Día Internacional da Muller
O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é xornada recoñecida nalgúns países. Tradicionalmente, grupos e asociacións de mulleres militantes no feminismo ou no movemento obreiro preparan manifestacións, por veces utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións co fin de mellorar as condicións da muller, festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Comezou a ser celebrado pola ONU en 1975 para, finalmente, adoptar unha resolución, en 1977, na que establece un Día das Nacións Unidas para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.[1]
Historia
editarDe conformidade cunha declaración do Partido Socialista de América logo de crear o Woman's National Committee, chamou a reivindicar os dereitos da muller[2] o día 28 de febreiro de 1909 que se celebrou en tódolos Estados Unidos o primeiro Día Nacional da Muller, en conmemoración dunha marcha celebrada o 8 de marzo de 1908[3] na que milleiros de mulleres marcharan protestando polo traballo dos menores e pedindo melloras nas condicións laborais e o dereito ao voto baixo o lema de "Pan e rosas"[4], e que se seguiu celebrando o último domingo de febreiro ata 1913.
Na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, dentro da reunión da Internacional Socialista celebrada en Copenhaguen, a líder do movemento alemán de mulleres socialistas Clara Zetkin, propuxo a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, baseada na celebración que nos EUA se realizaba dende 1909 como Women's Day, como homenaxe ao movemento en favor dos dereitos da muller e para axudar a conseguir o sufraxio feminino universal, a proposta foi aprobada unanimemente pola conferencia de máis de 100 mulleres procedentes de 17 países, entre elas as tres primeiras mulleres elixidas para o parlamento finés.
Como consecuencia da decisión adoptada en Copenhaguen o ano anterior, o Día Internacional da Muller celebrouse por primeira vez o 19 de marzo de 1911 en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza, con mitins aos que asistiron máis de 1 millón de mulleres e homes. Ademais do dereito de voto e de ocupar cargos públicos, esixiron o dereito ao traballo, á formación profesional e á non discriminación laboral.
O 25 de marzo de 1911 tivo lugar a morte de 123 obreiras (ademais de 23 obreiros), a maioría inmigrantes italianas e xudías, dunha fábrica téxtil de Nova York, a Triangle Shirt Waist Company, debido a un incendio provocado probablemente por unha cabicha mal apagada que alguén deitou nun caldeiro cheo de restos de tea que non fora baleirado en dous meses.[5] A compañía ocupaba os últimos 3 andares (8º, 9º e 10º) do Edificio Asch, e a traxedia debeuse a que os donos da fábrica pecharan todas as saídas cara aos pisos inferiores, práctica bastante común na época para evitar o roubo de mercadorías e descansos non permitidos.[6] Este acontecemento tivo grandes repercusións na lexislación laboral dos Estados Unidos, e nas celebracións posteriores do Día Internacional da Muller fíxose referencia ás condicións laborais que conduciron ao desastre.
No marco dos movementos en prol da paz que xurdiron en vésperas da primeira guerra mundial, as mulleres rusas celebraron o seu primeiro Día Internacional da Muller o último domingo de febreiro de 1913. En 1914 celebrouse por vez primeira o 8 de marzo.[7]
Os acontecementos de 1917 en Rusia nesa data, e que foron parte dos movementos que converxeron na Revolución de Outubro, contribuíron a afianzar esta celebración. Así, como reacción ante os 2 millóns de soldados rusos mortos na guerra, as mulleres rusas escolleron de novo o último domingo de febreiro para declararse en folga en demanda de "pan e paz". Os dirixentes políticos criticaron a oportunidade da folga, pero as mulleres fixérona de tódolos xeitos. Catro días despois o tsar viuse obrigado a abdicar e o goberno provisional concedeulles ás mulleres o dereito de voto. Ese histórico domingo foi o 23 de febreiro, segundo o calendario xuliano utilizado entón en Rusia, ou o 8 de marzo, segundo o calendario gregoriano utilizado noutros países.
Co réxime bolxevique xa establecido Alexandra Kollontai convenceu a Vladimir Lenin para facer a celebración unha festa oficial na Unión Soviética, aínda que seguiu a ser laborable ata 1965, cando se declarou non laborable. Tras a súa adopción polo goberno soviético, a festa vencellouse cos partidos e gobernos socialistas e comunistas, os comunistas chineses celebrárona desde 1922, e en España celebrárona por primeira vez os comunistas en 1936.[8] Tras o triunfo dos comunistas na China en 1949 converteuse nunha festa oficial na que as mulleres traballaban só media xornada.[9]
O vencellamento ao mundo socialista comezou a desaparecer cando as Nacións Unidas convidaron os estados membros a proclamar o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller, o día da ONU para os dereitos das mulleres e da paz mundial.[10] Dende eses primeiros anos, o Día Internacional da Muller adquiriu unha nova dimensión mundial para as mulleres dos países desenvolvidos e en desenvolvemento. O crecente movemento internacional da muller, reforzado polas Nacións Unidas mediante catro conferencias mundiais sobre a muller, contribuíu a que a conmemoración sexa un punto de converxencia das actividades coordinadas en favor dos dereitos da muller e a súa participación na vida política e económica. O Día Internacional da Muller é cada vez máis unha ocasión para reflexionar sobre os avances conseguidos, esixir cambios e celebrar os actos de valor e decisión de mulleres comúns que desempeñaron unha función extraordinaria na historia dos dereitos da muller.
Tradicións e costumes
editarO día é festa oficial non laborable en Acerbaixán,[11] Afganistán,[12] Angola, Armenia,[13] Belarús,[14] Burkina Faso, Casaquistán,[15] Camboxa,[16] China (para as mulleres só),[17] Cuba,[18] Guinea-Bissau,[12] Eritrea,[12] Kirguizistán,[19] Laos,[20] Macedonia do Norte (só para as mulleres), Madagascar (só para as mulleres),[21] Moldavia,[22] Mongolia,[23] Nepal (só para as mulleres),[12] Rusia,[12] Taxiquistán,[12] Turkmenistán,[12] Uganda,[12] Ucraína,[12] Uzbekistán,[24] Vietnam,[25] Xeorxia,[26] e Zambia.[27]
Nalgúns outros países, casos do Camerún,[28] Croacia,[29] Romanía,[30] Bosnia e Hercegovina[31] e Chile,[32] non é unha festa pública pero aínda así observase como se o fose.
Noutros países, casos de Bulgaria e Romanía, obsérvase tamén como un equivalente do Día da Nai, no que os nenos dan pequenos regalos ás súas nais e avoas.[30]
En Armenia, tras a súa independencia deixou de se celebrar o día, no seu lugar o 7 de abril instituíuse como a festa da beleza e a maternidade, que se converteu en popular, ao coincidir cunha das festas da Igrexa Armenia, a anunciación, posteriormente volveu a introducirse a festa do 8 de marzo, e houbo discusión pública sobre o feito de ter dous días da muller, coñecéndose tamén o período que vai do 8 de marzo ao 7 de abril como o mes da muller.
En Italia é tradición que ese día os homes dean mimosas ás mulleres.[33][34]. Noutros países como Armenia, Belarús, Bosnia e Herzegovina, Brasil, Bulgaria, Croacia, Colombia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Casaquistán, Kirguizistán, Letonia, Lituania, Polonia, Macedonia, Moldavia, Montenegro, Ucraína, Romanía e Rusia é costume darlles ás mulleres flores, e mais é frecuente que os escolares leven regalos para as súas profesoras.
En moitos lugares, como é o caso de Galicia[35], é tradición a realización de actos, manifestacións e marchas para reivindicar os dereitos das mulleres.
Notas
editar- ↑ "International Women's Day". womenwatch.unwomen.org. Arquivado dende o orixinal o 07-03-2019. Consultado o 19-02-2019.
- ↑ Brian Greenberg et al. (2008) Social History of the United States ABC-CLIO, p. 296
- ↑ Cheris Kramarae e Dale Spender (2000) Routledge International Encyclopedia of Women: Global Women's Issues and Knowledge Routledge, p. 1153
- ↑ Kathryn Cullen-DuPont (2009) Encyclopedia of Women's History in America Infobase Publ., p. 127
- ↑ Stein, Leon (1962). The Triangle Fire. Cornell University Press. ISBN 0-8014-8714-5.
- ↑ Lange, Brenda. The Triangle Shirtwaist Factory Fire, Infobase Publishing, 2008, page 58
- ↑ Liliane Kandel / Françoise Picq, Le Mythe des origines à propos de la journée internationale des femmes, in: La Revue d'en face, 12, 1982, S. 67-80
- ↑ Nelson, Jinty. "International Women's Day: a centenary to celebrate". History Workshop Online. Consultado o 28 de agosto de 2011.
- ↑ "Anniversaries of important events". China Factfile. Chinese Government. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2015. Consultado o 28 de agosto de 2011.
- ↑ "WomenWatch: International Women's Day". Un.org. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2008. Consultado o 08 de marzo de 2014.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 12,8 "IRIN Asia | AFGHANISTAN: Marking International Women's Day | Afghanistan | Gender Issues". Irinnews.org. March 8 de marzo de 2005. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "Armenian Holidays – ARMENIA Information". Armeniainfo.am. July 5, 1995. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "President's decree on public holidays in Belarus – 1998". Arquivado dende o orixinal o 05 de xullo de 2017. Consultado o 08 de marzo de 2014.
- ↑ "Holidays and weekends in the Republic of Kazakhstan in 2014 year". E.gov.kz. Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2017. Consultado o 7 de marzo de 2014.
- ↑ "2007 Cambodia Public Holiday – Cambodia e-Visa Blog". Cambodiaevisa.com. 4 de agosto de 2007. Arquivado dende o orixinal o 25/04/2012. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "Public holidays in the People's Republic of China". Sg2.mofcom.gov.cn. 9 de xaneiro de 2008. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 8 de marzo de 2013.
- ↑ "Ministerio de Relaciones Exteriores de Cuba". Cubaminrex.cu. 8 de marzo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2012. Consultado o 8 de marzo de 2013.
- ↑ "Kyrgyz and American Holidays". U.S. Embassy Bishkek. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2012. Consultado o 7 de marzo de 2012.
- ↑ "Lao Cultural Events / Public Holidays". laoyp.com. Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2008. Consultado o 7 de marzo de 2014.
- ↑ "Madagascar 2009 Public Holidays". Qppstudio.net. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2012. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ Article 111 (1c) of the work codex of Moldova Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., PDF, p. 53 Arquivado 12 de xuño de 2011 no Arquivo web do goberno do Reino Unido
- ↑ "Mongolia Web News". Mongolia-web.com. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "National Holidays". Ministry of Foreign Affairs of the Republic of Uzbekistan. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2012. Consultado o 7 de marzo de 2012.
- ↑ "Hanoi streets jammed on Int’l Day for Women | Vietnam News & Information Portal". En.www.info.vn. 9 de marzo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2011. Consultado o 2012-03-08.
- ↑ "დღესასწაულები". Embassy.mfa.gov.ge. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "Zambia 2009 Public Holidays". Qppstudio.net. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2012. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "QPPstudio.net". QPPstudio.net. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2012. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ Zakon o blagdanima, spomendanima i neradnim danima u Republici Hrvatskoj
- ↑ 30,0 30,1 "Ziua Internațională a Femeii. De 8 martie Google posteaza un desen pentru acest eveniment". Agentia.org. 24 de novembro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2011. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "Žene su heroji ovog društva". Oslobodjenje. 8 de marzo de 2012. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "Días Nacionales en Chile". feriadoschilenos.cl. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "la Repubblica/societa: 8 marzo, niente manifestazione tante feste diverse per le donne". Repubblica.it. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ "politica » Festa della donna, parla Ciampi "La parità è ancora lontana"". Repubblica.it. 8 de marzo de 2006. Consultado o 8 de marzo de 2012.
- ↑ Polos dereitos das mulleres, polo aborto libre e gratuíto. praza.com, 7 de marzo de 2014
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Día Internacional da Muller |