En bioloxía chámase hóspede[1], hospedeiro[2] ou hospedador aquel organismo que alberga outro no seu interior ou que o porta sobre si, ben sexa nunha simbiose, ou como parasito, comensal ou mutualista.

A rata negra (Rattus rattus) é un hóspede da peste bubónica polas pulgas de rata orientais, que as infestan, converténdose nun primeiro vector da enfermidade.

Tipos de hóspedes e as súas interaccións editar

Cómpre falar de hóspede sempre que haxa unha relación de dependencia dun sistema biolóxico (un ser vivo ou un virus) respecto a outro sobre o que habita, xa sexa de maneira continua, xa sexa de forma temporal. Isto pode ocorrer en interaccións próximas dos seguintes tipos:

  • Parasitismo. Os endoparasitos residen permanentemente, polo menos nalgunhas etapas do seu desenvolvemento, no interior do seu hóspede, ocupando ás veces hóspedes sucesivos en distintas fases do seu ciclo. Os endoparasitos adoitan gardar unha extrema especificidade de relación cos seus hóspedes, dependendo a miúdo dunha ou unhas poucas especies relacionadas. Os ectoparasitos, por exemplo os hematófagos, poden ou adoitan seren menos exixentes, pero non sempre; por exemplo, nas eirugas das bolboretas é común unha dependencia moi estreita respecto á planta nutricia.
  • Patoxénese. Moitos virus, bacterias, fungos e pequenos animais, producen enfermidades, o que representa unha forma extremada de parasitismo. A relación dos patóxenos adoita ser especialmente específica, porque a evolución tende a producir unha adaptación do hóspede ao patóxeno; só cando un axente encontra unha nova especie hóspede a relación adopta a forma típica.
  • Comensalismo. Os comensais adoitan seren menos selectivos cos hóspedes que escollen, tanto nos casos de forese (o transporte do organismo máis pequeno polo máis grande) ou inquilinismo como nos de dependencia alimentaria.
  • Mutualismo. Os fungos micorrizantes son diversamente dependentes respecto á súa planta hóspede. O mesmo pode dicirse das bacterias fixadoras de nitróxeno e das bacterias intestinais que axudan á dixestión.

Tipos de hóspedes no parasitismo editar

Falando de parasitos, chámase hóspede primario a aquel onde desenvolve a maior parte da súa existencia e, sobre todo, o seu crecemento. Chámase hóspede secundario ao que alberga ao parasito só nunha fase inicial do seu crecemento, case sempre en relación coa súa dispersión e para facilitar o seu ingreso no hóspede primario. Por exemplo, os nematodos do xénero Anisakis, que producen anisaquíase en humanos, fano porque os seus hóspedes primarios naturais son mamíferos mariños, de fisioloxía parecida á humana, mentres que os hóspedes secundarios son, en momentos sucesivos do seu desenvolvemento, pequenos crustáceos inicialmente, e logo peixes, cando devoran aos primeiros. A infestación de cetáceos ou de seres humanos prodúcese cando comen os peixes. Outro exemplo é o das especies de Plasmodium que infectan aos seres humanos, protistas apicomplexos que producen a malaria, caso no que el hóspede secundario é un mosquito do xénero Anopheles, que actúa como vector da enfermidade.

En función da súa utilidade para o parasito existen varios tipos de hóspedes:

  • Hóspede definitivo: designa un ser vivo que é imprescindíbel para o parasito xa que este desenvolverá principalmente a súa fase adulta no anfitrión.
  • Hospedadeiro intermediario: designa un hóspede igualmente imprescindíbel no ciclo vital do parasito, onde este desenvolve algunha ou todas as fases larvarias ou xuvenís. Ás veces confúndense co termo "vector" e se considera como hóspede intermediario ao invertebrado que participa no ciclo vital, sendo en moitas ocasións o home e os vertebrados os anfitrións intermedios, e os invertebrados os definitivos.
  • Hóspede paraténico: é como se denomina o ser vivo que serve de refuxio temporal e de vehículo para acceder ao hóspede definitivo. O parasito non evoluciona neste e, por tanto, non é imprescindíbel para completar o seu ciclo vital, aínda que xeralmente aumenta as posibilidades de supervivencia e transmisión. Tamén se denomina hóspede de transporte.

Un hóspede reservorio é o que alberga, en tanto que hóspede primario, a un axente infeccioso ou parasito que pode invadir ocasionalmente tamén o organismo humano ou o dunha especie de interese económico. Prodúcese un salto desde a orixe de zoonoses, enfermidades procedentes de animais e, ocasionalmente, de enfermidades infecciosas emerxentes, cando o axente ou parasito adquire a habilidade de pasar directamente duns seres humanos a outros. Sabemos hoxe que os reservorios dos que proceden as epidemias humanas iniciais de gripe son aves, ou que as dúas formas do VIH, que producen a sida, saltaron á especie humana desde monos africanos.

Notas editar

  1. Biol. Organismo que alberga outra especie no seu corpo e establece unha relación de simbiose, comensalismo ou parasitismo. (Definición do Dicionario da RAG [1] Arquivado 18 de novembro de 2013 en Wayback Machine.
  2. Malia non figurar no DRAG, o termo hospedeiro si aparece no dicionario Ir Indo da EGU, que na 3ª acepción di o seguinte: BIOL. Animal ou vexetal sobre o que vive un parasito, un comensal ou un epífito. SIN: hospedador.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar