Xénero musical

categoría que reúne composicións musicais que comparten distintos criterios de afindade

Un xénero musical é unha categoría que reúne composicións musicais que comparten distintos criterios de afinidade.[1] Estes criterios poden ser especificamente musicais, como o ritmo, a instrumentación, as características harmónicas ou melódicas ou a súa estrutura, e tamén basearse en características non musicais, como a rexión xeográfica de orixe, o período histórico, o contexto sociocultural ou outros aspectos máis amplos dunha determinada cultura.

Os xéneros á súa vez divídense en subxéneros. Nalgúns xéneros determinados como o flamenco o termo subxénero substitúese por outro que determina cada unha das variedades denominándose dunha forma propia, neste caso adoita chamarse palo. Unha composición musical pode ser clasificada dentro de varios xéneros, e é expresada a través do estilo concreto do artista. Nos casos en que esta multiplicidade de xéneros resulta evidente dentro do estilo do artista, ou é un obxectivo buscado polo compositor, adoita falarse de música de fusión, que si se chegan a xeneralizar o suficiente poden chegar a formar xéneros de fusión practicamente independentes.

Estilo musical e xénero musical

editar

Existe certa confusión entre os termos estilo musical e xénero musical. Un estilo musical é o carácter propio que dá ás súas obras un artista ou un músico (exemplo: o estilo de Rossini).[2]

Cando un estilo se diferenza o suficiente e se xeneraliza en distintas obras e múltiples artistas que toman trazos comúns entre si fórmase unha categoría que se denomina xénero musical (exemplo: o rock é un xénero musical de ritmo moi marcado).[3].

Noutro sentido o termo estilo tamén se pode utilizar para definir ao conxunto de características específicas no caso de que se refira en concreto a aquelas que individualizan a tendencia dunha época (exemplo: estilo neoclásico).

Xéneros musicais

editar

Actualmente existen multitude de xéneros musicais en constante evolución. Desde xéneros musicais demarcados conceptualmente que abarcan campo definido e específico, e que presentan unha asentada concepción (tango, blues, salsa, hip hop...); ata amplas e difusas categorías musicais que abarcan un marco absolutamente heteroxéneo musicalmente, de nova creación por parte das discográficas para achegar a música ao profano e facilitar a súa clasificación (música rock, música universal ou world music, música electrónica...).

Criterios de clasificación

editar

A clasificación en xéneros musicais adoita realizarse segundo os seguintes criterios:

  • Características melódicas, harmónicas e rítmicas.
  • Instrumentación típica.
  • Lugar xeográfico onde se desenvolve principalmente.
  • Orixe histórica e sociocultural.
  • Estrutura das obras (cancións, movementos etc.).
  • Normas e técnicas de composición e interpretación.
  • Medios e métodos de difusión.

Problemática da clasificación

editar

Subxectividade

editar

Un dos inconvenientes ao agrupar música por xéneros reside en que se trata dun proceso subxectivo que resulta moi influído polo coñecemento persoal e a forma de cada un de sentir e escoitar a música. Isto é especialmente certo nas "grandes categorías" que clasifican á música en culta ou música popular, debido ao alto grado de abstracción que a complexidade do conxunto require para atopar características comúns, e -no outro extremo- no caso de subxéneros por especificación detallada que contrasta tamén coa complexidade de orixes e influencias dunha obra determinada. Un exemplo disto último é a música de Led Zeppelin, que pode ser chamada heavy metal, hard rock, blues rock, en función do que cada un interprete.

Cambio do contexto cultural

editar

Este problema afecta especialmente ao concepto de popularidade na clasificación por xéneros. Por exemplo, a música barroca ou renacentista, que a maioría das persoas agruparía actualmente baixo o supraxénero de "música académica" - xa que a súa difusión e interpretación está limitada a sectores especializados - foi en realidade a "música popular" daquela época.

Relatividade

editar

Algúns xéneros musicais son moi raros, e poden resultar relativizados ou ignorados polos críticos; o post-rock, por exemplo, é un termo creado por Simon Reynolds, resultando nunha clasificación controvertida. Outro exemplo é a música de videoxogos, definida pola súa canle de difusión, que podería ou non segundo o criterio que se utilice, definir un xénero musical propio.

Resistencia

editar

A categorización da música, especialmente en xéneros moi específicos ou subxéneros, pode resultar difícil para os novos estilos emerxentes ou para pezas musicais que incorporan características de múltiples xéneros. Os intentos por circunscribir músicos individuais a un xénero determinado poden inducir a erro, xa que é habitual que produzan música nunha variedade de xéneros no transcurso da súa carreira, ou ata, nunha mesma peza musical. Algunhas persoas senten que a categorización da música en xéneros baséase máis en motivos comerciais e de mercado que en criterios musicais. Por exemplo John Zorn, un músico cuxa obra cubriu unha ampla gama de xéneros, escribiu que estes son ferramentas usadas para "facer máis cómoda e comercializable a complexa visión persoal dun artista".[4]

Vantaxes da clasificación

editar

Categorizar a música faise necesario para facilitar o seguimento da historia e os distintos xéneros da música, ademais de conceptualizar, distinguir e definir máis claramente cada un deles. Ademais, o uso de etiquetas pode actualmente dirixir o desenvolvemento da nova música ao extremo de axudar a cultivar o interese e a participación da audiencia nos estadios iniciais dunha tendencia.

Os xéneros musicais na música actual

editar

Cando a expresión "xénero musical" é usada actualmente en contextos non académicos, como os comerciais, nas sociedades de autores[5] ou pola crítica de música popular, é utilizada como sinónimo de estilo musical. Adoitan hoxe distinguirse tres grandes familias de estilos ou xéneros: música culta, música folclórica e música popular.

Música culta

editar

A música culta é tamén coñecida como música clásica,[6][7] douta ou académica. O apelativo de música clásica é un termo moitas veces impreciso pero profundamente arraigado e institucionalizado na sociedade, ademais do modo habitual de referirse a outros vocábulos similares, que aparece por primeira vez no Oxford English Dictionary de 1836.[8] Implica todo tipo de consideracións teóricas, estéticas e estruturais, e habitualmente comporta unha longa tradición escrita, polo que os seus intérpretes adoitan ter anos de formación nun conservatorio.

Música folclórica ou tradicional

editar
Artigo principal: Música tradicional.

A música tradicional transmitiuse oralmente de xeración en xeración á marxe do ensino musical académico como unha parte máis dos valores e da cultura dun pobo. Así pois, ten un marcado carácter étnico que normalmente faia difícil de comprender a escala internacional, aínda que existen excepcións notables como o flamenco, a xota, o tango, a samba e, en xeral, todos os ritmos latinos que manteñan certa entidade propia co tempo. Nos últimos tempos agrupáronse na denominación artificial coñecida como músicas do mundo (en inglés world music).

editar
Artigo principal: Música popular.

A música popular oponse á música académica e é un conxunto de estilos musicais que, a diferenza da música tradicional ou folclórica, non se identifican con nacións ou etnias específicas. Pola sinxeleza e curta duración das súas formas, non adoitan requirir de coñecementos musicais elevados para ser interpretados e comercialízanse e difunden grazas aos medios de comunicación de masas.[9][10] Esta última afirmación é discutida desde moitos ámbitos de compositores e intérpretes e cada vez máis tendese a pensarse na música popular e na música culta como músicas de prácticas diferentes, aínda que comparten moitas características da súa linguaxe. Existen músicas populares que requiren habilidades musicais elevadas e doutra banda músicas cultas extremadamente sinxelas. En xeral pode dicirse que a música culta vén da música escrita en partituras e a popular da tradición non escrita, sexa esta popular ou profesional. En parte, o xurdimento dos medios masivos de difusión e o negocio da música contribuíron a desdebuxar os límites entre estas músicas.[11]

Dito brevemente, pode afirmarse que a música popular xorde en Europa coa chegada da Revolución industrial no século XVIII, cando a mellora tecnolóxica fai posible que os fabricantes poidan comezar a producir instrumentos musicais en serie e a vendelos a un prezo razoable, chegando así á clase media. Outro avance importante no desenvolvemento deste tipo de música prodúcese no século XIX grazas ao fonógrafo de Edison e ao gramófono de Berliner, que permiten ao público en xeral gravar a súa propia música ou escoitar a música composta polos demais sen necesidade de asistir a un concerto en directo. De feito, a finais dos anos vinte do século seguinte, moitos compositores prestixiosos e intérpretes populares xa efectuaran múltiples gravacións que puideron difundir a través doutros inventos modernos da época como a radio e, posteriormente, a televisión. Pero non será ata a década dos cincuenta cando a música popular alcance realmente a divulgación que ten hoxe en día grazas ao desenvolvemento do rock and roll e á popularidade que alcanzaron as gramolas nos bares, pubs, cafeterías e restaurantes. Ademais, non tivo que pasar moito tempo antes de que aparecesen no sector novos estilos como a música pop, música electrónica, heavy metal, punk, e hip hop ata tal punto que actualmente os estilos musicais son tantos e tan variados, e as fronteiras tan difusas, que é difícil saber cando se está falando dun e cando doutro.

Actualmente existen multitude de estilos musicais en constante evolución. Desde os que presentan unha asentada concepción (tango, blues, salsa, hip hop...); ata amplas e difusas categorías musicais que abarcan un marco absolutamente heteroxéneo musicalmente, de nova creación por parte das discográficas para achegar a música ao profano e facilitar a súa clasificación nos por elas denominados "xéneros": (música rock, música universal ou world music, música electrónica...).

 
Xénero musical: Tango.

Problemática da clasificación

editar

Categorizar a música faise necesario para clasificala comercial e historicamente, ademais de conceptualizala, distinguila e definila máis claramente. O uso de etiquetas pode ademais actualmente dirixir o desenvolvemento da nova música ao extremo de axudar a cultivar o interese e a participación da audiencia nos estadios iniciais dunha tendencia.

Con todo, un dos inconvenientes ao agrupar música por xéneros reside en que se trata dun proceso subxectivo que resulta moi influído polo coñecemento persoal e a forma de cada un de sentir e escoitar a música. Isto é especialmente certo nas "grandes categorías" que clasifican á música en culta ou música popular, debido ao alto grao de abstracción que a complexidade do conxunto require para atopar características comúns, e -no outro extremo- no caso de subxéneros por especificación detallada que contrasta tamén coa complexidade de orixes e influencias dunha obra determinada. Un exemplo disto último é a música de Led Zeppelin, que pode ser chamada heavy metal, hard rock, blues rock, en función do que cada un intérprete.

Algunhas persoas senten que a categorización da música en xéneros baséase máis en motivos comerciais e de mercado que en criterios musicais. Por exemplo John Zorn, un músico cuxa obra cubriu unha ampla gama de xéneros, escribiu que estes son ferramentas usadas para «facer máis cómoda e comercializable a complexa visión persoal dun artista».[4]

  1. Van der Merwe, Peter (1989). Origins of the Popular Style: The Antecedents of Twentieth-Century Popular Music. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-316121-4.
  2. Estilo Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no Dicionario da Real Academia Galega
  3. Rock Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no Dicionario da Real Academia Galega
  4. 4,0 4,1 John Zorn, Arcana: Musicians on Music
  5. http://www.sgae.es/polymitaImages/public/pdf_socios/DeclaracionReg_OM.pdf[Ligazón morta]
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para clásico. Consultado o 24 de febreiro de 2017.
  7. Definición por Wordreference
  8. Classical, en el Oxford Concise Dictionary of Music, de Michael Kennedy (2007)
  9. "Microsoft Encarta". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2009. Consultado o 18 de marzo de 2017.  Arquivado 28 de outubro de 2009 en Wayback Machine.
  10. Encyclopædia Britannica
  11. Carlos Vega y la teoría de la música popular. Un enfoque latinoamericano en un ensayo pionero (en castelán)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar