Competencia (bioloxía)

Competencia é un tipo de relación interespecífica que ten lugar entre varios organismos de diferentes especies, pero do mesmo nivel trófico ou de obtención de recursos, cando exixte unha demanda activa dun recurso común que pode ser limitado.

Tamén pode establecerse a relación de competencia entre dúas poboacións cando escasean factores de tipo abiótico. Así, dúas plantas poderán competir pola cantidade de auga que hai no chan, ou ben dúas aves poderán competir polo espazo en que construirán os seus niños, é dicir, o espazo de aniñación.

A competencia foi, segundo as teorías con maior aceptación actualmente, moi relevante na evolución das especies, xa que é peza fundamental da selección natural.

Entre especies non sempre se dan relacións de competencia. No caso contrario, onde polo menos unha especie se beneficia por medrar xunto a outra, denomínase facilitación.

Tipos de competencia

editar

Competencia por interferencia

editar

É a que ten lugar cando se realiza unha actividade que limita indirectamente o acceso do outro competidor ao recurso común.

Competencia por explotación

editar

Ocorre cando varias especies teñen acceso ao mesmo tempo a un mesmo recurso. Son exemplo disto os leóns e os guepardos en África.

Principio de exclusión competitiva

editar

Observouse que cando dúas especies compiten, unha delas exclúe ou elimina a outra, co cal se ve beneficiada. Este feito, postulado polo investigador ruso G. F. Gause, coñécese co nome de principio de exclusión competitiva. Porén, algunhas poboacións non entran en competencia, a pesar de que precisan o mesmo recurso para vivir e que escasea no ambiente; neste caso ocorre que unha das especies obtén o recurso durante un intervalo de tempo concreto do día (mañá, atardecer, noite etc.), e a outra especie durante un intervalo de tempo do día distinto, reducindo así a necesidade de competencia e evitando que ningunha das dúas especies se vexa deste modo prexudicada. Deste xeito, ambas as dúas especies poden sobrevivir.