Hevea brasiliensis

especie botánica

A hevea [1], tamén coñecida coma árbore do caucho[2][3] (Hevea brasiliensis), coñecida en portugués na Amazonia orixinaria coma árvore-da-borracha ou seringueira, é unha árbore da familia das euforbiáceas de 20 a 30 m de altura (excepcionalmente 45 m). O toro é recto e cilíndrico de 30 a 60 cm de diámetro, de madeira branca e lene. As súas follas son compostas trifoliadas, alternas, de 16 cm de lonxitude, de 6 a 7 cm de largo; deixa caer parcialmente as follas durante a estación seca, antes da cal as follas da copa da árbore tórnanse de cor avermellada. As flores son miúdas e reunidas en amplas panículas. Produce froitos desde os 4 anos, cada un dos cales é unha gran cápsula de 4 cm de diámetro que se abre en valvas, con sementes ricas en óleos.

Árbore a destilar látex.
Sementes.

O seu látex é branco ou amarelado e abundante até os 25 anos de idade da árbore. Del fabrícase o caucho, despois de sangrar o toro fendendo incisións angulares en V. Este látex contén 30 a 36% de hidrocarburo do caucho, 0,5% de cinzas, 1,5% de proteínas, 2% de resina e 0,5% de quebrachitol. O caucho tamén pode obterse do látex doutras árbores do xénero Hevea (v.g. H. guianensis Aubl. 1775 e H. pauciflora Müll.Arg. 1865). Esta árbore é orixinaria da conca hidrográfica do río Amazonas, onde existía en abundancia e con exclusividade, características que xeraron o auxe ou febre do caucho, período da historia suramericana de moita riqueza e puxanza para empresarios que se asentaron na rexión amazónica e á vez de desastre para a poboación indíxena que sufriu exterminios e escravitude, até se apoderaren os ingleses do lucrativo negocio, cando o botánico Henry A. Wickham tirou ilegalmente do Brasil sementes desta árbore, en 1876, para establecer plantacións en Malaisia, Birmania, Ceilán e África subsahariana. Contra o 1914 a cantidade de caucho obtido de plantacións xa superaba a extraída de árbores bravas.

O traballador que extrae o látex de caucho é chamado no Brasil seringueiro.

A posesión das áreas naturalmente ricas en hevea existentes daquela na zona do Acre provocou a inicios de século XX a guerra do Acre entre Bolivia, o Brasil e mesmo Perú.

Sinonimia editar

  • Caoutchoua J.F.Gmel.
  • Micrandra Benn. & R.Br.
  • Siphonanthus Schreb. ex Baill.
  • Siphonia D.Richard ex Schreb.
  • Siphopnicna F.Jansen ex Schreb.

Notas editar

  1. Definición e nome no Portal das Palabras da RAG.
  2. Nome galego da árbore en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C), A Coruña, Deputación da Coruña, 2000
  3. Non conundir coa especie Ficus elastica, tamén chamada vulgarmente deste xeito.
  • Zhang, j., Huss, v.a.r., Sun, x., Chang, k. & Pan, d. 2008. Morphology and phylogenetic position of a trebouxiophycean green algae (Chlorophyta) growing on the rubber tree, Hevea brasiliensis, with the description of a new genus and species. Eur. J. Phycol. 43(2): 185 - 193

Véxase tamén editar

Outros artigos editar