Alonso Escudero López

empresario español

Alonso Escudero López, nado en Mombuey (provincia de Zamora) o 5 de agosto de 1867[1] e finado en Madrid o 13 de maio de 1954[2], foi un comerciante de tecidos e empresario que estivo radicado uns anos na Coruña, participando durante ese tempo notablemente na súa vida social e económica. Foi empregado e socio da compostelá Casa de Simeón García, participando no establecemento e desenvolvemento desta compañía en Madrid.

Infotaula de personaAlonso Escudero López

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento5 de agosto de 1867 Editar o valor em Wikidata
Mombuey, España Editar o valor em Wikidata
Morte13 de maio de 1954 Editar o valor em Wikidata (86 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Orixe familiar e comezos na Casa de Simeón García editar

 
Igrexa da Asunción, en Mombuey.

Fillo de Marcelino Escudero, veterinario da localidade zamorana de Mombuey[3], e Teresa López, foi irmán de Socorro, Teresa, Josefa e César[4] Escudero López.

Por intercesión dun familiar, Alonso Escudero trasladouse moi novo, apenas completados os estudos primarios, a Vilagarcía de Arousa para comezar a traballar como mozo en varias tendas desta localidade[5]. Aquí estivo ao longo de tres anos[6][7] (aproximadamente entre 1882 e 1884). Nese ano de 1884, ingresou na compañía compostelá Simeón García y Compañía, onde despois de seis meses pasou a traballar de viaxante da empresa, posto no que se mantivo durante catorce anos (ata cerca de 1898)[8] e logo despois de mercador, o que lle levou a coñecer diversos lugares da España industrial. Entre tanto, Simeón García y Cª abriu en 1884 a súa delegación na Coruña e invitou a Alonso Escudero a ser socio dela (que entre 1895 e 1906 se chamou Viuda e Hijos de Simeón García SRC[9]). Os socios deste establecemento coruñés, ademais da sociedade compostelá (que achegou 600 mil reais) e o propio Escudero (que achegou 50 mil reais), foron Manuel Vega Fernández (outros 50 mil), Valeriano Zurita Bartolomé e Antonio González González[10] (que, aínda que non prestaron capital nun principio, si que recibían un dez por cento dos beneficios, mentres fosen dependentes do comercio), constituíndose perante o notario Jesús Fernández Suárez o 4 de maio de 1884[11]. Esta delegación dedicouse como a casa matriz "ao comercio de tecidos de la, seda, algodón e outros xéneros españois e estranxeiros", pero "non contou con sección bancaria"[12]. En 1907 a compañía mudou de nome, dando plena identidade á delegación coruñesa, que pasou a denominarse Hijos de Simeón García SRC, La Coruña[13], da que o propio Escudero foi socio fundador. En xaneiro de 1917 faleceu o seu co-socio en Hijos de Simeón García SRC, La Coruña, Valeriano Zurita, que ingresou na firma como socio capitalista en 1889, cando aínda se chamaba Simeón García y Compañía[14]. En outubro de 1924 faleceu o outro socio capitalista, Manuel Vega[15].

Sobre 1899 Alonso chamou ao seu carón ao seu irmán César, cando este apenas contaba 14 anos de idade, coa intención de formalo nos segredos do comercio local e de que estudase na Escola de Comercio da Coruña[3].

Negocios paralelos na Coruña editar

As súas responsabilidades como apoderado da firma de Simeón García non lle impediron a Alonso desenvolver novos negocios á marxe da compañía compostelá. Así, ao comezo dos anos 20 formou a sociedade Escudero y Rodríguez S.L., que en novembro de 1921 adquiriu a Eulogio Losada o comercio de tecidos La Verdad, situado nos números 4 e 6 da rúa de Bailén[16], lugar onde se situou a sede social[17]. O seu socio, de apelido Rodríguez, probablemente foi o seu concuñado, marido de Josefina Caamaño Font (irmá da súa muller, Corona), quen faleceu antes de 1923[18]. Escudero rexentou este negocio longo tempo, incluso cando xa non residía na Coruña, aínda que consta que en 1930 a representación a levaba un tal Inocencio Escudero, sen dúbida familiar de Alonso, senón incluso un dos seus irmáns. Este establecemento aínda existía en 1936[19], pero levaba anos dando perdas, tal como se extrae do estudo de Jesús Mirás[20].

