Museo Raíña Sofía
O Museo Raíña Sofía, oficialmente Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (en castelán: Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, MNCARS), é o principal museo español de arte do século XX e contemporánea, situado en Madrid. Inaugurouse o 10 de setembro de 1992, a partir dos procedentes do extinto Museo Español de Arte Contemporánea. É un organismo autónomo dependente do Ministerio de Cultura.
Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía | |
---|---|
Fachada nordés do Museo Raíña Sofía. | |
País | España |
Cidade | Madrid |
Director | Manuel Borja-Villel |
Inauguración | 10 de setembro de 1992 |
Superficie | 84.048 m² |
Visitantes | 3.898.309 (2018) |
Na rede | |
https://www.museoreinasofia.es/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Na súa colección destaca a obra dos pintores e escultores españois do século XX (nacidos a partir de 1881), representados amplamente e con algunhas das súas mellores obras: Pablo Picasso, Salvador Dalí ou Joan Miró, sen esquecer obras de estilo surrealista (de Francis Picabia, René Magritte, Yves Tanguy ou Jean Arp), cubista (Juan Gris, Georges Braque, Robert e Sonia Delaunay ou Fernand Léger) e expresionista (Francis Bacon ou Antonio Saura).
É o museo máis visitado de España, recibindo 3.898.309 persoas no ano 2018,[1] unha cifra que aumenta continuamente dende a súa apertura. Xunto ó Museo do Prado e o Museo Thyssen-Bornemisza constitúe o chamado Triángulo de Ouro ou Triángulo da Arte, do que o Raíña Sofía se situaría no vértice sur.
Historia
editarEn 1952, un grupo de artistas, encabezados polo arquitecto José Luis Fernández del Amo, promoven a creación do Museo Español de Arte Contemporánea (MEAC), para acoller as diferentes tendencias da arte moderna que non cadraban adecuadamente no Museo do Prado. Comezou a funcionar na planta baixa do edificio da Biblioteca Nacional de Madrid con fondos dos séculos XIX e XX.
Trasladouse posteriormente á Cidade Universitaria de Madrid, ata que en 1986 se creou o Centro de Arte Raíña Sofía, no edificio Sabatini, onde se instalaron os fondos do século XX. A inauguración do Centro realizouse o 26 de maio e, dous anos máis tarde, o 27 de maio de 1988 converteuse no actual Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía [2].
O 10 de setembro de 1992 inaugurouse oficialmente, polos reis de España Xoán Carlos e Sofía e comeza a operar como auténtico museo. A inauguración fíxose coincidir co traslado do Guernica desde o seu aloxamento anterior, o Casón do Bo Retiro, desde que regresou a España en 1981.
Edificio
editarO edificio principal do museo é o antigo Hospital Xeral de Madrid, obra neoclásica do século XVIII. Foi encargado polo rei Carlos III e deseñado por José de Hermosilla, aínda que foi o arquitecto Francesco Sabatini quen continuou as obras, polo que toma o nome deste. O proxecto inicial era moito máis amplo (chegaba ata a rúa Atocha) pero a morte do rei deixouno inacabado cando non se levaba construído máis dun terzo da obra proxectada: a que hoxe é a fachada principal é unha das fachadas dun patio interior, e tampouco se realizou practicamente nada da ornamentación exterior, o que explica o seu aspecto severo e nu.
En 1788 comezou a ser utilizado como hospital e foi obxecto de diferentes obras de restauración e ampliación. Perdida a súa función orixinal en 1965, cando ese uso pasou a ser desenvolvido pola Cidade Sanitaria Provincial, caeu en desuso e foi estragándose co paso dos anos, chegando a pensarse na súa demolición. Salvouse grazas a ser declarado edificio protexido en 1977 [3].
A restauración do edificio comezou en 1980, cando Antonio Fernández Alba o remodelou para usos expositivos. En 1986 foi destinado a aloxar o Centro de Arte Raíña Sofía, que comezou a organizar exposicións temporais nas súas plantas baixa e primeira. En 1988 realizáronse novas obras de remodelación dirixidas á súa conversión en museo, da man de José Luis Íñiguez de Onzoño e Antonio Vázquez de Castro, que transformaron en praza pública o espazo inicialmente reservado a patio interior, o que conseguiu unha maior visibilidade ó museo. Cómpre destacar entre estas obras as torres de ascensores de vidro e aceiro na fachada, en cuxo deseño participou o arquitecto británico Ian Ritchie. Hoxe, estas torres son un signo de identidade do Raíña Sofía.
Pronto se comprobou que as instalacións do museo resultaban insuficientes para os fondos da colección e mailas múltiples actividades que se desenvolvían, o que fixo necesario emprender obras de ampliación. Estas iniciáronse en decembro de 2001, sobre o deseño do arquitecto francés Jean Nouvel. O novo edificio, que toma o nome deste arquitecto, inaugurouse o 26 de setembro de 2005, ten unha planta en forma de triángulo truncado, cun amplo patio central baixo unha cuberta de cor vermella, quizais o seu elemento máis característico. Esta ampliación representou un aumento da superficie útil do museo do 60%, desde os 51.297 m2 cos que contaba ata os 84.048 m2 actuais.
O edificio Nouvel pretende completar e expandir o edificio Sabatini, verdadeiro protagonista do museo. Conéctase con el e achégalle amplos espazos expositivos, biblioteca, oficinas e dous auditorios.
A maiores dos edificios citados, o museo Raíña Sofía conta con outras dúas sedes expositivas, ámbalas dúas no Parque do Retiro. Unha é o Palacio de Cristal, construído por Ricardo Velázquez Bosco en 1887 como invernadoiro dentro da Exposición de Flora das Illas Filipinas.
A outra é o Palacio de Velázquez, construído en 1883 como pavillón principal da Exposición Internacional de Minería, Artes Metalúrxicas, Cerámica, Cristalería e Augas Minerais. Este edificio pechou en 2005 para ser sometido a profundas reformas, e abriu de novo as portas en 2010.
Colección
editarTrala reordenación ditada en 1995 [4] sobre os fondos dos museos do Prado e o Raíña Sofía na que se marca o límite cronolóxico nos artistas nacidos no anos 1881 (ano de nacemento de Picasso), a colección de arte do Raíña Sofía estrutúrase como unha prolongación da do Museo do Prado, con obras creadas nos séculos XX e XXI. En realidade, ese linde non sempre se respectou e xa no mesmo Real Decreto se estableceu unha excepción para 31 artistas nacidos antes desa data.
En 2008, os fondos do museo ascendían a cerca de 16.200 obras, entre as que se contan uns 4.000 cadros, máis de 1.400 esculturas, cerca de 3.000 debuxos, máis de 2.600 fotografías, uns 80 vídeos e máis de 100 obras de artes decorativas e 30 de arquitectura. Por razóns de espazo, nesas datas tan só se podía expoñer ó público ó redor dun 2% dos fondos [5].
Cronoloxicamente, a colección comeza con obras de autores do cambio de século (XIX-XX): Ramón Casas, Anglada Camarasa, Romero de Torres, Ignacio Zuloaga, Isidro Nonell, Joaquín Mir, María Blanchard, Julio González, José Gutiérrez Solana e Juan Gris [2][Ligazón morta].
As coleccións de Pablo Picasso e Salvador Dalí son especialmente significativas, incluíndo o Guernica e tódolos debuxos preparatorios e os proscriptos. Outras obras destacables de Picaso no Museo son Muller en azul (1901) ou tres grandes lenzos sobre o tema O pintor e a modelo (1963), así como diversas esculturas, como Muller no xardín, O home do año e A dama oferente (1933) [3].
Das obras de Dalí [6] destacan Retrato de Luis Buñuel, Figura nunha ventá (1925) [4] e O gran masturbador (1929) [5].
Finalmente, de Miró expóñense A casa da palmeira (1918) [6], Muller e can diante da lúa (1936) [7] e O sorriso de ás flameantes (1953).
Os principais artistas correspondentes a mediados do século XX representados no museo son Pablo Gargallo, Pancho Cossío, Francisco Bores, Benjamín Palencia, Maruja Mallo, Alberto Sánchez, Óscar Domínguez, José de Togores, Ángeles Santos Torroella, Joaquín Sunyer ou Joan Ponç.
Entre os artistas abstractos de mediados do XX están Jorge Oteiza e Eduardo Chillida, así como Pablo Palazuelo, Pablo Serrano, Antoni Tàpies, Manuel Millares, Lucio Muñoz, Luis Feito, Rafael Canogar, José Guerrero, Esteban Vicente, Eusebio Sempere, Equipo 57 ou Gustavo Torner.
Posteriores ós citados, outros artistas presentes no museo son o Equipo Crónica, Luis Gordillo, Eduardo Arroyo, Guillermo Pérez Villalta ou Ouka Leele, así como o pintor e escultor hiperrealista Antonio López.
Evidentemente, ademais dos autores españois relacionados anteriormente, o museo tamén posúe numerosas obras de artistas do resto do mundo, como George Grosz, Kandinsky, Georges Braque, Fernand Léger, Jacques Lipchitz, Robert Delaunay, Alexander Calder, Francis Picabia, René Magritte, Yves Tanguy, Man Ray, Jean Arp, Paul Klee, Jean Tinguely, Max Ernst, Roberto Matta, Henry Moore, Mark Rothko, Roy Lichtenstein, Cy Twombly, Jean Dubuffet, Christo etc.
-
Isidre Nonell: Cabeza de xitana (1906)
-
Juan Muñoz
-
Miró: Paxaro lunar (1966)
-
Roy Lichtenstein: Brushstroke (1996)
A biblioteca do Museo é de acceso libre e especializada en arte, cuns fondos superiores a 100.000 libros, 3.500 gravacións sonoras e cerca de 1.000 vídeos.
Autores galegos no Raíña Sofía
editarGalegos con obra no Raíña Sofía son Xoán Anleo, José Frau Ruiz, Antón Patiño Pérez, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Xurxo Lobato, Maruja Mallo, Manuel Mampaso, Carme Nogueira, Amando de Ossorio, Reimundo Patiño, Rubén Ramos Balsa, Arturo Souto Feijoo e Manuel Vilariño.
Notas
editar- ↑ "El Museo Reina Sofía mantiene su cifra de visitantes en 2018". Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. 2 de xaneiro de 2019.
- ↑ Real Decreto 535/1988.
- ↑ Real Decreto 3531/1977.
- ↑ Real Decreto 410/1995.
- ↑ "El Reina Sofía se hace con nuevas piezas de Tàpies, Rosso, Grosz y Fahlstrüm", en El Cultural.es, 22.07.2008 [1] Arquivado 26 de xullo de 2012 en Wayback Machine..
- ↑ Procedentes da herdanza do pintor, repartida entre o Museo Dalí, de Figueres, e o Raíña Sofía.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Museo Raíña Sofía |
- Páxina web do Museo Raíña Sofía (en castelán)
- Museo Raíña Sofía en flickr
- Visita virtual do Museo no Google Art Project
- Real Decreto 535/1988, de 27 de maio, polo que o «Centro de Arte Reina Sofía» se configura como Museo Nacional (BOE nº 132, de 2.06.1988) [8].
- Real Decreto 410/1995, de 17 de marzo, sobre reordenacion das coleccións estables do Museo Nacional do Prado e do Museo Nacional «Centro de Arte Reina Sofia» (BOE nº 87, de 12.04.1995) [9].
- Real Decreto 318/1996, de 23 de febreiro, polo que se aproba o Estatuto do Organismo Autónomo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia (BOE nº 64, de 14.03.1996) [10].