Abrir o menú principal

Armenia bagrátida

O reino bagrátida de Armenia, tamén coñecido como Armenia bagrátida (en armenio: Բագրատունյաց Հայաստան, Bagratunyats Hayastan ou Բագրատունիների թագավորություն, Bagratunineri t’agavorut’yun), foi un estado independente creado por Ashot I de Armenia en 885[2] despois de case dous séculos de dominación árabe de Armenia baixo o califato Omeia e o Abbásida. Coas dúas potencias contemporáneas da rexión, os abbássidas e os bizantinos, demasiado preocupados por concentrar as súas forzas en someter aos pobos da rexión e na disipación das diversas familias armenias nobres nakharar, Ashot foi quen de reafirmarse como a figura principal dun movemento para expulsar os árabes de Armenia.[3]

Reino bagrátida de Armenia

8841045
 

 

 

Bandeira

Capital Bagaran (885–890)
Shirakavan (890–929)
Kars (929–961)[1]
Ani (961–1045)
Lingua Armenio
Relixión Igrexa apostólica armenia
Goberno Monarquía
Dinastía Bagratuni
 • 885890 Ashot I de Armenia
 • 890914 Sembat I
 • 914928 Ashot II
 • 928953 Abas I
 • 953977 Ashot III
 • 977989 Sembat II
 • 9891020 Gagik I
 • 10201040
* 1021–1039
Hovhannes-Sembat III
Ashot IV (simultaneamente)
 • 10421045 Gagik II
Período histórico Idade Media
 • Establecido 884
Superficie 140 000 km²
Moeda Hyperpyron
Dinar abbásida

O prestixio de Ashot aumentou cando a súa subida ao poder foi festexada polos dous líderes bizantinos e árabes, desexosos de manter un estado tampón preto das súas fronteiras. O califato recoñeceu a Ashot como "príncipe de príncipes" en 862 e, máis tarde, como rei no ano 884 ou 885. O estabelecemento do reino bagrátida (tamén chamado Bagratuni) máis tarde, implicou á fundación de diversos principados e reinos armenios: Taron, Vaspurakan, Kars, Khachen e Siunia.[4] Baixo o reinado de Ashot III, Ani converteuse na capital do reino e nun centro económico e cultural florecente.[5]

A primeira metade do século XI viu a decadencia e o eventual colapso do reino. Cunha sucesión de vitorias do emperador Basilio II que supuxo a anexión de partes do suroeste de Armenia, o rei Hovhannes-Sembat III viuse na obriga de ceder as súas terras, e en 1022 comprometeuse por "vontade propia", a confiar o seu reino aos bizantinos trala súa morte. Porén, despois da morte de Hovhannes-Sembat en 1041, o seu sucesor, Gagik II, negouse a entregar Ani e a resistencia continuou até 1045, cando o seu reino, cheo de ameazas internas e externas, finalmente foi tomado polas forzas bizantinas.[6]

HistoriaEditar

 
Emirato de Armenia baixo mandato árabe, antes do estabelecemento da dinastía Bagratuni.

ContextoEditar

O debilitamento do Imperio Sasánida durante o século VII supuxo o xurdimento doutro poder rexional, o dos árabes musulmáns. Os árabes omeias conquistaran grandes extensións de territorio no Oriente Medio e, en dirección cara ao norte, comezaron a facer incursións periódicas en territorio armenio no ano 640. Teodoro Reshtuni, o Curopalate armenio, asinou un tratado de paz co califato, aínda que a continuación da guerra cos árabes e os bizantinos axiña conduciu a unha maior destrución por toda Armenia. En 661, os líderes armenios acordaron someterse ante o poder musulmán, mentres que estes recoñeceron a Grigor Mamikonian, da poderosa familia nakharar Mamikonian, como ishkhan (ou príncipe) de Armenia.[7] A rexión pasou a chamarse "al-Arminiya", provincia gobernada por un ostikan e con capital na cidade de Dvin.

Porén, o mandato Omeia en Armenia medrou en crueldade a comezos do século VIII. As revoltas contra os árabes espalláronse por toda Armenia até 705, cando baixo o pretexto dunha reunión de negociacións, o ostikan árabe de Nakhichevan masacrou a case toda a nobreza armenia.[8] Os árabes tentaron reconciliarse cos armenios, mais o aumento dos impostos, o empobrecemento do país por mor da falta de comercio e a preferencia dos Omeia da familia Bagratuni no canto dos Mamikonian (outras familias nobres incluían os Artsruni, Kamsarakan e Reshtuni) impediuno. Aproveitando a caída dos omeia polos abbásida, concibiuse unha segunda rebelión. Non obstante, tamén fracasou en parte por mor da tensa relación entre as familias Bagratuni e Mamikonian. O fracaso da rebelión tamén supuxo a case desintegración da casa Mamikonian coa perda de control de case todas as súas terras (os membros da familia Artstruni foron quen escapar e de estabelecerse en Vaspurakan).

En 774 tivo lugar unha terceira e última rebelión, derivada de queixas semellantes ás da segunda, e liderada por Mushegh Mamikonian co apoio doutros nakharars. Os árabes abbásida, marcharon contra Armenia cun exército de 30 000 homes e sufocaron a rebelión e os seus instigadores na batalla de Bagrevand o 24 de abril de 775, deixando un oco a encher para a única familia intacta, os Bagratuni.[9]

Ascenso dos BagratuniEditar

Artigo principal: Dinastía Bagratuni.

A familia Bagratuni fixera todo o posible para mellorar as súas relacións cos califas abbásida dende que tomaran o poder en 750. Os abbásida sempre tiveron sospeitas sobre a apertura da familia, mais a comezos da década de 770, a súa relación mellorou drasticamente: os membros da familia axiña foron recoñecidos como líderes dos armenios na rexión.[10] Trala terceira rebelión, na que os Bagratuni non participaron, e a dispersión de varias familias principescas, a familia quedou sen rivais. Non obstante, calquera oportunidade para tomar o control da rexión complicouse por mor da inmigración árabe a Armenia e o nomeamento de emires por parte do califa para gobernar os distritos administrativos de nova creación (emiratos).

Afortunadamente para os armenios, o número de árabes que residían en Armenia nunca creceu abondo para formar unha maioría e os emiratos tampouco foron totalmente subordinados ao califa.[11] Como observou o historiador George Bournoutian, "a fragmentación da autoridade árabe proporcionou a oportunidade para rexurdimento" da familia Bagratuni liderada por Ashot Msaker (o "Comedor de Carne").[12]

Ashot comezou a anexionar as terras que antes pertencían a familia Mamikonian e fixo campaña activa contra os emires como un sinal da súa lealdade ao califato, que en 804 lle outorgou o título de ishkhan.[13] Trala súa morte en 826, Ashot legou a súa terra a dous dos seus fillos: o maior, Bagrat Bagratuni, recibiu Taron e Sasun e tamén herdou o prestixioso título de ishkhanats ishkhan (príncipe de príncipes), mentres que o seu irmán, Sembat I, converteuse no sparapet de Sper e Tayk.[14]

Porén, os irmáns non foron quen de resolver as súas diferenzas nin de formar unha fronte unida contra os musulmáns. Unha nova rebelión armenia contra o dominio árabe estalou en 850 dirixida por Bagrat e Ashot Artzruni de Vaspurakan, mais ao igual que as revoltas anteriores, non tivo éxito: un exército árabe liderado polo xeneral turco Bugha al-Kabir capturou a Bagrat, Sembat e outros príncipes armenios e sufocou brutalmente a rebelión.[15]

Estabelecemento do reinoEditar

 
Ascenso do Reino de Armenia baixo a dinastía bagrátida.

A sorte dos armenios mudou en 867 co ascenso do emperador Basilio I de Bizancio, cuxas existosas campañas militares contra os árabes debilitaron o mandato abbásida en Armenia. En 857, Sembat foi sucedido polo seu fillo Ashot I, quen comezou a reconquistar territorios anteriormente en mans dos árabes. Asumiu o título de príncipe de príncipes en 862 e nomeou o seu irmán Abas como sparapet cando comezaron a expulsar os árabes dende a súa base en Tayk.[4] Os seus esforzos iniciais de botar o ostikan de Arminiya fracasaron, aínda que non o disuadiron de aproveitarse da rivalidade entre árabes e bizantinos.[16]

Ao principio, foi celebrado por un Bizancio desesperado por asegurar o seu franco oriental para dirixir toda a súa forza contra os árabes, aínda que Ashot declarara a súa lealdade ao Imperio Bizantino, os líderes bizantinos proseguiron coa súa continuada petición de que a Igrexa apostólica armenia fixese concesións á Igrexa ortodoxa.[17] Convocouse un sínodo dos líderes da igrexa armenia e enviouse unha misiva cargada de redacción equívoca a Constantinopla, que fixo posible un acordo temporal entre as dúas igrexas. En calquera caso, as diferenzas relixiosas importaban poco aos bizantinos tanto en conta a ameaza dos árabes.[18] En 884, o califa Al-Mu'tamid, reaccionado ás peticións dos príncipes armenios e os líderes relixiosos, e máis importante, os riscos de seguridade na que Armenia caera baixo a órbita bizantina, envioulle unha coroa a Ashot, recoñecéndoo como rei.[16] Este feito non pasou desapercibido para Basilio, quen tamén lle enviou unha coroa. Ashot trasladou o seu trono á fortaleza da cidade de Bagaran e foi aquí onde se celebrou a cerimonia da súa coroación entre os anos 884 e 885.[4]

Polo tanto, Ashot restaurou a monarquía armenia e converteuse no primeiro rei de Armenia dende o ano 428.[19] Obtivo o favor tanto dos bizantinos como dos árabes, pero en última instancia, amosou lealdade a Basilio e optou forxar unha alianza cos bizantinos no ano 885.[20]

Ashot non era o único prícipe armenio da rexión (existían outros principados en Syunik, Vaspurakan e Taron), pero tivo o apoio dos outros príncipes cando recoñeceron a súa autoridade na súa subida ao trono.[21] Na súa condición de rei, a súa autoridade tamén traspasou as súas fronteiras até os estados veciños de Xeorxia, Albania caucásica e varios dos emiratos árabes.[16] O reinado de Ashot foi breve, e despois da súa morte en 890, foi sucedido polo seu fillo Sembat I.

Sembat IEditar

 
O reino de Vaspurakan, formado en 908.

Sembat I foi corado rei no ano 892, despois dun breve intento do seu tío Abas de perturbar a súa sucesión no trono. Sembat continuou a política do seu pai de manter relacións cordiais cos bizantinos mais era conscientes dos temores dos árabes sobre unha alianza armenio-bizantina. Falando co ostikan árabe Muhammad Ibn Abi'l-Saj (Afshin), Sembat convenceuno de que a alianza non só sería proveitosa para Bizancio e Armenia senón que tamén favorecería economicamente aos árabes.[22] Sembat tamén conseguiu unha gran vitoria cando o 21 de abril de 892, recuperou a cidade histórica de Dvin que estaba en baixo dominio árabe.

Os éxitos de Sembat detivéronse ó pouco tempo cando Afshin decidiu que non podería permitir unha Armenia poderosa tan preto dos seus dominios. Volveu capturar Dvin e conseguiu que a muller de Sembat fose a súa refén até que a liberou en troques do fillo e o sobriño de Sembat. A guerra contra Armenia continuou mesmo despois da morte de Afshin en 901, cando o seu irmán Yusuf Ibn Abi'l-Saj se converteu en ostikan de Arminiya. Xa que o reino de Yusuf non foi inmediatamente hostil, Sembat cometeu unha serie de erros que provocavon que varios dos seus aliados lle desen as costas: intentando aplacar ó seu aliado oriental, Sembat de Syunik, cedéndolle a cidade de Nakhichevan, Sembat inadvertidamente levou a Gagik Artsruni de Vaspurakan aos brazos de Yusuf xa que a cidade formaba parte dos dominios de Gagik.[23] Yusuf aproveitou este enfrontamento ao outorgar a Gagik unha coroa en 908, converténdose así no rei Gagik I de Vaspurakan e creando un estado armenio oposto ao encabezado por Sembat.[4]

Cando Yusuf comezou unha nova campaña contra Sembat coa colaboración de Gagik en 909, nin os bizantinos nin o califa enviaron axuda a Sembat; varios príncipes armenios tamén optaron por negarlle o seu apoio. Aqueles que fixeron alianzas con Sembat foron tratados brutalmente polo poderoso exército de Yusuf: o fillo de Sembat, Mushegh, o seu sobriño Sembat Bagratuni, e Grigor II de Syunik Occidental, foron todos envelenados.[24] O exército de Yusuf destrozou o resto de Armenia mentres avanzaba cara á Fortaleza Azul, onde se refuxiara Sembat e onde sufriu o seu asedio por un tempo. Finalmente, Sembat decidiu renderse perante Yusuf en 914 coa esperanza de acabar co ataque árabe; porén, Yusuf non amosou compaixón cara aó seu prisioneiro e torturou ó rei armenio até a morte, colocando o seu corpo sen cabeza sobre unha cruz en Dvin.[25]

Rexurdimento baixo Ashot YerkatEditar

A invasión de Yusuf sobre Armenia deixou ó reino en ruínas e este feito resoou entre os príncipes armenios que quedaron esmagados ao testemuñar a brutalidade do ostikán árabe. Gagik I conmoveuse especialmente e axiña negou a súa lealdade a Yusuf e comezou a facer campaña contra el. Con Yusuf distraído pola resistencia do seu antigo aliado, o fillo de Sembat Ashot II considerou axeitado asumir o trono do seu pai. Ashot á vez comezou a expulsar aos musulmáns fóra dos seus dominios. O apoio a Ashot tamén chegou polo oeste: a emperatriz bizantina Zoe vira con consternación como se desenvolvera a invasión árabe de Armenia polo que lle ordenou ao Patriarca Nicolao I o Místico escribir unha carta oficial dirixida ós católicos armenios para formar unha nova alianza con Armenia.[26] Os católicos responderon amistosamente e en 914, Ashot aceptou un convite de Zoe para visitar Constantinopla. Alí, Ashot foi ben recibido, e unha forza bizantina foi creada para axudar a Armenia a derrotar aos árabes. A forza, que acompañou a Ashot e que estivo liderada por Doméstico das escolas León Phokas, moveuse o ano seguinte e marchou ó longo do alto Éufrates, entrando en Taron con pouca oposición dos árabes.[27]

Namentres, os esforzos de Yusuf por esmagar a Gagik erraron miserablemente; en vez diso, Yusuf volcou a súa atención en Ashot e tentou debilitar a súa posición coroando ó curmán de Ashot, Ashot Shapuhyan, rei de Armenia. Porén, os exércitos de Ashot Shapuhyan e Yusuf non foron quen de deter o avance bizantino, que só se detivo despois de capturar Dvin por mor do comezo do inverno. Deste xeito, as forzas bizantinas devolveron a Ashot a unha posición de forza en Armenia e logrou inflixir numerosas baixas aos árabes.[28] Ashot o anti-rei aínda contaba co control de Dvin e desencadeou unha guerra civil dende 918 até 920, cando o pretendente finalmente concedeu a derrota. Outras moitas rebelións tiveron lugar en Armenia pero Ashot foi quen de sufocar cada unha delas. En 919, Yusuf iniciara unha rebelión fracasada contra o califa e foi substituído por un ostikán con mellor disposición, Subuk. Subuk recoñeceu a Ashot como o lexítimo soberano de Armenia e concedeulle o título de Shahanshah, ou "rei de reis."[29]

Ironicamente, os bizantinos estaban angustiados coas estreitas relacións de Ashot cos árabes e enviaron unha nova forza baixo o Doméstico de escolas armenio Xoán Kourkouas para perturbar a posición de Ashot como rei e apoiar aos rebeldes que estaban loitando contra el. En 928, Kourkouas chegou a Dvin nun pouco exitoso intento por capturar a cidade que foi defendida tanto polos árabes como por Ashot. En 923, o califa, afrontando problemas no seu reino, liberou a Yusuf, quen viaxou de volta a Armenia para liberar toda a súa xenreira contra Armenia e especialmente contra Gagik I.[30] Comezou por pedir tributos ós gobernantes armenios pero encontrouse cunha considerable resistencia por parte de Ashot II. Unha e outra vez, Ashot puido derrotar e e destruír os exércitos árabes que lle enviaron durante varios anos. Finalmente, en 929, Yusuf morreu e comezou unha gran loita de poder entre as familias rivais iranianas e kurdas en Acerbaixán, reducindo a ameaza árabe sobre Armenia. O emperador bizantino Romano Lekapenos tamén centrou a súa atención cara ó leste para loitar ós árabes en Syria. Os esforzos de Ashot por preservar e defender o reino valéronlle o epíteto "Yerkat", ou "ferro";[4] morreu en 929 e foi sucecido polo seu irmán, Abas I.[31]

 
Esculturas de Smbat e Gurgen Bagratuni en Sanahin.

Estabilidade durante AbasEditar

O reino de Abas I caracterizouse por un infrecuente período de estabilidade e prosperidade que Armenia non disfrutara había décadas.[32] A súa capital estaba situada en Kars e Abas conseguiu numerosas vitorias tanto no ámbito doméstico como no estranxeiro. O mesmo ano no que comezou a reinar, Abas viaxou a Dvin, onde foi quen de convecer o gobernador árabe para que liberase varios reféns armenios e que devolvese o control do pazo pontificio de novo a Armenia. O conflito entre os árabes foron mínimos tamén, coa excepción dunha derrota militar que Abas sufriu preto da cidade de Vagharshapat. Así e todo, foi moito menos conciliador con bizantinos, que demostraran en varias ocasións a súa falta de credibilidade cos aliados, atacando e anexionando territorios armenios. Por sorte para el, Romano I estaba máis centrado en loitar contra os árabes hamdánidas, deixando a Abas a liberdade de levar a cabo as súas políticas sen interferencias estranxeiras.[33]

Outra ameaza estranxeira que Abas tivo que enfrontar, foi a invasión polo rei Ber de Abkhazia en 943: completouse unha nova igrexa en Kars baixo as ordes de Abas, e antes da súa consagración, Ber apareceu cun exército a carón do río Araz, esixindo que a nova igrexa se consagrase baixo o rito de Calcedonia.[34] Abas negouse a facer concesións e emboscou as forzas de Ber nun asalto durante o amencer. Despois de diversas escaramuzas máis, Ber foi finalmente capurado polos homes de Abas. Abas levou ao rei á nova igrexa e díxolle que xamais a vería de novo, deixándoo cego e enviándoo de novo a Abkhazia. Abas morreu no ano 953, deixando o seu reino aos seus dous fillos, Ashot III e Mushegh.

Idade dourada de ArmeniaEditar

 
Estatua do rei Gagik I.

A investidura oficial de Ashot III como rei de Armenia aconteceu no ano 961, despois do traslado da Santa Sé de Vaspurakan a Argina, preto da cidade de Ani. Asistiron diversos continxentes das forzas armadas de Armenias, 40 bispos, o rei de Albania caucásica, así como Catholicos Anania Mokatsi, quen coroou ao rei co título de shahanshah.[35] Ese mesmo ano, Ashot tamén trasladara a capital de Kars a Ani. Os reis bagrátidas nunca antes escolleran unha cidade na que se instalar, alternando entre Bagaran, Shirakavan e Kars. Kars nunca estivo nun estado no que se puidera converter en capital e Dvin foi descartada por completo, dada a súa proximidade aos emiratos hostís. As defensas naturais de Ani adaptábanse ben ao desexo de Ashot para asegurar unha área que podería soportar un asedio e cadraba na ruta comercial que conectaba Dvin con Trebisonda.[36]

Grazas a esta ruta comercial, a cidade comezou a medrar rapidamente e converteuse no centro político, cultural e económico dos bagrátidas de Armenia. Os comerciantes e a poboación da cidade abriron tendas, mercados, obradoiros e hostais, mentres que a elite nakharar pasou a patrocinar a construción de magníficas mansións e pazos. A construción tamén se completou coa mesma filantropía que a do rei Ashot, incluíndo a construción das famosas murallas "Ashotashen", que se ergueron arredor de Ani, mosteiros, hospitais, escolas e asilos (a súa dona Khosrovanuysh tamén fundou os complexos monásticos en Sanahin en 966 e en Haghpat no ano 976). O patrocinio da construción de todos estes edificios déronlle a Ashot o alcume de "Voghormats", ou "o Misericordioso".[37] Ashot tamén tivo un grande éxito non asuntos exteriores. Cando un exército bizantino dirixido polo emperador Xoán I Tzimisces invadiu Taron en 973, supostamente para vingar a morte do seu Domestikos morto a mans dos árabes en Mosul, Ashot mobilizou un exército de 80 000 homes para forzar a súa retirada.[38]

O ano seguinte, forxou unha alianza con Tzimisces e enviou 10 000 tropas armenias co emperador para marchar contra os emiratos árabes de Alepo e Mosul. Ashot tamén intentara, sen éxito, capturar Dvin ao emir xaddádida en 953, asediando a cidade durante moito tempo, mais viuse na obriga de levantar o asedio despois de atopar a cidade ben defendida.[39]

O reino de Armenia pasou a chamarse Reino de Ani dende 961, cando a cidade pasa a ser a súa capital, até a súa incorporación ao Imperio Bizantino o ano 1045. Déuselle este nome para distinguilo do reino de Kars, que na repartición entre os dous fillos de Abas, quedou en mans de Mushegh I en 961 (ou 962) mentres Ashot III gobernou a rexión de Ani.

SubreinosEditar

Un novo fenómeno que se iniciou baixo o reinado de Ashot III e que continuou cos seus sucesores, foi a creación de subreinos na Armenia bagrátida. Ashot III enviara o seu irmán Mushegh como gobernador de Kars (Vanand) e permitíralle usar o título de rei. O distrito administrativo de Dzoraget, preto do lago Sevan foille dado ao fillo de Ashot, Kiurike, o proxenitor da liña kyurikida, no ano 966, que máis tarde tomou o título de rei. A proliferación de tantos reinos funcionou en beneficio de Armenia, sempre que o rei de Ani fose forte e mantivese a súa hexemonia sobre os outros reis. En caso contrario, os reis, así como os seus respectivos bispos que reclamaban a posición de Katholikós e formular as súas propias doutrinas, comezarían a poñer a proba os límites da súa autonomía.[40]

Progreso durante Sembat e GagikEditar

Esta era próspera que vivía Armenia continuou durante o reinado do fillo e sucesor de Ashot, Sembat II. Ani medrara tanto no momento de ascenso de Sembat en 977, que o novo rei fixo construír un segundo conxunto de murallas, coñecido como as murallas Smbatashen.[5]

 
Armenia bagrátida e os seus estados veciños: Vaspurakan, Taron, Siunia-Baghk, Khachen, etc.

Declive e invasión bizantinaEditar

Os bizantinos achegábanse lentamente cara ao este en dirección a Armenia na última década do século X. As numerosas vitorias do emperador Basilio II contra os árabes e as loitas internas árabes axudaron a facilitar o camiño cara ao Cáucaso. A política oficial de Constantinopla foi que ningún gobernante critián era igual ou independente do emperador bizantino, e aínda que fose enmascarato con compromisos diplomáticos, o obxectivo final do imperio era a anexión completa dos reinos armenios.[41] A mediados do século X, o Imperio Bizantino estaba ao longo de toda a lonxitude da fronteira occidental de Armenia. Taron foi a primeira rexión armenia anexionada ao Imperio Bizantino. En certo sentido, os bizantinos consideraban os príncipes bagrátidas de Taron como os seus vasalos, porque aceptaran sistematicamente títulos como o de estratego, e estipendios de Constantinopla. Trala morte de Ashot Bagratuni de Taron, en 967 (non confundir con Ashot III) os seus fillos non foron capaces de soportar a presión do imperio, que anexiou finalmente o seu principado.[41]

O reino dos Ardzruni de Vaspurakan tamén se anexionou máis tarde. En 1003, o último gobernador do reino, Senekerim-Hovhannes, fillastro do rei Gagik I de Ani, deixara de lado os seus sobriños para se converter no único rei de Vaspurakan. O seu goberno fíxose aínda máis precario na década de 1010 coas incursións de saqueo por parte de diversos grupos turcománs. En 1016, Senekerim-Hovhannes ofreceu a Basilio II as terras de Vaspurakan, incluíndo 72 fortalezas e 3.000-4.000 vilas, a cambio dun vasto dominio cara ao oeste no territorio bizantino, centrado na cidade de Sebastia, á que se mudou en 1021 xunto coa súa familia e uns 14 000 refuxiados.[41]

Basilio II, pola súa banda, xa enviara un exército dos Balcáns cara a Vaspurakan (que tamén se chamaba Basprakania, Asprakania ou Media), mesmo ante da oferta de Senekerim-Hovhannes e reduciuno a thema bizantino con Van como capital rexional. Coa caída do reino Ardzruni, o poder bizantino estabeleceuse con firmeza nas terras altas de Armenia, permanecendo independentes só os reinos bagrátidas, Syunik e Baghk.[41]

 
Armenia bagrátida anexionada ao Imperio Bizantino.

Disputas internas e caídaEditar

Trala morte do rei Gagik I (en 1017 ou 1020), o reino da Armenia bagrátida dividiuse entre os seus dous fillos: Hovhannes-Sembat, que recibiu o territorio de Ani, e Ashot IV o Bravo, que herdou un territorio que incluiría Dvin, pero que non puido ocupar por mor da súa captura polo xaddádida Abu'l-Aswar Shavur ibn Fadl de Gandja.[41] Os dous irmáns loitaron toda a súa vida. Nestes días tumultuosos de disputas territoriais, Hovhannes-Sembat, que non tiña fillos, enviou ao Katholikós Petros Getadarts a Bizancio coa finalidade de negociar unha tregua parcial deixando o seu reino ao imperio despois do seu pasamento. Os resultados inmediatos desta acción son descoñecidos, mais despois da morte dos dous irmáns, en 1040-1041, o novo emperador bizantino e sucesor de Basilio II, reclamou o reino da Armenia bagrátida. O fillo de Ashot, Gagik II, co apoio do sparapet Vahram Pahlavouni e os seus seguidores, tan só reinou por un período de dous anos. A pesar da disensión interna liderada polo supervisor pro-bizantino Sargis Haykazn, o rei armenio foi quen de rexeitar un ataque proveniente de Turkmenistán.[41] Así e todo, posiblemente coa persuasión de Sargis, aceptou a invitación do emperador Constantino IX a Constantinopla, onde se viu na obriga de ceder o seu dominio ao imperio a cambio dun dominio na Capadocia. En 1044, os bizantinos invadiron dúas veces Ani, pero non puideron conquistala. Ante esta situación tan grave, o Katholikós Petros Getadarts, que gobernaba Ani en ausencia do rei, rendeu Ani aos bizantinos en 1045. A continuación, Ani foi anexionada ao thema de Iberia, que pasou a chamarse "Iberia e Ani" ou "Iberia e Armenia".[41] 1045 é lembrado como o ano no que se perdeu a soberanía de Armenia no seu territorio tradicional por un período de 850 anos.

O rei bagrátida de Kars, Gagik-Abas, aínda conservou o seu trono mesmo até despois de 1064, cando Ani caeu en mans dos turcos selxúcidas. Por este motivo, finalmente cedeu as súas terras aos bizantinos e retirouse a Anatolia, só para ver como Kars era capturada polos turcos en 1065. En Baghk e Syunik oriental, só resistiron unhas poucas fortalezas armenias.[41]

Cultura e sociedadeEditar

GobernoEditar

O rei bagrátida de Armenia gozaba de poderes ilimitados e era a máxima autoridade á hora de resolver as cuestións de política interna e externa. Os príncipes e nakharars estaban directamente subordinados ao rei e recibían e mantiñan as súas terras só grazas ao seu permiso. Se algún nobre desobedecía as ordes do rei, este tiña o dereito de confiscarlle as terras e de distribuílas entre os outros nobres.[4] Porén, o concepto de dereito divino non existía.

RelixiónEditar

Artigos principais: Igrexa apostólica armenia e Tondrakians.
 
A catedral de Ani, completada no ano 1001.

A maioría dos armenios pertencían á Igrexa apostólica armenia, aínda que houbo elementos na sociedade armenia que foron tomados da Igrexa ortodoxa, a relixión oficial do Imperio Bizantino. Bizancio pediu unha comuñón coa Igrexa armenia como requisito para enviar axuda aos Bagratuni, mais a maioría dos intentos non deron o seu froito.

A mediados do século X, un novo desafío interno á autoridade da Igrexa armenio e o seu reino xurdiu cando os tondrakians experimentaron un rexurdimento. Tratábase dunha seita cristiá antifeudal e herética que estivera suprimida polos árabes co apoio da Igrexa armenia no século IX. O movemento tondrakian atraeu a moitos seguidores durante este período.[42] Ashot III decatárase do perigo que os tondrakians supoñían para o reino, e foi este unha das razóns polas que someteu a Igrexa baixo o seu dominio, facendo doazóns de terras e patrocinando a construción de novos mosteiros e igrexas.[43] Porén, a mensaxe dos tondrakians continuou espallándose e sucesivos reis armenios traballarían para remprimir a súa expansión.

EconomíaEditar

O reino bagrátida baseábase esencialmente en dúas economías: unha que se centraba nunha agricultura baseada no feudalismo e outra que se concentraba no mercantilismo entre vilas e cidades. Os labregos (coñecidos como ramiks) formaban a clase máis baixa no estrato económico e en gran parte ocupábanse da gandaría e a agricultura. A maioría deles non posuían terras e vivían alugando e traballando como xornaleiros, ou mesmo como escravos nas terras propiedade de magnates feudais ricos. Os labregos víronse na obriga de pagar fortes impostos ao goberno e á Igrexa apostólica armenia, ademais de aos seus señores feudais.[4] A meirande parte dos campesiños seguiron na pobreza e mantívose a carga impositiva. Esta situación adoitaba culminar en levantamentos campesiños que o estado tivo que reprimir.[44]

O reino bagrátida non emitía moeda propia e utilizaba a moeda de Bizancio e dos califatos árabes. A expansión do comercio entre Bizancio e o califato estabeleceu diversas rutas comerciais que se desenvolveron a través de Armenia. A ruta máis importante comezaba en Trebisonda, en Bizancio, e dende alí conectaba as cidades de Ani, Kars e Erzurum. A cidade de Kars permitiu o comercio cara ao norte, cos portos do mar Negro e de Abkhazia. Outras vías conectaban as cidades de Anatolia e Irán, e a ruta principal que ía dende o califato ao Rus de Kiev chegou a ser coñecida como a "Grande autoestrada armenia".[45] Ani non ficaba preto de ningunha das rutas comerciais importantes, mais polo seu tamaño, poder e riqueza, chegou a ser un importante centro de comercio. Dende Ani, Armenia exportaba téxtiles, ourivaría, armaduras, xoias, cabalos, gando, sal, viño, mel, madeira, coiro e peles.[46] Os seus principais socios comerciais éran o Imperio Bizantino, os árabes, o Rus de Kiev e Asia Central.[5] Dvin seguía sendo unha cidade importante xunto con Ani, tal e como se evidencia nunha vívida descrición do historiador e xeógrafo árabe al-Muqaddassí:

Dabil [Dvin] é unha cidade importante, nela hai unha cidadela inaccesible e grandes riquezas. O seu nome é antigo, as súas roupas famosas, o seu río caudaloso, está envolta por xardíns. A cidade conta con suburbios, a súa fortaleza e fiable, as súas prazas teñen forma de cruz, os seus campos son marabillosos. A mesquita principal atópase nun outeiro e a carón da mesquita está a igrexa... A carón da cidade hai unha cidadela. Os edificios dos habitantes son de barro e pedra. A cidade conta con portes principais como Bab ['porta'] Keydar, Bab-Tbilissi e Bab-Ani.[47]

Dvin fíxose famoso no mundo árabe pola súa produción de lá e seda e pola exportación de coxíns, alfombras, cortinas e mantas.

DemografíaEditar

Durante o período bagrátida, a gran maioría da poboación de Armenia era de etnia armenia. As fontes árabes do século X dan fe que as cidades do val do río Araz permaneceron predominantemente armenias e cristiás a pesar da dominación arábida e musulmá. De feito, no século X xeógrafo árabe Ibn Hawqal especificaba que os armenios eran numerosos en Dvin e Nakhichevan.[48] De tódolos xeitos, houbo unha notable presenza musulmá nalgunhas rexións de Armenia. Por exemplo, a rexión do sur de Altzniq foi fortemente arabizada en períodos anteriores á dominación musulmá. Na beira norte do lago Van, nos séculos IX e X, tamén había unha considerable poboación musulmá, primeiro de etnia árabe, e máis tarde dailamitas de Acerbaixán.[48]

Arte e literaturaEditar

 
Retrato de Gregorio de Narek nun manuscrit iluminado de 1173.
 
Manuscrito iluminado dos evanxeos Echmiadzin completados o 989.

As incursións árabes e a invasión de Armenia, así como a devastación causada á terra durante as guerras bizantino-árabes suprimiron en gran parte unha expresión da cultura armenia en campos como a historiografía, a literatura e a arquitectura. Estas restricións desapareceron cando se estebeleceu o reino bagrátida, marcando o comezo dunha nova idade de ouro da cultura armenia.

A falta dunha forte presenza árabe houbo un aumento no número de historiadores que escribiron e documentaron as relacións entre Armenia e outros países, así como moitos acontecementos que tiveron lugar entre os séculos VII e XI. Grazas ao mecenado dos reis e nobres, os mosteiros convertéronse en centros de estudo e escritura en todo o reino.[46] Os mosteiros de Haghpat e Sanahin foron centros coñecidos para a educación superior. Entre as figuras máis notables da literatura e filosofía armenias desta época destacan o místico Grigor Narekatsi e Grigor Magistros.

A arte dos manuscritos iluminados e as miniaturas tamén viu un rexurdimento durante esta época. O período de relativa paz entre Bizancio e Armenia durante a segunda metade do século X trouxo unha forte interacción entre os artistas armenios e os seus homólogos gregos. Os autores dos manuscritos tiñan tendencia ora a resaltar o aspecto natural do corpo humano, ora a renunciar a el e concertrarse no aspecto da decoración nas ilustracións.[49]

A arquitectura armenia durante a era bagrátida foi especialmente prominente e "a maioría das igrexas sobreviventes na Armenia actual son deste período".[50] A cidade de Ani, sita nun punto de intercambio comercial entre os bizantinos, os árabes e comerciantes doutros países, medrou durante o século IX, tanto comercialmente como culturalmente, gañando fama polas súas "40 portas e 1.001 igrexas".[19] As igrexas deste período melloraron os deseños das do século VII, aumentando en altura, introducindo os retratos dos doantes no interior e introducindo elementos da arquitectura bizantina e islámica.[51] As igrexas construíanse sempre en pedra, con teitos abovedados e cunha cúpula esférica.[52] Moitas igrexas e outras formas de arquitectura sufriron vandalismo ou a destrución absoluta tralas invasións selxúcidas dos séculos XI e XII.

NotasEditar

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Hovannisian, Richard G. (ed.) The Armenian People from Ancient to Modern Times, Volume I, The Dynastic Periods: From Antiquity to the Fourteenth Century. New York: Palgrave Macmillan, 1997. ISBN 978-0-312-10169-5.
  • Grousset, René. Histoire de l'Arménie: des origines à 1071. Paris: Payot, 1947. (en francés)
  • Ter-Ghevondyan, Aram N. Արաբական Ամիրայությունները Բագրատունյաց Հայաստանում (The Arab Emirates in Bagratuni Armenia). Yerevan, Armenian SSR: Armenian Academy of Sciences, 1965. (en armenio)
  • Toumanoff, Cyril. "Armenia and Georgia." Cambridge Medieval History. vol. vi: part 1. Cambridge: Cambridge University Press, 1966.
  • Yuzbashyan, Karen. N. Армянские государства эпохи Багратидов и Византия, IX-XI вв (The Armenian State in the Bagratuni and Byzantine Period, 9th-11th centuries). Moscow, 1988. (en ruso)

Ligazóns externasEditar