Lingua catalá

lingua románica
(Redirección desde «Catalá»)

O catalán[4], coñecido como valenciano no País Valenciano e no Carche, é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural.[5]

Catalán
Català / Valencià
Outros nomes:Valenciano
Falado en: Cataluña Cataluña
País Valenciano
Illas Baleares Illas Baleares
Aragón Franxa de Aragón
Murcia El Carche
Andorra Andorra
Francia Cataluña do Norte
Italia L'Alguer
Total de falantes: 10 047 102[1]
Posición: 75 (Ethnologue 2009)[2]
Familia: Indoeuropeo
 Itálico
  Románico
   Galoibérico
    Occitanorrománico
     Catalán
Status oficial
Lingua oficial de: Andorra. Cooficial en Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares e L'Alguer
Regulado por: Institut d'Estudis Catalans
Acadèmia Valenciana de la Llengua
Códigos de lingua
ISO 639-1: ca
ISO 639-2: cat
ISO 639-3: cat
SIL: CAT
Mapa

Status

O catalán está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[3]

É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.

Historia

editar
 
Mapa cronolóxico que amosa a evolución territorial das linguas do suroeste de Europa entre as que aparece o catalán.

As primeiras testemuñas de catalán escrito son do século IX, aínda que o primeiro documento considerado literario en catalán son as Homilies d'Organyà, do século XIII. Ata os séculos XVI e XVII, cando empeza o retroceso da lingua en favor do castelán, o catalán esténdese e a súa literatura é desenvolvida por autores como Ramon Llull (s.XIII-XIV), Ausiàs March e Joanot Martorell (s.XV).

O uso do catalán foi prohibido no Principado de Cataluña no campo oficial desde o Decreto de Nova Planta (1716), no País Valenciano (1707) e en Mallorca e Eivissa (1715). Na Cataluña Norte estaba prohibido desde 1700. Menorca pasou a soberanía británica en 1713. Estas prohibicións mantivéronse excepto durante a primeira e a segunda república nos territorios cataláns de España e ata a entrada dos diferentes estatutos de autonomía entre 1978 e 1983. Esta oficialidade é compartida co castelán en tódolos territorios.

O catalán foi a lingua habitual en parte do Reino de Murcia e na cidade de Cagliari, en Sardeña, ata o século XVIII. Durante o século XIX houbo importantes colonias de catalanofalantes en Florida e Alxeria, co dialecto extinto coñecido como patuet.

Características

editar

As seguintes características son algunhas das mutacións do latín que se foron facendo durante a consolidación do catalán, aínda que tamén se mostra outras características xerais.

Vocalismo

editar

Características comúns co grupo chamado galorrománico:

  • Caída das vogais átonas finais excepto -A (MURU, FLORE > mur, flor) que a opón ao grupo iberorrománico que conserva a vogal no primeiro caso (muro, pero non en flor/chor) ou italorrománico que o conserva todo (muro, fiore).

Características comúns co occitano:

  • O catalán presenta maior riqueza de ditongos: ([aj] mai -nunca-, [ej] ei -eh interxección-, [aw] cau -cae-, [ew] beu -bebe-, [ow] pou -pozo-, ...)

Características que o opón ao galorrománico:

  • Conservación do son -u- latino (catalán lluna, occitano luna ['lyno], francés lune ['lyn]).

Características que o opón ao occitano (de xeito xenérico):

  • Redución do ditongo AU a O aberto (CAULIS, PAUCU > col -col-, poc -pouco-).

Características do sur de Romania occidental:

  • O grupo -ACT- convértese en -ET (LACTE, FACTU > llet -leite-, fet -feito-)

Consonantismo

editar

Característica da Romania occidental:

  • Sonorización de -P-, -T-, -C- intervocálicos en -b-, -d-, -g- (CAPRA, CATENA, SECURU> cabra, cadena, segur)

Características comúns co conxunto chamado galorrománico:

  • Mantemento dos grupos iniciais PL, CL, FL- (PLICARE, CLAVE, FLORE> plegar, clau, flor). Esta característica opón o catalán ás linguas iberorrománicas (en castelán llegar, en galego/portugués chegar)
  • Como no francés e no occitano, prodúcese unha sonorización de fonemas xordos finais cando o primeiro fonema da seguinte palabra é unha vogal ou é unha consoante sonora. Estas sonorizacións afectan aos fonemas [s], [t], [p], [ʃ], [k] e [tʃ] converténdose en [z], [d], [b], [ʒ], [g] e [dʒ]. Exemplos (en pronunciación valenciá): "els homes" (os homes) [els] e [ɔmes] -> [el'zɔmes]; "peix bo" (peixe bo) [pejʃ] e [bɔ] -> [pejʒ'bɔ]; "blat bord" (trigo silvestre) [blat] e [boɾ(t)] -> [blad'boɾ(t)].

Características comúns co occitano (lenguadociano máis precisamente)

  • Caída de -N intervocálico convertido en final no léxico (PANE, VINU> pa -pan-, vi -viño-). A diferenza do lenguadociano, o plural conserva este [n] (ex: pans, vins) excepto nalgunhas falas setentrionais.
  • Enxordecemento das consoantes finais: verd [t], àrab [p]...

Características específicas:

A característica máis peculiar do catalán é o seguinte que case non se atopa en ningunha outra variedade da Romania:

  • -D- intervocálico convertido a final pasa a -u (PEDE, CREDIT > peu -pé-, (ell) creu -cre-)
  • -C e, i, final > -u (CRUCEM > creu -cruz-)
  • As terminacións -TIS na flexión verbal (2a persoa do plural) derivaron a -u (Exemplo: mirades. MIRATIS > *miratz > *mirau > mirau/mireu.

Outras características, tamén orixinais, teñen unha extensión superior ás linguas románicas.

  • Redución dos grupos consonánticos -MB-, -ND-> -m-, -n- (CAMBA, CUMBA, MANDAR, BINDA> cama -ant. cama, perna-, coma -coma-, manar -mandar-, bena -venda-), característica compartida co occitano gascón e o lenguadociano meridional.
  • Palatalización do L- inicial (LUNA, LEGE> lluna -lúa-, llei -lei-). Esta característica atópase no foixeño (occitano) e na zona astur-leonesa.
  • Palatalización do grupo -NN- (ANNUS > any -ano-, CANNA> canya -cana-), característica compartida co castelán.
  • Palatalización de -is- procedente de -X-, SC- (COXA, PISCE> cuixa -coxa-, peix -peixe-)
  • Mantemento de africadas protorrománicas de J, G e, i (JACTARE, GELARE> gitar -deitar-, gelar -xear-)
  • Presenza de xeminadas: setmana [mm], cotna [nn], espatlla [ʎʎ] (ou espatla [ll]), intel·ligent [ll]. Estas só son comúns ao occitano e ás variedades itálicas.

Morfoloxía

editar
  • Unha parte do catalán (Baleares, Costa xerundense) conservou o artigo chamado "salat" (< latín IPSE), probablemente anterior á forma derivada de ILLE. Esta forma de artigo só se conservou de xeito dominante no sardo e está en perigo, se non desapareceu, nalgunhas áreas da Provenza e de Sicilia.
  • Os artigos máis usuais (e normativos) son el, la, els, lles (agora ben, en falas occidentais, no norte de Castelló e no alguerés perduran aínda as formas masculinas lo, los).
  • Contrariamente ás variedades iberorrománicas, o catalán practica certas elisións. Algunhas se escriben, como o home > l'home, e outras son orais: "quinze anys" [kin'zaɲs]
  • O feminino plural fórmase con "-es" (casa > cases)
  • Existe a formación do pretérito mediante perífrases cunha conxugación especial do presente do verbo "anar" -ir-.

Léxico

editar

O léxico básico catalán parece demostrar máis afinidades co grupo galorrománico que co iberorrománico. Estas similitudes son máis claras co occitano.

  • FENESTRA > finestra (oc. fenèstra/finèstra, fr. fenêtre, it. finestra) e VENTU- > ventana (esp.), JANUELLA > janela (port.)
  • MANDUCARE > menjar (oc. manjar, fr. manger, it. mangiare) e COMEDERE > comer (esp., gl., port.)
  • MATUTINU- > matí (oc. matin, fr. matin/matinée, it. mattino/mattina) e HORA MANEANA > mañana (esp.), amanhã (port.)
  • PARABOLARE > parlar (oc. parlar, fr. parler, it. parlare) e FABULARE > hablar (esp.), falar (gl. e port.)
  • TABULA > taula (oc. taula, fr. table, it. tavola) e MENSA > mesa (esp., gl. e port.).

Sistema de escritura

editar

O seu alfabeto, derivado do latino, consta de 26 letras. O sistema de escritura tamén presenta certas características particulares. O catalán presenta unha característica única, a escritura do -l- xeminada: -l·l- (como en intel·ligent -intelixente-). A outra característica é o -ny- [ɲ] (equivalente ao "ñ") que só se atopa de xeito xeral no húngaro. Tamén cabe comentar a grafía -ig [tʃ] representada en poucas palabras (como faig -fago-, maig -maio-, mig -medio-, puig -monte-, raig -raio-, roig -vermello-, vaig -vou-, veig -vexo-) ou o "t consoante" para a representación de consoantes dobres con: tm, tn, tl, tll, ou africación: tg i tj (setmana, cotna, atles, bitllet, jutge, platja).

Gramática

editar

Os substantivos e adxectivos cataláns declínanse en xénero e número. Os substantivos pertencen ao xénero masculino, cos indefinidos un/uns, ou feminino, coas formas una/unes. Igual que os determinantes, os adxectivos deben concordar en xénero e número co substantivo que acompañan. Por exemplo, o sintagma el gat petit (o gato pequeno) pode flexionarse da seguinte maneira:

Singular Plural
Masculino el gat petit els gats petits
Feminino la gata petita les gates petites

No caso dos substantivos que poden ir en masculino ou feminino, o feminino fórmase habitualmente engadindo o sufixo -a á forma masculina; por exemplo, gat/gata ou nen/nena. Con todo, tamén hai numerosos subtantivos que presentan unha forma diferente para o masculino e feminino (home/dona, bou/vaca), que forman o feminino de forma especial (emperador/emperadriu, metge/metgessa) ou que teñen a mesma forma para o masculino e o feminino (estudiant, portaveu). Nalguns poucos casos especiais, un substantivo pode cambiar de xénero se cambia de número. Por exemplo, l'art paleocristià e les belles arts.

Variedades dialectais

editar

Do mesmo xeito que as demais linguas románicas da Península, o catalán é notable pola súa uniformidade e as variantes dialectais non son demasiado diverxentes nin comprometen a comprensión mutua. A división dialectal usada actualmente é a que Manuel Milà i Fontanals propuxo xa no ano 1861: o bloque dialectal oriental (que inclúe os dialectos central, insulares e de Francia) e o bloque dialectal occidental (que inclúe o valenciano e o noroccidental). Pero ata entre estes grandes grupos a diferenza é pequena, e as discrepancias afectan máis ben á fonética (as vogais non acentuadas), que xa que logo non se reflicten na escritura, e a pequenas variantes morfolóxicas e léxicas.

Os bloques dialectais non se poden delimitar con exactitude porque entre un e outro sempre hai unha franxa de transición, máis ou menos ampla (excepto nos insulares, obviamente). Ademais, ningún bloque é totalmente uniforme: calquera dos que hai pódense dividir en varios dialectos. Aténdose a iso, a lingua catalá pódese dividir en dous bloques dialectais e en subdialectos:

BLOQUE OCCIDENTAL

 

BLOQUE ORIENTAL

Estándares do catalán

editar

Existen dous estándares principais para a lingua catalá, o regulado polo Institut d'Estudis Catalans, o estándar xeral, tendo como centro a ortografía establecida por Pompeu Fabra coas características do catalán central máis a proximado ao de Barcelona, non influenciado polo castelán, e o regulado pola Acadèmia Valenciana de la Llengua, estándar de ámbito restrinxido, centrado na estandarización do valenciano tomando como base as Normas de Castelló, ou sexa, a ortografía de Pompeu Fabra pero máis adaptada á pronuncia do catalán occidental e ás características dos dialectos valencianos.

O estándar do IEC, a parte de ter como base as características do catalán central, toma tamén características doutros dialectos considerándoos como estándar. Aínda así, a diferenza máis notable de ambos os estándares é a acentuación de moitas "e" tónicas, por exemplo: francès ou anglès (IEC) - francés ou anglés (AVL), cafè (IEC) - café (AVL), conèixer (IEC) - conéixer, comprèn (IEC) - comprén (AVL) (inglés, francés, café, coñecer, comprende). Iso é debido á diferente pronuncia dalgunhas "e" tónicas, en ambos os bloques do catalán (no bloque oriental pronúncianse e aberto [ɛ] e ao occidental pronúncianse pechado [e]). A pesar disto, o estándar da AVL mantén o acento aberto "è", sen pronunciarse aberto no bloque occidental, nalgunhas palabras como son: què, València, èter, sèsam, sèrie e època.

Tamén hai outras diverxencias como o uso de tl nalgunhas palabras pola AVL no canto de tll como en ametla/ametlla (améndoa), espatla/espatlla (costas) ou butla/butlla (bula), o uso dos determinantes demostrativos elididos (este, eixe) do mesmo xeito que os reforzados (aquest, aqueix) ou o uso de moitas formas verbais comúns no valenciano, e moitas delas estendidas polo bloque occidental, como as formas do subxuntivo ou a escritura dos incoativos tanto con -ix- como con -eix- ou o uso preferente do morfema -e da 1a persoa singular do presente de indicativo na 1a conxugación (-ar), xa que as outras conxugacións o morfema é -ø: "jo compre", "jo tem", "jo dorm".

Nas Illas Baleares úsase o estándar do IEC adaptado ao marco dialectal pola sección filológica da Universidade das Illas Baleares, o órgano consultivo do Goberno balear. Deste xeito, por exemplo, o IEC indica que tanto é correcto escribir "cantam" como "cantem" (cantamos) e a Universidade determina que a forma preferente nas Illas ten que ser "cantam" ata nos ámbitos formais. Outra característica do estándar balear é a escritura da 1a persoa do singular do presente de indicativo, onde non hai desinencia: "jo cant" (eu canto), "jo tem" (eu temo), "jo dorm" (eu durmo).

No Alguer, o IEC adaptou o estándar ao variedade algueresa. Neste estándar pódese atopar, entre outras características, o artigo lo de uso xeral, posesivos especiais la mia, lo sou/la sua, lo tou/la tua etc., uso da -v- ao pretérito imperfecto en todas as conxugacións: cantava (cantaba), creixiva (crecía), llegiva (lía); uso de moitas palabras de carácter arcaico de uso moi corrente no alguerés: manco por menys (menos), calqui u por algú (alguén), qual/quala por quin/quina (cal) etc. e adaptacións dos pronombres clíticos.

Desenvolvemento histórico

editar

Como en todas as linguas romances, o cambio do latín vulgar ao catalán foi gradual e non é posible determinar en que momento comeza. Segundo Coromines, os trocos máis radicais deberon producirse nos séculos VII e VIII, pero é difícil sabelo con precisión porque os textos escribíanse exclusivamente nun latín artificioso, alleo á lingua de uso. Xa no século IX e sobre todo nos séculos X e XI, aparecen palabras e ata frases enteiras intercaladas en algo que xa se pode denominar catalán. Desde 1150 hai xa numerosos documentos escritos e cara a finais do século XII aparece o primeiro texto literario coñecido, as Homilies d'Organyà, un fragmento dunha colección de sermóns.

O catalán xorde a ambos os dous lados dos Pireneos (condados do Rosellón, Empúries, Besalú, a Cerdanya, Urgell, Pallars e Ribagorça) e estendeuse cara ao sur durante a Reconquista en varias fases: Barcelona e Tarragona, Lleida e Tortosa, o antigo Reino de Valencia, as Illas Baleares e Alguer.

Falantes no mundo

editar
Territorios onde a lingua ten status oficial
Territorio Enténdena Saben falala
Cataluña 6 502 880 5 698 400
País Valenciano 3 448 368 2 407 951
Illas Baleares 852.780 706.065
Andorra 62.013 57.395
Alguer 34.525 26.000
Total 10 900 566 8 895 811
Territorios onde a lingua non ten status oficial
Territorio Enténdena Saben falala
Cataluña do Norte 256.583 145.777
Franxa de Aragón 50.406 49.398
El Carche Sen datos Sen datos
Resto do mundo 350.000 350.000
Total 656.989 545.175
Total
Territorio Enténdena Saben falala
Países Cataláns 11 207 555 9 090 986
Resto do mundo 350.000 350.000
Total 11 557 555 9 440 986

Breve vocabulario

editar
  • Ola: "Hola"
  • Bo día: "Bon dia"
  • Bo serán: "Bona tarda" ou "Bona vesprada"
  • Boa noite: "Bona nit"
  • Hoxe: "Avui" ou "Hui" en valenciano
  • Adeus: "Adéu"
  • Deica logo: "Fins després"
  • Por favor: "Si us plau" ou "Per favor"
  • Perdón: "Perdó"
  • Grazas: "Mercès" ou "Gràcies"
  • De nada: "De res"
  • Si: "Sí"
  • Non: "No"
  • Non entendo: "No ho entenc"
  • Non fumar: "No fumeu"
  • Gato: "Gat" ou "Moix" en balear
  • Can: "Gos" ou "Ca" en balear
  • Rúa: "Carrer"
  • Festa: "Festa"
  • Parabéns: "Felicitats"
  • Nai: "Mare"
  • Pai: "Pare"
  1. Informe CAT. 50 dades sobre la llengua catalana, informe de abril de 2016 elaborado por Plataforma per la Llengua (en catalán) (páx. 5)
  2. ethnologue.com (ed.). "Catalan-Valencian-Balear. Ethnologue 2009 - Report for language". Ethnologue - Languages of the World. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2014. Consultado o 23 de setembro de 2014. 
  3. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para catalán.
  5. Els Països Catalans Arquivado 01 de xullo de 2010 en Wayback Machine. en Enciclopèdia.cat (en catalán)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar