Airbus A300

(Redirixido desde "Airbus A300-600R")

O Airbus A300 é un avión de pasaxeiros bimotor de curto-medio alcance e de fuselaxe ancha de Airbus, o consorcio europeo de fabricación de aeronaves. Trátase do primeiro avión fabricado por Airbus, co que supuxo o relanzamento da industria aeronáutica europea,e tamén é o primeiro bimotor de fuselaxe ancha producido no mundo. O A300 pode levar 266 pasaxeiros nunha configuración de dúas clases, cun alcance máximo de 7.540 quilómentors, dependendo do modelo.

Airbus A300
Iberia Airbus A300B4-203 EC-EON.jpg
TipoPasaxeiros
FabricanteAirbus
Primeiro voo28 de outubro de 1972
Introducido30 de maio de 1974
Produción1974 - 2007

O seu cliente de lanzamento foi Air France, que usou por vez primeira o 30 de maio de 1974. A produción do A300 rematou no mes de xullo de 2007, xunto coa do seu derivado máis pequeno, o A310.

DesenvolvementoEditar

OrixesEditar

Durante os anos 60 fabricantes aeronáuticos europeos como Hawker Siddeley e British Aircraft Corporation, baseados no Reino Unido, e Sud Aviation de Francia, tiñan ambicións de fabricar un novo avión sde pasaxeiros de 200 asentos para o crecente mercado da aviación civil. Mentres se realizaban e consideraban estudos, como unha versión alongada e de dous motores do Hawker Siddeley Trident e un desenvolvemento ampliado do BAC One-Eleven designado BAC Two-Eleven, recoñeceuse que se cada un dos fabricantes europeos lanzaban avións semellantes ao mercado ao mesmo tempo ningún deles alcanzaría o volume de vendas necesario para facelo viable.[1] En 1965 un estudo do goberno británico, coñecido como o Informe Plowden, atopou que os custos de produción británicos eran entre un 10 e un 20% superiores aos estadounidenses debido á produción máis pequena, o que en parte se debía ao fracturado mercado europeo. Para superar ese factor o informe recomendaba perseguir proxectos colaboratic¡vos multinacionais entre os líderes da construción aeronáutica da rexión.[2][3]

Os fabricantes europeos estaban disposto a explorar posibles programas; o proposto HBN 100 de fuselaxe ancha para 260 pasaxeiros entre Hawker Siddeley, Nord Aviation e Breguet Aviation foi un exemplo.[1][4] Os gobernos nacionais tamén estaban dispostos a apoiar eses esforzos pola crenza de que os fabricantes estadounidenses poderían dominar a Comunidade Económica Europea;[5] en particular, Alemaña tiña ambicións polo proxecto dun avión de pasaxeiros multinacional para dinamizar a súa industria aeronáutica, que disminuíra considerablemente dende a segunda guerra mundial.[6] Durante mediados dos anos 60 tanto Air France como American Airlines expresaran o seu interese nun avión de fuselaxe ancha bimotor e de curto alcance, indicando que había unha demanda no mercado para ese tipo de aeronave.[2][7] En xullo de 1967, durante unha reunión de alto perfil entre ministros franceses, alemáns e británicos, chegouse a un acordo para aumentar a cooperación entre países europeos no campo da tecnoloxía da aviación, e "para o desenvolvemento e produción conxunta dun airbus".[1][8] A palabra airbus nese momento era un termo xénerico en aviación para un gran avión comercial, e era considerada aceptable en múltiples linguas.[8]

Lanzamento do proxectoEditar

O 29 de maio de 1969, durante o Salón aeronáutico de Le Bourget, os ministros de Transporte alemán e francés asinaron un acordo para desenvolver e fabricar un avión capaz de transportar entre 260 e 300 pasaxeiros, sendo o primeiro bimotor de fuselaxe ancha do mundo.[1] A intención do proxecto era producir un avión que fose máis pequenso, lixeiro e económico que os seus rivais estadounidenses trimotores, o McDonnell Douglas DC-10 e o Lockheed L-1011 TriStar.[9] A estes dous países uniríase Gran Bretaña o 26 de setembro nunha reunión en Bonn.

O 18 de decembro de 1970 crearíase Airbus Industrie, cando as primeiras pezas do A300 estaban xa a ser fabricadas. O tamaño do avión variou bastante durante o proceso de deseño, pasando dos 300 pasaxeiros inicialmente aos 225, e tamén variando o ancho da fuselaxe e a configuración interna.

Os dous primeiros exemplares construídos foron do tipo B1 (o A300-A era a versión de 300 pasaxeiros que nunca chegou a fabricarse), voando por vez primeira o día 28 de outubro de 1972. Porén, debido a requerimentos das aeroliñas o modelo que entrou en produción foi o A300-B2, con capacidade para 250 pasaxeiros.

VariantesEditar

 
O segundo A300B1 fabricado, coas cores de TEA

A300B1Editar

Só se construíron dous: o primeiro prototipo, con rexistro F-WUAB e posteriormente F-OCAZ, e un segundo avión, F-WUAC, que foi alugado en novembro de 1974 a Trans European Airways (TEA), rexistrado como OO-TEF. TEA alugouno á súa vez durante seis meses a Air Algérie, e continuaría operándoo ata 1990. Tiña unha capacidade para 300 (TEA) ou 323 pasaxeiros (Air Algérie), cun peso máximo de 132.000 kg e dous motores General Electric CF6-50A de 220 kN de empuxe.

A300B2Editar

Foi a primeira versión de produción. Equipada con motores General Electric CF6 ou Pratt & Whitney JT9D (os mesmos que levaba o Boeing 747–100, o primeiro "jumbo"), entrou en servizo con Air France en maio de 1974. O seu prototipo realizou o seu primeiro voo o 28 de xuño de 1973, tivo a certificación das autoridades francesas e alemás o 15 de marzo de 1974 e a aprobación da FAA o 30 de maio. O primeiro A300B2 de produción (A300 número 5) realizou o seu voo de estrea o 15 de abril de 1974 e foi entregado a Air France o 10 de maio.

A300B4Editar

Foi a principal versión de produción. Conta cun depósito central de combustible para incrementar a súa capacidade (47.500 kg). O primeiro A300B4 (o noveno A300) voou o 25 de decembro de 1994 e foi certificado o 26 de marzo de 1975. A primeira entrega foi para Germanair (que posteriormente se fusionou con Hapag Lloyd) o 23 de maio.

A300-600Editar

Oficialmente designado A300B4-600, esta versión ten a mesma lonxitude que o B2 e o B4 pero ten máis espazo debido a que usa a fuselaxe traseira e a cola do A310. Equipa os máis potentes CF6-80 ou Pratt & Whitney PW4000 e usa a unidade de potencia auxiliar Honeywell 331-250. O A300-600 entrou en servizo en 1983 con Saudi Arabian Airlines e vendéronse un total de 313 exemplares. Esta variante tiña unha cabina de control semellante á do A310, eliminando a necesidade dun enxeñeiro de voo.

A300B10 (A310)Editar

Artigo principal: Airbus A310.

Airbus tiña demanda dun avión máis pequeno que o A300. O 7 de xullo de 1978 lanzouse o A310 (inicialmente A300B10) con pedidos de Swissair e Lufthansa. O 3 de abril de 1982 o primeiro protoripo realizou o seu voo de estrea e o avión foi certificado o 11 de marzo de 1983.

Introduciu unha fuselaxe máis curta, unha nova á, unha cola máis pequena e podía voarse con dous tripulantes. Estivo dispoñible en versión estándar, a -200, e con alcance aumentado, -300. Tamén se fabricou unha versión militar de transporte ou reabastecemento en voo mercado pola Forza Aérea Canadense e a Luftwaffe. Vendéronse un total de 260 exemplares, aínda que cinco, pedidos por Iraqi Airways, nunca se fabricaron.

A300-600STEditar

Artigo principal: Airbus Beluga.

O A300-600T coñécese como o Airbus Beluga ou "Airbus Super Transporter". Son cinco aparellos baseados no A300-600 cunha cuberta de carga sobredimensionada na parte superior do avión usados por Airbus para trasportar partes dos seus avións entre as súas distintas fábricas. Substituíron aos Aero Spacelines Super Guppy que usaba anteriormente a compañía.

EspecificaciónsEditar

  • Tipo: Airbus A300-600
  • Envergadura: 44,83 m
  • Lonxitude: 54,07 m
  • Altura: 16,62 m
  • Superficie alar: 260,12 m2
  • Capacidade de pasaxe: de 267 a 375
  • Carga útil: 43.571 kg
  • Peso máximo na engalaxe: 165.016 kg
  • Velocidade de cruceiro: 472 nós
  • Velocidade máxima: mach 0,82
  • Alcance máximo: 4.340 millas

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Early days (1967-1969) | Airbus, a leading aircraft manufacturer". 2011-07-05. Consultado o 2018-11-29. 
  2. 2,0 2,1 Bowen 2010, p. 49
  3. "AIRCRAFT INDUSTRY (PLOWDEN REPORT) (Hansard, 1 February 1966)". api.parliament.uk (en inglés). Consultado o 2018-11-29. 
  4. Simons 2014, pp. 37–38
  5. Chorafas 2012, p. 292
  6. Bowen 2010, pp. 49–50
  7. "Airbus at thirty - Family planning". Flightglobal.com (en inglés). 2001-01-02. Consultado o 2018-11-30. 
  8. 8,0 8,1 Senguttuvan 2006, p. 34
  9. "First order, first flight (1970-1972) | Airbus, a leading aircraft manufacturer". 2015-04-01. Consultado o 2018-11-29. 

BibliografíaEditar

  • Bowen, John T. The Economic Geography of Air Transportation: Space, Time, and the Freedom of the Sky. "Business & Economics", 2010. ISBN 1-135-15657-3.
  • Chorafas, Dimitris N. The Business of Europe is Politics: Business Opportunity, Economic Nationalism and the Decaying Atlantic Alliance. Gower Publishing, 2012. ISBN 1-4094-5959-4.
  • Senguttuvan, P. S. Fundamentals of Air Transport Management. "Excel Books India", 2006. ISBN 81-7446-459-X.
  • Simons, Graham. The Airbus A380: A History. "Pen and Sword", 2014. ISBN 1-78303-041-0.