Abrir o menú principal

K'inich Janaab' Pakal

gobernante maia de Palenque
(Redirixido desde "Pacal o Grande")

K'inich Janaab' Pakal (pronunciado en maia: [k’ihniʧ xanaːɓ pakal]) ou Pakal o Grande, nado o 23 de marzo de 603 e finado o 28 de agosto de 683,[a] foi un ahau ou gobernante do ajawlel ou señorío maia de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', agora coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, que se atopa no norte do estado mexicano de Chiapas.

K'inich Janaab' Pakal
K'uhul B'aakal ajaw
(Sagrado gobernante de B'aakal)
PacalII.svg
Pakal o Grande

Reinado26 de xullo de 615 - 28 de agosto de 683
Coroación26 de xullo de 615
Outros títuloskuhul ahau (señor divino)
Nacemento23 de marzo de 603
Lakam Ha'
Falecemento28 de agosto de 683 (80 anos)
SepulturaTemplo das Inscricións
PredecesorSak K'uk'
RexenteSak K'uk'
HerdeiroK'inich Kan Bahlam II
SucesorK'inich Kan Bahlam II
ConsorteTz'akbu Ajaw
DescendenciaK'inich Kan Bahlam II
K'inich K'an Joy Chitam II
Tiwol Chan Mat
ProxenitoresK'an Mo' Hix
Sak K'uk'

K'inich Janaab' Pakal.svg
Escultura realizada en estuco da cabeza de K'inich Janaab' Pakal que o representa á idade de trinta anos. Foi atopada baixo o seu sarcófago.

Foi entronizado pola súa nai á idade de doce anos, gobernou dende o ano 615 até o 683. Ascendeu ó poder despois de que Palenque sufrise un período de adversidade. Durante as primeiras décadas do seu goberno viviuse unha época de paz e produtividade. No ano 659 iniciou unha campaña militar que consolidou a Palenque como unha das cidades máis importantes da rexión. Durante un reinado de 68 anos, o máis longo período de reinado coñecido na historia de América, o goberno de Pakal caracterizouse por impulsar o crecemento da obra arquitectónica de Palenque e por iniciar os rexistros xeroglíficos da súa historia dinástica.[b][4]

NomeEditar

 
Máscara mortuoria de K'inich Janaab' Pakal elaborada con 340 teselas de xadeíta, albita e cosmocor de varias tonalidades.

Cando se descubriu a súa tumba chamóuselle o Señor da Pirámide. Antes de que existisen os avances no desciframento dos xeroglíficos maias era coñecido simplemente como 8 Ahau ou 8 Ajaw, pois só se identificaron algúns dos glifos que corresponden á data do seu nacemento.[5]

Denominóuselle Pakal II para distinguilo do seu avó materno, Janaab' Pakal, a quen algúns historiadores lle asignan o número ordinal romano I. Porén, malia que o retrato do seu avó se atopa tallado en altorrelevo na tumba do Templo das Inscricións e a pesar de que o seu avó exerceu un título secundario ou un goberno no exilio paralelo ó de Aj Ne' Ohl Mat, non existen evidencias da súa entronización como ahau de Palenque. Por este motivo, tamén existe a tendencia a chamalo K'inich Janaab' Pakal I ou Pakal I, pois foi realmente o primeiro gobernante que utilizou este nome en Palenque. Existen dous gobernantes que anos despois tamén utilizaron o mesmo nome: Upakal K'inich Janaab' Pakal (K'inich Janaab' Pakal II) e Wak Kimi Janaab' Pakal (Janaab' Pakal III).[6][7][8] Para evitar confundir a Pakal “o Grande” co seu avó, algúns investigadores optaron por referirse a este último como Pakal “o Vello” (Pakal “the Elder”).[9]

O termo K'inich, que se utiliza como un título ou prefixo para diversos gobernantes, fai alusión ó deus do Sol, por iso tradúcese como Radiante ou Solar. Por outra banda, o termo Pakal tradúcese como escudo en lingua maia clásica.[10] O nome deste gobernante maia traduciuse de forma incompleta como Radiante ? Escudo ou Escudo Solar, ou ben, dunha forma máis completa como Escudo Ave-Janaab’ de Rostro Solar.[11]

Respecto diso do nome existe unha controversia. Yuri Knorozov opinou que Pakal non pode ser un nome propio, pois esta palabra traduciuna como o que leva a bandeira, é dicir, un título militar, así mesmo, indicou que en todo caso a pronuncia sería Ngakal, termo que aparece noutras cidades maias. Realizou estas deducións con base nos propios glifos do sarcófago, afirmando que o nome do gobernante é mencionado polo menos en dúas ocasións: o fillo da Guacamaio Amarelo e do Xaguar, ambas as liñaxes independentes da nobreza maia.[12]

TraxectoriaEditar

Entronización e matrimonioEditar

 
Representación iconográfica do taboleiro ovalado da Casa “C” do Palacio de Palenque que amosa a entronización de K'inich Janaab' Pakal. A súa nai, Sak K'uk', entrégalle unha diadema conformada por discos de xade, un sak hu'unal e plumas flamíxeras.

De acordo á conta longa do calendario maia naceu o 9.8.9.13.0 8 ajau 13 pop, equivalente ó 23 de marzo do ano 603.[1] O seu pai foi K'an Mo' Hix, quen era cho'j ajaw, un nobre de segundo rango cuxa liñaxe subordinada vivía posiblemente no Grupo Pedras Bólas. A súa nai foi Sak K'uk', a quen se considera filla de Janaab' Pakal e neta de Yohl Ik'nal, polo tanto, pertencente ó núcleo dinástico do señorío de B'aakal.[13]

O nacemento de Pakal o Grande ocorreu durante unha época de confrontacións bélicas entre o señorío de B'aakal, que era gobernado polo seu tío avó Ajen Yohl Mat, e o señorío de Kan, cuxa sede principal era Calakmul, que duraron máis dunha década. O 4 de abril de 611, cando Pakal tiña tan só 8 anos de idade, o señor U K'ai Kan atacou Lakamha' (Palenque). Pouco despois, nun lapso de dezaseis meses, morreron o seu avó Janaab' Pakal e o seu tío avó, Ajen Yohl Mat. Estes feitos xeraron unha crise dinástica no señorío de B'aakal.[14] Por unha banda, Ik' Muuy Muwaan reclamou para si o seu dereito ó trono e estabeleceuse en Tortuguero. Por outra banda, os pais de Pakal regresaron a Palenque para promover a sú entronización, probablemente pactando alianzas cos diferentes grupos de nobres e xefes de liñaxes, pois aínda que Sak K'uk' pertencía á familia de gobernantes, a varonía (liña de sucesión patrilineal) rompeuse.[15] Tanto os dirixentes de Tortuguero, como os de Palenque, utilizaron o glifo emblema k'uhul B'aakal ajaw, que significa sacro gobernante de B'aakal, recoñecéndose a si mesmos como os lexítimos descendentes da liñaxe do señorío. A rivalidade entre ambas as faccións fíxose patente, anos máis tarde, mediante os diversos conflitos bélicos que sostiveron estas dúas cidades.[16]

O 9.9.2.4.8 5 lamat 1 mol, é dicir, o 26 de xullo de 615, Pakal foi entronizado pola súa nai. A escena atópase tallada en altorrelevo no taboleiro ovalado da Casa “C” do Palacio de Palenque: Sak K'uk fai entrega das insignias de poder ó seu novo fillo, un tocado real utilizado polos gobernantes conformado por aneis de xade e unha imaxe da deidade da realeza maia Hu'unal, mentres que Pakal atópase sentado nun trono con dobre cabeza de xaguar.[17] Debido a que Pakal tan só contaba con doce anos de idade, considérase que a súa nai foi a verdadeira depositaria do poder dinástico durante varios anos.

O 19 de marzo de 626, á idade de vinte e tres anos, Pakal casou con Tz'akbu Ajaw, filla de Yax Itzam Aatml, quen era o tuun ajaw da localidade de Ux Che' K'uh (Tortuguero), un gobernante de segundo nivel.[18] Tradicionalmente sóubose que o matrimonio tivo tres fillos, dous deles foron gobernantes de Palenque, K'inich Kan Bahlam II e K'an Joy Chitam II (Kan Hul); o terceiro, Tiwol Chan Mat, foi pai do tamén gobernante K'inich Ahkal Mo' Naab III; porén, as investigacións do epigrafista Guillermo Bernal Romeu, realizadas no taboleiro de K'an Tok, sinalan que houbo un fillo de nome Wak-?-nal B'ahlam Ch'aaj Il Sib'ik Kan? que naceu despois de Kan Bahlam e antes de Joy Chitam, e un quinto fillo cuxo sexo e nome aínda se descoñece.[19][20]

O 24 de xaneiro de 633 Pakal realizou os festexos do final do katún 9.10.0.0.0 1 ajau 8 kayab; este evento foi de bastante relevancia pois as celebracións do final do katún anterior non se puideron levar a cabo pola derrota bélica sufrida ante Calakmul.[21] A nai de Pakal, Sak Kuk', morreu o 9 de setembro de 640, e o seu pai, K'an Mo' Hix, morreu o 29 de decembro de 642. Dende a entronización de Pakal en 615 até o ano 644, Palenque viviu unha época de paz que axudou ao crecemento poboacional. Durante este período de case trinta anos impulsouse a actividade produtiva e a reactivación de cerimonias públicas, desta forma consolidouse a confianza do pobo na dinastía gobernante.[22]

Actividades militaresEditar

 
Variantes de glifos que significan o nome de K'inich Janaab' Pakal.

O 6 de febreiro de 644, despois de morrer Ik' Muuy Muwaan I, B'ahlam Ajaw foi entronizado en Tortuguero. Este novo gobernante iniciou unha política de guerra en contra de Lakamha' (Palenque) e das súas cidades aliadas. O 1 de xuño de 644 realizou o primeiro ataque contra Ux Te' K'uh —lugar de onde era orixinaria Tz'akbu Ajaw— sen lograr someter ó gobernante local. O 25 de xullo de 649 atacou o señorío de Moyoop (cuxa localización non se identificou). En novembro capturou Usiij e en decembro atacou Comalcalco, ámbalas dúas prazas aliadas ó réxime de Pakal; deste xeito o dominio palencano debilitouse no occidente. Porén, as celebracións do final do katún 9.11.0.0.0 12 ajau 1 ceh (11 de xuño de 652) leváronse a cabo.[23] O 10 de setembro de 655, rexistrouse un segundo ataque contra Ux Te' K'uh,[24] o cal provocou a saída dalgúns habitantes que se trasladaron a Palenque.[25] Porén, o asedio que realizou Tortuguero non conseguiu desestabilizar o goberno de Pakal.

En troques, Pakal organizou unha ofensiva militar no verán de 659, dirixiu o seu exército cara ó leste cruzando os señoríos de Pomoná e Yo’ki’b (Pedras Negras) até chegar á zona arqueolóxica de Santa Elena, sé do señorío de Wak'aab'-ha'. Nesta campaña capturou a Nu'n U Jol Chaak, gobernante de Santa Elena, a Sakjaal Itzamnaaj e Ahiin Chan Ahk, ambos dignatarios de Pomoná, así como ós gobernantes locais das poboacións de K'in-ha', Yaxkab' e B'atuun. Descoñécese o motivo que tivo Pakal para comezar esta incursión militar, aínda que é probable que fose unha acción preventiva contra un posible ataque destas cidades artellado por Calakmul. Aínda que non se logrou o control total da zona, impuxéronse algúns tributos ós señoríos derrotados.[26] É posible tamén que se tratase dunha vinganza, xa que Santa Elena foi unha fonte de constante de conflito entre Calakmul e Palenque que tiña a súa orixe corenta anos antes e no que participara o seu avó materno; nesta ocasión, Pakal impuxo un novo gobernante leal á súa política.[27]

De acordo cos rexistros descifrados, a partir do ano 672 Palenque sostivo guerras contra os gobernantes de Oriente e Occidente; aínda non se sabe cales foron os contendentes, pero quedou asentado que durante estas confrontacións foi humillada B'olon Chan, “a familia das dezaseis familias do gobernante dos innumerables sucesores”.[28] A balanza do resultado destas confrontacións inclinouse a prol de Palenque no ano 675 cando foi capturado un dignatario de nome Sak-jal? K'in?, a quen se sacrificou o 17 de outubro para satisfacer ó deus Ich Cham Ajaw.[29]

Construcións arquitectónicas e rexistros históricosEditar

 
Maqueta que representa o Palacio de Palenque reconstruído no Museo do Sitio “Alberto Ruz Lhuillier”.

Durante o goberno de Pakal a arquitectura e a arte en xeral foron impulsados de xeito salientable. A primeira obra monumental que mandou construír Pakal foi o Templo do Esquecido.[22] Malia ter sufrido os primeiros ataques de B'ahlam Ajaw, no ano 652, iniciouse a ampliación e remodelación do Palacio, sobre o cal se construíron as casas “E”, “C”, “A” e “B”;[30] dous anos máis tarde inaugurouse a área dos Subterráneos, a galería occidental da Casa “E”, e varios taboleiros (lousas de pedra) onde se rexistraron os acontecementos históricos de Palenque, incluído o taboleiro oval onde se amosa a súa entronización. No ano 659, despois das vitorias militares da súa campaña no leste, inaugurouse a Casa “C” do Palacio, á cal os maias coñecían como U Naah Chan, cuxo significado é A Casa do Ceo e que estaba adicada a catro deidades da guerra.[24]

Malia que a escritura maia tivo a súa orixe nunha época anterior á do goberno de Pakal, determinouse que todas as inscricións xeroglíficas que se atopan nos edificios e taboleiros de Palenque comezaron a realizarse baixo as súas ordes. Pakal esforzouse por deixar rexistros da historia dinástica do seu señorío así como dos acontecementos máis importantes do seu goberno: celebracións relixiosas, eventos da familia real e triunfos militares. As inscricións tamén foron acompañadas de representacións iconográficas, exemplos deles son a da súa entronización no taboleiro oval ou o da captura de prisioneiros de guerra no basamento occidental da casa “C”.[31]

Os maias festexaban cada final de katún ou período de vinte anos, e no verán do ano 672 celebrouse o final do katún 9.12.0.0.0 10 ajau 8 yaxkin, que se dedicou a Ich Cham Ajaw (Señor da Faciana da Morte). A partir dese ano rexistrouse unha época de fames, mortandade (chamal haab') e guerra.[31] A súa esposa, Tz'akbu Ajaw, morreu en novembro do mesmo ano, moi probablemente foi sepultada no Templo XIII, onde se descubriu a osamenta da chamada Raíña Vermella, coa que se identifica. Anos máis tarde comezou a construción da Casa das Nove Lanzas Afiadas,[32] ou Templo das Inscricións como se coñecía antes de ser descifrado o glifo do seu nome, xa que que aí se tallaron en varios pasaxes os xeroglíficos que narran a historia dinástica de Palenque. Este edificio foi o mausoleo de Pakal; a obra negra oncluíu no ano 680.[33] A derradeira celebración que levou a cabo Pakal foi o 7 de maio de 682, durante o remate do laju'ntuun 9.12.10.0.0 9 ajau 18 zotz. Morreu o 9.12.11.5.18 6  etz'nab 11 yax, é dicir, o 28 de agosto de 683, e o seu fillo, K'inich Kan Bahlam II, foi o encargado de efectuar os funerais, rexistrar o evento e pechar a súa cámara funeraria,[34] á que chamou a B'olon Eht Naah ou Casa dos Nove Acompañantes.[35]

Achado da tumbaEditar

 
Reprodución da cámara funeraria e sartego de K'inich Janaab' Pakal.

Pasaron máis de mil douscentos anos para que fose descuberta a tumba de Pakal. En 1949, o arqueólogo Alberto Ruz Lhuillier atopou nunha lousa da parte superior do Templo das Inscricións doce buratos de xeito simétrico que semellaban ter servido para termar do trono do gobernante. Ó decatarse de que había un espazo oco baixo dita lousa, comezou a furar e atopou os chanzos da escaleira interna da pirámide, cuxo paso estaba totalmente obstruído. O domingo 15 de xuño de 1952, logo de desentullar toneladas de pedra e cascallos, o equipo de arqueólogos logrou penetrar na cámara mortuoria de 7,00 m de longo por 3,73 m de ancho, a cal estaba cuberta de estalagmitas e estalactitas. Ruz Lhuillier pensou que a lápida da tumba era unha especie de altar, pois encontrou seis esqueletos, cinco masculinos e un feminino, que cría que foran sacrificados como ofrenda.[11]

A lápida principal —tallada en altorrelevo e de sete toneladas de peso— foi levantada coa axuda de gatos hidráulicos e ó fondo do interior do sartego atopouse unha lápida secundaria con forma de peixe ou de útero. Finalmente, ó abrir esta segunda lápida, descubriuse a osamenta de Pakal, a cal estaba cuberta de cinabrio e arrodeada de múltiples teselas e contas de xade. O 27 de novembro de 1952, Ruz Lhuillier emitiu o anuncio público deste descubrimento.[36] O achado foi de gran relevancia, pois até daquela descoñecíase que as pirámides mesoamericanas fosen utilizadas como mausoleos, tal e como adoitaban facer os exipcios. Ó sitio acudiron os antropólogos Eusebio Dávalos Hurtado e Arturo Romano Pacheco para documentar e comezar os primeiros estudos da osamenta. Pouco despois, Carlos Pellicer Cámara, quen daquela dirixía o Museo Rexional de Tabasco, sumouse ó grupo de traballo multidisciplinario.[37]

Cámara funeraria e sartegoEditar

 
Representación iconográfica da vista superior da lápida do sarcófago de K'inich Janaab' Pakal.

Na cosmovisión maia descríbense tres niveis: o superior ou celeste (conformado por trece ceos), o intermedio ou terrestre e o subterráneo ou inframundo chamado Xibalbá (conformado por nove estratos).[38] Na cámara funeraria, e especialmente na lápida do sartego de Pakal, represéntase unha síntese simbólica da visión cósmica e existencial dos maias.[39] Dende o sartego até o nivel superior do Templo das Inscricións, encontrouse ó longo da escaleira un psicoduto, ou tubo oco, con forma de serpe que foi colocado para que Pakal puidese comunicarse dende o inframundo.[40] Os seis cadáveres atopados tiñan incrustacións nos dentes e unha deformación tabular oblicua nos seus cranios, polo que se determinou que pertencían á clase nobre e que foran sacrificados para seren os acompañantes do ahau na súa viaxe ó inframundo.

Nas paredes da cámara funeraria, cuxo teito está rematado en bóveda, encóntranse representados en relevo nove personaxes identificados como os Nove Señores da Noite ou Bolontiku, quen eran unha especie de sacerdotes que debían guiar a Pakal na súa viaxe polo mundo dos mortos. No perímetro exterior do sartego talláronse en altorrelevo as figuras dalgúns dos antigos gobernantes de Palenque e devanceiros de Pakal. Os maias crían que os seus gobernantes eran seres con poderes sobrenaturais e intermediarios entre os deuses e a xente común.[41] Na lápida principal represéntase o intre en que Pakal comeza a súa viaxe cara ó inframundo, onde deberá derrotar ós señores da morte para posterioremente renacer como deus do millo e subir até o plano divino.[42]

A lápida é monolítica con medidas de 3,80 m de lonxitude, 2,20 m de ancho e 0.25 m de grosor. Nas súas beiras atópanse tallados xeróglifos maias que narran a biografía de Pakal. Na súa cara principal represéntase ó gobernante como un home novo e axis mundi, coa postura dun acabado de nacer que parece xurdir das fauces do Sak B'aak Naah Chapaat ou Primeiro Cempés dos Ósos Brancos quen ten a súa queixada descarnada e na parte superior do mascarón un recipiente utilizado nos sacrificios de sangue.[43]

Sobre o cuerpo de Pakal érguese unha árbore en forma de cruz que divide os 4 rumbos do cosmos. Unha serpe bicéfala cuxe corpo semella unha letra omega cruza os brazos da árbore. Da mandíbula da cabeza esquerda emerxe o deus K'awiil e da cabeza dereita o deus Hu'unal. Ámbolos dous aparentan acompañar a Pakal a trascender os diferentes planos do cosmos.[44] No curuto da árbore atópase o deus supremo dos maias, Itzamnaaj K'inich Ajaw, representado como un quetzal na posición do cénit.[45] Á esquerda e dereita represéntase ó deus Ceh, deidade maia do sacro. Arredor da árbore vense representacións de contas de xade, cunchas e símbolos de sangue.

No marco perimetral da lápida encóntrase unha banda cos símbolos astronómicos de Venus, Marte, a Lúa e o Sol. No recuncho superior esquerdo atópase o signo kin, que representa o día, e no recuncho superior dereito o signo akbal que corresponde á noite ou escuridade. Tanto na parte superior como na inferior aprécianse varias personaxes que semellan estar falando ou rezando; os nahb'atow-ilob, nobres achegados a Pakal que o axudaban durante os sus autosacrificios de sangue. A banda perimetral representa na súa totalidade o corpo da serpe ou dragón bicéfalo na súa advocación de Itzamnaaj ou a Casa do Lagarto, lugar ó que debería chegar Pakal.[41]

 
Enxoval funerario de K'inich Janaab' Pakal con máscara, colares, pulseiras e aneis.

Baixo a lápida principal e a carón da entrada do psicoduto, que neste sitio remata coa figura dunha testa de serpe, atopáronse dúas esculturas realizadas en estuco que representan a Pakal.[46] A primeira delas amosa a un Pakal mozo cos beizos máis delgados, posiblemente á idade de doce anos, cando foi entronizado. A segunda testa representa a un Pakal como home maduro, cunha idade aproximada de trinta anos; o seu tocado evoca ó deus do millo. En ámbalas esculturas pódese apreciar a deformación tabular oblicua extrema do seu cranio, cuxo perfil evoca a unha mazaroca de millo. Os maias practicaban esta deformación cranial cos membros da nobreza e mediante a axuda de prensas de madeira exercían presión na testa dos nenos dende unha idade moi temperá.[47]

O esqueleto de Pakal estaba cuberto de cinabrio cuxa cor vermella os maias identificaban co leste, lugar por onde resucita o Sol cada mañá, desta forma alúdese á inmortalidade. O enxoval funerario de Pakal reitérao como deus do millo, árbore do mundo e centro do universo. Nas súas mans e a carón dos pies atopáronse catro contas de xade que simbolizan os catro rumbos. O centro foi sinalado por unha figuriña de xade que representa ó deus do millo crocodilo colocada sobre a rexión pélvica da osamenta. Outra figuriña que representa ó deus Pax foi atopada xunto ó seu pé esquerdo.[48]

Sobre a súa fronte colocouse unha diadema con discos de xade, semellante á que lle entregou a súa nai durante a súa entronización; no centro da mesma colocábase un sak hu'unal, unha xoia que representa ó deus Hu'unal, que á súa vez ten un trifolio de millo sobre a súa testa e que se distingue polo seu nariz longo.[49] A máscara mortuoria de Pakal foi reconstruída en tres ocasións, en 1952, en 1954 e en 2001-2002. Foi elaborada con trescentas corenta pezas de xade de varias tonalidades: cosmocolor (NaCrSi2O6), xadeíta (NaAlSi2O6) e albita (NaAlSi3O8). Estes materiais non existen na zona de Palenque, polo que se cre que foron traídos de Guatemala e algunhas das cunchas do océano Pacífico. O pulido áspero que se observa nas teselas reduce o seu brillo, o cal parece que foi á mantenta para dar un aspecto de morto á máscara. Os ollos amosan un acentuado estrabismo.

O distintivo que lle dá o rango de ahau obsérvase na parte superior central da fronte: trátase dun trifolio conformado por tres teselas de xade verde claro que evocan a K'wawiil. As outras deidades da tríada, Chaahk e Yoopat encóntranse presentes nos glifos do reverso das orelleiras, talladas como forma de flores simbólicas. O nariz aguileño conta coa aplicación que utilizaban os nobres maias para continuar a súa liña até a fronte. A boca da máscara vese entreaberta, na parte central dos beizos apréciase unha peza de xade que sinala a presenza de alento mediante o símbolo do vento ik. Asemade, as orelleiras estaban relacionadas co alento e coa deidade do vento. As contas tubulares que emerxen das orelleiras interprétanse como o pistilo da flor vertendo humidade.[49]

En cada un dos dedos das mans tiña un anel de xade. O cinto cerimonial contiña dúas pequenas máscaras, ambas representan ó deus Itzamnaaj. A primeira delas na súa advocación de sabedoría e experiencia como un home vello, e a segunda delas na súa advocación de xuventude e forza como un home novo. Ambas teñen un pop ou "petate" con tres machadas. O enxoval compleméntase cun pectoral de nove fíos, un colar de tres fíos, dous brazaletes de oito fíos e dous prendedores que servían para separar o seu cabelo.[50]

PareidoliaEditar

 
Pequena máscara do cinto cerimonial do enxoval funerario de K'inich Janaab' Pakal que representa ó deus D, Itzamnaaj, na súa advocación de sabedoría e experiencia.

Durante moitos anos, algúns quixeron ver na inscrición do sartego a un home nunha nave espacial con pancas, volantes e engrenaxes. Estas versións, en descrédito dende o comezo, popularizaronse malia a falta de rigor científico, histórico e iconográfico. O novelista e ufólogo soviético Alexander Kazantsev foi o primeiro en supoñer esta pareidolia, a quen despois se uniron o suízo Erich von Däniken co seu libro Erinnerungen an die Zukunft en 1968, e o estadounidense Charles Berlitz.[51] Von Däniken reproduce un debuxo da tapa do sartego, incorrectamente etiquetándoo como de "Copán" e comparando a pose de Pakal coa dos astronautas do Proxecto Mercury da década de 1960 e preséntao como unha posible evidencia de influencia extraterrestre na antiga civilización maia.[52] Estas teorías pseudocientíficas foron propagadas mediante o filme documental Erinnerungen an die Zukunft, que se exhibiu na década de 1970, e, 40 anos máis tarde, foron mencionadas na serie de televisión Ancient Aliens.

Controversia sobre a súa idadeEditar

A escola maianista estadounidense, a cal era a máis avanzada na área de epigrafía, aceptou sen cuestionamentos a historia contada en estelas e taboleiros maias. Desta forma estabeleceuse que Pakal “o Grande” morreu á idade de oitenta anos. Porén, cando o doutor Arturo Romano Pacheco analizou a osamenta deste gobernante, na década de 1950, concluíu que esta correspondía a un home cuxa idade biolóxica era de corenta a cincuenta anos no momento da súa morte.[53] A finais da década de 1970, o informe estendido dos estudos da osamenta indicou que a estatura estimada de Pakal era de 1,65 m, carecendo de patoloxías esqueléticas visibles e correspondente á dun adulto masculino na su quinta década de vida.[37] Porén, Linda Schele, Floyd Lounsbury e Peter Mathews opinaron que as conclusións de Romano estaban trabucadas.[53] A historiadora Mercedes de la Garza opinou que os maias —tal e como xa sinalara Linda Schele— cambiaron algunhas datas de nacemento e morte dos seus gobernantes para facelas cadrar con datas mitolóxicas ou astronómicas.[54]

Mediante novas técnicas de histoloxía, que toman a consideración os cambios morfoanatómicos da sínfise da pube, a superficie auricular do ilíaco, o extremo esternal das costelas, a superficie oclusal dos dentes e o tecido trabecular das epífises dos ósos longos, examináronse de novo os ósos de Pakal en 1999.[55] En 2003, o grupo de investigadores internacionais, que coordinou a doutora Vera Tiesler da Universidade Autónoma do Iucatán, concluíu que morrera a unha idade avanzada, que sufrira de osteoporose e artrite e que a súa idade era superior ós cincuenta e cinco anos, compatible cos estudios dos epigrafistas,[56] é dicir, oitenta anos,[57] aínda que non todos os que participaron están de acordo en confirmar dita idade.[58]

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. 9.8.9.13.0 e 9.12.11.5.18[1]
  2. Estas son as datas das inscricións maias segundo o calendario de conta longa mesoamericano, nacemento: 9.8.9.13.0 8 Ahaw 13 Pop, entronización: 9.9.2.4.8 5 Lamat 1 Mol e morte: 9.12.11.5.18 6 Etz'nab 11 Yax.[2][3]
Referencias
  1. 1,0 1,1 Tiesler & Cucina 2004, p. 40.
  2. Martin & Grube 2008, p. 162.
  3. Skidmore 2010, p. 71.
  4. Martin & Grube 2008, pp. 162-168.
  5. Skidmore 2008, p. 71.
  6. Florescano 2009, p. 235.
  7. Grube 2006, p. 457.
  8. Skidmore 2008, p. 82,91.
  9. Spencer 2007, p. 68.
  10. Skidmore 2010, pp. 71-73.
  11. 11,0 11,1 "El sueño interrumpido de Pakal el Grande, “El señor de la Pirámide”. A 60 años del hallazgo de la tumba de Pakal". INAH (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2012. 
  12. Malvido 2009, p. 148.
  13. Bernal 2011, pp. 282-283.
  14. Bernal 2012, p. 3.
  15. Florescano 2009, p. 236.
  16. Bernal 2012, p. 4.
  17. Martínez del Campo Lanz 2010, p. 24.
  18. Bernal 2012, p. 5.
  19. Malvido 2009, pp. 198-199.
  20. Bernal 2011, p. 302.
  21. Bernal 2011, p. 287.
  22. 22,0 22,1 Bernal 2011, p. 288.
  23. Bernal 2011, p. 289.
  24. 24,0 24,1 Bernal 2012, p. 8.
  25. Bernal 2011, p. 290.
  26. Bernal 2011, p. 291.
  27. Bernal 2012, p. 9.
  28. Bernal 2011, p. 296.
  29. Bernal 2011, p. 301.
  30. Bernal 2012, p. 7.
  31. 31,0 31,1 Bernal 2011, p. 292.
  32. "DESCIFRADO, JEROGLÍFICO DE LA TUMBA DEL REY PAKAL". Gaceta digital UNAM (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2018. Consultado o 05 de setembro de 2018. 
  33. Bernal 2012, p. 10.
  34. Bernal 2012, p. 302.
  35. Bernal 2011, pp. 304-305.
  36. Tiesler & Cucina 2004, p. 17.
  37. 37,0 37,1 Tiesler & Cucina 2004, p. 18.
  38. Garza 2007, pp. 20, 23.
  39. León-Portilla 2003, p. 223, (citando a Beatriz de la Fuente).
  40. Grube 2006, pp. 314-315.
  41. 41,0 41,1 Garza 2007, p. 24.
  42. Martínez del Campo Lanz 2010, p. 25.
  43. Garza 2007, p. 26.
  44. León-Portilla 2003, p. 224.
  45. Garza 2007, p. 33.
  46. Bernal 2012, p. 13.
  47. Martínez del Campo Lanz 2010, p. 26.
  48. Martínez del Campo Lanz 2010, p. 27.
  49. 49,0 49,1 Martínez del Campo Lanz 2010, p. 28.
  50. Martínez del Campo Lanz 2010, p. 29.
  51. "Tumba de Pacal". Pueblos Originarios. Sitios arqueológicos (en castelán). Consultado o 7 de xaneiro de 2013. 
  52. Finley, Michael. "Von Daniken's Maya Astronaut". SHAW WEBSPACE (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2008. Consultado o 18 de outubro de 2015. 
  53. 53,0 53,1 Tiesler & Cucina 2004, p. 106.
  54. Malvido 2009, pp. 117-119.
  55. Tiesler & Cucina 2004, p. 194.
  56. Tiesler & Cucina 2004, p. 228.
  57. Tiesler & Cucina 2004, p. 248.
  58. Tiesler & Cucina 2004, pp. 265-266, 268.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar

K'inich Janaab' Pakal
Nacemento: 603 Falecemento: 683


Títulos Reais
Precedido por
Sak K'uk'


Ahau de Palenque
26 de xullo de 615 – 28 de agosto de 683
Sucedido  por
K'inich Kan Bahlam II