Airbus

empresa paneuropea aeronáutica e aeroespacial

Airbus SE, máis coñecida como Airbus, é unha grande empresa paneuropea aeronáutica e aeroespacial. Airbus SE é un holding matriz sen actividade de produción. A actividade industrial lévase a cabo a través de filiais como Airbus SAS e Airbus Canada, que deseñan, fabrican e venden avións comerciais e ten divisións separadas de defensa e espazo e helicópteros. En 2029 Airbus era o construtor de aviósn de pasaxeiros máis grande do mundo, así como un fabricante líder de helicópteros.[1]

Airbus SE

Entrada da sede de Airbus en Tolosa
TipoSubsidiaria
Fundación1970 (como Airbus Industrie)
2001 (como Airbus SAS)
MatrizEADS
LocalizaciónTolosa Francia
FundadorReino Unido Reino Unido Alemaña Alemaña Francia
Persoas claveGuillaume Faury (diretor executivo)
René Obermann (presidente)
Industriaaeronáutica
Produtosavións, helicópteros mísiles, foguetes
Número de empregados126 495 (2021)
Na rede
https://www.airbus.com/, https://www.airbus.com/en/products-services/commercial-aircraft e https://www.airbus.com/aircraft.html
Facebook: airbus Twitter: Airbus Instagram: airbus LinkedIn: airbusgroup Youtube: UCkfZz95mfqPnzquatVpDTsQ BNE: XX538675 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]
A 330-200 Air Seychelles 2013

Foi creada como un consorcio denominado Airbus Industries, que non se encargaba do proceso de fabricación, senón de coordinar todo o proceso de deseño, fabricación e venda. En 2001 creouse en Tolosa, Francia, como unha S.A.S (Sociedade por Accións Simplificada, do francés: Société par Actions Simplifiée).

Historia

editar

Airbus Industrie iniciouse como un consorcio de empresas europeas de aviación para competir con compañías estadounidenses como Boeing, McDonnell Douglas e Lockheed.

En setembro de 1967, os gobernos do Reino Unido, Alemaña e Francia asinaron un memorando de entendemento para desenvolver un avión de 300 prazas. Este sería o segundo proxecto conxunto de avión en Europa, tras o Concorde. Nos meses seguintes xurdiron dúbidas por parte dos gobernos británico e francés sobre a viabilidade do proxecto, e houbo que modificalo para que puidese usar motores xa desenvolvidos e reducir así os custos.

En 1969 o goberno británico retirou o seu apoio ao programa. Dada a participación de Hawker Siddeley, a empresa seleccionada polo goberno británico (que sen o seu apoio financeiro non podía continuar con el), no deseño da á, os franceses e alemáns víronse incapaces de continuar en solitario. Finalmente a compañía británica conseguiu seguir sendo un contratista grazas ao apoio financeiro alemán.

O consorcio foi creado en 1970 polas compañías francesa Aerospatiale e alemá Deutsche Aerospace como fabricante europeo de avións. En 1971 a empresa española CASA (Construcciones Aeronáuticas Sociedad Anónima) incorporouse ao consorcio, e en 1979 fíxoo a inglesa British Aerospace. Dende o principio o consorcio fixouse como obxectivo competir co principal fabricante de avións do mundo, a compañía estadounidense Boeing, que naquela época ía adquirindo unha posición cada vez máis dominante no sector da aviación civil.

Tras a fusión de Aèrospatiale, CASA e Deutsche Aerospace para crear EADS, (European Aeronautic, Defense and Space Company), esta última pasou a controlar o 80% de Airbus, quedando o 20% restante en mans de BAE Systems PLC (British Aerospace).

Consolidación

editar
 
Airbus A300 de Kuwait Airways

O primeiro modelo que fabricou o consorcio, e que apareceu en 1972, foi o A300, un avión para rutas de medio alcance, de dobre corredor, innovador en numerosos aspectos, como a racionalización do compartimento de equipaxes e carga mediante contedores. O avión non foi un éxito inmediato, nun mercado dominado polos fabricantes estadounidenses, e só conseguiu vendas importantes en Europa. Isto viuse agravado pola crise do petróleo de 1973, que afectou gravemente ás aeroliñas, e con iso á lista de pedidos.

Airbus estivo a piques de quebrar, nun momento chegou a ter 14 avións completamente rematados sen vender, agardando en terra por un comprador, tras 16 meses sen ningún pedido novo. A compra de varios avións por parte da Eastern Airlines marcou un punto de inflexión nas vendas e a salvación de Airbus. Pouco despois o consorcio presentou o A310, unha variante máis curta do anterior, xa que algunhas aerolíneas queixábanse de que A300 era moi grande.

Nos anos 80 iniciouse a fabricación doutras variantes dos dous modelos existentes e presentouse o novo A320, un avión dun corredor para traxectos curtos e medios, de tecnoloxía revolucionaria. Airbus prescindiu por vez primeira neste modelo das conducións hidráulicas para gobernar as superficies de voo, substituíndoas por cables eléctricos (fly-by-wire) e pequenos motores situados en ditas superficies. Os pilotos usan un "joystick" situado nun lado, en lugar da clásica columna fronte ao asento. As ordes de voo son transmitidas a un ordenador, o cal calcula a súa idoneidade (impedíndose así as manobras perigosas) e transmíteas á súa vez ás superficies de voo. O A320 popularizouse rapidamente, obtendo un éxito notable, e compite co Boeing 737. Tamén neste caso Airbus fixo variantes, unha máis grande, o A321, e dúas máis pequenas, os A318 e A319.

 
A340 de Air Canada

Na década dos 90 Airbus presentou dous modelos adicionais de dobre corredor, concibidos para rutas de longo alcance, o bimotor A330 e o cuadrimotor A340. O seu deseño aerodinámico e as características dos seus motores convértenos en avións moi económicos. Por suposto, estes modelos dispoñen da avanzada tecnoloxía do A320.

En todos os seus modelos Airbus foi incorporando, ademais, cabinas de mando revolucionarias, xa que se prescinde dun número elevado de instrumentos clásicos, que substitúense por varias pantallas de vídeo, nas que aparecen os datos e a información que interesan aos pilotos en cada intre.

En xaneiro de 2005, Airbus presentou o seu novo superjumbo A380 co que pretende competir contra o Boeing 747 do seu rival Boeing. Trátase do avión de pasaxeiros con máis prazas do mundo, só superado en tamaño polo Airbus A340-600 (na categoría de avións comerciais) Cun tamaño de case 71 x 80 metros e 540 toneladas de peso máximo na engalaxe, posúe dúas plantas para pasaxe e unha bodega inferior de carga; pode transportar a máis de 800 pasaxeiros en configuración de alta densidade. Prevese tamén unha versión cargueiro.

Ademais, atópase en produción un avión militar, o Airbus A400M, mediante o cal Airbus pretende introducirse no segmento da aviación militar. O A400M fabrícase en San Pablo, Sevilla.

O último modelo que Airbus está desenvolvendo é o A350. Este modelo xorde en resposta ao modelo 787 de Boeing. Inicialmente presentouse como un derivado do xa existente A330, con melloras en aerodinámica, motores, aviónica e interiores, pero a demanda do mercado, así como as prestacións que o futuro 787 ía presentar, fixeron que Airbus redeseñase por completo o modelo e presentase un avión case completamente novo. Así, o modelo pasou a denominarse A350XWB (Extra Wide Body, en referencia á nova sección de fuselaxe, máis ampla que a utilizada nos A330 e A340). Deste xeito o novo modelo estaría en condicións de competir directamente en prestacións, consumo e custos operativos co 787, aínda cando está por ver se chegará a bater aos deste.

Produtos

editar

Avións civís

editar

A liña de produtos de Airbus iniciouse co A300 en 1972, sendo o primeiro birreactor de fuselaxe ancha do mundo. O aparello beneficiouse enormemente da introdución en 1976 da regramentación ETOPS 90, que permitia aos reactores de dous motores operar ata 90 minutos (incrementado dende os 60 minutos) do aeroporto máis próximo. Baixo a nova regra, o A300 era capaz de operar sobre o Atlántico Norte, a baía de Bengala e o océano Índico de xeito máis eficiente que os reactores de tres e catro motores que ofrecían os seus competidores. En 1982 apareceu unha versión do A300 máis pequena con novas ás e motores, coñecida como o A310. este avión fabricouse ata o ano 2007.

A partir do seu éxito co A300, Airbus traballou no desenvolvemento dun avión de fuselaxe estreita, xunto con novos avións de fuselaxe ancha baseados no A300.

 
Airbus A380

Os traballos coa fuselaxe estreita levaron ao lanzamento en 1987 do Airbus A320, que foi e continua sendo un grande éxito de vendas. O A320 foi o primeiro reactor comercial en usar un sistema de control de voo dixital fly-by-wire. Todos os avións de Airbus desenvolvidos dende entón teñen sistemas de cabina de mando semellantes aos do A320, facendo máis doado o adestramento das tripulacións. O seu éxito fixo que Airbus introducise unha versión alongada, o A321 en 1993, unha acurtada, o A319, en 1995, e outra aínda máis pequena, o A318, en 2002. En 2016, Airbus remotorizou a súa familia de fuselaxe estreita nun programa chamado A320neo (new engine option). O programa de fuselaxe ancha levou á introdución do catrimotor A340 en 1991 e do bimotor A330 en 1992. Na época, Airbus quería ofrecer reactores catrimotores para permitir voos transatlánticos e transpacíficos máis longos. Porén, durante o desenvolvemento do aparello, novas regulacións ampliaron as operacións dos bimotores a 120 minutos en 1986, e 180 minutos en 1989. Aínda que as novas regras danaron as vendas do A340, tamén beneficiaron enormemente ao A330. A fabricación doA340 rematou en 2011, mentres que o A330 sería remotorizado como o A330neo (new engine option) en 2018.

 
Airbus A350

O avión máis grande de Airbus foi introducido en 2005. Trátase do A380, un catrimotor de dúas cubertas completas, sendo o avión de pasaxeiros máis grande do mundo. Deseñado para desafiar o dominio do Boeing 747 no mercado de longas distancias, o A380 supoxo un enorme gasto para Airbus debido aos seus grandes custos de desenvolvemento e as súas limitadas vendas.

O Airbus A350, o seu bimotor de fuselaxe ancha máis recente, foi introducido en 2013. O A350 foi o primeiro avión da compañía fabricado principalmente de polímeros reforzados con fibra de carbono. A súa fuselaxe é máis longa e ancha que a usada nos A300, A310, A330 e A340.

No ano 2018 engadíuse un segundo modelo de fuselaxe estreita á listaxe de produtos cando Airbus fíxose co control do programa Bombardier CSeries, rebautizándoo como A220.[2] O reactor ofrece filas de cinco asentos en comparación coa configuración de seis asentos da familia A320.

Listaxe de produtos e detalles
Avión Descrición Asentos 1º voo Fin da produción Pedidos Entregas En operación
A220 2 motores, fuselaxe estreita 108-130 16-09-2013 740 200 200
A300 2 motores, fuselaxe ancha 228-254 28-10-1972 27-03-2007 816 816 283
A310 2 motores, fuselaxe ancha 187 03-04-1982 27-03-1998 255 255 14
A320 2 motores, fuselaxe estreita 107-185 22-02-1987 16 022 10 230 9 653
A330 2 motores, fuselaxe ancha 246-300 02-11-1992 1 822 1 529 1 446
A340 4 motores, fuselaxe ancha 239-377 25-10-1991 10-11-2011 377 377 214
A350 2 motores, fuselaxe ancha 270-350 14-06-2013 917 471 471
A380 4 motores, fuselaxe ancha, 2 cubertas 555 27-04-2005 01-01-2022 251 251 242

A compañía tamén é dona do 50% da empresa ATR que fabrica os avións rexionais ATR 42 e ATR 72.[3]

Aeronaves corporativas

editar

Airbus Corporate Jets comercializa e modifica avións novos para clientes privados e corporativos. Ten un rango de modelos paralelo aos avións comerciais que ofrece a compañía, que van dende o máis pequeno ACJ TwoTwenty ata os máis grandes ACJ330neo e ACJ350.[4]

Da mesma maneira, Airbus Corporate Helicópters ofrece helicópteros corporativos baseados nos modelos da súa división Airbus Helicopters. O seu rango vai dende o pequeno ACH125, baseado na familia Ecureuil, ata o ACH175, un aparello de ata 12 pasaxeiros baseado no H175.[5]

Aparellos militares

editar

A finais dos 90 Airbus interesouse cada vez máis por desenvolver e vender ao mercado da aviación militar. Centrouse en dous campos principais: a repostaxe aérea co Airbus A310 MRTT (Multi-Role Tanker Transport) e o Airbus A330 MRTT, e o transporte táctico co Airbus A400M Atlas.

En xaneiro de 1999 Airbus creou unha compañía separada, Airbus Military SAS, para encargarse do desenvolvemento e produción dun avión de transporte táctico impulsado por motores turbohélice, o A400M.[6] O A400M está sendo desenvolvido por varios membros da OTAN (Bélxica, Francia, Alemaña, Luxemburgo, España, Turquía e o Reino Unido) como unha alternativa para non depender de aeronaves estranxeiras para o transporte aéreo táctico, como o Antonov An-124 Ruslan[7] ou o C-130 Hercules.[8] O proxecto A400M tivo varios atrasos,[9][10] e Airbus ameazou con cancelalo se non recibía subvencións dos estados.[11]

  1. "Exclusive: Airbus beats goal with 863 jet deliveries in 2019, ousts Boeing from top spot". Reuters (en inglés). 2020-01-01. Consultado o 2023-06-17. 
  2. "Airbus takes control of Bombardier CSeries in rebuff to U.S. threat". Reuters (en inglés). 2017-10-16. Consultado o 2023-06-19. 
  3. "Who we are". ATR Aircraft (en inglés). Consultado o 2023-06-19. 
  4. "A unique flying experience". Airbus Corporate Jets (en inglés). 2021-06-16. Consultado o 2023-06-19. 
  5. "Airbus Corporate Helicopters". ACH (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2023. Consultado o 2023-06-19. 
  6. "A400M". Airbus Military. 2014-07-01. Archived from the original on 01 de xullo de 2014. Consultado o 2023-06-19. 
  7. "NATO Update: Strategic airlift agreement enters into force - 23 March 2006". www.nato.int. Consultado o 2023-07-01. 
  8. Hoyle, Craig. "Hercules support deal transforms RAF operations". Flight Global (en inglés). Consultado o 2023-07-01. 
  9. "Why wait for the Airbus? - Defence Management". web.archive.org. 2011-07-09. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2011. Consultado o 2023-07-01. 
  10. Spelts, David. "Airbus A400M delay does not foster confidence - Bundeswehr Inspector General". web.archive.org (en inglés). Archived from the original on 20 de decembro de 2016. Consultado o 2023-07-01. 
  11. "Airbus threatens to scrap A400M aircraft". Financial Times. Consultado o 2023-07-01. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar