Ría de Ribadeo

accidente xeográfico na desembocadura do río Eo

A ría de Ribadeo,[1] (en Asturias é empregado tamén o nome de ría do Eo)[2][3][4] é unha ría cantábrica situada entre Galiza e Asturias e formada pola desembocadura do río Eo xunto con outros ríos menores, como o río Suarón e o río Grande. Ten 10 km de lonxitude e unha largura abondo constante duns 800 m, estreitándose ata os 600 m preto da boca —onde é atravesada pola ponte dos Santos— e abríndose máis á altura das enseadas de Arnao —xusto á beira da boca— da Lieira —entre Castropol e As Figueiras— e del Tarrón —a máis interior—, todas na parte oriental.

Modelo:Xeografía físicaRía de Ribadeo
Imaxe
Tiporía
Reserva da biosfera
Zona de especial conservación
Zona de especial protección para as aves
Zona húmida protexida
Convención de Ramsar Editar o valor en Wikidata
EpónimoRibadeo Editar o valor en Wikidata
Parte deMar Cantábrico Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaRibadeo, España, Trabada, España, Castropol, España e A Veiga, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 43°31′55″N 7°01′45″O / 43.53194, -7.02917
Afluentes
Características
Superficie1.003 ha Editar o valor en Wikidata
Sitio Ramsar
Identificador705
Reserva da biosfera  
IdentificadorEntrada: unesco.org… Editar o valor en Wikidata

A ría e o seu espazo natural da parte galega están amparados polas figuras de protección de zona especial de conservación, zona de especial protección para as aves e zona húmida protexida, e a parte asturiana como reserva natural parcial. O conxunto da ría de Ribadeo está dentro da Reserva da biosfera Río Eo, Ozcos e Terras de Burón e dentro do programa internacional de zonas húmidas Ramsar.

Xeografía e xeoloxía

editar
 
A ría de Ribadeo no mapa de Pedro Teixeira, 1634.

Situación

editar

Colle o seu nome da principal vila ribeirá, Ribadeo, a única situada baixo administración galega. Os outros tres enclaves principais son, na beira asturiana e de norte a sur, As Figueiras, Castropol e A Veiga. Ó norte, o límite con Cantábrico ven marcado pola liña Illa Pancha (Galicia) - Punta da Cruz (Asturias).

Accidentes xeográficos

editar

Na ribeira castropolega aparecen diversos entrantes do mar. De sur a norte (do Eo ó Cantábrico) son: a enseada del Tarrón, (en Vilavedelle), a Regueira (en Moldes), a enseada da Lieira (a meirande, entre a vila de Castropol As Figueiras), e a de Arnao. Na beira galega, oeste, a máis salientable é a enseada da Vilavella en Ove.

Os entrantes de terra máis salientables son, na parte asturiana, A Punta, na mesma vila de Castropol, e a punta da Cruz. Na beira galega destacan o Puntal e a Punta da Torba.[5]

Hidrografía

editar

Recibe achegas de varios ríos, o Eo é o principal deles e o que aporta a maioría da auga doce que recibe, e outros son o Suarón e o Monxardín (ambos desembocando na Veiga, Asturias) e o río Grande na zona galega. A saída ó mar prodúcese na zona norte, entre os enclaves da Illa Pancha na parte galega (concello de Ribadeo) e a Punta da Cruz na asturiana (concello de Castropol). Polo interior, na desembocadura do río Eo, a variación mareal amortece ó longo de varios quilómetros, chegando ata Abres, zona final na que a ría recibe o nome de ría de Abres.

Xeoloxía

editar

A ría formouse, como todas as rías, polo afundimento dun val fluvial e é unha das rías altas. Está colmatada de materiais fluviais formando marismas na súa primeira metade, e, facendo unha transición a materiais de orixe mariña, na parte central forma os tesos ou tesóns. A ría da acubillo a varias praias, entre as que destacan Arnao (a maior, con diferenza) e San Román, na parte asturiana, e O Cargadoiro na parte galega. Ademais cabe mencionar a praia dos bloques, artificial, ó sur do porto de Ribadeo, e a praia de Cabanela, desaparecida baixo o paseo marítimo de Ribadeo.

A ría sofre un proceso de colmatación que é tratado periodicamente con dragados, e que produce os tesóns, bancos de area de forma variable,

Isidoro Asensio Amor estudou os procesos de sedimentación na ría.[6]

Espazo natural

editar

Flora e fauna

editar

Abrangue no seu interior unha zona de especial protección para as aves[7] (ZEPA). É destacable a avifauna da ría, asentada na lama da súa parte interior (sur).

Lexislación

editar

A ría e o seu espazo natural está acollido por diferentes figuras de protección en Galicia e Asturias.

A zona oeste galega está declarada en Galicia como zona de especial protección dos valores naturais e zona especial de conservación (ZEC) denominada "Río Eo", de 1.003 ha., e de "Ribadeo" de 536 ha.; e zona de especial protección para as aves (ZEPA) de 625 ha. [8] Dende o ano 1983, é Refuxio Nacional de Caza.[9]

Asturias declarou como "Reserva Natural Parcial da Ría do Eo" a parte leste da ría, desde a punta Espiela ata As Figueiras, e ata o sur en Castropol e A Veiga. [10]

En coordinación, a parte galega e asturiana forman da ría de Ribadeo forman parte da Reserva da Biosfera[11] e da Zona húmida Ramsar "Ría do Eo" de 1.740 ha.

Economía

editar

Instalacións portuarias

editar

No ano 2004 na ría de Ribadeo as instalacións portuarias ocupaban un 4% do espazo. A comezos de 2006 completouse o recheo cunha extensión de 8.000 m2, no porto de Ribadeo, instalacións de Mirasol. Con este recheo incrementouse a área portuaria ata acadar o 5 % do total da ría[12]. En Ribadeo as instalaciones comprenden un porto comercial, outro deportivo e outro pesqueiro. As Figueiras e Castropol tamén teñen instalacións porturarias, pero menores.

Secuencia de luces en dous faros da ría de Ribadeo: un na ponte dos Santos, á nosa esquerda e máis próximo, e outro ó comezo da enseada de Arnao (Asturias), ó fondo, a nosa dereita.

Outros empregos

editar

Na parte asturiana da ría están enclavados os estaleiros Gondán[13], con abundante produción de barcos no século XXI.

Historia

editar

Na ría teñen afundido diversas naves. Entre elas, o galeón s. Giacomo di Galizia no 1597 e do que se acordou a petición de ben de interese cultural para os seus restos en 2019.[14] Asemade, hai documentados outros afundimentos, como o da fragata Casas, de 43 m de eslora en 1857, ou a corveta Juliana González, da armadora Bengoechea.[15]

A actividade marítima alterouse pola construción da ponte dos Santos, afectando á reconversión das lanchas de pasaxe para paseos turísticos ou limitando a altura dos navíos construídos nos estaleiros.[16]

Nome da ría

editar

Controversia sobre o nome: ría de Ribadeo ou ría do Eo

editar

Na vertente asturiana da ría úsase principalmente o nome de ría del Eo (ou ría do Eo) entre os habitantes da zona; porén, os organismos oficiais, segundo resolución da Dirección Xeral de Cartografía, avalada polo Instituto Xeográfico Nacional, denomínana ría de Ribadeo.[17]

Isto levou a peticións diverxentes por parte dos alcaldes da Veiga e Castropol,[18] a Xunta de Galicia ou a Plataforma para a Defensa da Ría de Ribadeo.[19]

Se ben, etimoloxicamente, o termo Ribadeo refírese a súa localización na ribeira do esteiro do río Eo, as dúas partes argumentan defendendo diferentes denominacións. Dunha banda, a parte asturiana valora que a ría fora propiedade de Castropol entre 1154 até 1956,[20] en que se deslindan as áreas que pasan a ser territorio tanto de Galicia como de Asturias. Igualmente, o Principado se apoia en que o topónimo tradicional de maior uso en ámbalas dúas beiras é o de "ría del Eo-Ria do Eo, de uso exclusivo en Asturias dende a década dos anos 80 e maioritario en Galicia". Pola parte galega, oponse que o termo Ría de Ribadeo está avalado porque tradicionalmente nas rías cantábricas, tanto galegas como asturianas, denomínanse adoptando o nome da localidade de maior entidade na súa desembocadura (caso da ría de Vigo ou de Pontevedra; e non do Verdugo ou do Lérez)[21] e, tamén, porque xa aparece con esa denominación nos mapas e cartas mariñas do século XVI.

O caso foi tratado pola Comisión especializada de nomes xeográficos nas súas reunións de 19 de decembro de 2007 e 12 de marzo de 2008, estudando os informes da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, a Dirección General de Promoción Cultural y Política Lingüística da Consejería de Cultura y Turismo do Principado de Asturias e a Real Sociedad Geográfica, acordando que o nome oficial recoñecido sexa o de ría de Ribadeo.[17][22][23] Porén, e a pesar da resolución oficial baseada en datos históricos e xeográficos, a polémica continúa, dado o interese asturiano en que se considere o nome que eles defenden como oficioso.

En novembro de 2021, o Instituto Geográfico Nacional, organismo dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, aceptara nun dictame a denominación de Ría del Eo mais foi recurrido polo, daquela, alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez. Porén, ese dictame foi confirmado en novembro do 2022, afirmando que as dúas denominacións toponímicas serán incluídas nas bases de datos xeográficas oficiais. [24]

Por outra parte, e de acordo co nome legal, o expresidente do Goberno de España, Leopoldo Calvo-Sotelo, foi investido polo rei Xoán Carlos I, o 24 de xuño de 2002, como o primeiro marqués da ría de Ribadeo (con Grandeza de España).[25]

Galería de imaxes

editar
  1. https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Resoluci%C3%B3n_del_Ministerio_de_Transportes_-_24_de_Mayo_de_2022.pdf
  2. Lugo, El Progreso de (2021-11-04). "Vuelve la polémica: ría del Eo o ría de Ribadeo". El Progreso de Lugo (en castelán). Consultado o 2021-11-17. 
  3. "Ría de Ribadeo - Novas. Concello de Ribadeo". ribadeo.gal. Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-17. 
  4. Resolución de 24 de maio do Ministerio de Transportes, consultable en https://www.ribadeando.com/2022/05/resolucion-sobre-o-nome-da-rai-de.html
  5. "sigpac". sigpac.mapa.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2010. Consultado o 2018-11-27. 
  6. Roberto R. Rodríguez (13/10/2015). Ribadeando, eds. "No centenarío de Isidoro Ansensio Amor". 
  7. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia." (PDF). DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Consultado o 22/1/2016. 
  8. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia." (PDF). DOG. Consultado o 6/11/2016. 
  9. Guía Turística de Ribadeo, D.L.LU 28-2016
  10. Asturies, paraiso natural. (eds.). "Ría do Eo". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2017. Consultado o 01 de novembro de 2017. 
  11. "Información xeográfica de Galicia". Información xeográfica de Galicia. Consultado o 6/11/2016. 
  12. "Mapa Sigpac". Sigpac. Coordenadas 43º32' N, 7º2'17" O. Arquivado dende o orixinal o 10/09/2010. Consultado o 6/11/2016. 
  13. "Asteleiros Gondán". Consultado o 6/11/2016. 
  14. Agremon (20190925). "Ribadeando: Pleno de onte en Ribadeo, 20190924". Ribadeando. Consultado o 2019-09-27. 
  15. "Ribadeo recupera del olvido a la lancha castigada cien años tras su naufragio". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-09-26. Consultado o 2019-09-27. 
  16. España, La Nueva. "El calado de la ría y el puente de los Santos limitan los encargos". www.lne.es (en castelán). Consultado o 2019-09-27. 
  17. 17,0 17,1 Margarita Azcárate Luxán (13 de marzo de 2008). Informe sobre la decisión adoptada por la Comisión Especializada de Nombres Geográficos, del Consejo Superior Geográfico, con relación al topónimo Ría de Ribadeo (Informe) (en castelán). Ministerio de Fomento. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2014. Consultado o 02 de novembro de 2016. 
  18. El Comercio, 15 de setembro de 2005
  19. "Una plataforma gallega pide al Instituto Geográfico que oficialice «Ría de Ribadeo»". Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2008. Consultado o 02 de novembro de 2016. 
  20. Pérez de Castro, José Luís (27 de agosto de 1987 (reproducido o 27 de decembro de 2007)). "Ría Del Eo Versus Ría De Ribadeo". riadeleo.com (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2023. 
  21. Fresneda, Nuria (27 de novembro de 2021). "Ribadeo o Eo, la batalla por el topónimo de la ría que divide Galicia y Asturias". niusdiario.es (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2023. 
  22. https://www.facebook.com/lavozdegalicia (2008-03-21). "El estuario del Eo se llama ría de Ribadeo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-07-01. 
  23. "Fomento oficializa el topónimo de ría de Ribadeo". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 02 de novembro de 2016. 
  24. Redacción (19 de novembro de 2022). "El Instituto Geográfico acepta el topónimo ría del Eo, ya oficial como el de ría de Ribadeo". elcomercio.es (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2023. 
  25. https://www.facebook.com/lavozdegalicia (2008-05-28). "El marquesado de la Ría de Ribadeo pervivirá tras fallecer Calvo-Sotelo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-07-01. 

Véxase tamén

editar