Penique (penny) de David I (1124-1153)
Busto de David cara á dereita cun cetro. Cruz curta con flor de lis nos cuarteis.
Penique. AG. 19 mm. [1]

O penique (en escocés peighinn; en inglés: penny, plural pence) foi a primeira moeda cuñada en Escocia, introducida cara a 1135 por David I co valor de 1/12 do xilin ou de 1/240 da libra escocesa. Inicialmente foi unha moeda de prata, aínda que no século XV comezou a baterse en billón e as súas derradeiras emisións, xa no século XVII, chegaron a ser cuñadas en cobre.[2][3]

A orixe da denominación non é clara. Palabras similares para indicar o diñeiro medieval, como herdeiro do denario romano están presentes en toda a Europa setentrional: pfenning (alemán), pingin (irlandés), pening (islandés), penning (sueco), penni (finés), etc. A denominación orixinal en gaélico escocés era peighinn[4], aínda que pasou a usarse sgillinn (literalmente, "xilin")[5] a partir da lei de unión dos reinos escocés e inglés, en 1707, cando tamén se integraron ambos os sistemas de xeito que un xilin escocés (12 peniques escoceses) pasou a equivaler a un penique inglés (a taxa de cambio estableceuse en 12 libras escocesas por cada libra esterlina).[6]

O penique abréviase adoito coa letra "d", proveniente da inicial da palabra "denario".[7]

Historia editar

Nacemento do penique de prata editar

Penique do Príncipe Henrique (1114-1152)
 
hENRICVS •[F RE?]; busto coroado cara á dereita, con cetro diante. +EREBALD: ON [C]OREB:, cruz con flores de lis.
Penny. Ceca de Corbridge. AG. 1,18 g. [8]
Penique recortado
 
[+ N. ENCI: CON]; busto cara á dereita. [WILLELM ON OBCI]. Cruz.
Penique cortado como ½ penique. AG. 0,67 g.

O primeiro rei de Escocia en emitir a súa propia moeda foi David I (1124-1153).[9][10][11] Este monarca considérase o artífice da modernización de Escocia e fálase mesmo da Revolución Davidiana. En 1136, David capturou a localidade inglesa de Carlisle, o que incluía tamén tanto a súa casa de moeda como as minas de prata próximas, ata entón baixo dominio inglés.[12] As súas moedas alí cuñadas, peniques de prata, amosan unha gran semellanza coas de Estevo I de Inglaterra (1135-1154), coas que compartían o padrón monetario, polo que na práctica circulaban indistintamente en ambos os países.[13] Aínda durante o seu mesmo reinado, as cuñaxes pasaron a producirse tamén en Berwick, en Roxburgh e en Edimburgo.[14]

Nos anversos destes primeiros peniques figuraba o nome do monarca, baixo a forma de DAVIT REX. Os reversos amosaban unha cruz curta con glóbulos nos seus cuarteis, cunha lenda do tipo FOLPALT ON BERVI ("Foltpalt a Berwick"), que indicaban o nome do gravador responsable e o lugar da cuñaxe, a modo de marca de ceca. O seu peso era de 22½ grans (ca. 1,45 gramos) e a lei da súa prata era de 925 milésimas.[1]

Durante o reinado de David I cuñáronse tamén peniques a nome do seu fillo, o príncipe Henrique de Escocia, na súa condición de conde de Northumberland.[14][15]

O príncipe Henrique faleceu antes que o seu pai, polo que David I foi sucedido polo seu neto maior, Malcom, que daquela só tiña 12 anos. Baixo Malcom IV (1153-1165) non se produciron cambios substanciais no relativo á moeda e o penique mantívose como a única denominación monetaria. Ante a carencia de fraccións do penique en circulación, a súa necesidade solucionábase, por unha parte, co uso de moeda miúda estranxeira e, por outra, cortando os peniques en circulación en dúas ou en catro partes iguais (para circularen como medio e como un cuarto de penique, dado que o valor da moeda viña determinado polo peso do seu metal).[16]

Guillerme I (1165-1214) editar

Penique de Guillerme I (1165-1214)
 
+WILAM R'; cabeza coroada á esquerda, con cetro e glóbulos. +hENRI LE RVS, cruz curta con estrelas nos cuarteis.
Penique. Ceca de Perth. AG. 19 mm. 1,45 g. [17]

A Malcom IV sucedeuno o seu irmán máis novo, Guillerme, que accedeu ao trono de Escocia como Guillerme I (1165-1214). Neste período produciuse a apertura de novas casas de moeda, en Dunbar, Perth e Stirling, e continuaron abertas as de Berwick Edimburgo e Roxburgh.

O peso do penique e a lei da súa aliaxe seguiron a ser iguais que na época de David I, mais Guillerme introduciu unha novidade: un novo tipo de cruz no reverso, a cruz rechea (croix remplie), que facilitaba o recorte equilibrado da moeda para a converter en fraccións do penique.

As emisións do seu fillo, Alexandre II (1214-1249) non diferiron substancialmente das de Guillerme.

Alexandre III (1249-1286) editar

Penique de Alexandre III (1249-1286)
 
+ALEXANDE'R DEI GRA; cabeza coroada á esquerda, con cetro diante. REX SCOTORUM+, cruz longa con estrelas nos cuarteis.
Penique. AG. 20 mm. 1,33 g. [18]

Baixo Alexandre III (1249-1286) déronse cambios salientables nas emisións monetarias: as tipoloxías renováronse, introducíronse no sistema dúas moedas fraccionarias do penique e ampliouse o número de cecas en funiconamento, ata chegar, xa en 1250, ao inicio do seu reinado, ao número de 16, distribuídas desde Inverness a Berwick.[16][19]

Nos reversos, ampliouse a lonxitude da cruz para chegar ata o bordo da moeda, excedendo os límites da grafila interior e cortando a lenda. No Scotichronicon, referíndose ao ano 1250, descríbeo así:[20]

(Latín)

«Hoc anno moneta etiam Scoticana renovatur : ita ut crux quæ prius non transivit circulum in denarium modo ad extremos fines denarii attingat».

(Galego)

«Neste ano tamén se renova a moeda escocesa: para que a cruz que anteriormente non pasaba o círculo chegue case aos extremos do penique».

Walter Bower, Scotichronicon.[20]

A introdución desta variante na cruz do reverso dos peniques baséase na realizada por Henrique III de Inglaterra (1216-1272) no penique inglés a partir de 1247. Con este sistema procurábase favorecer aínda máis o recorte das moedas en fraccións de medio e dun cuarto de penique.[16]

O alto número de casas de moeda que se ocupaban da cuñaxe dos peniques nesta época relaciónase con dous problemas: dunha banda, a crecente demanda de circulante; por outra, as dificultades na distribución das moedas cuñadas, xa que o sistema de estradas estaba moi pouco desenvolvido. A produción de moeda dos seus predecesores fora bastante escasa e por iso cumpría abrir moitos obradoiros monetarios, para satisfacer unha necesidade puntual. A partir de 1250, a maior parte destas cecas foron pechando novamente.[2]

En 1279, Eduardo I de Inglaterra (1272-1307) iniciou no país veciño a emisión regular de moedas de medio penique e dun cuarto de penique.[21] Ante a necesidade de circulante de valor inferior ao penique, Alexandre II imitou o monarca inglés e comezou tamén en Escocia, só un ano despois, a produción de moedas de medio penique (half penny) e tamén da súa cuarta parte (farthing), como novos valores divisionarios.[22][23]

Diminución do peso editar

Penique de David II (1329-1371)
 
+DAVID DEI GRACIA; cabeza do rei cara á esquerda, con cetro diante. [REX] SCT TOR Vm+, cruz alongada, con flores nos cuarteis.
Penny. Ca. 1351-1357. Ceca de Edimburgo. AG. 18 mm. 1,31 g. [24]

O sistema monetario pasou, xa que logo, a basearse nestas tres moedas de prata (penny, half-penny e farthing) ata a reforma monetaria emprendida por David II (1329-1371).[19] David tiña só cinco anos cando morreu o seu pai, Roberto I (1306-1329). Durante a súa minoría de idade cuñáronse só os tres valores dos seus antecesores, e a súa tipoloxía reproducía a seguida nas cuñaxes do seu pai.

Acadou a maioría de idade en 1341 e en 1346 invadiu Inglaterra, onde foi derrotado, capturado e feito prisioneiro do seu cuñado, o rei Eduardo III de Inglaterra (1327-1377). Durante a súa estadía alí, coñeceu as novas moedas que introducira Eduardo III no sistema inglés (o noble de ouro, de 80 peniques, e o groat de prata, de catro peniques) e, logo da súa liberación en 1358,[25] introduciu en Escocia esas novidades, e continuou tamén coa cuñaxe dos peniques.[16]

En 1367 iniciouse a redución do peso dos peniques escoceses, o que supuxo o comezo da diverxencia entre o peso e o valor das moedas escocesas e o das súas homónimas inglesas.[16] O peso do penique, que fora ata entón de 18 grans (ca. 1,161 gramos), baixou ata os 17 grans (ca. 1,097 gramos), cunha mingua superior ao 5 %.

Baixo o seu sucesor, Roberto II de Escocia (1371-1390) o penique foi cuñado mantendo este novo peso, en tanto que baixo Roberto III (1390-1406) sufriu unha nova diminución ata chegar aos 12 grans (0,774 gramos).

O penique de billón e de cobre editar

Con Xacobe I (1406-1437) situou o seu peso en 16 grans e foi neste reinado cando o penique escocés deixou de estar cuñado en prata e pasou a ser de billón, é dicir que a porcentaxe de prata da súa aliaxe non pasaba do 50 %. E o empobrecemento acrecentouse con Xacobe II (1437-1460), cando, mesmo sendo de billón, o seu peso baixou ata os ca. 6 ou 7 grans.

As amoedacións de Xacobe III (1460-1488) foron moi diversas e, no que respecta ao penique, ao principio pasou a ser cuñado novamente en prata, a partir de 1475, e cun peso recuperado de 10 grans. Porén, nas emisións posteriores a 1485 volveu a estar cuñado en billón e o seu peso baixou novamente, ata os 9 grans.

A partir de Xacobe IV (1488-1514), os peniques seguiron a ser moedas de billón ata que, durante os reinados de Xacobe VI (1567-1625) e de Carlos I (1625-1649), chegaron a cuñarse en cobre. O derradeiro penique escocés foi cuñado neste metal a nome de Carlos I en 1629.[26]

Moedas eclesiásticas editar

Penique eclesiástico de Crosraguel
 
Orbe con bandas. Cruz latina dentro de roseta.
Penny. CU. 20 mm. 1,04 g. [27][28]

Do mesmo xeito que noutros reinos europeos, as autoridades relixiosas gozaron tamén nalgún momento do privilexio da cuñaxe de moeda. No caso escocés, tales emisións concéntranse na segunda metade do século XV. Estas moedas, pouco coñecidas, atopáronse en cantidades salientables en 1919 preto da abadía de Crossraguel, en South Ayrshire, fundada en 1244 por Donnchadh, Conde de Carrick.[29] Trátase de peniques e de farthing de cobre e de bronce de escasa calidade, cuñados durante o reinado de Xacobe III.[30]

A tipoloxía xeral dos anversos do penny é un globo terráqueo con bandas rodeado pola lenda +IACOBVS DEI GRA REX. No reverso, unha cruz latina e a inscrición CRVX PELLIT OMNE CRIMEN.[31][32][29]

No caso do farthing hai dúas tipoloxías principais. O primeiro tipo amosa no anverso as letras I R (Iacobus rex) e arredor IACOBVS D G R (con variantes), e no reverso unha cruz longa e, nos cuarteis, MO NE PA UP (moneta pauperum).[33] O segundo tipo presenta no anverso un trevo, en tanto que o reverso é similar ao do primeiro tipo.[34][30]

Monarcas escoceses que emitiron peniques editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "1 Penny - David I". Numista.
  2. 2,0 2,1 Stewart, I. (1955).
  3. "Penny1". En Dictionary of the Scots Language. 2004. Scottish Language Dictionaries Ltd.
  4. "peighinn". En Am Faclair Beag ("O pequeno dicionario").
  5. "sgillinn". En Am Faclair Beag ("O pequeno dicionario").
  6. Stewart, I. (1955). Páxina 101.
  7. Klütz, K. (2004).
  8. "Sale: CNG 69, Lot: 2124". Classical Numismatic Group.
  9. Stewart, I. (1955). Páxina 1.
  10. Mackay, J.; Mussel, J. (2016).
  11. Bateson, D. (1987).
  12. Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Páxina 1.
  13. Cribb, J.; Cook, B.; Carradice, I. (1990). Páxinas 17-18.
  14. 14,0 14,1 Stewart, I. (1955). Páxinas 1-8.
  15. "1 Penny - Prince Henry". Numista.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 Bateson, D. (1987).
  17. "1 Penny - William I". Numista.
  18. "1 Penny - Alexander III". Numista.
  19. 19,0 19,1 Stewart, I. (1955).
  20. 20,0 20,1 Escrito no século XV por Walter Bower, abade de Inchcolm, continúa o traballo de Xoán de Fordun e ofrece un importante relato da historia escocesa dos primeiros tempos.
  21. Stewart, I. (1955). Páxinas 16-24.
  22. "Farthing", "½ penique" e "penique" de Alexandre III. Numista.
  23. Stewart, I. (1955). Páxinas 16-24.
  24. "Scotland, David II Bruce, 1329-1371, AR Penny Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Vcoins.com
  25. Foi liberado coa promesa dun rico rescate, mais a mala situación económica impediu o pagamento.
  26. "1 Penny - Charles I". Numista.
  27. "383, Lot: 790". Classical Numismatic Group.
  28. "Crux Pellit Copper". Numista.
  29. 29,0 29,1 Holmes, N. (2008).
  30. 30,0 30,1 Stewart, I. (1955).
  31. "Crux Pellit Copper". Numista.
  32. A lenda tómase dun verso de Hymnus ante somnum, de Prudencio: Crux pellit omne crimen: / Fugiunt crucem tenebrae: / Tali dicata signo / Mens fluctuare nescit.
  33. "1 Farthing - James III Type III". Numista.
  34. "1 Farthing - James III Type IV". Numista.
  35. "1 Penny - Malcom IV". Numista.
  36. "1 Penny - William I". Numista.
  37. "1 Penny - Alexander II". Numista.
  38. "1 Penny - Alexander III". Numista.
  39. "1 Penny - John Balliol". Numista.
  40. "1 Penny - Robert I". Numista.
  41. "1 Penny - David II". Numista.
  42. "1 Penny - Robert II". Numista.
  43. "1 Penny - Robert III". Numista.
  44. "1 Penny - James III". Numista.
  45. "1 Penny - James IV". Numista.
  46. "1 Penny - Mary I". Numista.
  47. "1 Penny - James VI". Numista.
  48. "1 Penny - Charles I". Numista.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar