Corpus Iuris Civilis

O Corpus Iuris Civilis (Corpo de dereito civil) é unha obra xurídica fundamental, publicada entre 529 e 534 por orde do emperador bizantino Xustiniano I.

CORPUS IURIS CIVILIS ROMANI. Gothofredus, 1583

Código de Xustiniano

editar

En 527 d.C., sobe ao trono en Constantinopla, Xustiniano, que inicia unha ampla obra militar e lexislativa. Pouco despois de asumir o poder, Xustiniano percibiu a importancia de salvagardar a herdanza representada polo dereito romano e, en 528, nomeou unha comisión de dez membros (presidida por Triboniano, ministro do emperador e xurisconsulto de gran mérito) para compilar as constitucións imperiais vixentes (leis emanadas dos emperadores desde o goberno do emperador Adriano). Triboniano, principal colaborador, era profesor de dereito da escola de Constantinopla. El rodeouse de xuristas, profesores e avogados, cos cales iniciou un enorme traballo de compilación. Auxiliouno eficazmente nesa misión Teófilo, outro profesor da mesma escola.

A misión dos compiladores completouse en dous anos. O Código era destinado a substituír o Gregoriano, o Hermoxeniano, as constitucións particulares e o Código Teodosiano de 438. O 7 de abril de 529, coa constitución Summa rei publicae, o emperador publica o código, intitulado Nouus Iustinianus Codex (Código Novo de Xustiniano), e estabelece que entraría en vigor o 16 de abril daquel ano. Esa primeira obra non chegou ata nós pois foi substituída por outra, xa en 534. Así, ficou coñecido por Código Vello, en contraposición ao de 534, chamado, este si, Código Novo.

Digesto ou Pandectas

editar

O Digesto, coñecido igualmente polo nome grego Pandectas,[1] é unha compilación de fragmentos de xurisconsultos clásicos. É a obra máis completa e ampla (50 libros) que o Código ten e ofreceu maiores dificultades na súa elaboración. Digesto vén do latín digerere (pór en orde).

Realizada a compilación das leges (constitucións imperiais), era necesario resolver un problema con relación aos iura (dereito contido nas obras dos xurisconsultos clásicos), que non tiñan sido aínda compilados. Había entre os xurisconsultos antigos unha serie de controversias a solucionar. Para iso, Xustiniano expediu 50 constitucións (as Quinquaginta Decisiones). É probábel que durante a elaboración delas xurdise a idea da compilación dos iura.

Na constitución Deo auctore de conceptione Digestorum, do 15 de decembro de 530, o emperador expuxo o seu programa referente á obra. Nos fins de 530, Xustiniano encarga a Triboniano organizar unha comisión de 16 membros destinada a compilar os iura. Cómprelle a Triboniano escoller os seus colaboradores. Foron escollidos Constantino, alén de Teófilo e Crátino, de Constantinopla, Doroteo, Isidoro, da Universidade de Berito, máis once avogados que traballaban xunto á alta maxistratura. A comisión era encargada da selección da materia, de dirimir dúbidas e decidir en caso de diferenzas de opinión.

O Digesto diferenciábase do Código por non haber anteriormente traballo do mesmo xénero. A masa da xurisprudencia era enorme, frecuentemente difícil de atoparse. Había moitos autores, con puntos de vista diversos, por veces antagónicos. A tarefa parecía ciclópica, e era temerario xuntar todo ese amálgama de opinións nun traballo homoxéneo. Para o termo dese proxecto grandioso, Xustiniano preveu un prazo mínimo de dez anos. No entanto, baixo a presidencia de Triboniano, a comisión de 16 membros, despois de revisar case dous mil libros (con tres millóns de liñas), extractando 39 xurisconsultos, concluíu o traballo en só tres anos. Era o Código de doutrinas selectas, Codex enucleati iuris, oficialmente denominado Digesto (Digesta) ou Pandectas (Pandectae), o cal promulgouse o 15 de decembro de 533, para entrar en vigor aos 15 días. A obra componse de 50 libros, subdivididos en aproximadamente 1.500 títulos, segundo ao asunto. En cada un dos títulos figuran fragmentos de obras de máis de corenta xurisconsultos romanos do período clásico, de Quinto Mucio Escévola, que morreu no ano 82, a Hermoxeniano e Carisio (dos séculos III e IV).

Os 16 codificadores tiveron autorización de alterar os textos escollidos, para harmonizalos cos novos principios vixentes. Esas alteracións tiveron o nome de emblemata Triboniani e hoxe chámanse interpolacións. A descuberta de tales interpolacións e a restitución do texto orixinal clásico é unha das preocupacións da ciencia romanística contemporánea.

As Pandectas constituían unha suma do dereito romano, na que as innovacións útiles mesturábanse coas decisións clásicas. Restritas, na práctica, ao imperio bizantino, non foron descubertas por Occidente ata o século XI. A comparación dos manuscritos existentes no Código de Xustiniano foi o primeiro paso para o renacemento do dereito, que tivo como centro a Universidade de Boloña. Case todos os dereitos modernos decorren do dereito romano e das Pandectas.

Institutas

editar

Terminada a elaboración do Digesto, mais antes da súa promulgación, Xustiniano escolleu tres dos compiladores - Triboniano, Doroteo e Teófilo (estes últimos profesores das escolas de Constantinopla e de Berito) - para a organización dun manual escolar que servise aos estudantes como introdución ao dereito compendiado no Digesto. Os redactores foron fieis ao plano das Instituta de Gaio (do século -II), téndose servido de moitas pasaxes dese antigo xurista. No entanto, hai innovacións introducidas de acordo co dereito vixente no Baixo-Imperio.

A esa comisión elaborou as Institutiones (institutas), que se publicou en 21 de novembro de 533, un mes antes do Digesto. Foi aprobada o 22 de decembro, pola Constitución Tanta, e entrou en vigor como manual de estudo no mesmo día do Digesto, 30 de decembro de 533. Por ser máis simple que o Digesto, alcanzou enorme difusión; proba diso son os innumerábeis manuscritos que nos chegaron.

Como unha obra de profesores, destinada ao ensino, as Institutas son máis simples e máis teóricas que o Digesto. Son expostas nocións xerais, definicións e clasificacións. Hai controversias ao seren un excelente campo de estudo. Ese traballo tivo a mesma división das Institutas, de Gaio: persoas, cousas e accións. Con todo, os libros divídense en títulos. Foron utilizados na elaboración a res cottidianae, tamén de Gaio, as Institutas, de Florentino, de Ulpiano e de Marciano, e os VII libri regularum, de Ulpiano.

Actualización do Código

editar

A publicación de novas constitucións e o feito de que xurdiran, coa elaboración do Digesto, contradicións entre o Nouus Iustianianus Codex e as Pandectas, fixo necesaria unha segunda edición do Codex. Por iso, Xustiniano nomeou unha comisión de cinco membros para actualizalo. O Codex repetitae praelectionis, o Código revisado, cuxo contido harmonizouse coas novas normas expedidas no curso dos traballos, publicouse o 16 de novembro de 534, para entrar en vigor no día 29 de decembro do mesmo ano. Esa obra chegou ata nós. Como a primeira edición do código (elaborada en 528) revogouse por esta segunda, e, polo tanto, deixou de utilizarse, dela posuímos só un pequeno fragmento do índice, constante de papiro atopado no Exipto a comezos do século XX. Ese papiro arrola as constitucións contidas nos títulos 11 a 16 do libro I, e mostra que é moi pequena a correspondencia de orde entre as constitucións aí referidas e as que se atopan nos mesmos títulos da nova edición do Código Xustinianeo, que é a que chegou ata nós.

O Código redixido de acordo co sistema das compilacións anteriores divídese en 12 libros, subdivididos en títulos. As constitucións están ordenadas en cada título por orde cronolóxica, como nos códigos anteriores. O Código comeza por unha invocación a Cristo, en que se afirma a fe de Xustiniano. Os outros títulos do Libro I están dedicados ás fontes do dereito, ao dereito de asilo e ás funcións dos diversos axentes imperiais. O Libro II trata principalmente do proceso. Os Libros III a VIII tratan do dereito privado, o Libro IX do dereito penal, os Libros X a XII tratan do dereito administrativo e fiscal. Como nos códigos anteriores, atópase nos títulos, máis que nos libros, unha unidade de materia. A técnica, porén, aínda é antiga, pois os títulos son moi numerosos e non se exclúe a interpolación de certos textos (adaptacións feitas polos compiladores). O mérito da compilación, colocando todas as constitucións no Código, é tornalo obrigatorio como lei do Imperio.

Novelas

editar

As Institutas, o Digesto (Pandectas) e o Código foron as compilacións feitas por orde de Xustiniano. Despois de terminada a codificación, a cal, especialmente o Código, contiña a prohibición de invocar calquera regra que nela non estivese prevista, Xustiniano reservouse a facultade de baixar novas leis. A segunda edición do Codex (534) non paralizou a actividade lexislativa de Xustiniano, que continuou a editar outras constitucións importantes (en número de 177, da data da promulgación do Código Novo, en 535, ata a súa morte, en 565), introducindo un gran número de modificacións na lexislación. Esas novas constitucións (Nouellae constitutiones) son coñecidas por Novelas (Nouellae), Auténticas ou Plácida. A maioría editouse en lingua grega e conteñen reformas fundamentais, como no dereito hereditario e no dereito matrimonial.

Xustiniano pretendía reunir as Novelas nun corpo único. A súa morte, porén, non lle permitiu realizar o intento, o que foi feito posteriormente, por particulares. A colección das Novelas constitúe o cuarto volume da codificación xustinianea.

Antisemitismo

editar

O código Xustiniano degradou os xudeus a cidadáns de segunda clase. A partir de aquí, a relixión xudaica deixaría de ser lexítima. Como exemplos:

  • As relacións sexuais entre xudeus e cristiáns eran prohibidas, baixo pena de castigo severo;
  • Os xudeus deixaron de poder obter cargos públicos;
  • Alguén que ousase construír unha sinagoga perdería os seus bens e sería castigado coa morte.

División da Obra

editar

A obra lexislativa de Xustiniano, por conseguinte, consta de catro partes:

  • Institutas (manual escolar).
  • Digesto ou Pandectas (compilación dos iura).
  • Código (compilación das leges).
  • Novelas (reunión das constitucións promulgadas despois de 535 por Xustiniano).

A ese conxunto, o romanista francés Dionisio Godofredo, en 1538, na edición que del fixo, denominou Corpus Iuris Civiles (Corpo de Dereito Civil), designación esa que é hoxe universalmente adoptada.

Edición

editar

A mellor edición do Corpus Iuris Civilis é a debida aos alemáns Mommsen, Krueg, Schoell e Kroll. O primeiro editou o Digesto (Pandectas); o segundo, as Institutas e o Código; e os demais, as Novelas.

Estrutura

editar

As Institutas están divididas en catro libros, subdivididos en títulos, e estes nunha parte inicial (principium) e en parágrafos. O Digesto componse de 50 libros, divididos en títulos (excepto os libros XXX, XXXI e XXXII), subdivididos en leis ou fragmentos (os cales precédense do nome do xurisconsulto romano e da obra de onde foron retirados), e estes modernamente (nas edicións antigas non o eran) nunha parte inicial (principium) e en parágrafos. O Código está constituído por 12 libros, divididos en títulos, subdivididos en leis (tamén chamadas constitucións), e estas modernamente nunha parte inicial (principium) e en parágrafos. Finalmente, as Novelas se integran de constitucións imperiais que presentan prefacio, capítulos e epílogo.

As Interpolacións

editar

Para que os iura e as leges constantes no Corpus Iuris Ciuiles puidesen ter aplicación na práctica, foi preciso, moitas veces, que os compiladores fixesen substitucións, supresións ou incrementos nos fragmentos dos xurisconsultos clásicos ou nas constitucións imperiais antigas. Esas alteracións denomínanse interpolacións ou tribonianismos.

Das interpolacións distínguense as glosas, denominación dada, en xeral, aos erros dos copistas ou, entón, ás alteracións introducidas, antes da época de Xustiniano, nas obras de xuristas clásicos por particulares ou comisións lexislativas como a que organizou o Código Teodosiano.

Tendo chegado ata nós só parte diminuta da literatura xurídica do período clásico, para que coñezamos o dereito romano desa época é indispensábel que determinemos, aproximadamente, as interpolacións nos textos que compoñen o Digesto e o Código, pois, así, conséguese restaurar, ata certo punto, o seu primitivo teor.

O estudo das interpolacións só iniciouse realmente, na Renacemento, cando os xurisconsultos da Escola Culta procuraron, coa identificación das substitucións, supresións e engadidos introducidos nos textos que integran o Corpus Iuris Ciuiles, restaurar o dereito clásico romano na súa pureza. Nos séculos XVI e XVII, traballouse moito nesa investigación, destacando romanistas do porte de Cujacio e Antonio Frave. Posteriormente, o estudo das interpolacións case se deixou de lado ata o final do século XIX, coa publicación, en 1887, da obra Gradenwitz Interpolationen in den Pandekten - onde se sistematizan os métodos de busca das interpolacións -, cando esa investigación rexurdiu con grande intensidade. No inicio do século XX, de tal modo se dedicaron os romanistas á caza das interpolacións que se chegou á exaxeración. Hoxe en día, dáse un movemento de revisión crítica con referencia ás pasaxes interpoladas.

Para a identificación das interpolacións, hai varios métodos. Algúns demostran, con seguranza, a existencia delas; outros non, mais serven, utilizados en conxunto, para probalos. Entre os métodos existentes destacan:

  1. o textual - a interpolación pode demostrarse cando o mesmo texto clásico chegou ata nós, con redaccións diferentes, no Corpus Iuris Ciuiles e en fonte prexustinianea; ou entón, cando hai repetición, con alteracións, do mesmo texto na propia codificación de Xustiniano;
  2. o histórico - anacronismo en texto do período clásico constante do Corpus Iuris Ciuiles revela a existencia de interpolacións;
  3. o lóxico - iloxismo entre as diferentes partes dun texto - e a lóxica era unha das características dos xurisconsultos clásicos - é indicio de que se interpolou;
  4. o filolóxico - o vocabulario, a gramática e o estilo dos xurisconsultos clásicos e dos bizantinos difiren acentuadamente; de aí, ao facilitar co estudo deses elementos a identificación de interpolacións.

Para ilustración, un exemplo de interpolación revelada polo método histórico. No Digesto XXX, 1 (fragmento atribuído a Ulpiano), declárase:

Per omnia exaecuata sunt legata e fideicomisis (en todo son iguais legados e fideicomisos).

Ora, por outras fontes sabemos que a fusión dos legados e fideicomisos só se fixo no tempo de Xustiniano; polo tanto, Ulpiano, que viviu séculos antes, cando había diferenzas entre legados e fideicomisos, non podería ter feito esa afirmación: trátase, pois, dun texto interpolado.

Legado

editar

É a base da xurisprudencia latina (incluíndo o dereito canónico eclesiástico: ecclesia vivit lege romana) e é tamén un documento único sobre a vida no Imperio Romano no seu tempo. É unha colección que reúne moitas fontes nas cales as leges (leis) e outras regras eran expresas ou publicadas: leis propiamente ditas, consultas senatoriais ("senatus consulta"), decretos imperiais, lei das sentenzas e opinións e interpretacións dos xuristas (responsa prudentum). Foi mérito desa codificación a preservación do dereito romano para a posteridade.

O Corpus representou unha revolución xurídica, organizando o dereito romano nunha forma conveniente e baixo un esquema orgánico, que se tornou a base do moderno Dereito Civil.

  1. d'Ors (2001), p. 369

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • d' Ors, Xavier (2001). Antología de textos jurídicos de Roma. Col. Clásica. Madrid: Akal. ISBN 84-460-1472-6.

Ligazóns externas

editar