O padriño é unha figura común en varias denominacións cristiás. Asiste a outra persoa en certos sacramentos, con orixe no século II, de orixe relixiosa cristiá, e, posteriormente, pasou a obter diferentes significados dependendo da relixión e o código civil.[1] Segundo Corpus Iuris Civilis, o sentido orixinal de patrocinio, e que segue sendo o máis amplo sentido, é un servizo que debe realizar un individuo que ten unha débeda que pagar ao pai ou nai co patrocinio dun ou máis fillos da parella, unha especie de tributo voluntario dado á familia da parella ao longo de toda a vida.[2]

Na relixión editar

No catolicismo editar

Orixes editar

Cara ao século II d. C., o bautismo considerábase principalmente como unha cerimonia para a purificación e iniciación social dos nenos.[1] O requisito para a confesión de fe requiría a presenza de adultos que actuaban como garantes do neno. Pronunciaban a confesión de fe do seu representado e garantía a súa educación espiritual. Normalmente estes garantes eran os pais naturais do neno, como cara ao ano 408 salientaba santo Agostiño que suxería que, excepcionalmente, podían ser outros individuos.[3] O Corpus Iuris Civilis indica que nun século este papel dos pais fora substituído por completo.[4] O papel dos padriños foi clarificado no ano 813 no Concilio de Múnic, que prohibía aos pais naturais actuar como padriños dos seus propios fillos.[5]

Bautismo editar

 
Bautismo dun neno cos seus pais e padriños.

No bautismo adoitan estar presentes un padriño e unha madriña, aínda que, pode ser que só estea un deles. A súa función é asistir na súa iniciación cristiá ao adulto que se bautiza, e, xuntamente cos pais, presentar o neno que vai recibir o bautismo e procurar que despois leve unha vida cristiá congruente co bautismo e cumpra fielmente as obrigacións inherentes ao mesmo.

Para poder actuar como padriño ou madriña de bautizo a Igrexa católica pon algunhas condicións: que sexa elixido por quen vai bautizarse ou polos seus pais ou por quen ocupan o seu lugar ou, faltando estes, polo párroco ou ministro; que teña capacidade para esta misión e intención de desempeñala; que cumpra dezaseis anos, a non ser que o Bispo diocesano estableza outra idade, ou que, por xusta causa, o párroco ou o ministro consideren admisible unha excepción; que sexa católico, estea confirmado, reciba xa o Santísimo Sacramento da Eucaristía e leve, ao mesmo tempo, unha vida congruente coa fe e coa misión que vai asumir; que non estea afectado por unha pena canónica, lexitimamente imposta ou declarada; e que non sexa o pai ou a nai de quen se ha de bautizar.

Confirmación editar

Cando se recibe o sacramento da confirmación, un padriño acompaña ao receptor do sacramento. A súa función neste caso é testemuñal. Non ten por que ser o padriño do bautismo. Neste caso é só un padriño ou unha madriña. Xamais existe parella de padriño e madriña.

Matrimonio editar

No sacramento do matrimonio o dereito canónico non establece que haxa padriños senón testemuñas, aínda que é frecuente, especialmente en Iberoamérica, chamar padriños a estas testemuñas, e, ao non haber oposición por parte dos pastores das igrexas particulares, considérase un costume aceptado. É común que estes "padriños" acompañen até o altar ao noivo do sexo oposto. Non teñen por que ser os padriños do bautismo ou confirmación de ningún dos noivos. En España, a madriña habitualmente é a nai do noivo, e o padriño o pai da noiva.

No xudaísmo editar

O padriño pode ser a persoa que sostén a persoa que vai ser circuncidada, neste caso actúa como sandek. Ou o que toma o neno dos brazos da nai e o leva á habitación onde se vai circuncidar neste caso denomínase kvater.

No mundo da cooperación editar

Padriño é aquela persoa que efectúa un apadriñamento. O apadriñamento permite cooperar na mellora das condicións de vida dun neno ou nena dunha poboación vulnerable, as da súa familia e a súa contorna mediante proxectos de desenvolvemento que benefician a toda unha comunidade. Por este motivo tanto os nenos apadriñados como os que non o están benefícianse dos mesmos programas, recibindo educación, unha alimentación adecuada e atención médica cando a precisan.

No escultismo editar

O padriño no movemento scout é a persoa que guía o seu afillado ao momento de facer a súa promesa. A función do padriño comeza na cerimonia de promesa mesma e continúa durante toda a vida do scout. O padriño debe ser un scout promesado e é elixido libremente polo promesado.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 J. H. Lynch, Godparents and Kinship in Early Medieval Europe (Princeton, NJ, 1980), p. 114.
  2. P. Kruger, ed., Corpus Iuris Civilis, vol. 3, Codex Iustinianus (Dublin and Zurich, 1970), v, 4, 26, p. 197.
  3. W. Parsons, ed., Saint Augustine, Letters, The Fathers of the Church, 18 (Nova York, 1953), pp. 134-5.
  4. P. Kruger, ed., Corpus Iuris Civilis, vol. 3, Codex Iustinianus (Dublín e Zürich, 1970), v, 4, 26, p. 197.
  5. J. Goody, The Development of Family and Marriage in Europe (Cambridge, 1983), p. 199.