Guía das aves de Galicia

obra literaria de Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López

A Guía das aves de Galicia é unha guía de campo de identificación de aves de Galicia, obra dos ornitólogos Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López, con ilustracións de Calros Silvar. Foi publicada por primeira vez en 1980 por Editorial Galaxia,[1] e reeditada en 1991 e 2004 por Baía Edicións.[2][3][4]

Guía das aves de Galicia
A capa do libro da edición do 2004 leva unha ilustración dun xílgaro. A ilustración superior, de Eliza Turck, corresponde ó libro Familiar Wild Birds de Walter Swaysland, publicado en 1883.
Autor/aXosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López
Ilustrador/aCalros Silvar
OrixeGalicia
Linguagalego
ColecciónGuía da natureza Baía Verde
Xénero(s)guía de identificación
EditorialEditorial Galaxia, Vigo
Baía Edicións, A Coruña
Data de pub.1980, Editorial Galaxia

1991, Baía Edicións

2004, Baía Edicións
ISBNISBN 84-7154-379-6 1980

ISBN 84-87674-06-2 1991

ISBN 84-96128-69-5 2004
editar datos en Wikidata ]

Esta guía, na súa edición de 1980, está recomendada pola Sociedade Galega de Historia Natural.[5] A edición de 2004 está recomendada pola Xunta de Galicia para a observación de aves, xunto co libro Collins Bird Guide de aves de España, Europa e da rexión mediterránea.[6]

A primeira edición contén 90 fichas de especies silvestres diferentes que poden atoparse en Galicia con 146 ilustracións, unhas en branco e negro e outras a cor, a edición de 1990 contén 360 fichas e máis de 1 500 ilustracións a cor, e a edición de 2004 contén información de 434 aves, incluíndo máis de 2 000 ilustracións, e a maiores, achégase un CD-ROM con fichas adicionais doutras especies menos representativas e o canto de 110 aves.[2]

Contidos

editar

Este libro é unha guía de campo que describe todas as aves silvestres de Galicia, indicando os seus hábitos e distribución en Galicia. Na edición de 2004 a guía contén fichas identificativas de 434 especies, con 73 que non foran identificadas na edición anterior.[2][a]

As fichas da obra están agrupadas por ordes, de xeito que todas as especies dunha orde trátanse de forma consecutiva. A maiores, as fichas levan un código de cores, tanto no número de ficha como no lateral da páxina, por medio do cal se agrupan as aves polos seus hábitos ecolóxicos, grandes grupos taxonómicos ou outras características; por exemplo, o azul claro corresponde ás aves limícolas, o azul escuro ás aves mariñas, o violeta ás aves de zonas húmidas, o laranxa ás anátidas, o vermello ás rapaces diúrnas e ás rapaces nocturnas, o amarelo ás aves cinexéticas de terra, o verde ós paxaros e semellantes, e o marrón ás especies introducidas establecidas. Contén tamén unha lámina cunha topografía completa da anatomía das aves.[2]

Cada ficha de especie ten un número e os seus datos, que inclúen, o seu nome común en galego, o nome común en castelán, o nome común en inglés, o seu nome científico, a súa descrición, a súa distribución e estado de conservación, tanto a nivel global como a nivel galego, o seu hábitat, un apartado de observacións, e varias ilustracións para poder identificar de forma correcta cada ave. Cada ficha ten un mapa coa súa distribución en Galicia, indicando se está en paso, se é nativa ou está presente todo o ano, os lugares de cría local, se é invernante, se é estival, se é accidental ou se foi citada antes de 1990. En total hai 406 fichas, comezando coa mobella pequena e rematando co bico de lacre ondulado.[2][b]

As familias tratadas no libro son (seguindo a súa mesma orde):[2]

O libro está ilustrado completamente por Calros Silvar e inclúe máis de 2 000 debuxos a cor e con moito detalle, cada ficha ten varias ilustracións da ave, pousada e en voo, e nalgúns casos contén tamén ilustracións dos dimorfismos sexuais, dos exemplares inmaturos, de esquemas de voos característicos, das plumas, da plumaxe de inverno e verán e de detalles da cabeza ou doutras partes do corpo. A maiores poden atoparse varias ilustracións a dobre páxina de tódalas especies dalgúns dos tipos de aves tratadas, como por exemplo as aves de rapina ou os limícolas, que os amosan en voo, para axudar a diferencialos.[2][7]

O CD-ROM que se inclúe co libro contén as especies de aves introducidas e aínda non establecidas en Galicia, da ficha 407 do tántalo africano á 434 do xirín de Mozambique, as especies da edición de 1990 e retiradas na edición de 2004 por non ter documentados avistamentos recentes, da ficha 435 da pardela de Bulwer á ficha 448 do bicotorto papagaio, os cantos de 110 aves que se poden atopar no libro, as notas de todas as especies tratadas, tanto no libro en papel coma no CD-ROM, con datos precisos de datas de chegada e marcha das especies invernantes ou estivais, densidades, cría ou situación das colonias, etc. e coas súas referencias, e toda a amplísima bibliografía utilizada e na que os autores se basearon para a creación do libro.[2]

Fontes

editar

Teño andado moito á caza,
nunca vin unha carriza;
non sei se era polos cans
ou pola miña preguiza.

—Popular[8]

A primeira edición do libro, de 1980, basea a nomenclatura en galego na Lista patrón que foi proposta polos propios autores na revista Braña, revista da SGHN, (1977 e 1978), e outros traballos parciais publicados na revista Verba. Anuario galego de filoloxía (1975, 1976, 1977 e 1980), e que foi creada en base a datos recollidos nunhas 300 localidades de Galicia e que foi completada con moita bibliografía.[9]

Na edición de 1991, os datos apóianse nas observacións dos propios autores, compañeiros e amigos, e tamén en fontes de consulta importantes como o Atlas de vertebrados de Galicia (1991), os censos de aves invernantes de Galicia da Sociedade Galega de Historia Natural (de 1973 a 1991), a relación de aves aneladas ou recuperadas en Galicia, o Atlas Provisional de Vertebrados de Galicia (1983), e o Catálogo Provisional de Aves Nidificantes Ameazadas en Galicia (1991). Os datos están actualizados ata 1991. A maiores, revisáronse documentos inéditos e obras dos séculos XIX e comezos do XX de Víctor López Seoane, Baraja e Ríos Naceyro, entre outros, para ter unha visión que permitise comparar a situación nese momento coa doutras datas pasadas nas que a terra non tiña tanta presión da actividade humana. A nomenclatura dos nomes en galego segue a Lista patrón publicada polos propios autores, engadindo lixeiras modificacións.[10][11][12]

A edición de 2004 do libro ten unha bibliografía amplísima que non puido ser incluída no texto pola súa extensión, por esta razón atópase no CD-ROM. Entre a bibliografía máis importante á hora da realización do libro, os autores indican as Actas dos Congresos Galegos de Ornitoloxía e os Anuarios das Aves de Galicia da Sociedade Galega de Ornitoloxía e o seu sitio web. Tamén revisaron os censos de aves invernantes publicados pola Sociedade Galega de Historia Natural, e os da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Os datos tamén están baseados nas observacións dos propios autores e nas doutros compañeiros ornitólogos.[2] Os nomes comúns en galego seguen a nomenclatura utilizada na primeira edición da obra, e seguen a basearse nos estudos dos propios autores e que foron presentados en diferentes publicacións,[10][11] engadindo algunhas modificacións debidas principalmente a cambios taxonómicos que houbo neses anos e tamén a cambios nas especies presentes en Galicia. Para a nomenclatura dos nomes en castelán usouse a obra de del Hoyo et al., Handbook of the Birds of the World (1992-1996), que é a asumida pola Sociedad Española de Ornitología (SEO).[2]

Para a orde sistemática seguiuse a proposta de K. H. Voous publicada en 1977, List of Recent Holarctic Bird Species.[2]

Edicións

editar
 
Na edición de 1980, na capa do libro hai tres ilustracións de aves diferentes, un picanzo vermello, un picanzo rebordá e unha lavandeira verdeal. A ilustración superior é unha lavandeira verdeal do libro A chapter on birds: rare British birds de John Gerrard Keulemans e Richard Bowdler Sharpe, publicado en 1895.

En 1980 foi publicado pola Editorial Galaxia cun prólogo de Ramón Piñeiro. Esta primeira edición contén 90 fichas de especie, coas características principais doutras 90 que teñen semellanzas con esas, con 146 ilustracións, e na súa capa aparecen os debuxos de tres aves, un picanzo vermello, un picanzo rebordá e unha lavandeira verdeal. Menciónanse outras 70 especies máis, facendo referencia a un total de 250 especies que poden verse en Galicia. As fichas principais comezan coa do carrizo e rematan coa da aguia real. Esta edición está dividida en tres partes, na primeira explica como é a avifauna de Galicia, como identificar unha ave, a topografía das aves, cando, como e onde ver aves, e unha explicación dos diferentes hábitats. A segunda parte componse das fichas das aves, que teñen todas unha ilustración, unhas a cor e outras en branco e negro, a maioría teñen un mapa coa distribución, algunhas teñen debuxos doutras especies semellantes, e moitas delas conteñen ó comezo algunha referencia dalgún refrán, canción ou escritor galego. As fichas están ordenadas cun criterio didáctico baseándose en semellanzas morfolóxicas primeiro, e tamén nos hábitats e costumes alimenticios. A terceira parte fala do que son as aves, a súa evolución, nomenclatura, protección legal, etc. e inclúe unha lista de asociacións galegas de estudo e defensa do medio.[3][13][9]

Ai estorniño do avelanedo,
cantades vós e moiro eu e peno,
¡de amores hei mal!

Posteriormente foi publicado no ano 1991 pola editorial Baía Edicións, sendo o primeiro libro da súa colección Guía da natureza Baía Verde. Esta edición está prologada por Felipe Bárcena y Varela de Limia, contén 360 especies, comezando pola mobella pequena e rematando co trigueiro, e máis de 1 500 ilustracións a cor. Na súa capa non se amosan ilustracións de aves concretas, tan só unhas siluetas en ringleira e o curso dos voos doutras.[12]

Volveu a reeditarse en 2004, desta vez prologado por Xesús Domínguez Conde. Nesta ocasión a portada ten unha ilustración dun xílgaro. A maiores, na publicación de 2004 incluíuse un CD-ROM con información adicional e os cantos de 110 dos paxaros descritos na guía.[2][15]

Na introdución da edición de 2004 faise mención ó accidente do Prestige, que sucedera pouco tempo antes de rematar esa edición, e ó impacto negativo que tivo para toda a fauna costeira e moi especialmente para as aves, indicando que a 31 de agosto de 2003, a marea negra afectara a 90 especies das que se levaban recollidos 12 223 paxaros en Galicia, 9 757 mortos e 2 466 vivos. Nesta introdución os autores apuntan que esta catástrofe ecolóxica podería levar á desaparición de especies aniñantes en Galicia como o arao dos cons e a gaivota tridáctila. No prólogo de Xesús Domínguez tamén se fai mención a este accidente como grave desastre ambiental.[2]

Houbo diferentes cambios taxonómicos importantes nalgunhas especies por iniciativas da Association of European Rarities Committees (AERC) e da British Ornithologists' Union Records Commitee (BOURC), coa adhesión de CR/SEO, que se produciron entre a edición de 1991 e a de 2004, estes cambios foron aplicados a esa última edición.[2]

  1. Os contidos son os asociados á edición publicada en 2004.
  2. As fichas 407 á 434 atópanse no CD-ROM e correspóndense coas especies introducidas e non establecidas no país. Hai, a maiores, as fichas da 435 á 448, de especies da anterior edición que foron retiradas na edición do 2004 ó non atoparse referencias de avistamentos recentes das mesmas.
Referencias
  1. Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Carlos Rodríguez Silvar (1980): Guía das aves de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-379-6. (Inclúe a indicación da pronuncia dos nomes latinos das especies, debida a Antón Santamarina).
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. 
  3. 3,0 3,1 "Ficha do libro na Rede de Bibliotecas de Galicia". Xunta de Galicia. Consultado o 19 de febreiro de 2019. 
  4. B.R. Sotelino (2 de marzo de 2005). "«Guía das aves de Galicia» El libro elaborado por los naturalistas Xosé Manuel Penas y Carlos Pedreira e ilustrado por Carlos Silvar, documenta 448 especies e incluye los cantos de algunos ejemplares". Vigo: La Voz de Galicia. Consultado o 19 de febreiro de 2019. 
  5. Imaxe da portada e contraportada da edición de 1980. Na contraportada o texto indica: "Obra recomendada pola SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL, e apoiada polo ALBE-GALICIA"
  6. "Consellos en Galicia Birding". Xunta de Galicia. Consultado o 19 de febreiro de 2019. 
  7. "Descrición do produto na ficha do libro na editorial Baía". Baía Edicións. Consultado o 19 de febreiro de 2019. 
  8. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do carrizo. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 31. ISBN 84-7154-379-6. 
  9. 9,0 9,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 242. ISBN 84-7154-379-6. 
  10. 10,0 10,1 Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López (1977). "Lista patrón das aves de Galicia. I" (PDF). Braña. Boletín científico da Soc. Galega Hist. Nat. pp. 131–142. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de febreiro de 2019. Consultado o 22 de febreiro de 2019. 
  11. 11,0 11,1 Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López (1978). "Lista patrón das aves de Galicia. II" (PDF). Braña. Boletín científico da Soc. Galega Hist. Nat. pp. 25–36. 
  12. 12,0 12,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1991). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar. Baía Edicións. ISBN 84-87674-06-2. 
  13. "Ficha do libro en iberlibro.com". iberlibro.com. Consultado o 19 de febreiro de 2019. 
  14. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do estorniño negro. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 109. ISBN 84-7154-379-6. 
  15. "Ficha da edición de 1991 en todocoleccion.net". todocoleccion.net. Consultado o 19 de febreiro de 2019. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar