A pataca na cultura popular galega

Artigo principal: Pataca.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do cultivo e consumo da pataca na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Rama da pataca.
Patacas cocidas coa pel.

Non se deben poñe-las patacas en martes e con lúa de forza -en cuarto crecente-, porque senón grelan. Tampouco se deben almacenar nun sitio onde dea a lúa porque se porán verdes.

Unha moza pode adiviña-lo nome do futuro marido deixando na ventá unha pela de pataca durante a noite de San Xoán. Á mañán estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.

Os vástagos novos da rama da pataca, aplicados en cataplasmas, alivian a dor das escordaduras dos pés ou mans, así como nas queimaduras. Tamén resulta eficaz con este mesmo fin a polpa cocida da pataca [1]. A fécula, seca e en po, alivia o proído da pel nos nenos.

O zume de pataca é lixeiramente espasmolítico e antiácido, polo que tamén se emprega na medicina tradicional contra as gastrites e úlceras.

Lis Quibén recolle a crenza, que non localiza, de que levar unha pataca crúa no peto serve para previ-la reuma [2].

En Coristanco (A Coruña) celébrase desde 1980 a Festa da pataca, a terceira fin de semana de setembro.

Léxico editar

  • Cadela das patacas: larva que rilla as patacas (probablemente, a larva do escaravello da pataca).
  • Pataca: alga (Fucus serratus). O nome lle vén polas bolsas que presenta no extremo das ramas, como pequenas patacas.
  • Pataca de ollo de perdiz: pataca redonda e de ollos vermellos [3].
  • Roxa das patacas: escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata).

Locucións editar

  • Coller [a alguén] nas patacas: sorprender a alguén facendo algo que quería manter oculto.

Refraneiro editar

  • As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.
  • As verzas quéroas untadas; as patacas, fariñentas e pra compango do porco, quero costelas salpresas [4].
  • Bótesme tarde, bótesme cedo, ata o maio non me ve-lo pelo.
  • En xullo arder, as patacas coller [5].
  • Entre Loiro i Ventraces, patacas novas.
  • Goberna Saturno, ano de patacas.
  • O que queira comer patacas en San Xoán, bóteas cando o pan.
  • O que queira comer patacas polo San Xoan, bóteas cando o pan [6].
  • O que queira comer patacas por San Xoán, bóteas cando o pan.
  • Se queres comer patacas por San Xoán, seméntaas cando o pan [7].
  • Val máis bocado de vaca que catro de pataca.

Cantigueiro editar

  • Arroz con chícharos,/ patacas novas,/ repolo de Betanzos/ e mais cebolas.
  • Heime de casar contigo;/ qué demoro pode ser,/ anque houbo pouco maínzo,/ pataquiñas ha de haber.
  • Pataquiñas ao almorzo,/ pataquiñas ao xantar,/ á merenda, pataquiñas/ i á noite castaña ao lar [8].
  • Polo que teño probado/ o comer fai o carauter,/ despois de comer patacas/ non vin de bo xenio a naide.

Notas editar

  1. Rodríguez (1855) e Cuveiro (1876), no Diccionario de diccionarios, dirixido por Antón Santamarina (2004).
  2. Víctor Lis Quibén, 306. Tamén serve levar un allo ou unha castaña de Indias.
  3. Constantino García González.
  4. No orixinal: berzas.
  5. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. pataca.
  7. Eladio Rodríguez González, s. v. San Xoan.
  8. Xaquín Lorenzo Fernández, 130.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • RIGUEIRO, Antonio e outros: Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, Vigo 1996.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • ROLLAND, Eduardo: "La noche más larga", en Faro de Vigo 23.06.1991.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Galaxia, Vigo 1972.

Ligazóns externas editar