Decamerón

(Redirección desde «Decameron»)

O Decamerón (en italiano Decamerone ou Decameron, do grego antigo, deka = dez; hemeron = día) é unha colección de relatos, escrita no Trecento por Giovanni Boccaccio. Aínda que o autor emprega o vocábulo novella, o termo non corresponde ao que en galego se entende por unha novela, en todo caso correspondería a unha novela breve.

Decamerón
Decameron, 1492.
Título orixinalDecamerone
Autor/aGiovanni Boccaccio
OrixeItalia
LinguaItaliano (florentino)
Tema(s)narración enmarcada
Xénero(s)Novela
EditorialFilippo e Bernardo Giunti
Data de pub.1350
2006 (en galego)
ISBNISBN
TraduciónMoisés Barcia Rodríguez
editar datos en Wikidata ]

O libro recolle as narracións dun grupo de mozos, sete mozas e tres mozos, que refuxiados fóra da cidade (por dez días), escapando da peste negra do 1348, para se entreter contan, por quendas, con talante humorístico e, con frecuencia cheos do erotismo bucólico da época. Por este último aspecto, o libro foi cualificado de inmoral ou de escandaloso, sendo, en diferentes momentos, ben censurado ou ben inaxeitadamente considerado na historia da literatura.

O Decamerón tamén foi difundido en versións cinematográficas, por diversos directores, entre os que salienta Pier Paolo Pasolini.

Os dez mozos protagonistas do Decamerón en pintura de Xavier Winterhalter, Colección privada.

Foi traducida ao galego por Moisés Barcia Rodríguez no 2006.

Título editar

No inicio da súa obra Boccaccio escribe: "Comeza o libro chamado Decamerón denominado príncipe Galeotto, no cal se conteñen cen novelas en dez días por sete donas e tres mozos" (<Comincia il libro chiamato Decameron cognominato prencipe Galeotto, nel quale si contengono cento novelle in diece dì dette da sette donne e da tre giovani uomini>.)

Decamerón deriva do grego e literalmente significa "dez días", aludindo ao Hexameron ("seis días") de Santo Ambrosio. En realidade o tempo que os mozos pasan no campo son 14 días, xa que o venres dedícano ao rezo e o sábado, as rapazas, ao coidado persoal.

A obra recibe aínda unha especie de sobrenome: "príncipe Galeotto", unha personaxe do ciclo bretón, da novela cortés, que fixo de intermediario nos amores entre Lanzarote e Xenevra. Ademais "Galeotto" fai referencia tamén a un famoso verso do V canto do 'Inferno de Dante Alighieri: "Galeotto era o libro e quen o escribiu" (Galeotto fu 'l libro e chi lo scrisse), verso co cal Francesca termina a súa narración.

Estrutura editar

No Decamerón, Boccaccio imaxina como, durante o período no que a peste devasta Florencia, en (1348), un grupo de xoves, todos de elevada condición social, deciden buscar unha posibilidade de substraérense do contaxio escapándose para o campo. Para distraérense durante ese tempo, con cantos, bailes e xogos, teñen precisas regras. Importancia notábel ten o rezo. Para ocupar a primeira hora nocturna, no serán, deciden contar un relato (novella) cada un, seguindo un ritual preciso, como é a elección dun "rei", que fixará o tema do día, ao que se cinxirán todos en cadansúa narración, a excepción de Dioneo, ao que se lle concede non respectar o asunto sinalado para cada día. O primeiro e o noveno día teñen un tema libre.

Polo demais, Boccaccio coidou moito os pequenos detalles; por exemplo xa pola súa escolla de nomes podemos captar cal é o carácter e a función da personaxe: Dioneo do grego "día novo" alude a unha vida diversa e de feito o mozo se rebela contra o grupo; porén, Panfilo, do grego "todo amor", narrará, con frecuencia, relatos cheos de carga erótica.

Contorno editar

A obra está traballada tendo en conta o contorno. Este é todo o que está fóra dos propios relatos, especialmente a Florencia degradada pola peste, que se contrapón ao grupo dos dez mozos de elevado rango retirados para o campo, fuxindo do contaxio.

Por iso, Boccaccio, no inicio da obra, realiza unha longa e detallada descrición da doenza que golpea Florencia, inspirada na propia experiencia persoal do autor (mais en parte usou a Historia Langobardorum de Paulo Diácono), epidemia que, á parte de decimar a poboación, destrúe todas as normas sociais, aqueles usos e costumes que lle eran tan queridos. En contraste, os mozos crean unha sorte de realidade paralela, case perfecta, para demostrar como o ser humano, con axuda das propias forzas e da súa intelixencia, é capaz de dotar de orde ás cousas, o que posteriormente será un dos temas fundamentais do humanismo. En contraposición ao xeito uniforme dos xoves, sitúanse as "novelas" que gozan de vida autónoma: a realidade mostrada é a dos mercadores e da burguesía, que representan a heteroxeneidade do mundo e a saudade polos valores que estaban en camiño de ser destruídos para sempre. Os protagonistas son moitos, mais todos teñen en común a determinación de realizarse por medio das propias forzas.

Todo isto é o que fai do Decamerón unha obra única, pois non é unha simple colección de relatos, senón que están todos unidos entre si como se fose a través dunha cornixa, o que converte a obra nunha especie de novela.

A moral no Decamerón editar

 
Sandro Botticelli, Historia de Nastagio degli Onesti, 1487, Museo do Prado, 3º cadro. O episodio nárrase na Vª Xornada, novela 8, do Decamerón.

No Decamerón o tema da loucura aparece con frecuencia, entretecéndose, inevitabelmente, con outros temas, como a befa, o escarnio e a burla. Un dos aspectos máis interesantes, porén, é o da loucura de amor, pola cal un dos amantes chega moi logo á morte.

A concepción da vida moral no Decamerón baséase no contraste entre Fortuna e Natureza, os dous ministros do mundo (VI,2,6). O ser humano defínese en base a estas dúas forzas: unha externa, a Fortuna (que o condiciona, mais que pode volverse en favor propio), a outra interna, a Natureza, con instintos e apetitos que debe recoñecer con intelixencia. A Fortuna nas novelas adoita aparecer como un evento inesperado que altera as vicisitudes, mentres a Natureza se presenta como forza primordial, cuxa expresión primaria é o Amor como sentimento invencíbel que domina, xuntos, a alma e os sentidos, e que pode ser tamén plenitude leda da vida e da morte.

O amor para Boccaccio é unha forza insuprimíbel, motivo de deleite, máis tamén de dor, que opera entre os máis diversos estratos sociais, polo cal con frecuencia choca con prexuízos culturais e de costumes. A virtude, neste contexto non é a fortificación do instinto, senón a capacidade de calmar e dominar os impulsos naturais.

Durante toda a IV xornada se narran "novelas" que tratan de amores que "tiveran un final desgraciado" (che ebbero infelice fine): trátase de historias nas que a morte dun dos amantes é inevitábel porque as leis da Fortuna triunfan sobre as naturais do Amor. Ao longo do día, as novelas 3, 4 e 5 representan un tríptico que ilustra, de xeitos diversos, o amor como loucura. O elemento común é a presenza da Fortuna conxugado con diversidade de condicións sociais: prevalece, porén, o tema do amor que salta as leis da casta e do matrimonio, que mostra unha loucura social e motivo de escándalo.

Un exemplo xorde na Vª novela da IVª xornada, na historia de Lisabetta da Messina e o xarrón de basilico. Neste relato desenvólvese o contraste Amor/Fortuna: Lorenzo é un simple mozo de tenda, fermoso e xentil, con todas as cualidades da cortesía para suscitar o amor; Lisabetta, que pertence a unha familia de mercadores orixinaria de San Gimignano, encarna a enerxía heroica do que se resiste ás adversidades da fortuna, tan só coa forza do silencio e do choro; os seus tres irmáns son os garantes do "onore" da familia, e non toleran o matrimonio da irmá con calquera de rango inferior. Son obrigados a intervir para repor as cousa en orde e para restabelecer o equilibrio subvertido pola tolemia amorosa de Lisabetta.

Na cultura popular editar

Diversos directores cinematográficos realizaran versións do Decamerón. En 1971, en Il Decameron, o poeta Pier Paolo Pasolini rodou un filme inspirado en nove relatos desta obra de Boccacio, que se considera unha obra mestra.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar