace/bitstream/1808/5180/1/STARV24N1-2A4.pdf?origin=publication_detail
  46. "Dafka". Dafka. Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2014. Consultado o 2015-02-15. 
  47. Marina Jimenez. "Gay Jordanian now 'gloriously free' in Canada". Toronto: The Globe and Mail. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2007. Consultado o 20 de maio de 2004. 
  48. Bilefsky, Dan (2009-11-25). "Soul-Searching in Turkey After a Gay Man Is Killed". The New York Times. 
  49. Yücel, Deniz (2009-09-07). "Ehrenmord in der Türkei: "Jeder soll wissen, ich bin schwul"". Die Tageszeitung: Taz – vía taz.de. 
  50. The German Democratic Turkey Forum (DTF) has prepared a report with details on the killing and the subsequent court case; consultado o 31 de marzo de 2011.
  51. Bilefsky, Dan (26 de novembro de 2009). "Soul-Searching in Turkey After a Gay Man Is Killed". New York Times. pp. A16. Consultado o 26 de novembro de 2009. 
  52. Nicholas Birch (19 de xullo de 2008). "Was Ahmet Yildiz the victim of Turkey's first gay honor killing?". London: The Independent. Consultado o 27 de setembro de 2008. 
  53. "Father confesses to killing his own son in landmark homosexual murder case – LOCAL". Hurriyetdailynews.com. 2011-09-13. Consultado o 2015-02-15. 
  54. "Father gets life imprisonment for murdering gay son in Turkey – LGBTQ Nation". Lgbtqnation.com. 2012-07-02. Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2015. Consultado o 2015-02-15. 
  55. UNHCR Guidance Note on Refugee Claims Relating to Sexual Orientation and Gender Identity, II, B. para 14. Unhcr.org (21 de novembro de 2008). Recuperado o 1 de outubro de 2011.
  56. "Male Asylum Applicants Who Fear Becoming the Victims of Honor Killings: The Case for Gender Equality". 
  57. 57,0 57,1 "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de decembro de 2013. Consultado o 23 de abril de 2019. 
  58. 58,0 58,1 Krishan Bir Singh (1 de xaneiro de 1970). "Honour Killing – A Study of the Causes and Remedies in its SocioLegal Aspect". academia.edu. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  59. "International Domestic Violence Issues". Sanctuary for Families. 2008-10-15. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2014. Consultado o 2015-02-15. 
  60. "'Honor killings': 5 things to know". 
  61. "FAQ". Hbv-awareness.com. Consultado o 2015-02-15. 
  62. Sonbol, Amira El Azhary. (2003). Women of Jordan : Islam, labor & the law (1st ed ed.). Syracuse, N.Y.: Syracuse University Press. ISBN 9780815629641. OCLC 50417236. 
  63. Hossain, Sara & Welchman, Lynn, eds. (2005). "Honour" : crimes, paradigms, and violence against women. London: Zed Books. ISBN 9781842776261. OCLC 323199980. 
  64. Greg Woolf (2007). Ancient civilizations: the illustrated guide to belief, mythology, and art. Barnes & Noble. p. 386. ISBN 978-1-4351-0121-0. 
  65. "The Civil Code: an Overview". www.napoleon-series.org. 
  66. "France: Penal Code of 1810". www.napoleon-series.org. 
  67. "Secular Islam – Center for Inquiry". www.centerforinquiry.net. Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2016. Consultado o 23 de abril de 2019. 
  68. http://digitalcollections.sit.edu/cgi/viewcontent.cgi?article=1427&context=isp_collection
  69. "Archived copy". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 7 de xaneiro de 2016. 
  70. Foblets, Marie-Claire; Renteln, Alison Dundes (2009-01-16). Bloomsbury Publishing, ed. Multicultural Jurisprudence: Comparative Perspectives on the Cultural Defense. ISBN 978-1-84731-481-9. 
  71. "UN probes Turkey 'forced suicide'". BBC News. 24 de maio de 2006. Consultado o 23 de decembro de 2013. 
  72. 72,0 72,1 Amnesty International.International Secretariat (2008). Iran: Human rights abuses against the Kurdish minority (Informe) (en inglés). London: Amnesty International Publications. 
  73. Kurdish Human Rights Project European Parliament Project: The Increase in Kurdish Women Committing Suicide Final Report "Archived copy" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de decembro de 2008. Consultado o 2008-12-18. 
  74. "United Nations Population Fund | Publications" (PDF). UNFPA. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de abril de 2009. Consultado o 2015-02-15. 
  75. "FAQ". Hbv-awareness.com. Consultado o 2015-02-15. 
  76. "Thousands of Women Killed for Family "Honor"". news.nationalgeographic.com. Consultado o 2016-07-19. 
  77. "Council of Europe Parliamentary Assembly". Consultado o 10 de xuño de 2016. 
  78. Chesler, Phyllis; Bloom, Nathan (2012-06-01). "Hindu vs. Muslim Honor Killings". Middle East Quarterly (en inglés). 
  79. 79,0 79,1 John Esposito (2011), What Everyone Needs to Know About Islam, p. 177. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-979413-3.
  80. 80,0 80,1 80,2 Mayell, Hillary (12 de febreiro de 2002). "Thousands of women killed for family "honor"". National Geographic News (National Geographic Society).  Pdf.
  81. "Islam QA Fatwa 101972: Ruling on honour killings". Consultado o 2 de decembro de 2014. Even if we assume that she deserves to be executed (if she was previously-married and committed zina), no one should do that but the ruler – as stated above. Moreover, in many cases killing is done on the basis of accusations and speculation, without proving whether the immoral action even took place. 
  82. Jonathan A.C. Brown, Misquoting Muhammad: The Challenge and Choices of Interpreting the Prophet's Legacy, Oneworld Publications (2014), p. 180
  83. 83,0 83,1 Matthew A. Goldstein (Setembro 2002). "The biological roots of heat-of-passion crimes and honor killings" (PDF). Politics and the Life Sciences. p. 29. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de setembro de 2012. Consultado o 21 de xullo de 2012. 
  84. 84,0 84,1 84,2 "Historical Overview" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2019. 
  85. "How the West should treat 'honor' killings". Reuters. 2012-02-03. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2014. Consultado o 20 de abril de 2015. 
  86. "Explainer: Why Is It So Hard To Stop 'Honor Killings'?". RadioFreeEurope/RadioLiberty. Consultado o 20 de abril de 2015. 
  87. "Honour Related Violence" (PDF) (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2019. 
  88. "Working towards the elimination of crimes against women committed in the name of honour" (PDF). Office of the United Nations High Commissioner for Human Rights. Consultado o 8 de febreiro de 2008. 
  89. "Abu-Ghanem women speak out against serial 'honor killings'". Haaretz. Consultado o 23 de febreiro de 2007. 
  90. "International Domestic Violence Issues". Sanctuary For Families. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2014. Consultado o 5 de decembro de 2011. 
  91. Mayell, Hillary (2002-02-12). "Thousands of Women Killed for Family "Honor"". National Geographic. Consultado o 8 de febreiro de 2008. 
  92. "Understanding and addressing violence against women" (PDF) (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2019. 
  93. "Femicide in Latin America" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2019. 
  94. "Thousands of Women Killed for Family "Honor"" (en inglés). Consultado o 29 de novembro de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • NDTV. [1] Arquivado 03 de xuño de 2013 en Wayback Machine.. Honour killing in delhi 4 Sep 2012.
  • Burke, Jason. The Guardian. Triple murder in India highlights increase in 'honour killings'. 25 de xuño de 2010.
  • Emery, James. Reputation is Everything: Honor Killing among the Palestinians. 2003.
  • "Jordan Parliament Supports Impunity for Honor Killing", Washington, D.C.: Human Rights Watch news release, xaneiro de 2000.
  • Burned Alive: A Victim of the Law of Men. (ISBN 0-446-53346-7) Alleged first-person account of Souad, a victim of an attempted honor killing. The authenticity of this work has been questioned, as it is based on a repressed memory report.
  • Schulze, Kirsten, Martin Stokes e Colm Campbell (1996) (eds.), Nationalism, Minorities and Diasporas: Identities and Rights in the Middle East (Londres: I.B. Tauris)
  • Tintori, Karen, 2007. Unto the Daughters: The Legacy of an Honor Killing in a Sicilian-American Family. St. Martin's Press.
  • Wikan, Unni, 2002. Gxaneirous Betrayal: Politics of Culture in the New Europe. University of Chicago Press.
  • Yavuz, Ercan. "Honor killings a misunderstood concept, study finds". Today's Zaman. 1 de agosto de 2010.
  • Sanghera, Jasvinder, 2009. "Daughters of shame"
  • Ercan, Selen A., 2014. 'Same Problem, Different Solutions: The Case of 'Honour Killing' in Germany and Britain', In: Gill, Aisha K., Carolyn Strange, e Karl Roberts, 'Honour' Killing and Violence. Theory, Policy and Practice, Londres: Palgrave Macmillan, pp. 199–218.
  • Ercan, Selen A., 2014. Dangerous silence: Debating 'honour killings'. Open Democracy, 1 de xullo de 2014.