Por outra banda, o seu irmán César e mais Manuel Vega Ayala, fixéronse cargo en maio de 1920 dos almacéns coruñeses "Nuevo Mundo"[21], situados nos números 41 e 43 da rúa de San Andrés, que eran propiedade da Casa de Simeón García e funcionaban como unha marca alternativa e sucursal da principal. Substituíu no cargo aos irmáns Pérez Escudero (cos que probablemente estaba emparentado), que foron apartados pola dirección compostelá.

Xerencia da Casa Simeón en Madrid editar

En 1908 o comerciante catalán Ignacio Colomer Vigo fundou unha sociedade con Salvador e Ramón Montan Colomer que se chamou Ignacio Colomer y Montan hermanos, dedicada á venda de tecidos por xunto e polo miúdo, establecéndose en Madrid[22]. Para tal efecto, mercaron un inmoble no número 4 (triplicado) da rúa de Atocha, no que situaron os seus almacéns, que reformaron en 1919[23]. Quince anos despois do seu establecemento, en abril de 1923, Hijos de Simeón García y Compañía adquiriu os almacéns e as súas existencias a Colomer[24], asinando o acordo en Barcelona. Para levar adiante esta nova sucursal da Casa Simeón (a duodécima sede en España desta firma nese momento), creouse unha nova sociedade nese mesmo ano que se chamou Hijos de Simeón García SRC, Madrid, da que pasaron a formar parte como xerentes Manuel García Blanco (pola sede central), José Codina Nieto (procedente da sede de Vigo) e, tamén na condición de director do establecemento, Alonso Escudero[25][26]. O capital inicial desta empresa ascendeu a 1.750.000 pesetas[27], aínda que en 1930 xa acadaba os tres millóns[28]. A partir deste momento, Escudero deu comezo a un período no que compaxinou o arranque dos novos almacéns madrileños coa xestión dos coruñeses, realizando frecuentes viaxes nunha e outra dirección. En calquera caso, rematou por tomar a decisión de trasladarse a Madrid para vivir coa súa dona ao pouco, como o demostra o feito de ter viaxado con ela á capital en agosto[29] sen dúbida para elixir morada. Finalmente, Escudero rematou por desenvolver o resto da súa carreira profesional en Madrid, como socio da compañía compostelá[13].

Aos almacéns na rúa de Atocha 4-triplicado (de venda de tecidos por xunto), engadíronse outras dúas tendas de vendas polo miúdo en Madrid (probablemente por asociación) na rúa Policarpo Sanz (que era o almacén de paquetería e quincalla) e no número 4 da Puerta del Sol (que era o almacén de tecidos e calzado), que funcionaban xa en xullo de 1923[30].

Os Almacenes Simeón na Praza do Anxo editar

 
Almacenes Simeón na prlaza del Ángel, Madrid (act. Hotel Reina Victoria).

O éxito acadado polos novos almacéns de Madrid, animaron a Escudero a ampliar as instalacións, buscando un novo inmoble onde situarse, atopándoo apenas a 350 metros, no número 8 da praza do Anxo (castelán: plaza del Ángel), facendo esquina coa praza de Santa Ana. Ata 1919 alí atopábase o palacio dos Condes de Montijo[31], que nese momento albergaba o Casino Militar[32]. Poucos anos antes, Miguel Castañer Solá[33] (propietario duns grandes almacéns de "xéneros de punto" establecidos nos números 13 e 14 da mesma praza do Anxo, e socio de Castañer y Marín S. en C.) chegou a un acordo cos hoteleiros Rafael Ruiz Alfaro e Diego Cáceres Antúnez para a construción dun novo edificio que compartirían, quedándolle a el a entreplanta, a planta baixa e o soto, mentres que o resto do edificio sería un hotel. Encargóuselle o deseño ao arquitecto modernista Jesús Carrasco-Muñoz Encina[34], tendo un custo aproximado de cinco millóns de pesetas[35], dando comezo as obras en 1919, despois de acumular un notable atraso polo conflito que xurdiu co Concello de Madrid debido á altura do inmoble, que excedía o permitido nas Ordenanzas Municipais[36]. O remate da construción produciuse en 1921[37] e o edificio foi ocupado polos Grandes Almacenes Castañer sobre marzo de 1922[38], mentres que o Gran Hotel Reina Victoria, que ocupaba a primeira planta e seguintes, foi inaugurado en marzo de 1923[39]. O inmoble foi coñecido desde ese momento como o Hotel Reina Victoria ou, durante o período republicano, como o Hotel Victoria, aínda que tamén foi coñecido durante un breve tempo como Almacenes Castañer e, logo, como Almacenes Simeón. Os almacéns ocupaban uns 5.000 m² de superficie e dispuñan de 12 escaparates[40]. Entre as novidades de deseño que atraían máis público estivo a instalación dun potente sistema de calefacción, que invitaba ao potencial cliente a demorar máis tempo no comercio e, polo tanto, a mercar máis[41]. Porén, a pesar da súa notable popularidade, Castañer tomou a decisión de desfacerse dos almacéns e, inicialmente, quixo alugalos[42], ata que ao final en setembro fíxose público o acordo da súa venda a Hijos de Simeón García[43][44][45], representada por Alonso Escudero. Deseguido anunciouse a liquidación das existencias de Castañer[46], que deron comezo o 5 de outubro[40][47], permanecendo iluminados os escaparates polas noites para atraer o público e liquidando os artigos a uns prezos esaxeradamente baixos, nunha nova estratexia comercial[36]. Nesta decisión de Castañer ben puideron influír motivacións persoais, como o falecemento da súa dona ao principio do proceso de construción[48], ou ben o accidente de tráfico que sufriu o seu fillo e no que morreu un rapaz[49], ou ben unha enfermidade, porque apenas un ano despois Miguel Castañer faleceu[50]. As existencias rematáronse a principios de 1926, dando comezo a andaina dos novos almacéns galegos.

Rapidamente os novos Almacenes Simeón convertéronse nos almacéns de tecidos máis importantes de Madrid, sobre todo debido aos seus vistosos escaparates[51], nunha das denominadas por Crossick e Jaumain catedrais do consumo moderno[52]. A súa estratexia comercial baseouse na oferta de pezas de moda a baixo prezo, producidas en serie, nun primeiro indicio do que sería a moda prêt-à-porter ou ready to wear. Ademais, o establecemento contaba con seccións específicas de xéneros (seda, punto...) e, desde 1927, de moda para muller[53]. Outras promocións comerciais nas que estes almacéns destacaron foron, por exemplo, aquela pola que se deu durante unha semana a todos os clientes un agasallo, conmemorando o quinto aniversario da inauguración, en 1930; ou aqueloutra na que, pola merca dun xabón, regalaban en 1926 unha participación da Lotería do Nadal[54]. Tamén foi un dos primeiros establecementos madrileños en empregar para a súa iluminación as luces de neon e os rótulos luminosos, como reclamo publicitario[55].

Foi precisamente na praza de Santa Ana, cara á que os Almacenes Simeón se orientaban, onde en maio de 1950 tres dos socios madrileños obtiveron permiso para abrir unha sucursal bancaria de Hijos de Simeón García[28], expandindo deste xeito o negocio bancario ao maior mercado español.

Alonso Escudero permaneceu dirixindo os almacéns madrileños ata tres meses antes do seu pasamento, que se produciu o 13 de maio de 1954, despois de desenvolver máis de setenta anos de actividade profesional para a mesma empresa[6].

Vida social e política editar

A súa integración nas entidades e grupos de presión da sociedade coruñesa produciuse tempo despois da súa chegada á cidade. Consta que pertenceu como vogal á xunta directiva elixida o 2 de marzo de 1913 da Liga de Amigos da Coruña[56], cargo no que foi renovado ao ano seguinte[57].

A pesar da súa case que nula formación académica, a súa experiencia nos negocios foille labrando un nome na xestión de recursos, ata o punto de que foi considerado un experto no tema das facendas locais. Debido a isto, foi invitado a participar nas conferencias da Tercera Semana Municipal, en xullo de 1917, organizadas pola Escola de Funcionarios da Administración Local de Barcelona[58]. En 1918, o propio Concello da Coruña, sen dúbida tendo en conta a súa veciñanza na nova área de expansión da cidade, designouno para formar parte da Comisión Especial do Ensanche coruñés[59], da que anos despois volveu a pertencer por sorteo, en outubro de 1923[60]. Debido á súa pertenza ao grupo dos maiores contribuíntes da cidade por mor dos seus diversos negocios, incluíuno no Comité de Fomento do Traballo, que pretendía dar solucións á crise de emprego que desolaba a cidade[61][62][63]. A finais deste mesmo ano, viuse igualmente incluído na Comisión Local de Abastecemento de Pan, que trataba de dar resposta ao deficiente abastecemento deste alimento básico que se abatía sobre a cidadanía[64][65]. Como se pode ver, eran asuntos de orde social, derivados da crise económica que nese momento vivía o país. Tamén a partir de 1921, pasou a formar parte da Comisión de Festas do Concello da Coruña[66].

En febreiro de 1921 foi elixido vogal da Cámara de Comercio da Coruña[67][68] e en xuño da Xunta de Obras do Porto da Coruña[69]. Tamén foi vice-presidente da sociedade chamada Reunión de Artesáns da Coruña ata xaneiro de 1922[70] en que foi substituído no cargo por Santiago Casares Quiroga.

Entre marzo e abril de 1922 fixo unha viaxe por diferentes feiras centroeuropeas, acompañando a unha delegación coruñesa, que o levaron por París, Berlín, Leipzig, Viena e Xénova. As impresións desta viaxe foinas publicando nunha serie de catro reportaxes no xornal coruñés El Ideal Gallego, que foi enviando a medida que ía avanzando[71][72][73][74]. A derradeira reportaxe escribiuna no orixinal en italiano o que dá conta da formación que ao longo dos anos foi acadando.

Un tema no que estivo fortemente comprometido foi no desenvolvemento do Parque dos Muíños de Santa Margarida (que se ía situar no que actualmente é o Parque de Santa Margarida)[75], chegando a formar parte dunha comisión da que en ocasións levou a representación principal[76]. Este asunto pechouse tempo despois en falso, sen chegar a dar comezo ás obras e tendo o Concello que abonar unha indemnización ao paisaxista madrileño que foi contratado para deseñar o tal Parque dos Muíños irrealizado.

O 17 de xullo de 1930 o Ministerio de Traballo e Previsión concedeulle por Real Orde a Medalla do Traballo, de prata e segunda categoría[7][77][78], como "recoñecemento aos seus méritos e constancia profesionais"[6]. Esta distinción entregoulla o Gobernador da provincia de Zamora o 7 de decembro do mesmo ano, no acto de inauguración do grupo escolar de Mombuey[79][80].

Xa residindo en Madrid, durante moitos anos foi presidente da Asociación de Almacenistas de Tecidos de España[6][7][81], así como membro da súa xunta directiva. Tamén foi presidente da Asociación Nacional Española[6][7] e vicepresidente segundo do Círculo da Unión Mercantil e Industrial de Madrid[82][83].

Por fin, durante a Guerra Civil, o Goberno Provisional de Burgos chamouno para formar parte como asesor na Xunta Asesora Económica[6].

Promocións inmobiliarias editar

 
Chalé Escudero, na Coruña.

En 1903 constaba que Escudero residía na cidade herculina na rúa de Tabernas, número 18, no 2º andar[84]. Evidentemente esta morada resultaba insuficiente para alguén co status de Escudero, e tomou a decisión de construírse unha nova residencia máis acorde á consideración que tiña un dos maiores contribuíntes da cidade. Por iso, en 1913 promoveu a construción dun palacete modernista na intersección entre a rúa de Juan Flórez e a rúa do Padre Sarmiento (hoxe de Ferrol), no encontro coa praza de Galicia. O deseño correspondeu ao arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, nunha das súas primeiras obras, que presentou os planos en agosto dese ano. En outubro obtivo o permiso do Concello da Coruña para comezar as obras, que remataron no último tramo do ano 1915, sendo coñecido desde entón como o Chalé Escudero. Alonso Escudero e a súa familia (incluíndo unha cuñada, Josefina, que mesmo faleceu nel) viviron neste edificio ata o seu traslado a Madrid.

Pero, a maior parte das súas promocións inmobiliarias realizounas na súa vila natal, Mombuey. A que tivo un maior impacto foi a construción que se levou á súa costa do novo grupo escolar do pobo[7], que se inaugurou o 7 de decembro de 1930, contando coa presenza do bispo e o gobernador civil de Zamora[79][80]. Sobre o mesmo ano, 1930, emprendeu, baixo o padroado da súa dona, a rehabilitación da igrexa parroquial da Asunción de Mombuey[8]. Tamén acometeu como promotor a construción do chalé familiar en Mombuey no ano 1935, en terreos pertencentes ao seu irmán César, quen mantivo unha constante presenza na vila zamorana a pesar da súa residencia na Coruña. O deseñador desta luxosa vivenda de máis de 450 m², con 7 dormitorios e 4 baños e uns amplísimos e rechamantes xardíns, foi un arquitecto coruñés, acaso o propio Eduardo Rodríguez-Losada[3].

Vida persoal editar

Casou coa mestra ceense Corona Caamaño Font (falecida en Madrid o 12 de xaneiro de 1943[85]), da que non tivo descendencia. A súa dona estaba emparentada con influentes familias ceenses, entre eles co párroco de Santo Adrián de Toba, Joaquín Domínguez Caamaño. Así mesmo, foron algúns dos seus sobriños o propietario dos "Almacenes La Palloza", na Coruña, Maximiliano Rodríguez Caamaño (sobriño carnal da súa dona); un sobriño do arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada, chamado José Ramírez Rodríguez-Losada, que casou coa súa sobriña Petra Escudero Santiago; e, por fin, tamén foi sobriño 2º seu o director da Residencia Universitaria de Santo Agostiño en Santiago de Compostela, o ceense Francisco Brandariz Caamaño (irmán de Gabriel, que casou con María Teresa Escudero Santiago, irmá da antedita Petra).

Nos seus derradeiros anos viviu na rúa Alberto Aguilera, número 36, en Madrid[85][86].

Notas editar

  1. Padrón de vecinos de La Coruña de 1889 (Arquivo Municipal da Coruña).
  2. "El Señor Don Alonso Escudero López Ha fallecido el día 13 de mayo de 1954 (necrolóxica)". ABC (en castelán). 14-5-1954. p. 44. Consultado o 28-2-2016. Ha fallecido el día 13 de mayo de 1954 a los ochenta y siete años de edad 
  3. 3,0 3,1 3,2 Saavedra, Araceli (16-8-2014). "El 'chalé' de Mombuey, en la élite". La Opinión. El Correo de Zamora (en castelán) (Zamora). 
  4. Nado en 1885 e falecido en 1941, orixe da rama dos Escudero Santiago.
  5. Probablemente unha delas puido ser na firma "Simeón García y Compañía", que acababa de abrir esta delegación en 1878, aínda que desde 1863 contaba alí cun correspondente.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 "D. Alonso Escudero". La Noche (en castelán). 15-5-1954. p. 4. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 La Dama Azul (7-12-1930). "Concesión de una medalla del Trabajo". Mujeres Españolas: revista bisemanal exclusivamente patriótica (en castelán) (Madrid). p. 30.  Neste artigo afírmase que en 1930 Alonso Escudero levaba traballando coa firma Simeón García desde facía 48 anos, polo que tiña que ter empezado a traballar con eles en 1882, cando acababa de chegar a Vilagarcía.
  8. 8,0 8,1 "Mombuey" (en castelán). Consultado o 18-2-2016. 
  9. (Facal Rodríguez 2005, p. 3)
  10. "Crónica local". El Hermandino (en castelán) (Mondoñedo). 14-5-1884. p. 3.  Antonio González pertencía a unha familia mindoniense que posuía un almacén de tecidos nesta cidade, polo que semella que o seu traslado á Coruña obedeceu a esa formación en mancebía tan característica do comercio finisecular.
  11. (Facal Rodríguez 2005, p. 16)
  12. Aira, María J. (5-4-2009). "Casa Simeón, la banca de la mano del textil (Emprendedores coruñeses/VIII)". La Opinión (en castelán). Consultado o 14-2-2016. 
  13. 13,0 13,1 (Facal Rodríguez 2005, p. 42)
  14. "Sección local". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 11-01-1917. p. 1. 
  15. "Necrología". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 17-10-1924. p. 1. 
  16. "Sección local". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). 1-12-1921. p. 3. 
  17. Bailly-Baillière, ed. (1930). Anuario General de España Bailly-Baillière para 1930 (en castelán). p. 2093. 
  18. "La señora Doña Josefina Caamaño Font viuda de Rodríguez (necrolóxica)". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 2-9-1923. p. 3. 
  19. "Coruña. Se hacía los trajes (...)". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 10-4-1936. p. 12. 
  20. Mirás Araujo, Jesús (2008). Universidade de Pensilvania, ed. The Commercial Sector in an Early-Twentieth Century Spanish City, La Coruña 1914-1935. Journal of Urban History (en inglés) 34. p. 470. doi:10.1177/0096144207311191. 
  21. "Gacetillas". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). 5-5-1920. p. 3. 
  22. "«Ignacio Colomer y Montan hermanos», de Madrid". Heraldo de Alcoy (en castelán) (Alcoi). 9-1-1908. p. 1. 
  23. "La Construcción en Madrid". La Construcción Moderna (en castelán) (Madrid). 15-4-1919. p. 19. 
  24. "La acreditada casa...". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). 3-4-1923. p. 7. 
  25. "Vida económica y financiera. Nueva sucursal". El Eco de Santiago (en castelán) (Santiago de Compostela). 5-4-1923. p. 1. 
  26. (Facal Rodríguez 2005, p. 31)
  27. (Facal Rodríguez 2005, p. 5)
  28. 28,0 28,1 (Facal Rodríguez 2005, p. 35)
  29. "Viajeros". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 11-8-1921. p. 1. 
  30. "Hijos de Simeón García y Cª. (anuncio)". La Esfera (en castelán) (Madrid). 28-7-1923. p. 3. 
  31. Neste edificio histórico, pertencente á familia da emperatriz Eugenia de Montijo, anunciouse a proclamación de Alfonso XII e, pouco despois, durante un tempo viviu o asasinado presidente do Consello de Ministros en 1912, o ferrolán José Canalejas Méndez.
  32. Manu (19-1-1915). Secretos de Madrid (blog), ed. "Los secretos de la Plaza del Ángel" (en castelán). 
  33. Nado en 1854, faleceu en Madrid o 25 de xullo de 1926 ("El Señor D. Miguel Castañer y Solà (necrolóxica)". ABC (en castelán) (Madrid). 25-7-1926. p. 27. ).
  34. Nado en 1869 e falecido en 1957 (Orgambides, Fernando (3-8-2014). "Habitación 406". Blog de Fernando Orgambides (El planeta de las astas montantes) (en castelán). ).
  35. "Nuevos edificios para grandes hoteles en Madrid". La Construcción Moderna (en castelán) (Madrid). 15-6-1923. p. 13. 
  36. 36,0 36,1 (Rodríguez Martín 2013, p. 321)
  37. "La edificación en Madrid durante el año 1921". La Construcción Moderna (en castelán) (Madrid). 15-1-1922. p. 13. 
  38. "Los nuevos Almacenes Castañer". La Acción (en castelán) (Madrid). 28-2-1922. p. 3. 
  39. "Madrid monumental. El Gran Hotel Reina Victoria". La Acción (en castelán) (Madrid). 31-3-1923. p. 3. 
  40. 40,0 40,1 "Liquidación de los Almacenes Castañer". La Libertad (en castelán) (Madrid). 3-10-1925. p. 3. 
  41. (Rodríguez Martín 2013, p. 346)
  42. "Sección de anuncios". La Libertad (en castelán) (Madrid). 19-5-1925. p. 8. 
  43. "Los Almacenes Castañer". El Sol (en castelán) (Madrid). 3-9-1925. p. 2. 
  44. "Cierre de los Almacenes Castañer". La Libertad (en castelán) (Madrid). 3-9-1925. p. 2. 
  45. "Los Almacenes Castañer". La Voz (en castelán) (Madrid). 3-9-1925. p. 2. 
  46. "Liquidación (anuncio)". La Voz (en castelán) (Madrid). 24-9-1925. p. 7. 
  47. "Almacenes Simeón (anuncio)". La Voz (en castelán) (Madrid). 7-10-1925. p. 7. 
  48. "La señora Dª. Juana Vallés y Soteras (necrolóxica)". La Correspondencia de España (en castelán) (Madrid). 4-2-1921. p. 6. 
  49. "Sucesos de dos días. Choques, vuelcos y atropellos". El Imparcial (en castelán) (Madrid). 2-6-1925. p. 5. 
  50. "El señor D. Miguel Castañer y Solá (necrolóxica)". ABC (en castelán) (Madrid). 25-7-1926. p. 27. 
  51. Toboso Sánchez, Pilar (7-4-2010). Revisión Interior. El Blog de Inshop Interiores Comerciales, ed. "Grandes Almacenes en España 2 - Primer Tercio Siglo XX" (en castelán). 
  52. Crossick, Geoffrey; Jaumain, Serge (1999). Aldershot by Ashgate, ed. Cathedrals of Consumption: The European Department Store 1850-1939 (en inglés). p. 352. ISBN 1-840142-36-7. 
  53. (Rodríguez Martín 2013, p. 321-322)
  54. (Rodríguez Martín 2013, p. 333)
  55. (Rodríguez Martín 2013, p. 386)
  56. "Junta de la «Liga de Amigos». La nueva Junta Directiva". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 3-3-1913. p. 1. 
  57. "La «Liga de Amigos». Su nueva directiva". El Eco de Galicia (en castelán) (A Coruña). 16-3-1914. p. 1. 
  58. "Tercera Semana Municipal. El problema de las haciendas locales". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 23-6-1917. p. 1. 
  59. "En el Ayuntamiento. La sesión de ayer. Orden del día". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 7-2-1918. p. 1. 
  60. "En el Ayuntamiento. La sesión de ayer. Orden del día". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 12-10-1923. p. 1. 
  61. "Reunión importante. La crisis del trabajo". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 19-2-1918. p. 1. 
  62. "Una reunión. La crisis del trabajo". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 1-3-1918. p. 1. 
  63. "Comité de Fomento del trabajo". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 21-3-1918. p. 1. 
  64. "Subsistencias. La cuestión del pan". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 21-9-1918. p. 1. 
  65. "El pan en La Coruña". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 18-10-1918. p. 4. 
  66. "El Comité de Fiestas". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 30-1-1921. p. 1. 
  67. "Cámara de Comercio. Proclamación de candidatos". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 23-2-1921. p. 1. 
  68. "Cámara de Comercio. La suspensión de facturaciones". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 29-10-1921. p. 4. 
  69. "Junta de Obras del Puerto". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 1-7-1921. p. 1. 
  70. "Reunión de Artesanos. La Junta General de ayer". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 31-1-1922. p. 1. 
  71. Escudero López, Alonso (16-3-1922). "Cartas de un viajero coruñés. Desde Berlín". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). p. 1. 
  72. Escudero López, Alonso (28-3-1922). "Impresiones de Alemania. Las Ferias de Leipzig". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). p. 1. 
  73. Escudero López, Alonso (4-4-1922). "Cartas de un viajero coruñés. La Feria de Viena". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). p. 1. 
  74. Escudero López, Alonso (15-4-1922). "Ante la Conferencia de Génova. El Episcopado y la paz". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). p. 1. 
  75. "El Parque de los Molinos. Una idea que debe prosperar". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 1-10-1916. p. 1. 
  76. "Una iniciativa. El Parque de los Molinos". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 12-10-1916. p. 1. 
  77. "Ministerio de Trabajo y Previsión. Reales Órdenes. Núm. 874" (PDF). Gaceta de Madrid (en castelán). 24-7-1930. p. 594. 
  78. "Disposiciones de la ″Gaceta″". Diario de Alicante (en castelán) (Alacant). 24-7-1930. p. 4. 
  79. 79,0 79,1 "Entrega de un grupo escolar". Hoja Oficial del Lunes (en castelán). 8-12-1930. p. 2. 
  80. 80,0 80,1 "Inauguración de un grupo escolar". ABC (en castelán) (Sevilla). 9-12-1930. p. 32. Consultado o 28-2-2016. 
  81. "Las entidades mercantiles e industriales se declaran opuestas al aumento de los tributos". La Libertad (en castelán) (Madrid). 20-2-1932. p. 5. 
  82. "En el Círculo de la Unión Mercantil". La Opinión (en castelán) (Madrid). 25-5-1931. p. 2. 
  83. "Círculo de la Unión Mercantil e Industrial. Nueva Junta directiva". ABC (en castelán) (Madrid). 23-6-1932. p. 31. 
  84. "Tribunales... Supernumerarios. Cabezas de familia". Gaceta de Galicia (en castelán). 13-2-1903. p. 3. 
  85. 85,0 85,1 "La señora Doña Corona Caamaño Font de Escudero (necrolóxica)". ABC (en castelán). 13-1-1943. p. 14. Consultado o 28-2-2016. 
  86. "El señor D. Alonso Escudero López (necrolóxica)". ABC (en castelán). 14-5-1954. p. 44. 

Véxase tamén editar

Outras ligazóns editar

Bibliografía editar