Carádridos
Carádridos | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Charadrius nivosus | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Xéneros | |||||||||||
Os carádridos[1] (Charadriidae) son unha familia de aves da orde Charadriiformes que comprende de 64 a 66 especies, das cales en Galicia viven seis especies do xénero Charadrius (píllaras), catro do xénero Pluvialis (píldoras) e unha do xénero Vanellus (avefrías).
Taxonomía
editarA familia Charadriidae foi introducida polo zoólogo inglés William Elford Leach nunha guía dos contidos do Museo Británico publicada en 1820.[2][3] A familia divídese en dúas subfamilias: os caradrinos (Charadrinae), que inclúen as píllaras e píldoras, e os vanelinos (Vanellinae), que inclúen as avefrías.
Descrición
editarSon aves pequenas ou de medio tamaño con corpos compactos, curtos, pescozos grosos e ás longas e xeralmente bicudas, pero a maioría das especies de vanelinos adoitan ter ás arredondadas. Os seus peteiros son xeralmente rectos (excepto no caso do Anarhynchus frontalis de Nova Zelandia) e curtos, as dedas curtas, e a deda traseira pode estar reducida ou ausente, dependendo das especies. A maioría dos Charadriidae teñen tamén colas relativamente curtas, pero o Charadrius vociferus é unha excepción. Na maior parte dos xéneros, os sexos son similares, e só hai un pequeno dimorfismo sexual. En tamaño van desde o Charadrius collaris, de 26 g e 14 cm, ao Vanellus miles, de 368 g e 35 cm.
Distribución e hábitat
editarViven nois campos abertos de todo o mundo, principalmente en hábitats próximos á auga, aínda que hai algunhas excepcións: o Peltohyas australis, por exemplo, prefire terreos pedregosos dos desertos de Australia central e occidental.[4]
Comportamento e ecoloxía
editarCazan utilizando a vista en lugar de sentir a presenza das presas cos peteiros como fan os limícolas de peteiros longos como os escolopácidos. Os alimentos que comen son invertebrados acuáticos e terrestres como insectos, vermes, moluscos e crustáceos dependendo do hábitat, e captúranos normalmente usando unha técnica de correr e parar, en vez de permanecer quedos sondando como fan outros grupos limícolas. Tamén comen materia vexetal.
Reprodución
editarA gran maioría dos carádridos son monógamos. Algúns, como Vanellus vanellus (avefría), son políxinos, outros, como o Charadrius moontanus ten un sistema de múltiples postas rápidas que pode ir acompañado de poliandria secuencial. En Charadrius morinellus, as femias compiten polos machos e os machos proporcionan todos os coidados parentais ás crías.[5] Cando están reproducíndose, defenden os seus territorios con exhibicións aéreas visibles.[4]
Poñen de dous a catro ovos no niño, que adoita ser unha escavación pouco profunda en campo aberto, e incuban a posta durante de 21 a 30 días.[5] En especies nas que ambos os proxenitores incuban os ovos, as femias e os machos varían na maneira en que comparten as tarefas de incubación, tanto dentro dunha especie coma entre especies. Nalgunhas parellas, os proxenitores intercámbianse no niño pola mañá e ao serán para facer unha incubación ininterrompida durante as 24 horas, noutras as femias e machos intercámbianse facendo quendas unhas 20 veces ao día.[6]
Son aves que protexen moito os seus ovos e crías. Os proxenitores protexen os pitos emitindo unha chamada de alarma, realizando unha exhibición de distración e mesmo poden atacar o predador ou intruso. Os pitos son precoces e non son alimentados polos pais.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carádridos.
- ↑ Leach, William Elford (1820). "Eleventh Room". Synopsis of the Contents of the British Museum (17th ed.). London: British Museum. pp. 65–70. OCLC 6213801. Aínda que no documento non se especifica o nome do autor, Leach era daquela o Coidador de Zooloxía.
- ↑ Bock, Walter J. (1994). History and Nomenclature of Avian Family-Group Names. Bulletin of the American Museum of Natural History. Number 222. New York: American Museum of Natural History. p. 137.
- ↑ 4,0 4,1 Harrison, Colin J.O. (1991). Forshaw, Joseph, ed. Encyclopaedia of Animals: Birds. London: Merehurst Press. p. 105. ISBN 1-85391-186-0.
- ↑ 5,0 5,1 Piersma, Theunis (1996). "Family Charadriidae (Plovers)". En del Hoyo, Joseph; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 3, Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 400–401. ISBN 84-87334-20-2.
- ↑ Bulla, Martin; Valcu, Mihai; Dokter, Adriaan M.; Dondua, Alexei G.; Kosztolányi, András; Rutten, Anne L.; Helm, Barbara; Sandercock, Brett K.; Casler, Bruce. "Unexpected diversity in socially synchronized rhythms of shorebirds". Nature 540 (7631): 109–113. doi:10.1038/nature20563.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Carádridos |
- Vídeos de CharadriidaeArquivado 16 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en the Internet Bird Collection
- Vídeos de Charadriidae incubando en Incubating shorebirds
- Sons de Charadriidae en xeno-canto.org