Pataca de Galicia

A pataca de Galicia é unha indicación xeográfica protexida creada para destaca-la excelencia da pataca obtida en Galicia que, reunindo as características definidas no seu regulamento, cumpre con tódolos requisitos esixidos neste.

Distribución das zonas de produción da IXP Pataca de Galicia      Subzona de Bergantiños      Subzona da Terra Chá-A Mariña      Subzona de Lemos      Subzona da Limia

O tubérculo definido como Pataca de Galicia correspóndese coa especie Solanum tuberosum L., da variedade cultivada "Kennebec", destinada ao consumo humano.[1] Esta denominación de orixe abrangue unha superficie agrícola situada anualmente en torno ás 1.500 a 1.800 hectáreas de cultivo.

O terceiro domingo do mes de setembro, celébrase a festa da pataca no concello coruñés de Coristanco.

Evolución normativa

editar

A normativa da denominación foi a seguinte:[2]

  • Orde de 5 de abril de 1989: Recoñecemento da Denominación Produto Galego de Calidade e nomeamento do seu órgano reitor.
  • Orde de 19 de setembro de 1989: Aprobación do Regulamento da Denominación.
  • 12 de abril de 1996: Solicitude da Denominación Específica.
  • Orde de 19 de setembro de 1996: Recoñecemento da Denominación de Orixe Específica e nomeamento do seu consello regulador.
  • Orde de 24 de xuño de 1998: Aprobación do Regulamento da Denominación Específica.
  • Orde de 29 de outubro de 2001 (DOG do 9 de novembro): Aprobación do Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida e do seu Consello Regulador.
  • Orde de 24 de abril de 2002 (BOE nº 113 do 11 de maio) do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, APA/1046/2002: Ratificación do Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador.
  • Regulamento (CE) nº 148/2007 da comisión o 15 de febreiro de 2007, polo que se inclúe no rexistro de Indicacións Xeográficas Protexidas a Pataca de Galicia (IXP).

A pataca

editar
 
Variedade Kennebec

A variedade Kennebec ten un tamaño de entre 40 e 80 milímetros, a súa pel é de cor amarela, o tubérculo é de cor branca e de tacto fino, cremoso no padal e de textura firme. Trala súa cocción mantén o seu recendo e senlleiro sabor. Cultívase de xeito tradicional, e constitúe a única pataca amparada por esta denominación na Unión Europea, o que lle permite amosar a súa rastrexabilidade e orixe ao longo do territorio comunitario.[1]

Malia poder vexetar en climas moi diferentes, podéndose cultivar a distintas latitudes e altitudes, a pataca atopa en Galicia a súa zona óptima de cultivo.

A pataca galega destaca pola súa resistencia, fortaleza e considerable adaptación. Trátase dun cultivo axeitado para zonas preferentemente tépedas, cunha temperatura de crecemento que se atope entre os 6 °C e 8 °C como mínimo e entre 14 °C e 18 °C como óptima, isotermos estes de común distribución en case todo o territorio galego.[3]

Segundo o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño:

Debido ás condicións climatolóxicas, ás características dos chans e aos esmerados labores culturais que se dan nas subzonas produtoras de pataca da Comunidade Autónoma de Galicia, o produto obtido ten unha calidade culinaria excepcional. Este feito, ben coñecido polos almacenistas e consumidores, fai que a produción de pataca galega de calidade sexa moi valorada e teña un prezo nos mercados, tanto rexional como nacional, superior respecto das outras producións.

Desde 1996 existe en Galicia a Denominación Específica Pataca de Galicia,[2] que ampara a producida nas zonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá-A Mariña (Lugo), Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense). A produción amparada por esta Denominación ascendeu progresivamente desde as 4.000 toneladas do ano 2000 ata as 7.004 toneladas colleitas en 2008 [4], cun valor superior ó millón e medio de euros[5].

Zona xeográfica

editar
 
Carroza deseñada con patacas na festa da pataca de Coristanco 2005.

A área de produción e envasado do produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida abrangue catro subzonas da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo ámbito territorial é o seguinte:

Consello Regulador

editar

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Pataca de Galicia foi recoñecido por Orde 15 de abril de 1989 (D.O.G. nº 108 de 7 de xuño de 1989) pola Consellería de Agricultura e Pesca da Xunta de Galicia, pola que se aprobou o Regulamento da Denominación de Orixe e mailo seu Consello Regulador como organismo certificador do produto, cuxos obxectivos son protexer e certificar a calidade da pataca producida nos seus ámbitos protexidos, ademais de promover, xestionar e poñer en funcionamento a difusión da Pataca de Galicia recoñecida pola súa orixe e calidade.

A actividade deste organismo consiste en garantir a orixe e maila calidade da Pataca de Galicia. Esta tarefa realízase comprobando e verificando a procedencia das patacas, as condicións de traballo dos procesos de cultivo e almacenamento, así como as especificacións ou características do produto final e as condicións de envasado.

  1. 1,0 1,1 Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Goberto de España (eds.). "I.G.P. Patata de Galicia/Pataca de Galicia". Consultado o 13 de setembro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia (eds.). "O Consello Regulador: Evolución Normativa". Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2017. Consultado o 13 de setembro de 2017. 
  3. "A Pataca en Galicia". finisterrae.com. 1999-02-02. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 1999. Consultado o 2018-07-05. 
  4. Estas 7.000 toneladas refírense á pataca comercializada baixo a denominación de orixe, que é menos da metade da produción controlada: 14.968 toneladas.
  5. "Ficha técnica: Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de marzo de 2012. Consultado o 13 de setembro de 2017. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar