O cotiledón, forma sancionada pola Real Academia Galega,[1] ou cotiledon, como escriben moitos, forma mellor adaptada á etimoloxía (xa que o termo deriva do grego κοτυληδών kotylēdōn, xenitivo κοτυληδόνος kotylēdonos, "cavidade en forma de copa",[2] de κοτύλη kotýlē "copa")[3][4] é a primeira ou unha das primeiras follas da planta que que se forman no embrión dos antófitos (plantas con flores); por isto chámase tamén folla primordial, folla embrionaria ou folla seminal.[4]

Herba medrando na esquerda (unha monocotiledónea), amosando un só cotiledón. Comparada cunha dicotiledónea (dereita).

Existe unha gran cosnstancia no número de cotiledóns que teñen os embrións, até o punto que este feito permitiu establecer a división fundamental das anxiospermas en monocotiledóneas (liliópsidas, na terminoloxía moderna) e dicotiledóneas (magnolióspidas), segundo o embrión posúa un ou dous cotiledóns; pola súa parte, nos embrións das ximnospermas comunmente existen varios.[4]

Morfoloxía

editar

A forma dos cotiledóns é, en xeral, moi diferente da das follas (véxanse as dúas primeiras imaxes da galería), e pode variar moito dunha especie a outra. Porén, teñen unha menor variabilidade que as follas evolucionadas, con formas simples: lineal, ovalada, elíptica ou crenulada.

Función

editar

Os cotiledóns serven para reservaren e absorberen nutrientes na semente até que a plántula poida desenvolver as raíces e as súas verdadeiras follas e realizar a fotosíntese. Cando a semente carece de tecido nutricio adoitan telo bastante desenvovido nos cotiledóns, como ocorre, por exemplo, nos faballóns, os feixóns, as ervellas etc. (dicotiledóneas) e constitúen, neste caso, órganos de reserva que facilitan o nutrimento da plántula. Nas monocotiledóneas o cotiledón funciona a xeito de órgano absorbente das reservas seminais, que traslada á nova plantiña.[4]

Algúns botánicos, co pretexto de que o nome utilizado por Linneo estaba certamente mal elixido, pretenderon substituír o termo cotiledón por outros, como embriofilo, protofilo ou os xa mencionados máis ariiba. Pero o certo é que o nome linneano segue usándose actualmente en todos os tratados de botánica.[4]

Galería de imaxes

editar
  1. "cotiledón no dicionario da [[RAG]].". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 20 de decembro de 2012. 
  2. O termo foi empregado por primeira vez por Hipócrates, aplicado a cada un dos vasos do orificio uterino; Linneo, o seu introdutor na botánica, explica así a súa elección:
    "Os cotiledóns dos animais proveñen da xema do ovo, na que reside o punto de vida; por conseguinte, as follas seminais das plantas, que envolveron o córculo, son os seus cotiledóns, subministrando o leite co que sustentan e crían o córculo até que bota as raíces: fan o oficio que fai a placenta nos animais". Linnaeus, Fil. bot., p. 270.
  3. Strasburger, E. (1994), p. 178.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Font Quer, P. 1993), pp. 275-277.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3.
  • Strasburger. E. (1994): Tratado de botánica. 8ª ed. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0979-0.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar