Zona húmida protexida

As zonas húmidas protexidas son ecosistemas que teñen auga constantemente ou dun xeito estacional[1] e que polo seu interese de protección e conservación son espazos naturais protexidos. Segundo a Convenio de Ramsar, unha zona húmida é unha «área de marismas, esteiros, foces ou turbeiras, tanto naturais como artificiais, nas que a auga é estática ou flúe, é tanto doce, salobre coma salgada, e áreas nas que a auga mariña en marea baixa non ten unha profundidade maior de seis metros».[2] Agás na Antártida, estas zonas están por todo o planeta e son ecosistemas como os de lagoas e ríos, acuíferos subterráneos, marismas, esteiros, turbeiras, deltas, mangleirais, corais ou encoros construídos, entre outros.[1]

As zonas húmidas máis destacables do planeta, segundo a UNESCO, son Tonlé Sap (Camboxa), Pantanal (Brasil), Lac Saint-Pierre (Canadá), a Ciénaga Grande de Santa Marta (Colombia), Camarga (Francia), a reserva da biosfera de Hara (Irán), o delta do Volga (Rusia), Langebaan (Suráfrica), The Everglades (EEUU) e o delta du Saloum (Senegal).[1]

As zonas húmidas Ramsar supera en 2017 as 2200 e cobren o 2,1% da superficie do planeta.[3] En Galicia hai declarados cinco zonas húmidas de importancia internacional.

Unesco e Ramsar editar

A Convención de RAMSAR comezou en 1971 en Irán coa finalidade de protexer a nivel internacional as zonas húmidas co fin de preservalas. A UNESCO estableceu lazos de colaboración coa Ramsar para colaborar na preservación das zonas húmidas. Así as reservas da biosfera da UNESCO inclúen a estas zonas como obxectivo de preservación e conservación.[1]

Lexislación por estados editar

España editar

Véxase tamén: Sitios Ramsar en España.

As zonas húmidas que protexe o estado español son aquelas declaradas como "zonas húmidas de importancia internacional" dentro do Convenio de Ramsar, que comezou a ser elaborado en 1971,[4] e aquelas outras zonas húmidas de interese que se engaden nun "inventario nacional de zonas húmidas"[5][6].

As leis 42/2007 do "patrimonio natural e da biodiversidade", no seu artigo 9.3, e o decreto 435/2004 do 12 de marzo establecen o marco lexislativo para a xestión dese "inventario español de zonas húmidas". Recoller a información e elaborar as peticións coa que se engaden zonas húmidas ao catálogo correspóndelle ás comunidade autónomas.[7]

España adheriuse ao Convenio Ramsar en 1982 incluíndo ás zonas húmidas dos ecosistemas de Doñana e Tablas de Daimiel. En setembro de 2014 había 74 zonas recollidas no "inventario español de zonas húmidas".[4]

Galicia editar

A Xunta de Galicia regulou polo decreto 110/2004, do 27 de maio, e seguindo a lei 9/2001 do 21 de agosto para a conservación da natureza, definiu a política das zonas húmidas protexidas e amparou a espazos naturais antes declarados de interese. A definición de zona húmida segue nesta lexislación galega a definición Ramsar e establece que poden ser ribeiras, zonas de costa ou próximas á costa, illas ou áreas mariñas de baixa profundidade se están dentro doutra área húmida.[8]

As zonas húmidas galegas declaradas, e que son tamén zonas húmidas de interese internacional na lista Ramsar, son:

Sortable table
Nome Superficie (ha.)
Lagoa e areal de Valdoviño 740,70
Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira 2476,72
Ría de Ortigueira e Ladrido 2985,28
Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo 982,90
Ría de Ribadeo 563,44

Portugal editar

Portugal asinou en 1980 a Convención de Ramsar e declarou en 1981 as súas dúas primeiras zonas húmidas protexidas: o esteiro do Texo e a ría Formosa. En 2017 contaba con 31 lugares Ramsar, que suman 132 mil ha., e que protexen zonas continentais, como da lagoa da Albufeira, e das súas illas, como unha importante superficie litoral e mariña dos Azores.[9]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 UNESCO (eds.). "Wetlands". 
  2. En inglés e literalmente o artigo 1.1 do Convenio de Ramsar di: "areas of marsh, fen, peatland or water, whether natural or artificial, permanent or temporary, with water that is static or flowing, fresh, brackish or salt, including areas of marine water the depth of which at low tide does not exceed six metres".
  3. The International Hydrological Programme (IHP), UNESCO/Division of Water Sciences (SC/HYD) (eds.). "Wetlands of International Importance (Ramsar Sites)". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2017. Consultado o 03 de novembro de 2017. 
  4. 4,0 4,1 Ministerio de Agrultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (eds.). "La lista Ramsar española". 
  5. Ministerio de Agrultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (eds.). "Aguas superficiales: zonas Protegidas". 
  6. Real Decreto 435/2004, de 12 de marzo, por el que se regula el Inventario nacional de zonas húmedas.
  7. Ministerio de Agrultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (eds.). "Inventario Español de Zonas Húmedas". 
  8. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "Humidais protexidos". 
  9. Instituto de Conservaçao da Natureza e das Florestas (eds.). "União Europeia e âmbito Internacional: Convenção de Ramsar". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2017. Consultado o 03 de novembro de 2017. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Rede Natura 2000