Bruxaría
A bruxaría[1] é o grupo de crenzas, coñecementos prácticos e actividades atribuídos a certas persoas chamadas meigas (existe tamén a forma masculina, bruxos, aínda que é menos frecuente) que están supostamente dotadas de certas habilidades máxicas que empregan coa finalidade de causar dano.
A crenza na bruxaría é común en numerosas culturas dende a máis remota antigüidade, e as interpretacións do fenómeno varían significativamente dunha cultura a outra.[2] No Occidente cristián, a bruxaría relacionouse frecuentemente coa crenza no Diaño, especialmente durante a Idade Moderna, en que se desatou en Europa unha obsesión pola bruxaría que desembocou en numerosos procesos e execucións de meigas (o que se denomina «caza de bruxas»).[3][4] Algunhas teorías relacionan a bruxaría europea con antigas relixións pagás da fertilidade, aínda que ningunha delas puido ser demostrada. As meigas teñen unha grande importancia no folclore de moitas culturas, e forman parte da cultura popular.
Aínda que este é o concepto máis frecuente do termo «bruxa», dende o século XX o termo foi reivindicado por seitas ocultistas e relixións neopagás, como a Wicca, para designar a todas aquelas persoas que practican certo tipo de maxia, sexa esta maléfica (maxia negra) ou benéfica (maxia branca), ou ben ós adeptos dunha determinada relixión.[2][5] É considerada a bruxaría, unha forma de espiritismo.
Un uso máis extenso do termo emprégase para designar, en determinadas sociedades, ós magos ou xamáns.
Historia da bruxaría en Occidente
editarA Antigüidade clásica
editarNas antigas Grecia e Roma, estaba estendida a crenza na maxia. Porén, existía unha clara distinción entre distintos tipos de maxia segundo a súa intención. A maxia benéfica a miúdo realizábase publicamente, era considerada necesaria e mesmo existían funcionarios estatais, como os augures romanos, encargados desta actividade. En troques, a maxia realizada con fins maléficos era perseguida. Atribuíase xeralmente a maxia maléfica a feiticeiras (en latín maleficae), das que hai numerosas mencións en numerosos autores clásicos.
Segundo os textos clásicos, críase destas feiticeiras que tiñan a capacidade de transformarse en animais, que podían voar de noite e que practicaban a maxia tanto en proveito propio como por encargo de terceiras persoas. Dedicábanse preferentemente á maxia erótica, aínda que tamén eran capaces de provocar danos tales como doenzas ou treboadas. Reuníanse de noite, e consideraban como as súas protectoras e invocaban nos seus esconxuros a deusas como Hécate, Selene, Diana entre outras deidades.
Probablemente, as bruxas máis coñecidas da literatura clásica son dous personaxes mitolóxicos, Circe e Medea. As habilidades máxicas de ambas residen sobre todo no seu dominio das apócemas ou filtros máxicos (phármakon, en grego). Medea, que se presenta a si mesma como adoradora de Hécate, converteuse no arquetipo da feiticería nas literaturas grega e romana. Hai mencións de bruxas nas obras de Teócrito, Horacio, Ovidio, Apuleio, Lucano e Petronio, entre moitos outros. Estes autores fan especialmente referencia a bruxas que realizan maxia de tipo erótico.
Relacionada coa crenza grecorromana nas bruxas está a figura da estirxe, un animal nocturno que é metade paxaro metade ser humano que se alimenta de sangue (e que resulta tamén un precedente da moderna figura do vampiro).
Os escritores antigos foron a miúdo escépticos acerca das presuntas facultades das bruxas.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bruxaría.
- ↑ 2,0 2,1 Witchcraft in the Middle Ages, Jeffrey Russell, p.4-10.
- ↑ Jeffrey Burton Russell. "Witchcraft - Encyclopædia Britannica". Britannica.com. Consultado o 29 de xuño de 2013.
- ↑ Pócs 1999, pp. 9–12.
- ↑ Bengt Ankarloo & Stuart Clark, Witchcraft and Magic in Europe: Biblical and Pagan Societies", University of Philadelphia Press, 2001
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bruxaría |
Bibliografía
editar- Boyer, Paul and Stephen Nissenbaum, eds. The Salem Witchcraft Papers: Verbatim Transcripts of the Legal Documents of the Salem Witchcraft Outbreak of 1692, Volumes I and II. Nova York: De Capo Press, 1977.
- Gaskill, Malcolm. "Masculinity and Witchcraft in Seventeenth-century England." In Witchcraft and Masculinities in Early Modern Europe, edited by Alison Rowlands, 171-190. Nova York: Palgrave-McMillan, 2009.
- Gouges, Linnea de From Witch Hunts to Scientific Confidence; The Influence of British and Continental Currents on the Consolidation of the Scandinavian States during the 17th Century Nisus Publications, 2014.
- Hall, David, ed. Witch-hunting in Seventeenth-century New England: A Documentary History, 1638-1692. Boston: Northeastern University Press, 1991.