Convención de Ramsar
Parque dunar de Corrubedo. |
A Convención relativa ás Zonas Húmidas de Importancia Internacional, especialmente como Hábitat de Aves Acuáticas, coñecida como Convención de Ramsar, foi adoptada na cidade iraniana de Ramsar, o 2 de febreiro de 1971, e entrou en vigor en 1975. A UNESCO é a tesouraría da Convención.
É un tratado internacional sobre a conservación e a utilización responsábel das zonas húmidas e os seus recursos, sexa por regulamentación nacional, sexa por proxectos de cooperación internacional co fin de protexer un dos ecosistemas máis produtivos e pero dos máis ameazados na actualidade. Aínda que inicialmente se centraba na protección do hábitat das aves acuáticas, cos anos foi ampliando o seu ámbito de aplicación no sentido de protexer toda a biodiversidade das zonas húmidas.
O artigo 2.2 da Convención establece que:
A selección das zonas húmidas que se inclúan na Lista deberá basearse na súa importancia internacional en términos ecolóxicos, botánicos, zoolóxicos, limnolóxicos ou hidrolóxicos. En primeiro lugar deberán incluírse as zonas húmidas que teñan importancia internacional para as aves acuáticas en calquera estación do ano
Convención de Ramsar
editarPartes
editarAté o 14 de xaneiro de 2008, a Convención fora ratificada por 157 países, con 1.708 sitios incluídos na "lista das zonas húmidas de importancia internacional"[1], que suman 152,9 millóns de hectáreas[2].
Compromisos que adquiren as partes ao adherírense ao convenio
editarPódese falar principalmente de catro compromisos que adquiren as partes:
- Inscrición de sitios na lista das zonas húmidas: o artigo 2 da convención establece a obriga das partes de designar no momento da adhesión polo menos un sitio para incluílo na "lista de Ramsar" e promover a súa conservación.
- Uso racional (sostible): o artigo 3.2 da convención establece a obriga das partes de incluíren as cuestións relativas á conservación das zonas húmidas nos seus plans nacionais do solo.
- Reservas e capacitación: o artigo 4 da convención establece a obriga de fixar reservas de natureza nas zonas húmidas.
- Cooperación internacional: o artigo 5 da convención establece a obriga de cooperar con outros Estados nos casos das zonas húmidas transfronteirizas, sistemas hídricos compartidos ou especies compartidas.
Funcionamento
editarPara o seu funcionamento, a convención prevé a existencia dos seguintes órganos:
- A Conferencia das Partes Contratantes (COP): está formada polos representantes dos gobernos das partes e é o órgano reitor da convención. Ás súas reunións poden asistir sen dereito de voto representantes de ONGs e da comunidade académica. Nos artigos 6 e 7 recóllense as súas funcións entre as que están: recibir informes nacionais sobre os trienios anteriores, aprobar acordos sobre o programa e o orzamento para os tres anos seguintes, examinar orientacións dirixidas ás partes, e outros.
- A primeira das reunións da conferencia celebrouse en Cagliari, Italia, en 1980. Introducíronse emendas á convención orixinal nas conferencias de París en 1982 ("protocolo de París") e Regina en 1987 ("emendas de Regina")[3]
- O Comité Permanente (CP): órgano executivo que representa á conferencia nos tres anos entre cada unha das reunións da COP. Está composta por 16 membros rexionais e 2 membros ex officio do Comité que se reúnen anualmente elixidos proporcionalmente entre as 6 rexións Ramsar: África, Asia, Europa, Neotrópico, América do Norte e Oceanía, así como os países anfitrións da última reunión da COP e da seguinte.
- A Secretaría da Convención: coordina as actividades correntes da Convención. Ten a súa sede en Gland, Suíza; sendo compartida coa UINC ("Unión Internacional para a Conservación da Natureza e os Recursos Naturais"). Está dirixida por un secretario xeral que ten ao seu cargo a 15 funcionarios técnicos, de comunicacións e administrativos que xuridicamente son considerados empregados da UINC.
- O Grupo de exame científico e técnico (GECT): órgano subsidiario co obxecto de dar orientacións científicas e técnicas aos outros órganos da convención. Os seus integrantes desempeñan cargos non remunerados e son elixidos polo comité permanente entre os expertos presentados polas partes.
- As Organizacións Internacionais asociadas: son cinco ONGs coas que a convención colabora estreitamente e coas que está asociada oficialmente:
- BirdLife International
- IWMI - Instituto Internacional para o Manexo da Auga
- Wetlands International
- UICN - Unión Mundial para a Natureza
- WWF (Fondo Mundial para a Natureza) Internacional
Rexistro de Montreux
editarO Rexistro de Montreux é un rexistro creado na Conferencia do ano 1990, no que se recollen as zonas húmidas inscritas na lista das zonas húmidas de importancia internacional nas que se produciron, están producindo ou poden producirse cambios como consecuencia da intervención do ser humano, da contaminación ou dos avances tecnolóxicos[4].
No ano 1993 determinouse que debía ser empregado para identificar as zonas húmidas nacionais ou internacionais que requirían unha atención prioritaria. En 2017, había 48 zonas húmidas inscritas[5].
Misión Ramsar de asesoramento (MRA)
editarConsiste nunha misión técnica formada por dous ou tres expertos que pode ser encargada pola Secretaría, previa solicitude dun Estado parte interesado, coa finalidade de analizar a situación existente nunha zona húmida inscrita no rexistro de Montreux, asesorar sobre as medidas a adoptar e avaliar a conveniencia de eliminar a inscrición no rexistro despois da adopción das medidas indicadas, se as mesmas foron eficaces para a solución do problema[4].
Zonas húmidas de importancia internacional por estados
editarZonas húmidas galegas
editarNo litoral galego hai cinco zonas húmidas incluídas na Lista das zonas húmidas de importancia internacional, as indicadas no cadro seguinte:[6][7][8][9]
Nome | Data de designación | Superficie | Lagoa da Frouxeira, na zona húmida Lagoa e areal de Valdoviño |
---|---|---|---|
Complexo Intermareal Umia-O Grove | 5 de decembro de 1989 | 2.561 ha | |
Ría de Ortigueira e Ladrido | 5 de decembro de 1989 | 2.920 ha | |
Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo | 26 de marzo de 1993 | 550 ha | |
Lagoa e areal de Valdoviño | 26 de marzo de 1993 | 485 ha | |
Ría de Ribadeo | 4 de outubro de 1994 | 1.740 ha |
Efeméride
editarO 2 de febreiro declarouse o día mundial das zonas húmidas, en conmemoración da data na que se aprobou a Convención de Ramsar.
Notas
editar- ↑ Lista das zonas húmidas de importancia internacional en formato pdf
- ↑ Partes contratantes da Convención de Ramsar
- ↑ Documento Informativo de Ramsar Número 2:
As reunións ordinarias da Conferencia das Partes Contratantes celebráronse en: 1. Cagliari, Italia, 1980; 2. Groningen, Países Bajos, 1984; 3. Regina, Canadá, 1987; 4. Montreux, Suíza, 1990; 5. Kushiro, Xapón, 1993; 6. Brisbane, Australia, 1996; 7. San José, Costa Rica, 1999; 8. Valencia, España, 2002; 9. Kampala, Uganda, 2005. Segundo o previsto, a 10a. celebrarase en Changwon, República de Corea, en 2008
- ↑ 4,0 4,1 Documento informativo Ramsar número 6
- ↑ "Montreux Record". Ramsar. Consultado o 3/11/2017.
- ↑ "Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos. CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE. Luns, 7 de xuño de 2004. Número 108.". DOG, Xunta de Galicia. Consultado o 1/10/2017.
- ↑ "DECRETO 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia. CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE". DOG, Xunta de Galicia.
- ↑ "Humidais protexidos". Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Xunta de Galicia.
- ↑ Páxs. 31 e 32 do documento pdf
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Secretaría de la Convención de Ramsar (2006): Manual de la Convención de Ramsar: Guía a la Convención sobre los Humedales (Libro en pdf). Gland, Suíza: Secretaría de la Convención de Ramsar. (en castelán).