Portal:Reino Unido/Artigo destacado/Arquivo

Aquí están todos os artigos destacados no portal Reino Unido:

1 editar

A batalla de Hastings tivo lugar o 14 de outubro de 1066 entre o exército normando do duque Guillerme II de Normandía e un exército inglés baixo o rei anglosaxón Haroldo Godwinson, dando comezo á conquista normanda de Inglaterra. Tivo lugar a uns 11 km ó noroeste de Hastings, preto da vila actual de Battle, East Sussex, e resultou nunha vitoria decisiva para os normandos.

A morte do rei Eduardo o Confesor en xaneiro de 1066, quen non tivo fillos, deu lugar a unha loita sucesoria entre varios aspirantes ó seu trono. Haroldo foi coroado rei pouco despois da morte de Eduardo, pero tivo que combater as invasións de Guillerme, do seu propio irmán Tostig e do rei noruegués Haraldo Hardrada. Hardrada e Tostig derrotaron a un exército inglés reunido de forma apresurada na batalla de Fulford o 20 de setembro de 1066, pero foron derrotados por Haroldo na batalla de Stamford Bridge cinco días despois. As mortes de Tostig e Hardrada nesta batalla deixaron a Guillerme coma o único opoñente de Haroldo. Mentres este e as súas forzas estaban a recuperarse da batalla de Stamford Bridge, Guillerme desembarcou a súa forza de invasión no sur de Inglaterra en Pevensey o 28 de setembro de 1066. Haroldo viuse obrigado a marchar rapidamente cara ó sur, reunindo o seu exército sobre a marcha.

Haroldo tentou sorprender a Guillerme, pero os exploradores deste atoparon o exército de Haroldo e informaron da súa chegada a Guillerme, que marchou dende Hastings ata o campo de batalla para enfrontarse a Haroldo. A batalla durou dende as 9 am ata o anoitecer. A morte de Haroldo cara ó final da batalla deu lugar á retirada e derrota da maior parte do seu exército. Tras unha marcha posterior e unhas pequenas escaramuzas, Guillerme foi coroado rei o día de Nadal de 1066.

A resistencia e rebelións ó reinado de Guillerme seguiron tras esta batalla, pero Hastings marcou a culminación da conquista de Inglaterra por parte de Guillerme.


2 editar

Hannah Beswick, coñecida de maneira póstuma como a momia de Manchester, nada en 1688 e finada en febreiro de 1758, foi unha muller británica adiñeirada que vivía nunha propiedade chamada Birchin Bower, situada na área de Hollinwood, en Oldham, Inglaterra. Debido aos seus antecedentes familiares, Beswick tiña un medo patolóxico a ser enterrada viva. Así, dise que antes de morrer manifestara o desexo de que o seu corpo permanecese sen sepultar, coa finalidade de verificar periodicamente a existencia de sinais de vida. Con todo, tras a súa morte en 1758, o seu corpo foi embalsamado.

A pesar de que non quedou constancia do método utilizado no embalsamamento, crese que consistiu na substitución do sangue por unha mestura de trementina e vermellón, método chamado embalsamamento arterial. O corpo foi gardado dentro dunha vella caixa de reloxo e almacenado en casa do doutor Charles White, o médico da familia. A aparente excentricidade de Beswick terminou converténdoa nunha celebridade local, especialmente polo feito de que os visitantes puidesen observala na casa de White.

Finalmente o corpo foi legado ao Museo da Sociedade de Historia Natural de Manchester, onde foi exhibido e onde recibiu o alcume de Momia de Manchester ou a momia de Birchin Bower. Posteriormente toda a colección do museo foi transferida á Universidade de Manchester e decidiuse, coa aprobación das autoridades e o bispo, enterrar a Beswick. O acto tivo lugar no cemiterio de Harpurhey o 22 de xullo de 1868, 110 anos despois da súa morte. A tumba na que xacen os seus restos carece de nome ou marca ningunha.


3 editar

The Beatles foi unha banda de rock formada en Liverpool (Inglaterra) en 1960, activa durante a década dos 60, e recoñecida como unha das máis comercialmente exitosas e criticamente aclamadas na historia da música popular. Formada en Liverpool, estivo constituída desde 1962 por John Lennon (guitarra rítmica, vocalista), Paul McCartney (baixo, vocalista), George Harrison (guitarra solista, vocalista) e Ringo Starr (batería, vocalista). Enraizada no skiffle e no rock and roll dos anos cincuenta, a banda traballou máis tarde con distintos xéneros musicais, que ían desde a balada pop ata o rock psicodélico, incorporando a miúdo elementos clásicos, entre outros, de forma innovadora nas súas cancións. A natureza da súa enorme popularidade, que emerxera primeiramente coa moda da «Beatlemanía», transformouse á vez que as súas composicións se volveron máis sofisticadas. Chegaron a ser percibidos como a encarnación dos ideais progresistas, estendendo a súa influencia nas revolucións sociais e culturais da década de 1960.

Cunha formación inicial de cinco compoñentes que incluía a Lennon, McCartney, Harrison, Stuart Sutcliffe (baixo) e Pete Best (batería), construíron a súa reputación nos clubs de Liverpool e Hamburgo nun período de tres anos a partir de 1960. Sutcliffe abandonou a formación en 1961, e Best foi substituído por Starr ao ano seguinte. Xa como grupo profesional despois de que Brian Epstein lles ofrecese ser o seu representante, e co seu potencial musical mellorado pola creatividade do produtor George Martin, lograron o éxito comercial no Reino Unido a finais de 1962 co seu primeiro sinxelo, «Love Me Do». A partir de aí, foron adquirindo popularidade internacional ao longo dos seguintes anos, nos cales fixeron un extenso número de xiras ata 1966, ano en que cesaron a actividade en vivo para dedicarse unicamente á gravación no estudo ata a súa disolución en 1970. Despois, todos os seus integrantes embarcáronse en exitosas carreiras independentes, a pesar disto non foron raras as colaboracións entre eles.

Lennon sería asasinado nos arredores da súa casa de Nova York en 1980, e Harrison falecería de cancro en 2001. McCartney e Starr aínda permanecen activos.


4 editar

As Illas Malvinas, (en inglés: Falkland Islands), son un arquipélago do océano Atlántico meridional, na plataforma continental patagónica. As illas principais atópanse a 483 km ó leste da costa da Patagonia, en América do Sur, na latitude 52°S. O arquipélago, cunha área de 12 000 km², abrangue a illa Soidade, a illa Gran Malvina e 776 illas máis pequenas. É un Territorio Británico de Ultramar e conta cun autogoberno, mais o Reino Unido encárgase da súa defensa e das relacións exteriores. A capital das Malvinas é Stanley, na illa Soidade.

Existe unha gran controversia sobre a descuberta e posterior colonización das Malvinas polos europeos. En varios momentos, as illas tiveron asentamentos franceses, británicos, españois e arxentinos. O Reino Unido reafirmou o seu control sobre o arquipélago en 1833, malia que a Arxentina mantiña a súa reivindicación sobre as illas. En abril de 1982, forzas arxentinas ocuparon temporalmente o territorio. A administración británica foi restaurada dous meses máis tarde, no final da guerra das Malvinas.

A poboación (2 932 habitantes en 2012) está constituída principalmente por nativos das illas, a maioría de ascendencia británica. A lingua predominante (e oficial) é o inglés. De acordo cunha lei de 1983 aprobada polo Parlamento do Reino Unido, os malvineiros son considerados cidadáns británicos.

O arquipélago atópase no límite das zonas climáticas oceánica subantártica e de tundra e as dúas principais illas teñen cordilleiras que atinxen 700 metros de altura. Elas son o lar de grandes poboacións de aves, malia que moitas xa non se reproducen nas principais illas por mor da concorrencia con especies introducidas. As principais actividades económicas son a pesca, o turismo e a cría de ovellas, con énfase na exportación de la de alta calidade. A exploración de petróleo permanece en controversia como resultado de disputas marítimas coa Arxentina.


5 editar

Portal:Reino Unido/Artigo destacado/5

6 editar

Portal:Reino Unido/Artigo destacado/6

7 editar

Portal:Reino Unido/Artigo destacado/7

8 editar

Portal:Reino Unido/Artigo destacado/8

9 editar

Portal:Reino Unido/Artigo destacado/9

10 editar

Portal:Reino Unido/Artigo destacado/10