Calakmul

sitio arqueolóxico maia

Coordenadas: 18°06′19″N 89°48′39″O / 18.105392, -89.810829

Calakmul é un sitio arqueolóxico prehispánico maia que se atopa no sueste do estado mexicano de Campeche, na rexión do Petén, no núcleo da reserva da biosfera de Calakmul, de máis de 700 000 ha, concello do mesmo nome e a poucos quilómetros da fronteira con Guatemala. O sitio abrangue arredor de 70 km² e posúe máis de 6000 estruturas e chegou a ser a capital dun estado rexional de aproximadamente 13 000 km², sendo, xunto con Tikal, El Mirador e Palenque, un dos grandes poderes rexionais, durante o período clásico da cultura maia.[1]

Antiga cidade maia e bosques tropicais protexidos de Calakmul, Campeche
Estrutura I.
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
País México
Localización18°06′19″N 89°48′39″O / 18.105392, -89.810829
TipoMixto
CriteriosII, III, IV, VI
Inscrición2002 (26ª sesión)
Rexión da UNESCOLatino América e o Caribe
Identificador1061

Rexistrado inicialmente en 1931 polo biólogo Cyrus Longworth Lundell, foi explorado inicialmente polo famoso maianista Sylvanus Morley, en 1932. Porén, non foi senón até medio século despois, a partir de 1982, cando se realizaron escavacións a grande escala, a cargo de William Folan, do Centro de Investigacións Históricas e Sociais da Universidade Autónoma de Campeche e do Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México.

O estudo iniciado polo equipo de Folan, concluíu que se atopaban ante un centro da civilización maia, de grandes proporcións, determinándose que, segundo o período, chegou a contar con máis aliados e poder que a propia Tikal. Ademais, a partir dos anos 90, chégase á conclusión de que Calakmul pertencía a unha organización moito máis grande; formaba parte do chamado Reino da Serpe, o reino de Kaan ou Kan, do que concretamente, constituía a capital.[2]

O grande avance no estudo da escrita maia, que se consegue durante estes anos, dá lugar a que os investigadores descubran que Calakmul e Tikal protagonizaron enconadas guerras, durante máis dun século; enfrontamentos que marcarían o devir político, económico e social das cidades maias da rexión.

Calakmul é agora obxecto dun proxecto a grande escala do Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia, iniciado en 1993. Pola importancia do sitio, o 4 de xullo de 2002, a Unesco outorgoulle o nomeamento de Patrimonio Cultural da Humanidade, estendendo a distinción a Patrimonio da Humanidade Mixto, o 21 de xuño de 2014, recoñecendo os valores naturais dentro da Reserva da Biosfera.[3]

Toponimia editar

Cyrus Longworth Lundell deulle o nome de Calakmul a este sitio, pola presenza de dous grandes montículos que dominaban a paisaxe. En maia, Ca significa dous, Lak significa adxacente, e Mul significa un montículo ou pirámide artificial, polo que Calakmul significa "Cidade das dúas Pirámides Adxacentes". En épocas recentes, grazas ós avances na epigrafía maia, sabemos que o nome ancestral do sitio foi Ox Che' Tuun (tres pedras ou tres ronseis). Outro nome relacionado co sitio nas súas inscricións, se cadra relativo á área circundante é Chiik Naab'. Os señores de Calakmul identificábanse a si mesmos co título de k'uhul kaanal ajaw (divino señor do reino da serpe). Todo parece indicar que - na súa época de maior esplendor - Calakmul era a sede da máis poderosa confederación de cidades estado maias coñecida, denominada O Reino de Kaan.[4]

Notas editar

  1. Calkmul, patrimonio de la humanidad. 2012. Gobierno del Estado de Campeche, Instituto de Antropología e Historia. Edición especial.
  2. 1491: New Revelations of the Americas Before Columbus por Charles C. Mann 2005
  3. Unesco. "Sites in Latin America and Germany inscribed on World Heritage List". 
  4. De serpientes y murciélagos: Identidades cambiantes en Calakmul, Simon Martin http://www.mesoweb.com/pari/publications/journal/602/DeSerpientes.pdf