Vitellaria paradoxa

especie de planta
(Redirección desde «Carité»)

Carité, xea

Sementes
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Ericales
Familia: Sapotaceae
Xénero: 'Vitellaria'
Especie: V. paradoxa
Nome binomial
Vitellaria paradoxa
C.F.Gaertn.
Sinonimia
  • Bassia parkii G.Don
  • Butyrospermum paradoxum (C.F.Gaertn.) Hepper
  • Butyrospermum paradoxum subsp. parkii (G.Don) Hepper
  • Butyrospermum parkii (G.Don) Kotschy

Vitellaria paradoxa é unha especie arbórea de até 15 metros de altura das sabanas arbóreas do oeste de África da que se tira a coñecida coma manteiga de carité ou xea[2]. A verba francesa karité vén da lingua wolof ghariti, que significa "árbore da manteiga". Esta árbore pode vivir até tres séculos e o diámetro do toro pode acadar o metro.

Rapaza vendendo manteiga de carité en Ghana.

Tradicionalmente en África Occidental, os seus froitos chámanse de noces, estes froitos son drupas carnosas cun óso de casca fina. Tras a súa ebulición e esmagado obtense unha graxa vexetal chamada de manteiga de carité. Esta substancia é comestíbel e utilizada tradicionalmente na cociña local, tamén se utiliza na industria chocolateira como substituto da manteiga de cacao. Composto principalmente de ácido palmítico (2-6%); ácido esteárico (15-25%); ácido oleico (60-70%); ácido linolénico (5-15%); ácido linoleico(<1%). Coñécese sobre todo a esta graxa polas súas propiedades hidratantes polo que é utilizada na composición de numerosos preparados da industria cosmética.

Dá os seus primeiros froitos logo de 15 anos. Malia considerar que acada a idade adulta cara aos trinta anos, xa neste momento pódense obter até 20 quilos de froitos, é dicir 5 quilos de améndoa seca, das cales se obterá aproximadamente 1 quilo de manteiga de carité. Entre os cincuenta e os cen anos de idade obtense a maior cantidade de froitos, o cal dificulta o seu cultivo.

Etimoloxía editar

O nome vulgar xíyiri ou xísu (lit. "árbore da xea") na lingua bambara do Malí deu o nome empregado en inglés: shea (pronunciado coma ʃi ou ʃeɪ). Porén na lingua wolof do Senegal chámanlle á árbore de ghariti que deu orixe á verba empregada en francés para a árbore e maila manteiga: karité. De francés pasou ao español (karité) e portugués (carité). O dicinario da Real Academia Galega non recolle aínda esta entrada. En lingua hausa a árbore chámase Kade ou Kadanya.

Antigamente a árbore fora clasificada no xénero Butyrospermum, que significa "semente de manteiga". O nome específico era parkii en honra ao explorador escocés Mungo Park, que coñeceu a árbore cando exploraba o Senegal.

Distribución e hábitat editar

 
Distribución da árbore do carité ou xea.

A árbore do carité medra brava en África nas sabanas secas que van dende o Senegal no oeste até o Sudán no leste, especialmente en Burkina Faso, Costa do Marfil, Malí e o Sudán, onde se atopan as árbores de mellor calidade, grazas á constitución do seu subsolo.

En total aparece en 19 países africanos: Benín, Burkina Faso, o Camerún, a República Centroafricana, Chad, Etiopía, Ghana, Guinea Bissau, Costa do Marfil, Malí, Níxer, Nixeria, Senegal, Serra Leoa, Sudán do Sur, Sudán, Togo, Uganda, República Democrática do Congo, e na Guinea.

Restos atopados na vila medieval de Saouga evidencian a produción de manteiga de carité xa no século XIV.[3].

Propiedades cosméticas editar

 
Follaxe e noces dunha árbore de carité de Burkina Faso.
  • Acción protectora contra a sequidade da pel; hidratante para a pel e o cabelo.
  • Protección contra eritemas solares (inflamación da pel caracterizada por máculas vermellas).
  • Prevención e tratamento para o envellecemento cutáneo, estimula o metabolismo das células e prevén as engurras.
  • Acción cicatrizante das feridas, apta para o tratamento de dermes escamosas, para mans secas e gretadas, para o tratamento de úlceras e eccemas.

A manteiga de carité editar

A recolleita das noces e a fabricación de manteiga de carité é unha actividade que dá traballo a moitas mulleres do África Occidental. Só en Burkina Faso dedícanse a esta actividade entre 300.000 e 400.000 mulleres. A elaboración comeza coa recolleita e a lavadura das améndoas. A seguir esmáganse, tórranse e pásanse por un muíño para obteren unha pasta marrón moi líquida. Esta bátese a man para tiraren a manteiga do resto de compoñentes na tona do líquido. A manteiga resultante lévase a ebulición e fíltrase varias veces para separar as impurezas até conseguiren un produto limpo de cor mel. A manteiga que se obtén para produtos cosméticos presionando en frío os cotiledón ricos en graxa da améndoa é de cor branca marfil.[4]

A manteiga de carité contén látex natural. Malia non ser exactamente o mesmo ca o zume da árbore do caucho (Hevea brasiliensis), é moi semellante en composición química. Aínda que as cantidades de látex na manteiga de carité son pequenas pode producir reaccións alérxicas. As persoas que sofren de alerxias ao látex deben facer un parche de proba de alerxia antes de usaren calquera produto que conteña na súa composición manteiga de carité.

Notas editar

  1. Makerere University Institute of Environment and Natural Resources (1998). "Vitellaria paradoxa". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Ningún dos dous termos, empregados nas linguas relacionadas co galego, están polo de agora recollidos nun dicionario galego, por isto mantémolos en cursiva.
  3. *Neumann, K., et al. 1998. Remains of woody plants from Saouga, a medieval west African village. Vegetation History and Archaeobotany, 7:57-77.
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2017. Consultado o 30 de marzo de 2017. 

Véxase tamén editar