Auroraliiga
A Auroraliiga (anteriormente denominada Jääkiekon naisten SM-sarja entre 1982 ata 2017, e Naisten Liiga dende 2017 ata 2024) é a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia. A competición naceu na tempada 1982-83 e na actualidade a integran nove equipos.
Nome oficial | Auroraliiga (2024–sen valor) Naisten SM-sarja (1982–2017) Naisten Liiga (2017–2024) |
---|---|
Tipo | liga deportiva |
Deporte | hóckey sobre xeo |
Organizador | Asociación Finesa de Hóckey sobre Xeo |
Liga superior | sen valor |
Liga inferior | Naisten Mestis |
Localización e Datas | |
País | Finlandia |
Vixencia | 1982 – |
Outro | |
Cobertura dos medios de comunicación | Ruutu (en) |
Páxina web oficial | leijonat.fi… |
A meirande parte dos campionatos foron gañados por Espoo Blues (16) Tampere Ilves (10), mentres que os 10 restantes se reparten entre 6 equipos. Os Blues dominaron a competición a principios do novo século, cun récord de títulos acadados entre 1999 e 2005, mentres que Ilves conseguiu a meirande parte dos seus títulos entre 1985 e 1993 con oito títulos en nove anos.
Historia
editarAntecedentes e creación
editarOs primeiros equipos femininos de hóckey sobre xeo de Finlandia comezaron a aparecer a principios da década de 1970, aínda que pasaron varios anos ata que se disputara a primeira competición no país. Esta primeira competición, non oficial, denominouse Lipstick-turnaus (en galego Torneo Lipstick) e disputouse durante varios anos, sendo a súa primeira edición en 1978.[1]
Non foi ata a tempada tempada 1982-82 cando comezou a organizarse o campionato feminino finlandés oficial,[2] inicialmente denominado Naisten SM-sarja.[1] Na primeira edición do campionato participaron un total de dez equipos divididos en dous grupos: EVU (Vantaa), Haukat (Järvenpää), HIFK (Helsinqui), HJK (Helsinqui), Ilves (Tampere), Jäähonka (Espoo), SaiPa (Lappeenranta), Shakers (Kerava), Tiikerit (Hämeenlinna) e Ässät (Pori). O primeiro equipo en coroarse campión finlandés na primavera de 1983 foi o HJK, logo de impoñerse no torneo final disputado en Tampere.[3]
Dominio de Ilves
editarA medida que o número de equipos de mulleres aumentou, a liga pasou a xogarse nun único grupo na tempada 1985-86, cando se fundou ademais a segunda categoría, a I-divisioona.[a] O Ilves de Tampere dominou a segunda metade da década de 1980, cando gañou un total de catro títulos consecutivos (1985-1988) antes de que o EVU de Vantaa curtara a racha na primavera de 1989.[3][4]
Logo do título logrado polo EVU en 1989, Ilves volveu gañar o campionato na tempada 1989-90, cando se introduciron os play-offs. O equipo de Tampere revalidou o título nos tres anos seguintes. Os primeiros anos da década de 1990 viron o crecemento do Shakers, que pasou a converterse no máximo rival do Ilves e rompeu a segunda racha de catro campionatos consecutivos do equipo do lince en 1994. Mentres tanto, os tempos de 20 minutos establecéronse en 1992.[3][4]
Shakers e JYP
editarA segunda metade da década de 1990 estivo marcada principalmente por dous equipos: Shakers e JYP. A pesar de ter sido un dos equipos fundadores da Naisten SM-Sarja, o papel das Shakers nas tres primeiras tempadas da competición fora moi pobre, xa que contou todos os seus partidos por derrotas. Ao seu regreso á máxima competición na tempada 1986-87 convertéronse nun equipo competitivo e gañou a medalla de bronce ese mesmo ano, e na tempada 1993-94, logo de ter chegado tres anos consecutivos ás finais fronte o Ilves, conquistaron o campionato. Parte do éxito do equipo de Kerava veu da dianteira Riikka Välilä, quen tamén fora fundamental no éxito do EVU en 1989.[5][4]
O éxito das Shakers durou dous anos máis nos a rivalidade co Ilves acabou dando paso á loita coas Kärpät de Oulu na tempada 1995-96, cando a final entre os dous equipos pasou á historia como unha das máis reñidas e igualadas da historia do campionato feminino finlandés. Ese mesmo ano foi o primeiro no que o que fora o gran dominador, o Ilves de Tampere, non conseguiu ningunha medalla.[4]
Na tempada 1996-97, a Naisten SM-sarja viu a chegada dun novo equipo campión, o JYP de Jyväskylä, que se impuxo ás Shakers nas finais por un contundente 3-0. O JYP conquistou o seu segundo campionato consecutivo fronte ás Kärpät un ano despois (3-0) malia a terse clasificado na cuarta posición (a última que daba acceso aos play-offs) e enfrontarse ás campioas da liga regular, as mulleres do K-Espoo (2-1).[5][4]
Os anos 2000: Espoo Blues
editarLogo de que o equipo das Shakers abandonara a competición antes da tempada 1998-99, as súas xogadoras pasaron a xogar no equipo de Espoo, chamado agora Espoo Blues,[b] e no recentemente ascendido Itä-Helsingin Kiekko. Esa mesma tempada as Blues destronaron ao JYP, conseguindo o seu primeiro campionato logo de ter conquistado varios bronces na década, e iniciando un período de sete anos consecutivos nos que o campionato quedou en Espoo.[4]
Na primavera de 2011 a comunidade finlandesa do Canadá doou a Aurora Borealis Malja, o trofeo que dende entón é entregado ao equipo campión en substitución da Sammon Malja.[6][7] O primeiro equipo que alzou a copa foi o HPK de Hämeenlinna, que derrotou ao Ilves na final.[8][9]
Na 2015-16 as xogadoras de JYP proclamáronse campioas, un logro que o equipo de Jyväskylä non acadaba dende 1998. As xogadoras do equipo de Finlandia Central impuxéronse a HPK en tres partidos, disputando o último deles no seu estadio ante 1 600 persoas.[10] Con todo, na tempada seguinte JYP renunciou á súa praza, que foi ofrecida a Lukko, que finalmente participou na seguinte edición.[11]
Nova denominación: a Naisten Liiga
editarNa tempada 2017-18 a SM-sarja mudou a súa denominación a Naisten Liiga.[12] Na tempada seguinte uníronse á liga Vaasan Sport e TPS,[13] producíndose un aumento do número de equipos participantes de oito a dez.
A causa da pandemia por coronavirus, na tempada 2019-20 por primeira vez a liga non decidiu ningún equipo campión,[14] cancelándose a tempada logo das semifinais, non disputándose a final entre Kiekko-Espoo e KalPa.[15]
O 9 de setembro de 2022 a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo fixo público a través do seu sitio web que Aija Saha pasaría a presidir a Naisten Liiga a partir do 1 de outubro dese mesmo ano substituíndo a Eeva Perttula, e que Jukka Valtanen sería o vicepresidente.[16]
Cara a unha liga profesional
editarO 15 de agosto anunciouse un novo cambio de denominación da liga, que pasou a chamarse Auroraliiga. O obxectivo deste cambio foi o de desenvolver a liga co obxectivo de profesionalizala e facer do hóckey sobre xeo finlandés un deporte máis igualitario. En palabras da directora da Auroraliiga, Henni Laaksonen, o cambio de nome supuxo ademais un "importante acto simbólico", sinalando que "xa é hora de xogar ao hóckey sobre xeo sen prefixos", en alusión á eliminación da especificación "naisten" (traducible como "feminina" ou literalmente "de mulleres").[17] Ademais, anunciouse o acordo para a retransmisión da liga en televisión pola canle MTV Katsomo.[18]
A nova etapa do campionato finlandés iniciarase o 6 de setembro de 2024 co partido inaugural entre o TPS e o K-Espoo no Gatorade Center de Turku, un pavillón con capacidade para 10 500 persoas e que será o escenario de oito dos nove partidos da primeira fin de semana de competición.[19][20]
Equipos 2024-25
editarDende a tempada 2023-24 a Auroraliiga está formada por nove equipos de 9 cidades distintas. Por rexións, 8 das 19 rexións de Finlandia estaban presentes na tempada 2022-23: Finlandia Propia, Laponia, Ostrobotnia do Norte, Ostrobotnia do Sur, Savonia do Norte, Pirkanmaa, Tavastia Propia e Uusimaa. Dos nove equipos que participan na tempada 2024-25 tan só o Ilves disputou todas as edicións do campionato finlandés feminino.[3]
Agás o Team Kuortane, un equipo feminino fundado en 2010 pola Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo e cuxas xogadoras viven e estudan no Kuortaneen urheilulukio, todos os equipos da liga comparten os seus nomes con equipos profesionais masculinos da Liiga (HIFK, HPK, Ilves, KalPa, K-Espoo, Kärpät e TPS) ou a Mestis (RoKi)
Nome | Cidade | Estadio | Capacidade | Fundación | Títulos |
---|---|---|---|---|---|
Stadin Gimmat HIFK Naiset |
Helsinqui | Pirkkolan jäähalli | 1 100 | 1982[c] | 2 |
HPK | Hämeenlinna | Metritiski Areena | 700 | 1929 | 1 |
Ilves | Tampere | Tesoman jäähalli | 1 500 | 1931 | 10 |
KalPa | Kuopio | Olvi Areena | 5 224 | 1929 | 0 |
Kiekko-Espoo | Espoo | Tapiolan harjoitusareena | 750 | 1989 | 16 |
Kärpät | Oulu | Oulun Energia Areena | 6 614 | 1990 | 3 |
RoKi | Rovaniemi | Lappi Areena | 3 500 | 2012 | 0 |
Team Kuortane | Kuortane | Kuortaneen jäähalli | 350 | 2010 | 0 |
TPS | Turku | Rajupaja-areena | 2 875 | 1990 | 0 |
Estrutura da tempada
editarO 28 de abril de 2022 a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo anunción que a 40ª edición da Naisten Liiga mudaría o modelo respecto da tempada precedente, e que esta estrutura se mantería na tempada 2023-24.[21] Deste xeito a competición dividiuse nunha liga regular e os play-offs polo título ou liguiña pola permanencia:[22]
- Na liga regular os dez equipos xogan unha cuádrupla volta entre eles, de xeito que cada equipo disputa un total de 36 partidos. Ao finalizar a liga regular os oito mellores clasificados xogan os play-offs pola Aurora Borealis Malja, mentres que os dous equipos restantes deben xogar pola permanencia fronte aos dous mellores equipos da Naisten Mestis.
- Os play-offs polo título dispútanse en eliminatorias ao mellor de cinco encontros, coa excepción da medalla de bronce, que se decide a partido único. Pola súa banda, os dous peores equipos da liga regular xogan fronte aos dous mellores equipos da Naisten Mestis unha liguiña a dobre volta, na que os dous mellores clasificados disputarán a seguinte edición da máxima categoría.
Palmarés
editar- Artigo principal: Aurora Borealis Malja.
Dende a primeira edición da liga na tempada 1982-83, oito equipos gañaron a Naisten Liiga. Dende 2011 o equipo campión recibe a Aurora Borealis Malja, mentres que o segundo e terceiro clasificados reciben medallas de prata e bronce. A seguinte táboa amosa os equipos campións do campionato finlandés feminino de hóckey sobre xeo:[23][24]
Campionatos por equipo
editarA seguinte táboa amosa o número total de campionatos acadados por cada club dende 1983. En letra grosa os títulos conseguidos logo de que a competición cambiara a súa denominación a Naisten Liiga, é dicir, os acadados dende 2018:
NºTítulos | Equipo | Campionatos |
---|---|---|
16 | Blues / K-Espoo | 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004, 2005, 2007, 2008, 2009, 2013, 2014, 2015, 2019, 2021, 2022 (Equipo mais laureado da Naisten Liiga) |
10 | Ilves | 1985, 1986, 1987, 1988, 1990, 1991, 1992, 1993, 2006, 2010 |
3 | Kärpät | 2012, 2017, 2018 |
3 | Shakers | 1994, 1995, 1996 |
3 | JYP | 1997, 1998, 2016 |
2 | HJK | 1983, 1984 |
2 | HIFK | 2023, 2024 |
1 | EVU | 1989 |
1 | HPK | 2011 |
Status das xogadoras
editarA Naisten Liiga non é unha liga profesional. Na tempada 2022-23 tan só as xogadoras de HIFK e HPK non tiñan que pagar elas mesmas as tarifas de tempada para poder xogar. Nunha entrevista no sitio web especializado Jatkoaika, a ex xogadora Johanna Koivula sinalaba que tan só algúns dos equipos da liga estiveran dentro da estrutura dos equipos masculinos profesionais, o que na súa opinión levaría á competición a un camiño máis profesional e a poder competir coa SDHL sueca, onde as xogadoras si contan cun salario[25] e á cal moitas xogadoras destacadas finlandesas como as internacionais Jenni Hiirikoski, Anni Keisala ou Petra Nieminen acaban marchando.[26]
A maior parte dos equipos da Naisten Liiga comparten os seus nomes cos equipos masculinos profesionais da Liiga ou a Mestis – HIFK, HPK, Ilves, KalPa, K-Espoo, Kärpät, Lukko, RoKi e TPS – mais os equipos femininos teñen recibido historicamente limitados recursos e promoción por parte dos equipos masculinos afiliados.[27] Nos anos recentes producíronse progresos na construción dunha mellor relación entre os equipos femininos e masculinos; agora moitos equipos masculinos dan algo de apoio ás súas contrapartes femininas anunciando xuntos os seus partidos ou axudando a asegurar patrocinadores.[28][29]
Trofeos
editar- Artigo principal: Trofeos da Naisten Liiga.
Trofeos a equipos
editar- Aurora Borealis Malja (Copa Aurora Boreal): entregada anualmente ao equipo vencedor dos play-offs e campión da Naisten Liiga. É o trofeo principal da competición, doado pola comunidade finlandesa no Canadá en 2011, e o primeiro equipo en alzar o trofeo foi HPK.[30] É o equivalente á Kanada-malja da Liiga (máxima competición do hóckey sobre xeo masculino en Finlandia) ou a Copa Stanley da National Hockey League (NHL).
- Medallas de prata e bronce para o segundo e terceiro equipos nos playoff respectivamente.
- Sammon Malja (Copa Sampo): trofeo entregado ao equipo campión da Naisten SM-sarja dende 1983 ata a súa substitución pola Aurora Borealis Malja en 2011. O primeiro equipo en alzar o trofeo foi o Helsingin Jääkiekkoklubi, montres que o Ilves foi o último campión que o recibiu.[31]
Trofeos individuais
editar- Trofeo Riikka Nieminen: outorgado á mellor xogadora da Naisten Liiga dende a tempoda 2008-09.[32]
- Trofeo Tuula Puputti: recompensa cada ano á mellor porteira da liga.[33]
- Trofeo Päivi Halonen: entregado cada ano á mellor defensora da liga. Creado na tempada 2005-06, a primeira xogadora premiada foi Heidi Pelttari.[34]
- Trofeo Katja Riipi: entregado cada ano á mellor dianteira da liga. Recibe o seu nome en honor á ex xogadora Katja Riipi.[35]
- Trofeo Marianne Ihalainen: cada ano dende a tempada inaugural da Naisten Liiga, a Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo entrega este galardón á mellor puntuadora da liga regular. Recibe o seu nome en honor á ex xogadora de Ilves e membro do Salón da Fama do hóckey finlandés Marianne Ihalainen.[36][37]
- Trofeo Tiia Reima: entregado dende a tempada inaugural pola Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo á máxima goleadora da liga.[38]
- Trofeo Sari Fisk: dende a tempada 2010-11 se entrega o trofeo Sari Fisk á xogadora con mellor plus–minus ao final da liga regular.[39]
- Trofeo Karoliina Rantamäki: entregado dende a tempada 1999-2000 á MVP dos play-offs.[40]
- Trofeo Noora Räty: outorgado á mellor debutante na liga dende a tempada 2005-06.[41]
- Trofeo Emma Laaksonen: o premio ao xogo limpo entrégase dende a tempada 2011-12.[42]
- Casco Dourado: entregado á mellor xogadora por votación das propias xogadoras. Se ben o trofeo entregues por primeira vez aos homes en 1987, na liga feminina non se entregou ata a tempada 2021-22.[43][44]
Estatísticas
editarLíderes históricas
editar- Na liga regular[45]
Récord | Nome | Rexistro |
---|---|---|
Puntos | Riikka Noronen | 775 |
Goles | Karoliina Rantamäki | 375 |
Asistencias | Riikka Noronen | 447 |
Partidos xogados | Riikka Noronen | 644 |
Penalty minutes | Rosa Linstedt | 483 |
- Nos play-offs[45]
Récord | Nome | Rexistro |
---|---|---|
Puntos | Linda Välimäki | 129 |
Goles | Karoliina Rantamäki | 76 |
Asistencias | Linda Välimäki | 72 |
Partidos xogados | Saija Tarkki | 145 |
Penalty minutes | Tea Vilillä | 129 |
Notas
editar- ↑ Actualmente denominada Naisten Mestis.
- ↑ Ata aquela denominado primeiro EKS (Espoon Kiekko Seura) e Kiekko-Espoo despois.
- ↑ Refundado en 2018.
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 "JUHLITAAN YHDESSÄ KANSAINVÄLISTÄ NAISTENPÄIVÄÄ!" (en finés). Joensuun Kiekko-Pojat. Consultado o 9 de outubro de 2022.
- ↑ "MESTARIEN KOKOONPANOT" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 9 de outubro de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Jääkiekon Naisten Liiga 40 vuotta" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 22 de febreiro de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "Historia. Naisten SM-sarjaa on pelattu kaudesta 1982-1983 saakka" (en finés). Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo. Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2016. Consultado o 3 de marzo de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 JÄÄKIEKKOKIRJA 2022-2023, p. 253-254
- ↑ Mennander, Pasi (12 de marzo de 2013). "Tästä pokaalista pelataan - 15 faktaa Aurora Borealis -maljasta" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 9 de outubro de 2022.
- ↑ Panel de descrición do obxecto na exposición do Museo finlandés do hóckey sobre xeo no verán de 2022 (consultado o 10 de xullo de 2022).
- ↑ "Historia" (en finés). HPK Kiekkonaiset. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2020. Consultado o 23 de febreiro de 2023.
- ↑ Mennander, Pasi (27 de marzo de 2011). "HPK parempi myös toisessa finaaliottelussa - Sarja katkolla tiistaina!" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 23 de febreiro de 2023.
- ↑ Nyholm, Taru (9 de marzo de 2016). "Naisten SM-sarjassa valta vaihtui - JYP on Suomen mestari 2016" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 9 de outubro de 2022.
- ↑ "JYP luopui Naisten SM-sarjapaikasta, Lukko tilalle" (en finés). Leijonat.fi. 16 de agosto de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2022.
- ↑ "Naisten SM-sarja historiaan - Ensi kaudella pelataan Naisten Liigaa" (en finés). leijonat.fi. 21 de marzo de 2017. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2017. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ Varjonen, Terhi (19 de marzo de 2018). "Vaasan Sportin naiset pelaavat ensi kaudella liigakiekkoa" (en finés). Yle.fi. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ "Koronavirus lopettaa Jääkiekkoliiton alaisten sarjojen kauden – Myös alle 16- ja 17-vuotiaiden kotimaan maaottelut peruttu" (en finés). leijonat.fi. 12 de marzo de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ "Naisten Liigan finaalit peruttu - Kiekko-Espoo ymmärtää ratkaisun" (en finés). kiekko-espoonaiset.fi. 13 de marzo de 2020. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2020. Consultado o 19 de setembro de 2020.
- ↑ "Aija Sahasta Naisten Liigan puheenjohtaja, Jukka Valtasesta varapuheenjohtaja" (en finés). Leijonat.fi. 9 de setembro de 2022. Consultado o 11 de setembro de 2022.
- ↑ "Naisten jääkiekon pääsarja Naisten Liiga on nyt Auroraliiga" (en finés). Suomen Jääkiekkoliitto. 15 de agosto de 2024. Consultado o 15 de agosto de 2024.
- ↑ "Huippuviihdettä halleissa ja kotikatsomoissa – Auroraliigan avauspeli Subilla ja Leijonat TV:ssä" (en finés). Suomen Jääkiekkoliitto. 15 de agosto de 2024. Consultado o 15 de agosto de 2024.
- ↑ Tsokkinen, Eelis (12de maio de 2023). "Aikansa ihme". Helsingin Sanomat (en finés). Consultado o 15 de agosto de 2024.
- ↑ "Näin Auroraliigan avauskausi käynnistyy – Avausviikonloppuna yhdeksän ottelua" (en finés). Suomen Jääkiekkoliitto. 15 de agosto de 2024. Consultado o 15 de agosto de 2024.
- ↑ "Naisten Liigan, Mestiksen ja Suomi-sarjan pelaamistavat vahvistettu kausille 22-23 ja 23-24" (en finés). Leijonat.fi. 28 de abril de 2022. Consultado o 11 de setembro de 2022.
- ↑ Löfman, Heikki (9 de setembro de 2022). "Naisten Liiga alkuun – kaikki joukkueet heti tulessa viikonvaihteen avausturnauksessa" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 11 de setembro de 2022.
- ↑ "MITALIJOUKKUEET". Jääkiekkokirja (PDF) (en finés). Helsinqui: Suomen Jääkiekkoliitto. p. 237.
- ↑ "Tältä se näyttää - Aurora Borealis -malja julkistettiin!". leijonat.fi (en finés). Suomen Jääkiekkoliitto. 21 de marzo de 2011. Consultado o 18 de setembro de 2020.
- ↑ Seppä, Lassi (28 de febreiro de 2023). "40 vuotta täyttävä Naisten Liiga henkii naisten jääkiekon kasvua − "Ei riittänyt enää pelkkä pallon potkiminen ja pesäpallon peluu, vaan täytyi oikeasti alkaa tehdä töitä"" (en finés). Jatkoaika.com. Consultado o 5 de marzo de 2023.
- ↑ Löfman, Sini (3 de agosto de 2022). "Naisten MM-joukkue Tanskan MM-kisoihin valittu – Mukana iso kasa viime kauden arvokisamitalisteja" (en finés). Leijonat.fi. Consultado o 5 de marzo de 2023.
- ↑ Foster, Meredith (24 de marzo de 2017). "Women's Pro Hockey in Finland Tries to Get More Spotlight" (en inglés). The Victory Press. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ Aykroyd, Lucas (29 de marzo de 2019). "Women’s Worlds media round-table" (en inglés). IIHF. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ Teiskonlahti, Kirsi (11 de setembro de 2018). "Naiskiekon arvostus on kasvanut, mutta ihannetilanteeseen on Suomessa vielä pitkä matka – kehitys vaatii hurmosta ja SM-liigaseurojen apua". Yle Urheilu (en finés). Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ Mennander, Pasi (12 de marzo de 2013). "Tästä pokaalista pelataan - 15 faktaa Aurora Borealis -maljasta" (en finés). leijonat.fi. Consultado o 30 de xaneiro de 2022.
- ↑ Panel de descrición do obxecto na exposición do Museo finlandés do hóckey sobre xeo no verán de 2022 (consultado o 10 de xullo de 2022).
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Best Player (Riikka Nieminen Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 1 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Best Goaltender (Tuula Puputti Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 1 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Best Defenseman (Päivi Halonen Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 1 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Best Forward (Katja Riipi Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 1 de outubro de 2021.
- ↑ "Marianne Ihalainen to be honoured" (en inglés). IIHF.com. 8 de marzo de 2019. Consultado o 1 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Most Points (Marianne Ihalainen Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 1 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Most Goals (Tiia Reima Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 27 de outubro de 2021.
- ↑ "Kauden 2011-12 palkitut pelaajat, valmentajat ja erotuomarit" (en inglés). Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo. 3 de abril de 2012. Consultado o 27 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Most Valuable Player in Playoffs (Karoliina Rantamäki Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 27 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Rookie of the Year (Noora Räty Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 27 de outubro de 2021.
- ↑ "Awards - Naisten Liiga (W) Fair Play Player (Emma Laaksonen Award)" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 27 de outubro de 2021.
- ↑ Seppä, Lassi (31 de maio de 2023). "Pelaajat ovat puhuneet: Elisa Holopainen on Naisten Liigan kauden arvokkain pelaaja". Jatkoaika.com (en finés). Consultado o 10 de xuño de 2023.
- ↑ "Hirschovits voitti Kultainen Kypärä -palkinnon". mtvuutiset.fi (en finés). 27 de abril de 2015. Consultado o 10 de xuño de 2023.
- ↑ 45,0 45,1 "NAISTEN SM-HISTORIA". JÄÄKIEKKOKIRJA 2022-2023 (en finés). Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo. p. 248-249.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Auroraliiga |
Bibliografía
editar- "NAISTEN SM-HISTORIA". JÄÄKIEKKOKIRJA 2022-2023 (en finés). Federación Finlandesa de Hóckey sobre Xeo. p. 248-249.