Novela

texto narrativo de ficción escrito en prosa
(Redirección desde «Novelista»)

Para o artigo sobre a parroquia do concello de Santiso, véxase Novela

Manuscrito da obra Maxina ou a filla espúrea, considerada a primeira novela en lingua galega.
A lectora de Jean-Honoré Fragonard, cara 1770, conservada na National Gallery of Art, Washington.

Unha novela[1] é un xénero literario narrativo xeralmente en prosa e dunha extensión que pode ser considerable onde se explican uns feitos de ficción que expón relacións, accións e condutas humanas a partir duns personaxes, unha ambientación, un narrador e un punto de vista. Poden aparecer descricións e diálogos para embelecer, aclarar ou facer máis amena a acción. O xénero como tal xorde na Idade Moderna. A novela distínguese polo seu carácter aberto e a súa capacidade para conter elementos diversos nun relato complexo. Este carácter aberto ofrece ao autor unha gran liberdade para integrar personaxes, introducir historias cruzadas ou subordinadas unhas a outras, presentar feitos nunha orde distinta a aquel no que se produciron ou incluír no relato textos de distinta natureza: cartas, documentos administrativos, lendas, poemas, etc. Todo iso dá á novela maior complexidade que a que presentan os demais subxéneros narrativos. Ata onde debe chegar a extensión é obxecto de disputa, como o é a complexidade que debe ofrecer a trama ficticia que a sustenta.

Etimoloxía editar

Como no castelán e no portugués, o termo novela galego procede do italiano novella, onde a palabra refería cada un dos relatos breves contidos en obras tales coma o Decameron (1353). Tanto o antigo francés novelle (mod. nouvelle) coma o italiano novella proceden do nominativo plural latino novella refeito como singular. No latín a forma singular, novellus derivaba de novus 'novo'. O inglés novel foi importado a través do francés antigo, con desprazamento acentual (de forma aguda para grave).

A evolución semántica no galego, castelán, catalán e inglés é semellante. Comeza facendo referencia a contos ou relatos de curta extensión para acabar referindo un xénero de ficción no que se integran obras narrativas de extensión considerable. Este sentido actual da palabra correspóndese co do francés roman, portugués romance e italiano romanzo. Dada a necesidade de diferenciar os dous xéneros literarios hoxe téndese a falar de novela longa, a novela por antonomasia, e de novela curta.

Características editar

As bases dunha novela son as seguintes:

  • Narra feitos, reais ou ficticios pero creíbles.
  • Predomina a narración aínda que inclúe: descrición, diálogo, monólogo interior ou epístola.
  • Describe moito o ambiente onde se desenvolve a narrativa.
  • A novela escríbese en forma de prosa.
  • Coida a estética das palabras.
  • O desenvolvemento dos personaxes é máis profundo que nun conto ou nun relato.
  • Unha narrativa extensa: as novelas teñen, xeralmente, entre 60 000 e 200 000 palabras, ou de 300 a 1300 páxinas ou máis.

Aquí radica a diferenza co conto e o relato. Existe unha zona difusa entre conto e novela que non é posible separar en forma tallante. Ás veces utilízase o termo nouvelle ou novela curta para designar os textos que parecen demasiado curtos para ser novela e demasiado longos para ser conto; pero isto non significa que haxa un terceiro xénero (pola contra, duplicaría o problema porque entón habería dous límites para definir en lugar dun).

Resumindo, unha novela é toda obra literaria en prosa de carácter ficticio no que domina a narración tecida a partir de personaxes e accións enmarcados nun relato máis ou menos complexo. En toda novela hai unha trama ou asunto principal que pode ter varias subtramas e uns protagonistas que evolucionan ó longo da historia que se narra. Alén do predominio da narración como forma do discurso, a interacción entre os personaxes e o medio en que actúan constrúese a base de descricións e diálogos.

A orixe editar

As orixes da novela áchanse na riquísima literatura oriental e tardohelenística (do século II d.C.), aínda que algúns estudosos consideran que é un desenvolvemento do xénero épico. A tradición de obras épicas -producidas normalmente en verso- na cultura occidental retrotráese a Ilíada e Odisea de Homero na literatura grega e á Eneida de Virxilio na romana. Os antecedentes máis antigos localízanse tamén no Oriente Próximo. A Epopea de Gilgamesh que refire lendas sumerias é do século VII a.C.

En todo caso, as características determinantes do xénero novelístico na literatura occidental aparecen con antelación á propia aparición da palabra e constitúen o resultado dunha combinación de varios xéneros e tradicións literarias. Ademais da épica, a ficción grega e latina en prosa amosa tanto unha vea crítica e satírica (o caso do Satiricón de Petronio) como unha vea heroica e amatoria (o caso de Dafnis e Cloe de Longo). A tradición medieval do conto de xénese oral, que terían o correlato escrito e literario na novela (curta) serían o terceiro esteo da tradición novelística moderna que comezaría propiamente a partir do realismo da novela picaresca de feitío popular e da fantasía das novelas de cabalarías, herdeiras dos romances, épicas e narracións cabaleirescas medievais.

Finalidade editar

Dependendo do obxecto da narración, pode ter dous fins moi específicos:

  • Difundir as vivencias, inquedanzas e ideas do autor coa finalidade de influír dalgunha maneira na sociedade á que vai dirixida.
  • Difundir costumes, formas de vida e as aspiracións dun grupo social determinado.

Forma expresiva editar

Algunhas formas de expresión que poden aparecer nunha novela son:

  • A narración: é a predominante na novela, podendo ser:
    • Narración en primeira persoa: cando o personaxe narra a súa propia historia (o protagonista é o narrador).
    • Narración en terceira persoa: o narrador conta o relato (narrador omnisciente).
  • A descrición: é a exposición dos aspectos físicos e psicolóxicos dos personaxes.
  • O diálogo: utilizada para que os personajes se comuniquen entre si. Reflicte a linguaxe propia de quen falan de acordo á súa idade, sexo, educación, nivel social e grao emotivo.
  • O monólogo (conversa interior): consistente en mostrar o que o personaxe pensa e non di. Son meditacións silenciosas do personaxe.
  • A epístola: forma de expresión pouco utilizada, e que consiste en narrar os acontecementos a través dunha ou varias cartas que se escriben os personaxes entre si.

Tipoloxías editar

A novela é o reino da liberdade de contido e de forma: xénero proteico e aberto, tamén o máis cultivado e metamorfoseado con problemas de límite con outras formas verbais e non verbais: ensaio, reportaxe, cine, collage,...

Proteica na multiplicidade de formas e puntos de vista que presenta ó longo da historia, a novelá amósase inesgotable tanto nas súas posibilidades narratolóxicas coma na súa capacidade de suxestión e interpretación do mundo.

Clasificar este xénero supón ademais da necesaria amplitude de miras, encarar a diversidade de criterios de clasificación empregados polas distintas tipoloxías propostas:

  • Polo ton que mantén a obra, fálase de:
  • Pola forma:
  • Segundo o público ó que chegue e o modo de distribución fálase de:
  • Atendendo ó contido, as novelas poden ser:
    • de aventuras: Nela predomina o interese pola acción. Relata sucesos extraordinarios, accións perigosas, e emocionantes, xeralmente nun escenario insólito ou exótico.
    • bizantina: narra viaxes nas que se suceden aventuras complicadas, separacións e encontros de personaxes, recoñecementos casuais, cun ton de sucesos extraordinarios.
    • costumista: describe as formas de vida cotiá dun grupo social: costumes, personaxes típicos...
    • histórica: reflicte máis ou menos fielmente o ambiente, os caracteres, os acontecementos dunha época histórica, mesturando a ficción con acontecementos históricos.
    • pastoril: de forma convencional e artificiosa, reflicte a vida, idealizada e irreal, duns pastores, que pasan as súas horas nunha paisaxe tópica.
    • picaresca: con forma autobiográfica, un narrador protagonista de orixe dubidosa relata a súa vida de adversidades, nun desexo continuo de saír da miseria.
    • social: diminúe no posible a descrición de vidas individuais, substituíndoas por unha colectividade. A súa actitude é crítica, con afán de denunciar situacións, ambientes e modos de vida dun grupo.
    • de cabalarías: a que conta xestas dos cabaleiros andantes.
    • de ciencia ficción: a que, inspirándose nos progresos da técnica, narra cousas extraordinarias do futuro.
    • policíaca: a que se basea nun crime e no seu esclarecemento.

Hai que engadir a esta lista outras tipoloxías que toman como criterio o estilo da obra e entón fálase de novela realista, naturalista, existencial etc. ou os argumentos:psicolóxica, de tese,...

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para novela.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar