Cataluña do Norte

A Cataluña do Norte ou Cataluña Norte (en catalán: Catalunya Nord; en francés: Catalogne Nord) é a zona do sur de Francia histórica e culturalmente catalá e separada do resto de Cataluña en virtude do tratado dos Pireneos (o 7 de novembro de 1659). O inventor do termo Cataluña do Norte foi Alfons Mias nos anos 1930[1].

Modelo:Xeografía políticaCataluña do Norte
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°38′N 2°40′L / 42.63, 2.67
EstadoFrancia
Divisións administrativasFrancia Metropolitana
RexiónsOccitania
DepartamentoPireneos Orientais Editar o valor en Wikidata
CapitalPerpiñán Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación483.380 (2023) Editar o valor en Wikidata (117,44 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie4.116 km² Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Xefe do gobernoHermeline Malherbe Editar o valor en Wikidata

O 10 de decembro do 2007 o Consello Xeral dos Pireneos Orientais aprobou a oficialidade do catalán, xunto co francés.[2]

Xeografía

editar

A denominación comprende as comarcas históricas de Rosselló, Conflent, Vallespir, Capcir e o norte da Cerdanya, coñecida como Alta Cerdanya para diferenciala da comarca catalá. A Fenolleda, a pesar de ser maioritariamente occitana, inclúese habitualmente na definición de Cataluña do Norte polas súas relacións xeográficas e administrativas co Rosselló. Con 426.000 habitantes, representa un 3,1% da poboación total dos Países Cataláns.

Actualmente estas comarcas constitúen o departamento francés dos Pireneos Orientais (Pyrénées Orientales en francés), o cal se engloba dentro da rexión do Languedoc-Rosellón.

Historia

editar

A orixe da Casa de Barcelona, que tras entroncar coa casa real aragonesa chegaría a reinar sobre toda a Coroa de Aragón, iniciouse nesta zona. Guilfredo o Velloso (Guilfredo I de Barcelona), o primeiro conde de Barcelona que obtivo o dereito de legar lexitimamente os condados aos seus fillos, era natural da aldea de Rià (antigamente Arrià), situado na vila de Prades (Prada de Conflent en catalán), capital histórica do condado do Conflent.

No marco da Guerra dos Trinta Anos, o malestar que xeraba na sociedade catalá a presenza de tropas, fundamentalmente castelás, provoca a sublevación dos campesiños inicialmente contra os terzos e os funcionarios reais para logo xeralizarse contra todos os facendados e nobres situados preto da administración. Finalmente derivou nunha revolta de empobrecidos campesiños contra a nobreza e ricos das cidades que tamén foron atacados. Conscientes da súa incapacidade de reducir a revolta e as súas limitacións para dirixir un estado independente, a oligarquía catalá alíase co inimigo de Filipe IV: Lois XIII

Tras a firma da Paz de Westfalia tamén coñecida coma os Tratados de Münster e Osnabrück que recoñecían as Provincias Unidas Holandesas e a Confederación Suíza. O tratado dos Pireneos pon fin ao conflito entre a coroa española e francesa, concertándose a Francia a cesión entre outros do condado do Rosselló e unha parte do da Cerdanya, todos eles situados na vertente setentrional dos Pireneos e que as tropas francesas ocuparan en apoio dos sublevados cataláns.

A nova administración francesa deu ao territorio o nome de provincia do Rosselló. En 1790, cando tras a Revolución Francesa, a Asemblea Nacional decidiu dividir todo o reino en departamentos e suprimir as antigas provincias, a antiga provincia do Rosellón quedou englobada no departamento dos Pireneos Orientais.

Lingua

editar

O real decreto francés de Lois XIV do 2 de abril do 1700, con data de aplicación de 1 de maio do mesmo ano, prohibiu o uso da lingua catalá en documentos oficiais, notariais e doutro tipo, baixo pena de invalidar o contido. Desde entón, o francés continúa sendo a única lingua oficial, e a única que se utiliza no ensino público.

Os últimos datos sociolingüísticos dos que dispón a Generalitat de Cataluña[3] (2004) reflicten que o francés é a lingua maioritaria no Rosselló, cunha presenza minoritaria do catalán. Habitualmente fala francés o 92% da poboación, catalán o 3,5%, ambos os idiomas un 1% e o 3,5% fala outras linguas.

En canto a usos lingüísticos en diversos ámbitos cómpre sinalar que o 80,5% dos nados no Rosselló falan unicamente francés no ámbito familiar en contraposición cun 17,3% no que o catalán está presente. Ademais, o ámbito do uso do catalán redúcese cada vez máis nas novas xeracións e nos inmigrantes. O 40,6% dos avós nacidos no Rosselló falan en catalán coa súa parella, un 9,2% usan catalán e francés, un 12,0% usa o castelán e un 27,2% o francés. Pola contra, só un 6,3% dos estudantes do Rosselló falan en catalán entre eles e un 0,5% faino cando vai ao médico. Con todo, a conciencia lingüística non diminuíu e un 62,9% dos habitantes do Rosselló cre que os nenos deberían aprender catalán.[Cómpre referencia]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2007. Consultado o 23 de xaneiro de 2009. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2008. Consultado o 23 de xaneiro de 2009. 
  3. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de abril de 2012. Consultado o 23 de xaneiro de 2009.