Portal:Perú/Biografía destacada/Arquivo

Aquí están todos as biografías destacadas no portal Perú:

1 editar

Javier Pérez de Cuéllar Guerra, nado en Lima o 19 de xaneiro de 1920, é un avogado e diplomático peruano que se converteu no quinto Secretario Xeral das Nacións Unidas entre 1982 e 1991. Estudou dereito e ingresou en 1940 no Ministerio de Exteriores do Perú. En 1944 entrou a formar parte do Servizo Diplomático, e foi enviado como embaixador do Perú a Francia, Reino Unido, Bolivia, Brasil, Suíza, a Unión Soviética (sendo o primeiro embaixador do Perú neste país), Polonia e Venezuela.

En 1961 volveu para Lima para desenvolver os cargos de director do Departamento Xurídico, director da Administración, director de Protocolo e director de Asuntos Políticos. En 1966 conseguiu que o nomeasen viceministro e Secretario Xeral de Relacións Exteriores, baixo a presidencia de Belaunde Terry.

Foi designado polo seu país como delegado na Asemblea Xeral da ONU en 1946, para converterse en representante nas Nacións Unidas desde 1971 ata 1975. Representou ó Perú no Consello de Seguridade da ONU entre 1973 e 1974, desenvolvendo a función de Presidente do Consello durante o conflito de Chipre de 1974. O 18 de setembro daquel ano foi nomeado representante especial do Secretario Xeral en Chipre, cargo que ocupou ata 1977, cando volveu ao seu cargo no Ministerio de Exteriores do Perú.


2 editar

Ollanta Moisés Humala Tasso, nado o 26 de xuño de 1963 é un político peruano de ideoloxía nacionalista de esquerdas que exerceu como presidente dende o ano 2011 até o 2016. Presentouse ás eleccións presidenciais de 2006 mais perdeu finalmente contra Alan García. O fillo de Isaac Humala, un antigo membro do Partido Comunista do Perú - Patria Vermella, uniuse ó Exército do Perú en 1982. Na súa carreira militar acadou o rango de Tenente coronel; en 1992 loitou no conflito interno contra o Sendeiro Luminoso e tres anos máis tarde pariticipou na guerra de Cenepa contra Ecuador. En outubro de 2000, Humala liderou un levantamento militar infrutuoso contra o presidente Alberto Fujimori e foi perdoado polo congreso peruano despois da caída do réxime de Fujimori.

En 2005, fundou o Partido Nacionalista Peruano e presentouse ás eleccións presidenciais de 2006. A proposta fíxose baixo o partido Unión polo Perú xa que o Partido Nacionalista non conseguiu a inscrición electoral a tempo. Gañou a primeira rolda das eleccións, celebrada o 9 de abril de 2006, cun 30,62% dos votos válidos. A segunda rolda celebrouse o 4 de xuño entre Humala e Alan García do Partido Aprista Peruano. Humala perdeu esta rolda co 47,47% dos votos válidos contra o 52,62% de García. Despois da súa derrota, Humala mantívose como unha figura importante dentro da política peruana.


3 editar

Claudia Llosa Bueno, nada en Lima o 5 de novembro de 1976, é unha directora de cinema e escritora peruana afincada en Barcelona, especialmente coñecida polo filme La teta asustada.

É filla da artista Patricia Bueno Risso e do enxeñeiro Alejandro Llosa García. Ten dúas irmás, Patricia e Andrea. Estudou no Newton College, unha vez graduada ingresou na Universidade de Lima, onde se licenciou en Dirección de Cinema; en 1998, continuou os seus estudos na Universidade de Nova York e en Sundance. Tamén estudou un máster en Guión Cinematográfico no Centro Universitario de Artes TAI en Madrid. Afincada en Barcelona, no barrio de Gracia dende comezos dos anos 2000.

Trala súa etapa de estudante iniciou a súa vida profesional nunha empresa de publicidade que lle serviu tamén para aprender o oficio que está detrás da distribución e difusión das súas obras. A súa ópera prima, Madeinusa, foi premiada (antes da rodaxe) polo guión en 2003, no Festival da Habana, por iso concedéuselle, en 2004, unha bolsa da Fundación Carolina e Casa de América no Curso do desenvolvemento de Proxectos Cinematográficos Iberoamericanos. Logo de facer un máster en Madrid, dirixiuMadeinusa, filme rodado nos Andes peruanos co que conseguiu diversos galardóns como Sundace, Róterdam e Mar de Plata.


4 editar

José Gabriel Condorcanqui Noguera, marqués de Oropesa chamado igualmente José Gabriel Túpac Amaru (Surimana, Canas, Vicerreinado do Perú, 19 de marzo de 1738 - Cuzco, 18 de maio de 1781), coñecido posteriormente como Túpac Amaru II ou simplemente Túpac Amaru, foi un caudillo indíxena líder da maior rebelión anticolonial que se deu en Hispanoamérica durante o século XVIII. Descendía de Túpac Amaru I (derradeiro Sapa Inca, executado polos españois no século XVI).

Liderou a denominada «Gran rebelión» que se desenvolveu no Vicerreinado do Río da Prata e o Vicerreinado do Perú, pertencentes ó Reino de España, rebelión iniciada o 4 de novembro de 1780 coa captura e posterior execución do corrixidor Antonio de Arriaga.

Curaca (xefe nativo) de Surimana, Tungasuca e Pampamarca, era adiñeirado e adicábase ó comercio. Tratábase dun personaxe de orixe mestiza (foi marqués de Oropesa) no que confluía o sangue do Sapa Inca Túpac Amaru coa dos crioulos. De feito, durante unha gran parte da súa vida, sendo criado até os 12 anos polo sacerdote crioulo Antonio López de Sos ea logo no Colexio San Francisco de Borja, mostrou preferencia polo crioulo chegando a dominar o latín e a empregar refinadas vestimentas hispanas, pero posteriormente vestiu como un nobre inca, fixo uso activo da lingua nativa quechua na súa vida e proclamas, e foi excomulgado da Igrexa católica.

No Perú foi recoñecido como o fundador da identidade nacional peruana. Foi unha figura capital para o réxime velasquista (1968-1975) e dende entón permaneceu reivindicado no imaxinario popular.


5 editar

Liz Chicaje Churay, nada en 1982, é unha líder indíxena peruana que contribuíu significativamente á protección da selva e os ríos do Departmento de Loreto, no nordeste do Perú, salvagardando os dereitos do pobo yagua. Grazas ós seus esforzos, estabeleceuse o Parque Nacional Yaguas en 2018. En xaneiro de 2019 en Lima, foi galardoada co premio francoalemán polos dereitos humanos, sendo concedido polos embaixadores de Francia e Alemaña.

Liz Chicaje naceu en 1982 no seo dunha comunidade indíxena de Boras de Pucaurquillo no distrito de Pebas, na rexión de Loreto. Pertence ó clan newat. Cando era nena, foi criada na selva onde aprendeu a apreciar a importancia da natureza e dos animais salvaxes. Cando medrou, as comunidades nativas que viven na zona estaban cada vez máis ameazadas pola talla ilegal de árbores e a minaría. Despois de decidir asumir a tarefa de loitar polo benestar destas comunidades, desenvolveu as súas habilidades de liderado e en 2013 buscou converterse en alcaldesa do distrito de Pebas. Aínda que non gañou, familiarizouse cos problemas da xente do distrito.


6 editar

Mario Vargas Llosa, nado en Arequipa o 28 de marzo de 1936, é un novelista, articulista e ensaísta político peruano, premio Nobel de Literatura en 2010.

Fillo de Ernesto Vargas Maldonado e de Dora Llosa Ureta, que se separaron antes de que el nacese. Proveniente dunha familia de clase media, a idade temperán viaxou á cidade boliviana de Cochabamba onde viviu toda a súa infancia e cursou os seus primeiros estudos no Colexio La Salle desa cidade. Durante o goberno de José Luis Bustamante e Rivero o seu avó obtivo un cargo político na cidade de Piura polo que regresou xunto a toda a súa familia e se instalou nesa cidade. En 1946 coñeceu ao seu pai, quen residí­a na cidade de Lima. A partir dese ano múdase á cidade capital xunto coa súa nai e o seu pai.

En Piura cursou os seus estudos primarios no Colexio Salesiano desa cidade. Unha vez en Lima estudou no colexio La Salle e, durante dous anos, no Colexio Militar Leoncio Prado, situado no distrito chalaco de La Perla.

No verán anterior ao comezo do seu último ano de colexio, Vargas Llosa iniciouse no oficio de xornalista. Retirouse do colexio militar e ese último ano cursouno na cidade de Piura, onde traballou na publicación do xornal local A Industria e onde, doutra banda, se levou a cabo a representación teatral da súa primeira obra dramática La Huida del Inca.


7 editar

Máxima Acuña Atalaya, nada en 1970, é unha agricultora e defensora ambiental peruana. É coñecida pola súa loita contra o megaproxecto mineiro Conga de propiedade de Newmont Mining Corporation e Compañía de Minas Buenaventura, polo cal recibiu en abril de 2016 o Premio Medioambiental Goldman.

En 1994, Acuña e o seu esposo mercaron un terreo de 24,8 ha na zona alto andina de Sorochuco, provincia de Celendín, departamento de Cajamarca, preto dunhas lagoas onde Minera Yanacocha solicitara expandir a súa explotación co Proxecto Conga. Newmont Mining Corporation dixo en 2015 que eles adquiriran aquelas propiedades de parte da comunidade local en 1997.

En 2011, a casa de adobe e a horta dos Chaupe foron destruídas: primeiro en maio 2011, cando os enxeñeiros de Yanacocha, a súa seguridade privada e a policía, destruíron a súa vivenda de adobe. Cando os Chaupe decidiron denunciar o feito na comisaría de Sorochuco, estes rexeitaron tomar parte dos feitos. A segunda vez sería en agosto de 2011, cando Máxima e a súa filla foron golpeadas e deixadas inconscientes, sendo testemuña o seu esposo. A familia intentaría denunciar o feito perante a fiscalía de Celendín mediante fotos e vídeos; porén, non foron tidos en consideración.


8 editar

Magaly Solier Romero, nada en Huanta o 11 de xuño de 1986, é unha actriz de cine e cantautora quechua do Perú. É coñecida por aparecer nos filmes Madeinusa e máis tarde en La teta asustada, que obtivo en 2009 o Oso de Ouro no Festival Internacional de Cine de Berlín. Na súa facenta como cantante, publicou dous álbmus, Warmi (2009) e Coca Quintucha (2015).

Magaly Solier naceu na provincia de Huanta, departamento de Ayacucho, rexión que sufriu a violencia sistemática do terrorismo durante a década de 1980 até 1993, o que marcou a súa infancia.

Solier é de orixe indíxena, e dende nena competiu a nivel local en atletismo, pero o canto era a súa maior afección. En 2003 e 2004 gañou o Festival da Canción Ayacuchana "Buscando Nuevos Valores", na súa cidade natal.


9 editar

Túpac Amaru ou Thupa Amaro (en quechua: Thupaq Amaru) nado en Cuzco en 1545 e finado ibídem o 24 de setembro de 1572, foi o derradeiro monarca indíxena (Sapa Inca) do Novo estado inca, os restos do Imperio Inca en Vilacamba. Fillo de Manco Inca, foi feito sacerdote e gardián do corpo do seu pai. Foi executado por unha expedición comandada por Martín Hurtado de Arbieto. En quechua, túpaq amaru significa ‘víbora brava’.

Túpac Amaru asumiu como Inca de Vilcabamba despois de que o seu medio irmán, o inca Titu Cusi, morrese en 1570. Os incas consideraron que o seu medio irmán fora obrigado a admitir misioneiros agostiños en Vilcabamba e que os españois o envelenaron. Nestes tempos, os españois aínda non foran avisados da morte do ex-Inca e enviaran, como facían habitualmente, embaixadores para continuar as negociacións en curso. Un deles foi o conquistador Atilano de Anaya, que, despois de atravesar a ponte de Chuquisaca, foi capturado e executado xunto coa súa escolta polo xeneral inca Curi Paucar. Ó ser informado desa nova polo sacerdote de Amaybamba, o novo vicerrei do Perú, Francisco de Toledo, decidiu someter, pola forza, o reino de Vilcabamba, apelando para a xustificación que "os incas quebrantaron a lei inviolábel de tódalas nacións do mundo: o respecto ós embaixadores". O vicerrei declarou formalmente a guerra o 14 de abril de 1572.


10 editar

Inés Sofía Mulánovich Aljovín, nada no distrito de Punta Hermosa, Lima, o 24 de xuño de 1983, é unha surfista profesional peruana. Obtivo o título de campioa do mundo nos anos 2004. No 2019 obtivo o campionato en open damas do Mundial ISA Surf no Xapón.

Sofía é filla de Herbert Felipe Mulánovich Barreda e Inés Aljovín de Losada. Ten dous irmáns, Herbert e Matías. Estudou no Colexio San Silvestre. Pola familia materna, é descendente do ex Ministro de Educación Cristóbal de Losada y Puga. Dende cativa xa practicaba o surf pois vivía preto da praia en Punta Hermosa, iniciándose nos seus adestramentos co seu descubridor Roberto "Muelas" Meza. O seu adestrador e principal inspiración para este deporte é o seu irmán Matías Mulánovich. No Perú é coñecida coloquialmente como "la Reina" o "Sofi".

É a primeira muller peruana e suramericana en consguir o título de Campioa Mundial de Surf ó gañar o campionato mundial da Asociación de Surfistas Profesionais (ASP). Este título outórgase á surfista que gaña máis puntos durante os diversos eventos oficiais da tempada. En 2004, Mulánovich gañou tres das oito datas, o que lle deu a puntaxe máis que necesario para gañar o máximo título. En 2005 logrou o segundo lugar na mesma competición. En xullo de 2006, logrou un novo título ó gañar o Honda Women's US Open of Surfing en Huntington Beach, California.