Bautismo anticipado

O bautismo anticipado, tamén chamado bautismo prenatal ou bautismo no ventre da nai[2] é un rito supersticioso que se practicaba en distintos lugares de Galicia e que consistía en bautiza-lo feto, aínda no ventre da nai xestante, sobre unha ponte con poderes máxicos e ás 12 da noite, co fin de asegura-lo embarazo nas mulleres que sufriran anteriormente algún aborto. Tamén se realizaba no norte de Portugal.

Ilustracións de Benigno L. Sanmartín representando La suerte del pajarito e un bautismo anticipado na Ponte do Burgo, publicadas en Extracto de Literatura o 4/2/1893.[1]

Antonio Reigosa asegura que este costume estaba moi estendido por toda Galicia. E Eliseo Alonso escribía en 1990 que "tal vez por esta creencia [a da súa completa eficacia] o vello rito higromántico aínda se mantén en vixencia".

O ritual

editar

Coas lóxicas variantes locais que cabe esperar neste tipo de rituais populares, o bautismo prenatal comezaba coa chegada da nai á ponte pouco antes da medianoite, acompañada de, como mínimo, dúas persoas (o seu home –que non era realmente necesario-, familiares, amigos). A comitiva levaba consigo todo tipo de comidas e bebida, como se foran celebrar un bautizo normal. Tamén tiñan que levar un caldeiro e unha corda tan longa como a altura da ponte no seu punto medio.

A muller colocábase no centro da ponte, agardando, e os acompañantes nas dúas entradas á ponte. Estes debían impedir que ninguén, persoa ou animal, cruzase a ponte ata as doce en punto.

Chegada a hora, convidaban ó primeiro home ou muller que se achegara a se-lo padriño ou madriña neste particular bautizo: "¡Home / muller de boa ventura, bautízame esta criatura!". Fraguas recolleu unha variante na que se lle pedía "enxéndrame esta criatura", entendendo aquí por enxendrar a rexeneración por medio da auga bautismal.

 
Ponte da Ramallosa, a presenza dunha imaxe relixiosa na ponte, neste caso San Telmo, evidencia de ritos relixiosos ou máxicos, como o bautismo anticipado.

A invitación debía ser voluntaria, sen forzar nin obrigar a ninguén, pero se non aceptaba, non se lle permitía o paso. Cando un viandante aceptaba o encargo, o cal era o habitual por ser tido como unha obra de caridade, achegábase el só ata a muller, ó medio da ponte, e co caldeiro que esta lle entregaba, collía un pouco de auga do río. Logo verquía a auga sobre o ventre da muller, directamente ou, ás veces, cun hisopo feito dunha póla de oliveira, á vez que recitaba as mesmas palabras que pronunciaría o crego nun bautizo normal: "No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo", pero coidando de non rematar, nin el nin ninguén, coa palabra "Amén" pois, se o fixera, o neno non nacería.

Eliseo Alonso recolle unha fórmula máis completa:

Eu bautízote coa auga do Xordán como o señor San Xoán bautizou ó señor Xesucristo.
Se meniña has nacer, o nome da Virxe has ter.
Se de varón tiveres condición, tera-lo nome de San Amaro glorioso que se senta á mesa de Deus o Noso Señor Todopoderoso.

Rematado o bautizo, deixábase libre o paso pola ponte e comezaba a celebración e a festa, agrupándose todos nunha das entradas da ponte ou na beira do río a comer todo o que levaran disposto (noutros casos, a comida celébrase na casa da futura nai). Por fin, cando xa non poidan comer nin beber máis, regresaban ó medio da ponte e guindaban ó río todo o sobrante, incluído o mantel, vasos e cubertos, a modo de pago ós poderes máxicos do río por asegura-lo feliz nacemento do meniño. Luís Bouza Brey, que recolleu esta tradición na Ponte dos Padriños, entre Cambados e Ribadumia, engade que isto de bota-lo sobrante ó río había que facelo de costas e por riba do ombreiro, fórmula eficaz para romper calquera maleficio [3].

Cando, por fin, chegaba o momento do nacemento repetíase a cerimonia do bautismo, pero desta volta xa na igrexa e co cura, asistindo como padriño ou madriña a persoa que realizou o bautismo na ponte. Usualmente, o meniño recibía o nome deste padriño.

As pontes

editar

Esta práctica supersticiosa realizábase sobre determinadas pontes que tivesen certas características. Tiñan que ser vellas, preferiblemente construídas polos romanos ou polos mouros [4]. Outra característica da ponte para ser eficaz era que posuíra unha cruz ou cruceiro no centro ou estar ó pé dunha capela, aínda que o certo é que moitas pontes nas que se realizaba este bautismo non a cumpren.

Diferentes etnógrafos recolleron a práctica do bautismo no ventre da nai nas seguintes pontes:

 
Ponte dos Padriños, Ponte Arnelas.

Xosé María Álvarez Blázquez recolleu este rito na Ponte do Burgo, en Pontevedra, e Agustín Portela Paz ilustrou o momento ("O afillado", en Pontevedra, boa vila, Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, 1985).

O mesmo ritual, e coa mesma intención protectora do embarazo, tense recollido tamén en certas encrucilladas, como por exemplo no Alto do Caño, en Bornalle, Abelleira, Muros[5].

Risco tamén cita, sen especificar onde, a práctica destes bautismos á beira do río, debaixo dunha ponte.

A escritora inglesa Nina Epton conta no seu libro Uvas e granito. Unha viaxe por Galicia que asistiu a este rito preto de Corme, en Ponteceso[6]

  1. Extracto de Literatura, 4/2/1893
  2. Taboada Chivite dá unha denominación máis técnica: bautismo intrauterino.
  3. Sobre o bautismo que se facía nesta ponte poden engadirse máis detalles: que o padriño só podía ser un home; se o primeiro home que chegara á ponte era un crego, había que suspende-la cerimonia e repetir todo outra noite; que a auga para o bautizo tiña que ser recollida persoalmente polo padriño; que o nome que lle daba ó futuro rapaz era sempre o de Alberte, aínda que, de ser niña, podía cambiarse a Alberta. O padriño no bautizo real, unha vez nacida a criatura, debía se-lo mesmo que actuou na ponte e, se estivese enfermo ou impedido, debíase esperar a que se recuperase; no caso de que morrese, podía ser substituído por outro home sempre que tamén estivese presente naquel acto (La Voz de Galicia, 8.08.1990).
  4. Na mitoloxía galega, os mouros representaron sempre épocas antiquísimas e posuían poderes máxicos e sobrenaturais. Dunha das pontes nas que se realizaban estes bautismos, a Ponte das Partidas, en Moreira, Ponteareas, sobre o río Tea, cóntase que foi levantada polos mouros nunha soa noite. Tan habitual parecía ser este uso bautismal que se lle coñecía popularmente como Ponte das Paridas.
  5. Formoso Lado, Xosé Antonio. "Bautizo prenatal en Bornalle". Galicia encantada. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2013. Consultado o 22 de decembro de 2007. 
  6. Epton, N. (1993): Uvas e granito. Unha viaxe por Galicia. Ir Indo Edicións, páx. 148. ISBN 9788476801505.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Alonso, E. (20 de decembro de 1990). "Os bautismos da media noite". La Voz de Galicia. 
  • Fernández, M. (2002). Ponteareas máxica. Mitos, ritos e lendas. Asociación de Comerciantes de Ponteareas. 
  • Fraguas Fraguas, A. (1990). La Galicia insólita. Tradiciones gallegas (2ª ed.). Sada: Ediciós do Castro. pp. 25–27. 
  • Risco, V. (1962). "Etnografía: cultura espiritual". En Otero Pedrayo, R.. Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. pp. 489–490. 
  • Vila Fariña, X. L. (8 de agosto de 1990). "A Ponte dos Padriños, testigo mudo del nacimiento de los 'Albertos' de O Salnés". La Voz de Galicia. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar