Catalán na Franxa de Aragón

A lingua catalá é o que define a propia existencia da Franxa de Aragón, o territorio de Aragón onde o catalán é a lingua propia, historicamente a lingua de uso habitual. O castelán, a lingua oficial, era a lingua de uso habitual dunha pequena minoría constituída por membros de profesións liberais e da funcionarios da administración central non nacidos na zona, a imnigración procedente de terras de lingua castelá tan só tiña importancia en Fraga, así e todo o castelán era a única lingua empregada nos ámbitos formais e escritos, mantendo hoxe o seu predominio fronte ao catalán.

Historia editar

O catalán era xunto ao aragonés e o castelán unha das linguas nas que se redactaba a documentación administrativa no Aragón medieval, e de feito o uso do catalán nos documentos oficiais e eclesiásticos mantívose ata o século XVII nas comarcas de lingua catalá pero acabou por ser totalmente substituído polo castelán. A Renaixença non tivo repercusión no Aragón oriental. A partir dos anos sesenta do século XX a emigración cara ás zonas industrializadas de Cataluña comeza a ser significativa e ao tempo comeza a xurdir unha elite cultural formada nas universidades españolas, nestes dous grupos van ser onde xurdan as primeiras voces de defensa da lingua catalá da zona animados polos procesos de normalización lingüística que se producen en Cataluña e en menor medina na Comunidade Valenciana despois da desaparición do franquismo.

O 1 de febreiro de 1984 xuntáronse en Mequinenza alcaldes e concelleiros da Franxa e deron a coñecer a Declaración de Mequinenza, nela recoñecían a lingua catalá como a do territorio, rexeitaban denominacións despectivas e contrarias á unidade da lingua catalá como xapurreau, reclamaban medidas de normalización do uso e ensino do catalán e comprometíanse a fomentar o seu uso nos seus concellos.

Marco xurídico editar

No primeiro Estatuto de Autonomía de Aragón (1982) o catalán, como o aragonés, non se mencionaba, tan só no artigo sete establecía unha protección para as modalidades lingüísticas de Aragón como elementos integrantes do seu patrimonio cultural e histórico e no trinta e cinco outorga a Aragón competencias para velar pola súa conservación e promover o seu estudo. A reforma do ano 1996 engade á redacción do artigo sete a palabra Linguas, pero segue sen as establecer. Así e todo garántese o seu ensino e remite a unha futura Lei de linguas que polo de agora non se promulgou. A lei de patrimonio cultural aragónés de 1999 cualifica o catalán de lingua minoritaria de Aragón

Ensino editar

O catalán entrou no sistema educativo aragonés como materia optativa no curso 1984-1985, despois da Declaración de Mequinenza o goberno aragonés atendeu as súas reivindicacións para levar o catalán ao ensino nos concellos de lingua catalá. As clases consistían en tres clases semanais dunha hora en doce centros escolares. En 1998-1999 eran 40 centros de 30 concellos, 26 profesores daban clases de catalán a 3.200 alumnos.

Notas editar

  • Bada Panillo, José R. El debat del català a Aragó. Calcaicet, 1990
  • Espluga, Josep e Capdevila, Arantxa. Franja, frontera i llengua. Conflictes d'identitats als pobles que parlen català. Lleida, 1995
  • Mort, Hèctor. Indagacions sobre llengua i literatura catalanes a l'Aragó. Calcaicet. 1998