Fasciola hepatica

(Redirección desde «Fasciola hepática»)

Fasciola hepatica

Fasciola hepatica - verme adulto


Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Platyhelminthes
Clase: Trematoda
Subclase: Digenea
Orde: Echinostomida
Familia: Fasciolidae
Xénero: Fasciola
Especie: F. hepatica
Nome binomial
'Fasciola hepatica'
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia

Distoma hepaticum Linnaeus, 1758
Distomum hepaticum Retzius, 1786
Planaria latiuscula Goeze, 1782

A Fasciola hepatica é unha especie de verme platihelminto trematodo da subclase Digenea, caracterizado pola súa forma lanceolada, con dúas ventosas, unha bucal e outra ventral, e un ciclo biolóxico con dúas xeracións (dixeneo) en dous hóspedes, un deles un molusco gasterópodo anfibio e o outro un mamífero. Parasita os canais biliares e a vesícula biliar de herbívoros e omnívoros, incluíndo o home. É o axente causal dunha das parasitoses máis difundidas do gando, a chamada fasciolíase (ou fasciolose) e popularmente faixa[1], que se considera unha das enfermidades parasitarias máis importantes que afecta aos ruminantes domésticos, estendida por todo o mundo e con importantes repercusións económicas.

A presentación de dita doenza varía notablemente segundo as rexións xeográficas, dependendo de factores como o desenvolvemento agrícola, carencias nutricionais, micro e macro clima do medio, volume e altura dos pastos, estado inmunitario e nutritivo do hóspede definitivo e intermediario, número de ovos e larvas infestantes no ambiente etc.

Ovo de F. hepatica. Os seus produtos de secreción teñen actividade proteolítica.

Historia editar

Fasciola hepatica foi o primeiro trematodo descrito para a ciencia. O pastor francés Jean De Brie presentou a Carlos V de Francia en 1379 o tratado ... l'art de bergerie... que, resumido e retitulado como Le bon berger... par le rustique Jehan de brie,... nas primeiras impresións do século XVI,[2] conta que viu o parasito no fígado dun ovino e relacionou a súa presenza co consumo dunha herba chamada dauve, de onde derivou o nome francés deste verme, douve (en portugués dúvia).

Posteriormente, Gesner demostrou en 1551 que a fasciola do fígado se atopaba nos sitios onde o gando comía herba nas proximidades da auga e, en 1883, Leuckart, en Alemaña, e Thomas, en Inglaterra, que investigaban por separado, describiron o ciclo de vida completo.

Distribución xeográfica editar

De orixe eurasiático, estendeuse cos europeos a toda América, e a Australia, Tasmania, Nova Zelandia e Suráfrica. A extensión desde Eurasia de Fasciola hepatica é recente. A grande uniformidade xenética das fasciolas atopadas en puntos xeograficamente afastados, como Valdivia en Chile o León en España, demostra a orixe común e recente da colonización do parasito e hóspedes por toda América. Outro tanto pode ocorrer entre mostras xenéticas tomadas en Reino Unido e Australia.

Malia a demostrada difusión de Fasciola hepatica desde Europa por mor do colonialismo dos séculos XV ao XIX, sábese pouco da situación clonal desta especie. Hai indicios evidentes de comportamento diferenciado entre illados dentro de Europa, e as características reprodutivas (hermafroditismo, posible autofecundación e ampliación reprodutiva embrionaria) que favorecen a formación de clons. Por outra parte, e en sentido contrario, existen híbridos demostrados experimentalmente nas áreas onde Fasciola hepatica e Fasciola gigantica se solapan, como ocorre en Corea.

Morfoloxía editar

Estado adulto editar

 
Imaxe dun adulto.

A fasciola hepática é un verme plano non segmentado con forma de folla, máis estreito posteriormente, carnoso, que mide de 2 a 3,5 cm de longo por 1 a 1,5 cm de largo. É de cor branquecho e posúe tonalidades que van desde o cincento ata o pardo. A porción anterior ou cefálica presenta unha ventosa bucal que mide 1 mm aproximadamente situada ao final dunha proxección cónica, e outra de maior tamaño (acetábulo) na zona ventral, de aproximadamente 1,6 mm.

O tegumento dálle protección. A superficie do tegumento é moi pregada e invaxinada, o que aumenta a superficie para a absorción e intercambio co hóspede, e presenta numerosas espiñas.

O aparato dixestivo de Fasciola hepatica é incompleto, formado por unha cavidade bucal pequena que continúa cunha farinxe, e esófago que se bifurca formando dúas ramas laterais, as cales se dirixen cara á porción posterior do corpo do verme, para terminar en cegos intestinais moi dendríticos.

É hermafrodita. O útero é curto. Os diversos compoñentes do ovo xúntanse no segmento proximal do útero; as células vitelinas son abondosas, en forma de acios de uvas e distribuídas por todas as porcións laterais; delas despréndense gránulos vitelóxenos que conteñen proliferol e proteínas. O ovario está situado á dereita da liña media, nunha posición anterior con respecto aos dous testículos, un detrás do outro, moi ramificados e situados nos dous terzos anteriores do corpo.

Ovos editar

Deposita os ovos nos condutos biliares. Miden de 130 a 150 microns x 60 a 90 microns; teñen opérculo, son de cor amarelado, e a cuberta está formada por esclerotina (proliferol e proteínas). Ao seren expulsados coas feces aínda non son maduros (sen embrionar). A maduración efectúase na auga aos 9 a 15 días a temperatura de 22 a 25 °C.

Miracidio editar

É unha larva ciliada que eclosiona trala maduración dos ovos. Por acción encimática desprenden o opérculo do ovo e saen a nadar libremente con movementos activos que se favorecen pola luz do sol; así encontran ao hóspede intermediario, un caracol pulmonado de auga doce do xénero Fossaria ou Pseudosuccinea, ou outro da familia Lymnaeidae, como Lymnaea, aos que deben encontrar nunhas 8 horas e invadilos polo pé, perforando as células epiteliais e subepiteliais do caracol.

Esporoquistes e redias editar

As larvas miracidio transfórmanse en esporoquistes ou esporocistos dentro do caracol. Estes orixinan a primeira xeración de redias (ocorre nunhas 3 semanas). Pasada unha semana máis fórmase a segunda xeración de redias e posteriormente aparecen as cercarias.

Cercaria editar

As cercarias son larvas libres que nadan activamente na auga, onde maduran despois de abandonaren o caracol en grandes cantidades (1 miracidio produce unhas 500 a 650 cercarias). Nadan coa súa cola, durante 8 a 12 horas; adhírense a plantas acuáticas, logo perden a cola, fanse redondas e enquístanse formando a metacercaria.

Metacercaria editar

A metacercaria é a forma infectante para o home e para os demais animais que serven de hóspede definitivo. Xeralmente están enquistadas na vexetación acuática semimergullada que normalmente comen os animais, e ás veces o home. Tamén se adquire a infección tomando augas contaminadas. Ao chegaren ao duodeno desenquístanse liberando un parasito xuvenil que perfora a parede intestinal e nunhas 3 horas, alóxase na cavidade peritoneal onde pasa de 3 a 16 días; posteriormente avanza polo peritoneo, chega á cápsula de Glisson, perfóraa, penetra no parénquima hepático, do cal se alimentan os parasitos xuvenís durante a súa migración cara aos condutos biliares, onde se desenvolve ata o estado adulto, o que ocorre nuns dous meses; despois empezará a producir ovos que saen ao exterior coa bile e materias fecais, completando así o ciclo biolóxico.

Hóspedes definitivos editar

 
Fasciola en fígado de vacún.

Fasciola hepatica afecta principalmente a bovinos, ovinos e caprinos, mais tamén pode afectar a outros mamíferos herbívoros e omnívoros, entre os que se encontran os equinos, porcinos, lagomorfos, os roedores e o home, no cal é unha das 20 enfermidades parasitarias principais, polo que non se pode considerar como un problema propio só do gando.

Este parasito encóntrase na súa forma larvaria no peritoneo parietal dereito e no parénquima hepático. Unha vez que acada a súa madurez localízase nos condutos biliares. Ten a posibilidade de encontrarse noutros tecidos, como o músculo, pero alí non completa o seu ciclo biolóxico.

Hóspedes intermediarios editar

A distribución da doenza depende da presenza de caracois pulmonados acuáticos pertencentes principalmente ao xénero Lymnaea. En xeral, estes caracois prefiren como zonas de cría os terreos baixos, zonas inundadas, con auga encorada ou con pouca corrente, clara e rica en oxíxeno, con pH entre 5 e 9. Prefiren substratos lamacentos ou de arxila fina, pero estes tamén poden ser areentos se os caracois dispoñen dos alimentos precisos (pole, plantas en putrefacción e cianobacterias).

Biótopos do hóspede intermediario editar

Os biótopos poden dividirse en temporais ou permanentes, influídos polas condicións climáticas da rexión como son épocas de chuvia e seca, altas temperaturas, que inciden directamente sobre a evaporación etc. Desde o punto de vista epidemiolóxico os biótopos temporais son máis perigosos que os permanentes debido a que nestes últimos existe certo equilibrio entre a fauna autóctona do lugar e a intensidade de reprodución dos caracois, a cal está limitada pola depredación e competencia dos outros organismos residentes do lugar, pero nos biótopos temporais os caracois encontran abundante alimento, a reprodución é moi intensa e masiva, ademais o desenvolvemento das formas larvarias de F. hepática no caracol é máis rápida. Nos meses do verán boreal obsérvanse limitacións da reprodución dos caracois produto da intensa radiación solar; debido a isto a temperatura da auga nos biótopos durante o día pode chegar ata os 45-50 °C; nos meses de outubro, novembro e decembro as chuvias son máis continuadas e as temperaturas máis favorables para o seu desenvolvemento.

Patoxenia editar

A enfermidade producida pola fasciola denomínase fasciolíase ou fasciolose ou distomatose hepática, e ten as denominacións populares galegas de faixa, afaixada, papeira, papo, sollo e mal do herbo, entre outras.[1]

Na fasciolíase distínguense dous períodos:

Inicial ou de invasión: Comprende desde o momento da inxestión das metacercarias, ata o establecemento dos parasitos xuvenís nos condutos biliares. Producen inflamación do peritoneo con exsudado serohemático, a cápsula de Glisson presenta engrosamento e infiltrado leucocitario debido principalmente a eosinófilos, o fígado aumenta de tamaño, con presenza de microabscesos e necrose. Preséntase febre alta irregular. Dor no hipocondrio dereito de intensidade variable. Hepatomegalia dolorosa debido á inflamación do parénquima hepático; urticaria. En sangue preséntase leucocitose con eosinofilia; hai hipergammaglobulinemia.

Segundo período ou de estado: abrangue desde que as fasciolas xuvenís acadan a madurez sexual e permanecen na luz dos condutos biliares ata a súa morte. Os condutos biliares dilátanse e esclerosan, con reacción inflamatoria crónica na periferia dos condutos. Cando o número de parasitos é grande hai atrofia do parénquima hepático por compresión e cirrose periportal. A localización principal dos adultos de Fasciola hepatica son os condutos biliares, aínda que se poden desprazar cara a outros sitios como o conduto cístico, colédoco, vesícula biliar, ampola de Vater. En raras ocasións os parasitos xuvenís non seguen o camiño habitual e diríxense cara a outros sitios do organismo producindo a fasciolíase errática. Os lugares que invaden con frecuencia erraticamente son os pulmóns, peritoneo, pel, fígado e sitios achegados ao fígado.

Os parasitos adultos que están no seu hábitat definitivo, producen sintomatoloxía de tipo dixestivo. Dispepsia de tipo biliar con anorexia, flatulencia, náuseas, vómito, sensación de plenitude abdominal, estrinximento con períodos de diarrea, cólicos biliares. Adoita presentarse ictericia transitoria, hepatomegalia e febre.

Ciclo biolóxico editar

 
Ciclo vital de Fasciola hepatica

1.- Os ovos abandonan o hóspede definitivo coas feces. 2.- Dos ovos eclosionan larvas ciliadas miracidios. 3.- As larvas miracidio penetran no hóspede intermediario, un caracol de auga doce. 4.- No interior do caracol, as larvas miracidio transfórmanse en esporocistos (4a) que se desenvolven en redias (4b) e estas en cercarias (4c). 5.- As cercarias abandonan o caracol e, tras un período de vida libre na auga, enquístanse sobre plantas acuáticas, transformándose en metacercarias. 6.- As metacercarias son inxeridas polo gando ou polos humanos, os hóspedes definitivos, e desenquístanse no duodeno (7). 8.- Do duodeno pasan aos condutos biliares, onde orixinan os adultos que producirán ovos que abandonarán o hóspede e pechan así o ciclo.
 
Fasciola hepatica mostrando os seus órganos internos.

O ciclo biolóxico deste parasito presenta catro fases:

  • Fase de embriogonia: Iníciase desde que sae o ovo ao medio, madura e se desenvolve, ata formarse o miracidio.
  • Fase de partenoxenia: É todo o desenvolvemento que o parasito realiza dentro do caracol ata que sae a cercaria.
  • Fase de cistogonia: Comeza desde que sae a cercaria ata que se enquista.
  • Fase de maritogonia: Desde que o quiste é inxerido polo hóspede definitivo ata que remata o seu desenvolvemento e comeza a producir ovos.

Unha fasciola adulta pode poñer unha media de 3.500 ovos ao día, mais esta cifra pode variar en función de:

a) Antigüidade da infestación: a maior idade da fasciola, menor número de ovos pon.
b) Época estacional: nos meses de marzo, abril e maio a posta é máxima, e é mínima nos meses de xaneiro e febreiro.
c) Grao de parasitación: a maior número de fasciolas albergadas no fígado menor número de ovos poñen.
d) Idade do hóspede: a eliminación de ovos decrece a medida que o hóspede envellece (fenómenos inmunitarios).

Os ovos saen ao medio xunto coas feces do hóspede definitivo. Os ovos da fasciola son relativamente grandes e presentan unha coloración dourado-amarelada característica. Os ovos de Fasciola hepatica son influenciados pola temperatura, humidade, o dióxido de carbono (CO2) e o oxíxeno (O2) e acaban por eclosionar, despois dun período de incubación que pode durar entre os 9 e 15 días (se as condicións son favorables), ata 90 ou máis días. Durante a incubación prodúcense no interior do ovo numerosas divisións celulares ata a formación dun embrión móbil, ciliado, chamado miracidio, o cal é un excelente nadador e nas 24 horas posteriores á súa saída do ovo debe encontrar o hospedador intermediario (caracol), e en caso contrario morre; se non hai auga dabondo o ciclo pode quedar interrompido. Seguidamente, o miracidio penetra dentro do hospedador intermediario, á vez que entran van perdendo os cilios ata formar unha masa arredondada chamada esporocisto. Os esporocistos teñen a propiedade de que a partir das súas membranas internas forman as chamadas redias (1–3 mm). As primeiras denomínanse redias fillas e dan lugar a outras xeracións ata chegar ás redias netas e así sucesivamente (multiplicación asexual). Dun miracidio poden orixinarse 600 cercarias, todas elas dentro do caracol. Logo, as cercarias saen do caracol, e demostrouse que a temperatura ambiente modula o tempo transcorrido entre a infestación dos caracois e a saída das cercarias; desta maneira cando a temperatura é baixa (6-8 °C) dito período é de 67-69 días e a temperaturas máis altas (20 °C) é de 48-50 días. Nun plazo de 1-2 horas as cercarias deben fixarse a algunha superficie lisa (herbas, pedras), que son consideradas por algúns autores como "hóspedes" intermediarios secundarios. A fixación fana por medio da súa ventosa ventral de maneira tal que a metade do seu corpo quede inmersa na auga. Unha vez enquistadas perden a cola e segregan unha substancia que as protexe. Tras sufriren unha serie de transformacións, nun período que oscila entre 5 horas e 2-3 días adquiren a capacidade infestante, pasando a chamarse adolescarias ou metacercarias que poden sobrevivir no medio de 6-10 meses dependendo da humidade. Cómpre un período de aproximadamente 3 meses, desde que sae o ovo polas feces do hóspede intermediario, ata a formación de metacercarias. Os quistes son inxeridos polo hóspede definitivo xunto coas herbas chegando ao aparato dixestivo e pola acción dos encimas que se encontran no zume entérico as fasciolas inmaturas quedan en liberdade, penetrando na parede intestinal, e seguindo cara ao peritoneo parietal dereito (aquí pode estar ata 7 días). Por último chega ao fígado e penetra a través da cápsula de Glisson e empeza a migrar por todo o parénquima hepático (isto pode durar ata 6 semanas). Posteriormente, afonda cara ao interior do fígado, entrando e implantándose nos condutos biliares. Dúas semanas despois o hóspede definitivo evacúa os ovos ao medio ambiente. Algúns autores consideran que os roedores e lagomorfos son importantes reservorios naturais de Fasciola hepatica no medio, polo que non deben ser ignorados no establecemento dun efectivo plan de control da fasciola.

Diagnóstico editar

É importante ter en consideración o período da enfermidade, xa que no inicial non se poderían observar os parasitos nin os seus ovos, pero a eosinofilia elevada e antecedentes de inxestión de certos vexetais semiacuáticos (agrón), pode ser unha pista de peso para sospeitar da enfermidade. Os métodos directos son os que maior frecuencia establecen o diagnóstico de fasciolíase, xa sexa pola presenza de parasitos adultos en vías biliares durante o acto cirúrxico ou pola demostración dos ovos na bile ou nas materias fecais. Para detectar os ovos na bile adoita usarse a sondaxe duodenal e observación ao microscopio. No método da cápsula de Beal, unha cápsula de xelatina, o fío absorbe líquido duodenal xunto cos ovos de F. hepatica. A porción do fío esténdese nun portaobxectos e examínase ao microscopio. Recoméndanse exames coproparasitoscópicos seriados de concentración como o Willis, Formol Tritón Éter, Ferreira, Ritchie ou Stoll, ademais de repetir as análises 10 días consecutivos. Hai reaccións inmunolóxicas no período inicial que serven de orientación no diagnóstico, como a intradermorreacción que serve para facer unha selección inicial de pacientes; a reacción de hemaglutinación e precipitación en xel. Alteración do hemograma: leucocitos con desviación á esquerda e anemia. A eosinofilia elevada un 40-80% no estado inicial faise estacionaria no período de seguinte para descender despois a estados normais. As probas funcionais hepáticas están alteradas. Elévase a bilirrubina nos casos de migración, a fosfatase alcalina tamén está elevada.

Tratamento, loita e control editar

Lévanse realizando ensaios e investigacións durante anos co obxectivo de avaliar os métodos dirixidos ao control da Fasciola hepatica. Destas experiencias obtivéronse resultados que serven de base para propoñer un control cuxa aplicación debe ser eficaz. A loita integral contra esta doenza baséase en tres aspectos fundamentais:

  • Modificación do medio.
  • Control químico dos hóspedes intermediarios.
  • Control químico do parasito.
Modificación do medio

Realízase un mapeo de cada unidade onde se indiquen os biótopos das áreas de pastoreo, clasificadas en permanentes e estacionarias. Deberán sinalarse os biótopos primarios e de continuidade nos dous casos.

Os biótopos de todos os tipos tratarán de eliminarse por medio do correcto uso das augas residuais, desembocaduras de tanques de auga, desecamento, recheo, gavias etc.

Sempre que non se poidan eliminar os biótopos permanentes, procederase a valalos e de no ser isto posible, prohibir o uso das zonas onde están situados os biótopos.

Determinarase a área de expansión máxima que ocupen as augas nos biótopos permanentes para proceder a valalos a unha distancia de dous metros por fóra dese perímetro.

Evitar a formación de biótopos estacionarios e os de continuidade en lugares de acceso do gando.

Control químico dos hóspedes intermediarios.

Os primeiros tratamentos recomendaban aplicar 5 L/ha de sulfato de cobre a concentracións de 0,5-2 %. Tamén a nicotina demostrou alta efectividade en concentracións de tan só 0,004%; e tamén as cinzas de carburo a doses de 3,1-3,5 kg/m² cun 100% de efectividade antes das 24 horas. En España tense usado con moi bos resultados a N-tritil-morfolina (Frescon), que é un concentrado emulsionable que se aplica á dose de 0,45 kg/ha pulverizando a zona que se desexe tratar. Dá lugar a unha mortalidade do 99 % dos caracois limneas e dunha gran cantidade de ovos do caracol. De todos os xeitos, a tendencia mundial é reducir ao mínimo a loita química contra os caracois debido aos serios danos que esta representa para o medio ambiente.

Control químico contra os parasitos

No gando vacún e ovino empréganse fármacos de diferentes familias antihelmínticas, entre as que se poden salientar os bencimidazoles, salicilanilidas e sulfamidas.

Os fasciolicidas utilizados ata a actualidade, agrúpanse en cinco grupos químicos principais:

Fenois haloxenados: Bitionol (Bitin, Accamer), Hexaclorofeno, Niclofolan (Bilevon) e Nitroxinil (Trodax).

Salicilanilidos: Brotianida (Dirian), Closantel (Flukiver, Seponver, Supaverm, Cosicare), Oxiclozanida (Nilzan, Zanil) e Rafoxanida (Ranizole, Flukanide).

Benzimidazoles: Albendazol (Valbazen), Triclabendazol (Fasinex), Luxabendazol (Fluxacur).

Sulfonamidas: Clorsulon (Ivomec F, Curarem e Ivomec plus)

Fenoxialquenos: Diamfenetida (Coriban).

Todos os fenois mostran grande efectividade contra as fasciolas adultas, pero xeralmente non actúan contra as formas larvarias.

O albendazol é moi eficaz (76-100 %) fronte ás fasciolas adultas a unha dose de 10–15 mg/kg, pero ten escasa eficacia sobre os estadios inmaturos do parasito.

O triclabendazol, a diferenza dos restantes fármacos deste grupo, carece de actividade nematocida, mais ten unha notable acción fasciolicida. Á dose de 10 mg/kg por vía oral ten unha grande eficacia sobre fasciolas de ata un día de idade e elimina o 90-99 % delas.

As ivermectinas non teñen acción fasciolicida.

Tendo en conta a eficacia para as fasciolas de diferentes idades os fármacos de elección para as tres formas da doenza son os seguintes:

F. aguda: diamfenetida e triclabendazol.

Forma subaguda: diamfenetida, triclabendazol, rafoxanida e nitroxinil.

F. crónica: triclabendazol, rafoxanida, nitroxinil, oxiclozanida e albendazol.

Vacinación editar

Desde os primeiros intentos de inmunización de coellos contra F. hepatica realizados na década de 1930 veñen facéndose ensaios con resultados variables e na actualidade son varios os laboratorios nos que se realizan estudos de inmunidade fronte a este parasito. Ensaiáronse vacinas obtidas de extractos desecados de fasciolas adultas, homoxeneizados dos vermes con ou sen adxuvante, antíxenos secretores, metacercarias atenuadas por irradiación de raios X, antíxenos protectores purificados obtidos por cromatografía dos extractos de vermes e antíxenos superficiais preparados a partir de macerados de fasciola mediante un anticorpo monoclonal. Os resultados, aínda que variables, foron xeralmente alentadores, e un mellor coñecemento dos mecanismos implicados na inmunidade a estes parasitos pode permitir no futuro a obtención dunha vacina eficaz.

Profilaxe editar

O cultivo de plantas acuáticas como os agróns para o consumo debe ser en augas libres de caracois. E a inxestión debe de facerse despois de cociñar o vexetal. A eliminación de caracois nos ríos pode alterar a ecoloxía dos ríos polo que é pouco recomendada.

Importancia económica da fasciolíase editar

No gando vacún as perdas en produción pasan xeralmente inadvertidas, debido a que o curso da doenza é lento, e inclúen redución no aumento de peso diario, menor conversión alimenticia, menor produción láctea. Informouse de reducións no aumento de peso do 8-28 %. Por outro lado, as perdas poden chegar a cifras importantes se consideramos os comisos de fígados afectados polo parasito.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Pedro Benavente Jareño, Xesús Ferro Ruibal. O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. 2010. Páxinas 636-637. ISBN 978-84-453-4948-9. [1] Arquivado 06 de xuño de 2013 en Wayback Machine. versión en pdf
  2. Fernández Otal, José Antonio (2000). Salvador Claramunt Rodríguez (coord.), ed. La transmisión de los saberes ganaderos en Aragón durante la Baja Edad Media (XVII Congrés d'Història de la Corona d'Aragó). Universitat de Barcelona 2 (2003 ed.). ISBN 84-475-2740-9. 

Bibliografía editar

  • Abrous, M.; Rondelaud, D. e Dreyfuss, G. 1999. Paramphistomum daubneyi and Fasciola hepatica: influence of temperature changes on the shedding of cercariae from dually infected Lymnaea truncatula. Parasitol. Res., 85(8-9). p765-9.
  • Acuna, R. 1998. Human fascioliasis: seasonal variations and female preponderance of complicated forms. J. Infect.; 37(1). p88-9.
  • Agatsuma, T. 2000. Molecular evidence of natural hybridization between Fasciola hepatica and F. gigantica. Parasitol.Int., p231-38.
  • Anderson, H.R.; Fairweather, I.; Bamford, D.R. e Montgomery, W.J. 1998. The effect of diamphenethide on protein synthesis by the liver fluke, Fasciola hepatica. International Journal for Parasitology. 23. p1053-1062.
  • Basso, N.; Calceta Resio, E.; Dughetti, R.P.; Giménez, R.A.; Peres Tort, G.B.; Rosa, A.B. e Welch, E.L. 1992. Fundamentos de Parasitología Veterinaria. Ed. Hemisferio Sur. Argentina
  • Blancas, G.; Terashima, A.; Manguiña, C.; Vera, L.; Álvarez, H.;Tello R. 2004. Fasciolosis humana y compromiso gastrointestinal: Estudio de 277 pacientes en el Hospital Nacional Cayetano Heredia 1970-2002. Revista de Gastroenterología del Perú. Abr/Jun. Lima. Perú. p2
  • Blood, D. 2002. Manual de Medicina Veterinaria. 9.ª ed. Editorial McGraw Hill. Interamericana. España.
  • Buchon, P.; Cuenca, H.; Quiton, A.; Camacho, A.M.; Mas-Coma S. 1997. Fascioliasis in cattle in the human high endemic region of the Bolivian Northern Altiplano. Research and Reviews in Parasitology. 57. p71- 73.
  • Claxton, J.R.; Sutherst, J.; Ortiz, P. e Clarkson, M.J. 1999. The effect of cyclic temperatures on the growth of Fasciola hepatica and Lymnaea viatrix.Vet. J. 157(2). p166-71.
  • Coburn, A.; Spence, R. e Pomonis, A. 1991. Vulnerabilidad y Evaluación de Riesgos. Programa de Entrenamiento para el Manejo de Desastres. PNUD/ UNDRO. 1.ª Edición. p 57-59.
  • Cordero del Campillo, M.; Rojo, F.; Martinez, A. 1999. Parasitología Veterinaria. Editorial Interamericana Mc Graw Hill. España. p96.
  • del Huerto, M.; Hernández, S.; Acuña, A. M.; Nari, A. 2005. Fasciolosis en la República Oriental del Uruguay. Revista Médica del Uruguay. www.smu.org.uy.
  • Dorchies, P.; Lahitte, J.D. e Soubeyroux, H. 1986. Activity of bitionol sulphoxide against Fasciola hepatica in sheep: effct of anthelmintic dose and parasite size. Revue de Medicine Veterinaire. 137. p59-65.
  • Dreyfuss, G.; Rondelaud, D. e Vareille Morel, C. 1999a. Oviposition of Lymnaea truncatula infected by Fasciola hepatica under experimental conditions. Parasitol. Res. 85(7): p589-593.
  • Esteban, J.G.; Flores, A.; Angles, R. e Mas-Coma, S. 1999. High endemicity of human fascioliasis between Lake Titicaca and La Paz valley, Bolivia.Trans. R. Soc. Trop. Med. Hyg. 93(2). p151-6.
  • Fairweather, I.; Holmes, S.D. e Threadguld, L.T. 1984. Fasciola hepatica: Motility response to fasciolicides in vitro. Experimental Parasitology. 57. p209-224.
  • Jan, D.H.; Young, H.J. e Jum, G.S. 1987. Study on the metacercarial productivity of Fasciola sp. Intermediate host Austropeplea ollula (Lymnaea ollula). Korean Journal Veterinary. 27. p291-299.
  • Jithendran, K.P. e Bhat, T.K. 1999. Epidemiology of parasitoses in dairy animals in the North West Humid Himalayan Region of India with particular reference to gastrointestinal nematodes. Trop. Anim. Health Prod. 31(4). p205-14.
  • Knapp, S.E.; Dunkel,A.M.; Han, K. e Zimmerman, L.A. 1992. Epizootiology of fascioliasis in Montana.Veterinary-Parasitology. 42(3-4). p241-6.
  • Mas-Coma, S., M.D. Bargues e J.G. Esteban. 1999 b. Human fasciolosis. Fasciolosis, CAB International, Wallingford. p429–441.
  • Tay Zavala, Jorge. Parasitología médica. Sexta edición, Publisher Méndez Editores, S.A. de C.V.