A galiña na cultura popular galega
A seguir recóllese información diversa sobre a pegada da galiña na cultura popular galega, e tamén a súa presenza na literatura oral galega, agrupando todo o referente á galiña, ó galo, polos, pitos e pitas, capóns e, por suposto, ós ovos. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.
Etnografía
editarCrese que as galiñas vellas cantan como o faría un galo, polo que esta forma de cantar, actitude propia da vellez, agoira a morte de alguén da casa. Para espanta-lo agoiro hai que dicir: Pasa, mala cousa, pasa,/ San Xuan bendiga nuestra casa/ cunha palanca/ por riba da casa. Outras informacións van máis lonxe e aconsellan que cando tal aconteza hai que mata-la galiña de contado e, deste xeito, a desgraza que agoiraba recaerá sobre ela. Rivas Quintas engade que, á vez que se lle retorce o pescozo, hai que dicirlle: Morte por morte, en ti cai a sorte.
Crenzas relacionadas cos ovos
editarTradicionalmente considerouse pecado botar no lume as cascas dos ovos, por crer que se utilizaron no martirio de San Lourenzo. Outros autores atribúen este costume a un vello culto ó lume, protector dos fogares, ó que non se podía ofender botándolle cousas de refugallo. De aí a frase se hei come-los ovos, que é o millor, non lle hei da-las cascas, que é o pior.
O costume dos ovos de Pascua que se regalan ó abade da parroquia cando vai bendeci-las casas o domingo de Resurrección parece vir, segundo algún etnógrafo, dunha demostración de alegría ó remata-lo xexún a abstinencia da Coresma.
Outras crenzas relacionadas cos ovos son as seguintes:
- Que os ovos dunha galiña negra son máis nutritivos que os outros, ou que curan certas enfermidades.
- En Mos (Pontevedra) utilizan unha pasta feita de cascas de ovo fresco e unha herba chamada urbaxán (orxabán, Verbena officinalis) para diagnostica-los aires dos meniños. Colócase esta pasta nun pano de liño sobre o ventre do rapaz enfermo e mírase ó cabo de 24 horas: se o pano está tinxido de vermello, como sangue, é que a causante do meigallo foi unha muller que tiña a menstruación; se se trata dun aire de gata, no pano aparecerán os pelos que a delatan. Esta superstición tamén existe en Ponte Sampaio (Pontevedra), coa única excepción de que os ovos teñen que ser de galiña negra (Víctor Lis Quibén).
- Que os galos, cando van vellos (hai quen concreta en sete anos de idade), poñen un único ovo, semellante en todo ó das galiñas pero de non máis de 2 cm. Nuns sitios, deste ovo nace un escorpión, para outros unha cobra ou o mesmo basilisco, animal pezoñoso por excelencia na imaxinación popular.
- O padre Xerónimo Feijoo negaba este último extremo, pero admitía que os galos vellos puxeran tal ovo:
- Lo que vulgarmente se cuenta de que el gallo anciano pone un huevo, del cual nace el basilisco, no es solo hablilla de vulgares, también tiene por patronos algunos autores, sin dejar por eso de ser cuento de viejas. Si la vejez del gallo non hiciese tan mala obra, y el basilisco fuera tan maligno como se pinta, ya el mundo estuviera poblado de basiliscos y despoblado de hombres. Es verdad que el gallo en su última vejez pone un huevo; pero falso que este huevo sea de tan malas consecuencias como aquel que, según la fábula, puso Leda, mujer de Tíndaro, y del cual nació la famosa Helena, verdadero basilisco de aquella edad [1].
- Risco explicábao así: "Cando un galo de sete años pon un ovo, do ovo sae unha cobra. Se despois de a brirse o ovo a cobra entra na casa do dono, se o dono ve primeiro á cobra, non hai coidado. Se a cobra é a que ve primeiro ó dono, é seguro que o dono morre naquel ano".
Finalmente, se un nigromante quere crear un demo familiar para os seus maleficios, ten que coller un ovo dun galo negro e fecundalo repetidas veces co sangue do seu dedo maimiño da man esquerda (V. Risco).
Léxico
editar- Poleiro significa, en primeiro lugar, tanto o galiñeiro como o pau ou conxunto de paus onde soben as galiñas para dormir. En sentido coloquial, a zona dun cine, teatro, etc, elevada, onde se sitúan as localidades máis baratas; tamén galiñeiro. E en sentido figurado, calquera posto elevado e influente ó que chega unha persoa.
- Cu de galiña: punto mal cosido nunha tea ou nas medias, de xeito que sobresae e avulta [2].
- Galiña fría, galiña morta: galiña que se entrega como pago do foro ó dono das terras [3].
- Galo: bote de pequeno tamaño para a pesca do polbo nalgunhas rías galegas [3].
- Vexetais:
- Collón de galo: variedade de uva.
- Mazá de cu de galiña: variedade de mazá así chamada por ter o ápice aguzado e con engurras [4].
- Crista de galiña: planta, Salvia verbenaca [5].
- Crista de galo, herba de galo: planta, Polygonum persicaria [5].
- Crista de galo: planta, Rhinanthus minor [5].
- Crista de galo: planta, Serapias cordigera [5].
- Herba do galo: planta, Polygonum lapathifolium [5].
- Herba do pito: planta, Aquilegia vulgaris'' [5].
- Galo cristo: herba mala [6].
- Leite de galiña: planta, Ornithogalum umbellatum, O. unifolium [5].
- Pata de galiña: herba gramínea, Cynodon dactylon.[5][7].
- Pé de galiña: planta chamada herba dona (Fumaria officinalis) [5].
- Pé de pita: abrótega, Asphodelus albus [5].
Os nomes de galo e galiña, con algunha adxectivación, entran na denominación de diferentes aves:
- Galiña de auga: a galiñola (Fulica atra) [3].
- Galiña de río, pita de auga, pola de auga: unha ave acuática, de auga doce (Gallinula chloropus) [7][8].
- Galiña do mar: a gaivota [9][10].
- Galo cresto: o gaio, paxaro semellante á pega [11].
- Galo de mar, galo do mar: o arao papagaio ou de altura (Fratercula arctica).
- Galo merdeiro, galo merdento ou galo merdoso: a bubela, porque se di que a femia embouta o niño con excrementos humanos, aínda que o certo é que o cheiro se debe a que deixa amorear no interior do niño as dexeccións dos polos [3].
- Galo monteiro, galo da braña: a avefría, polas plumas erguidas na cabeza, como se fose a crista do galo [3].
- Pita do monte, pita montesa: ave semellante a un galo, pero que habita nos bosques (Tetrao urogallus).
- Pito de neve: avefría [8].
- Pito formigueiro: peto [6].
- Pito verdeal, pito verdegaio, pito verdello: peto verde (Picus viridis) [8].
E tamén na denominación doutros animais pertencentes a outros grupos zoolóxicos:
- Galiña do mar: a xiba, quizais porque o bico da xiba lembra o dunha galiña [10].
- Galiña de Dios, galiña do Noso Señor: a bolboreta [3][8].
- Galo: bolboreta grande de vivas cores; Eladio Rodríguez non dá máis información [3].
- Galo merendeiro, galo monteiro: a libélula [6].
- Crista de galo: un crustáceo, chourizo (Aristaeomorpha foliacea). O nome responde á semellanza das pinzas deste animal coa crista dun galo [10].
- Galiña do mar: a sardiña, en algunhas partes [9]. Ríos Panisse non acerta a supoñer a razón desta denominación [10].
- Galiña do mar: peixe coñecido como cabra e cabra de altura (Helicolenus dactylopterus) [10].
- Galo: peixe, Callionymus lyra, porque as espiñas da aleta dorsal, longas e de vivas cores, lembran ao rabo do galo [10].
- Galo: castelanismo por rapante [3].
- Galo: peixe, escacho, Chelidonichthys lucerna (antes Trigla lucerna), quizais polas cores e pola aleta dorsal semellante a unha crista [10].
- Galo de mar, galo do mar, galo mariño, peixe galo: peixe Sanmartiño [3][10].
Locucións
editar- A paso de galiña: con lentitude, moi devagar [12].
- Andar coma a galiña con ovos: ter moito coidado co que se di ou fai.
- Andar coma cos ovos (Ben se decataba que naquel negocio había que andar coma cos ovos).
- Andar ós ovos: pedir ovos polas portas, cousa que se facía cando alguén mataba un lobo ou un raposo, pedindo esmola ós veciños como pago.
- ¡Bo galo lle cantou!: dise cando a alguén lle saíu ben un asunto que non parecía ter unha solución favorable [3].
- Botar unha galiña: poñerlle varios ovos a unha galiña choca para que os incube [3].
- Cacarexar e non poñer ovo: prometer e prometer moito pero logo non dar nada [13].
- Cando mexen as galiñas: nunca, negativa absoluta a facer ou conseguir algunha cousa [3][14].
- Cantar de galo: falar de máis, decubrir segredos por estar ebrio [15].
- Cheo coma un ovo: gordo ou, máis usualmente, vaidoso, fachendoso.
- Como galiña en curral alleo: dise da persoa que se atopa ou se sente fóra de sitio, avergonzada ou confuso entre xente descoñecida [3].
- Como o ovo: estar cheo, sobrado de todo.
- Coma o ovo redondiño, que non ten fondo nin buraquiño: dise de algo redondo, esférico, lisiño.
- Coma un ovo a outro: dise de dúas cousas, actitudes ou persoas que se asemellan moito [13].
- Coma un ovo a unha castaña: non semellar practicamente nada unha cousa á outra [13].
- Deitarse coas galiñas: deitarse moi cedo, antes de anoitecer [3].
- Deitarse a canda as galiñas: moi cedo.
- Estar coma un pito: estar completamente mollado [16].
- Este ovo asado vai: dise dunha persoa á que, pola súa idade, xa lle queda pouco tempo.
- Fachendoso como un galo de curral: aplícase a quen presume de valer máis cós demais [3].
- Límpate que estás de ovo: díselle a quen pretende facer ou conseguir algo imposible, que é un iluso [13].
- Máis porco có cu dun galiñeiro (andar, ir, vir): aplícase a quen vai sucio [17].
- Ter máis merda có pau dun galiñeiro: andar moi sucio
- Non dar un grau de trigo ó galo da pasión: ser extremadamente mesquiño [3].
- Non subir ó poleiro, non ir ó poleiro: dise dos meniños enfermizos, que non se desenvolven ben.
- Ó cantar o galo, después de media noche [3].
- Ó cantar os galos pro día: pouco antes do mencer [3].
- Outro galo lle cantara: mellor sería noutras circunstancias [3].
- Parecer un galiñeiro: dise dun lugar con moita xente, tanta que resulta imposible entenderse uns a outros.
- Poñerse como un pito: mollarse ata os ósos [8].
- Poñérselle a un carne de galiña: dise cando se ten moito medo [3].
- Tripando ovos: andar como pisando ovos, con moito tento e sumo coidado, tanto literal como figuradamente. Úsase con verbos de movemento, como andar, ir, vir.
- Un ovo, e ese ben cacarexado: díselle a quen presume do que fai cando en verdade o seu non ten mérito ningún, a quen pregoa moito pero fai ben pouco [13].
- Un ovo, e ese grolo: díselle a quen só ten un fillo e, aínda por riba, é pouca cousa ou está enfermo, polo que pouca axuda se pode esperar del.
- Vai falar onde mexan as pitas: expresión para mandar a alguén que cale, que non siga falando [18].
Refraneiro
editar- A galiña da miña veciña está máis gorda que a miña [3].
- A galiña da miña veciña pon máis ovos que a miña [3].
- A galiña da miña veciña, sempre parece máis gorda que a miña [3].
- A galiña enriba do ovo, e o cutreño enriba do ouro [3].
- A galiña na casa rica, sempre pica [3].
- A galiña nada no xaneiro pon o ovo no colmeiro.
- A galiña no xaneiro pon no colmeiro.
- A galiña non pon do galo senón do papo [3].
- A galiña non pon polo galo, senón polo papo [3].
- A galiña pare cantado, e a muller chorando [19].
- A galiña polo bico pon [3][20].
- A galiña polo pico pon.
- A galiña que non pon non lle enche ó seu dono o bulsón [3].
- A galiña, ben galeada; e a moza, ben aloumiñada [3].
- A muller, co bo marido, crece coma o ovo batido [21].
- A muller e a galiña, na casa con día [21].
- A muller e a galiña, pequeniña [21].
- A muller e a galiña, por andar pérdense axiña [21].
- Á muller e á galiña, tórcelle o pescozo verás como queda mansiña [21].
- A muller ha de falar cando a galiña queira mexar [21].
- A pita onde ten os pitos ten o cariño [17].
- Agradecédemo, veciñas, que boto farelo ás miñas galiñas [22].
- Aldeana é a galiña, e cómea o señor da vila [3].
- Alegraivos, veciñas, que lle dou farelo ás miñas galiñas [22].
- Alí pon a galiña os ollos onde pon os ovos [3].
- Alí ten a galiña os ollos onde ten os ovos [3].
- As galiñas así poñen como comen [3].
- As galiñas, cando comen, poñen [3].
- Ave de pico non fai ó dono rico [23].
- Cada día a galiña amarga a cociña [3].
- Cada galo canta no seu galiñeiro [24].
- Cada galo canta no seu galiñeiro, i o que é bo, no seu e no alleo [24].
- Cada galo canta no seu poleiro [24].
- Cada galo no seu galiñeiro, e cada pola no seu poleiro [24].
- Caldo de galiña é pró enfermo a millor meiciña [25].
- Cando a galiña pica no galo, malo, malo; e cando o galo pica na galiña, aínda, aínda [3].
- Cando a pita cacarexa, algo sinte ou algo quer [26].
- Cando sexas pai, comerás ovos.
- Cando ten máis prumas a galiña é cando ten o galo enriba [3].
- Capón de oito meses, comida pra mesa de reises [27].
- Daca o galo, toma o galo, quedan as prumas tiradas no chao [24].
- Déronme un ovo e déronmo grolo.
- Desde Santa Lucía crece o día como a pisada dunha pita [28]
- Despois de Nadal os días medran, dun para outro, o pé dunha pita.
- Doume Dios un ovo, e doumo grolo [13].
- Dúas cousas quere o cabalo: paso de andadura e pescozo de galo.
- Dun ovo sai unha galiña [13].
- En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo galo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro [29].
- En cas de Gonzalo manda máis a galiña que o galo [30].
- En martes, nin porco mates, nin churra botes que pitos saque [31].
- En marzo, nazo; en abril estou no cubil; en maio, xa saio; en San Xoan xa fuxo ó can; en Santa Mariña xa pillo a galiña, i en agosto xa son bo raposo [32][33].
- Enriba dun ovo pon unha galiña [13].
- Escarabellou o galo e atopou o coitelo que ha de matalo [24].
- Estrícate, galo, que a pelar te levan [24].
- Estrícate, polo, que mañán te pelan [34].
- Eu son o pito cairés, que naceu polo xaneiro; se o raposo me non come, hei de cantar no poleiro [16].
- Eu son o pito do cairo, que nacin no mes de xaneiro, se o raposo non me come, he de cantar no poleiro.
- Fillos e polos, moitos son poucos [35].
- Folgade, galiñas, que o galo está nas vindimas [3].
- Folgade galiñas, que vos morreu o galo [3].
- Gábate pola. Non podo de gorda [36].
- Gábate, pola que puxeche un ovo, i ese grolo [36].
- Gábate, pola, que de poñer vés [36].
- Gábate, pola, que estás ben gorda pra que te coman [36].
- Galiña choca, ovos non pon [3].
- Galiña gorda e por pouco diñeiro, non pode ser, compañeiro [3].
- Galiña que cacarexa, algo venta ou ovo pon [3][30].
- Galiña que canta coma un capón, na tua casa; na miña non [3].
- Galiña que cascarexa, algo venta, ou ovo deixa [37].
- Galiña que escacarexa ou ovo pon ou algo venta.
- Galiña que na casa fica, sempre pica [3].
- Galiña que non pon, comela é o millor [3].
- Galiña que non pon, comela ou, millor, vendela [3].
- Galiña que non pon ovos, ó caldeiro.
- Galiña que non quer galo, pon o ovo sen galealo [3].
- Galiña vella fai bo caldo [3].
- Galiñas serán, dixo o zorro, máis chéiranme a can [3][38].
- Galiñas serán, pero chéiranme a can [14].
- Galo que non cacarexa, non se sabe por onde anda [24].
- Galo que non canta, algo ten na gorxa [24].
- Isca daí, galiña maldita; isca daí, non me mates a pita; isca daí, galiña ladrona; isca daí pra cas da túa dona [3].
- Maio tolo, nin bo gato nin bo polo.
- Máis quero agora ovos que mañán polos [13].
- Máis val pan con amor, que galiña con door [39]
- Mal lle vai ó galo cando lle pica o papo [24].
- Martes de entroido, ¡cándo has de vir! Casquiñas de ovos, ¡cáse habés de ruxir! [40].
- Martes de Antroido, ¡cando has de vir!, casquiñas de ovos, ¡cómo habés de ruxir! [31]
- Metín o galo no poleiro, e fíxose meu fillo e meu herdeiro [24].
- Millor son hoxe ovos que mañán galiña [13].
- Moitos pitos, moito comen [16].
- Muller que asubía, vaca que esgurría e galiña que canta coma o capón, na miña casa non [41].
- Na casa barrida non pica a galiña [3].
- Na terra galo e no mar galiña[42].
- Neve febreiriña, pica á galiña [43].
- Nin polo nin capón perden enxamáis sazón [34].
- Non é galiña boa a que come na casa e pon o ovo fóra [3].
- Non é moito que a quen che dá a galiña enteira, lle deas unha pata dela [3].
- Non é polo ovo senón polo foro [13].
- Non hai galiña gorda por pouco diñeiro [3].
- Non pon a galiña polo galo, senón polo papo [44].
- Non pon a galiña senón a fariña [3].
- Non sabe a raposa das galiñas que dormen fóra [3].
- Ó abade e ó xudío, dálles un ovo e pedirancho fritido.
- Ó cabo do ano morren máis polos que galos [45].
- O caldo de galiña, a ninguén perxudica [25].
- Ó capón que se fai galo, azoutalo [27].
- Ó criado novo, pan e ovo, ó vello, caldo acedo.
- Ó criado, cando é novo, danlle pan e ovo, así que é vello, dano ó demo.
- O día de santa Lucía medra o día a pasadiña dunha galiña [46].
- O mozo i o galo, telo un soilo ano [47].
- Ó mozo novo dálle ovos, ó mozo vello dálle demos [47].
- O ovo ben batido, incha coma a muller co bo marido [13].
- O ovo i a avelán, conforme veñen, van [13].
- O ovo quer sal e fogo [13].
- O ovo sen sal sete anos fai mal.
- O pito de xaneiro, coa sua nai sobe ó poleiro [16].
- O polo de xaneiro, no San Xoan xa está comedeiro [34].
- O polo de xaneiro polo san Xoán está comedeiro.
- O polo de xaneiro vale carneiro.
- O polo en xaneiro, coa sua nai sobe ó poleiro [34].
- O polo i o capón sempre están en sazón [34].
- O polo, cada ano; e o parrulo, cada tres ou catro [34].
- O primeiro ovo saíume grolo [13].
- O que na casa come morriña, na allea quer carneiro ou galiña [48]
- O que na súa casa come morriña, na casa allea quer carneiro e galiña.
- O que non sirva pra galo, que non cante [24].
- O que non sirva pra galo, que non deprenda a cantar [24].
- O que queira comer morriña, coma carneiro en xaneiro e en maio galiña.
- O que queira comer morriña, coma en xaneiro carneiro i en maio galiña.
- O que só come o seu galo, só aparella o seu cabalo.
- O que soilo come o seu galo, soilo aparella o seu cabalo [24].
- O touro, o galo, a troita e o barbo, no mes de maio [49].
- Ó vilán, dádelle un ovo e pedirávo-lo aceite, o sal e o tixolo.
- Onde a galiña pon os ovos, alí se lle van os ollos [3]
- Onde a galiña ten os ovos, alí ten os ollos.
- Onde hai galo non canta galiña, senón que o galo teña a morriña [24][50].
- Onde hai galo, non manda galiña.
- Os pitos de xanerio, pouquiños van ó poleiro [16].
- Ovo sin sal non fai ben nin fai mal [13].
- Ovos soilos, comida por todo [13].
- Pita morta, galo é [18].
- Pito de xaneiro, vai coa súa nai ó poleiro [51].
- Pitos serán pero ólenme a can [52].
- Pola santa Lucía, a pata dunha galiña [46].
- Pola vindima vende as tuas galiñas; pola Navidá, vólveas mercar [53].
- Polas vendimas vende as túas galiñas, pola Navidade vólveas mercar.
- Polo aninovo púxome a pita un ovo, e polos Reis xa tiña seis [26].
- Polo de xaneiro, cada pruma val diñeiro [34].
- Polo nun curral alleo, nin sabe onde come nin dá co poleiro [34].
- Polo san Antón, a galiña pon [54].
- Polo san Antón, xa a galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
- Pon, poliña, pon, pola Conceición.
- Por san Antón, a galiña pon.
- Por San Antón, xa a galiña pon [3].
- Por santa Lucía medra o día unha pisada dunha galiña.
- Por Santa Mariña deita a túa galiña.
- Por santa Mariña deita o pobre a súa galiña.
- Por Santa Mariña mata a túa galiña.
- Pra o porco e a galiña, que pase a Santa Mariña [55].
- Primeiro a galiña que a sardiña [3].
- ¡Probiñas!, ábrenvos tarde e non comedes, dixo o raposo ás galiñas [3][56].
- Reunión de raposas, perdición de galiñas [57].
- San Xoán craro coma ollo de galo [58].
- Se o millo fose pouco, mudalo dun saco noutro, dixo a galiña cando falou.
- Se queres ter ovos, mantén á galiña [13].
- Se se soubera o que sabe a galiña no xaneiro, non quedaba unha no galiñeiro [3].
- Seis galiñas e un galo comen a ración dun cabalo.
- Sen escachar ovos non se fai tortilla [13].
- Sete pitas e un galo comen a cebada dun cabalo [6].
- Sobre dun ovo pon a galiña [59].
- Tan contenta vai unha galiña cun polo, como outra con oito [3].
- Toma un ovo e énchete [13].
- Toma un ovo e fártate [13].
- Trata en sardiña e comerás galiña [60].
- Un ovo dase a un cornudo, dous a un criado, tres a un home honrado e catro a un maleducado.
- Un ovo quer sal, e fogo, e unha culler, e todo; e non é máis que un ovo [13].
- Un ovo sen sal, dúas veces fai mal.
- Viva a galiña coa sua pebida [3].
- Xaneiro é oveiro.
Cantigueiro
editar- A cadela pon os ovos,/ a galiña vai ladrar,/ o forneiro está parido/ e a muller vai traballar.
- A galiña pon o ovo/ pra proveito da muller,/ o home vai para o monte,/ ¡come broa si a quer! [61].
- A miña pitiña caira/ Ponme tres ovos ao día;/ ¡Ai, se me puxera catro/Diñeiro que me valía! [62].
- A regueifa está na mesa,/ e no medio ten un ovo;/ para cantar a regueifa/ veñan os de San Cristobo [63].
- Alá arriba naquiles penedos/ anda un galo con tres pitas negras;/ o galo a cantar, a pita a berrar,/ seica anda o demo naquile lugar [64].
- As mociñas de Silvares/ son poucas e moi bonitas:/ parez a cama onde dormen/ o galiñeiro das pitas [65].
- Cálate, boca de troita,/ pelo de cabra tiñosa,/ ollos de pita sarnenta/ i hastra por non ter, es coxa [66].
- Cantan os galos ó día,/ érguete, meu ben, e vaite./ Como me hei de ir, queridiña,/ como me hei de ir e deixarte? [67].
- Cantan os galos ó día,/ reloxo de namorados;/ levantaivos, queridiños,/ que vos pilla descoidados [67].
- Cantan os galos pró día,/ meniña, vaite deitar,/ que o teu pai é rifadeiro,/ túa nai vaite matar [68].
- Cantan os galos pró día,/ meu home, vai traballar,/ que eu me quedarei na casa/ e fareiche un bo xantar [69].
- Castiñeiro sen galliñas/ castañas non pode dar;/ rapaza que non ten gracia,/ qué amores pode tomar? [70].
- Chamácheme pito cairo/ Porque nacín en xaneiro;/ Déixame chegar a maio,/ xa cantarei no poleiro [71].
- Chamáchesme pita choca / porque nacín en xaneiro; / inda tú no-élo galo / que canta no meu poleiro [72].
- Chamáchesme pito louco / alá no mes de xaneiro; / se me a raposa non come / hei cantar no teu poleiro.
- Chamáchesme pito cairo/ porque nacín no xaneiro,/ tu no has de se-lo galo/ que cante no meu poleiro [73].
- Chamásteme pito cairo / porque nascín en Xaneiro; / se no me come o raposo / inda che hei d’ir ó poleiro.
- Costureiriña bonita/ ¿donde tes a túa cama?/ No poleiro das galiñas/ nunha presiña de palla [74].
- Costureiriña bonita,/ onde te-la túa cama?/ Onda o poleiro das pitas,/ nunha garfiña de palla [75].
- Debaixo da túa ventana/ deume o sono e durmín;/ espertei cando cantaban/ os galos quiquiriquín [76].
- Deuma unha rapaza e calo,/ que non han salir todas boas;/ tamén ao raposo ás veces,/ lle sal a galiña choca.
- Díanno-los reises/ un vaso de viño,/ algo do fumeiro/ i os ovos do niño [77].
- Do poleiro, unha galiña,/ do fumeiro, un salchichón,/ viño verde, viño verde,/ veña acá un trambullón [78].
- En Véncias cantan os galos/ i as pitas na ferreiría;/ esgarreai e botai,/ que eiquí non hai porquería [79].
- Eres alta coma un ovo,/ redonda coma unha noz,/ blanca coma o chiculate,/ 'buenas noches nos dé Dios!' [80].
- Eu ben vin estar o crego/ no poleiro das galiñas,/ e pensei, por vida miña,/ que era un pare de sardiñas [81].
- Eu pedinlle o Maio/ a un señorito,/ non me tuvo que dar/ senón a cabeza dun pito.
- Heiche da-la despedida/ como o galo lle dá á pita:/ como me eu hei de apartar/ dunha cara tan bonita! [82].
- Heime casar neste ano,/ porque teño moito empeño,/ anque teña que vender/ catro galiñas que teño.
- Homiños da miña terra/ ¿que levades a vender?/ Ovos de galiña choca/ para vos dar de beber.
- Hoxe rondarán os galos/ porque os polos non están;/ mañá rondarán os polos/ e os galos quedarán [83].
- Mariana ten un galo/canta com'unha galiña,/cando Mariana está choca/o galo ten cagarría.
- Mariana ten un galo/canta com'unha galiña,/dam'o, Mariana, dam'o/dam'o pol-a tua vida.
- Miña nai por me casar/ pormeteume canto tiña/ e despois que me casei/ pagoume cunha galiña [84].
- Miña nai por me casar/ pormeteume unha galiña/ e agora que me casei/ díxome que non a tiña [85].
- Miña nai por me casar/ prometeume canto tiña,/ cando me foi da-lo dote/ pagoume cunha galiña.
- Miña nai ten unha filla/que ñe chaman Maricota/non é para ti, ferreiro,/barbas de galiña choca.
- Miña prima ten un galo/ que canta coma un capón;/ damo, miña prima, damo,/ prima do meu curazón [86].
- Mirar si son condenados/ que hasta teñen corazón/ de preguntar si as galiñas/ teñen os ovos ou non.
- Na miña vida tal vin/ nesa aldea de Seráns:/ unha cadela con pitos,/ unha galiña con cans [87].
- No alto daquela serra/ anda un galo con tres pitas negras;/ o galo cantan i as pitas berran,/ aquil é o demo que anda na serra [88].
- No convento de Acibeiro/ había un frade galiñeiro/ que asi que se puña o sol/ churras, churras, ó poleiro [89].
- O cariño que che teño/ e mais o que che hei de ter/ caben na casca dun ovo/ e mais non o ha de encher [90][91].
- O meu amor está malo,/ se está malo vouno ver,/ lévolle unha pita choca/ pra que acabe de morrer [92].
- Onte á noite á media noite,/ á media noite sería,/ cantaba o galo de Pepe/ no poleiro de María [93].
- Os amores dun casado/ son coma un ovo sen sal,/ coma unha mazá sombriza/ que non sabe ben nen mal [94].
- Ou non han dar leite as cabras,/ ou no ha ter fío o fouciño/ ou hoxe o galo do Coto/ hase comer nos Muíños.
- Ovos ou magras, xastriño,/ que merenda quer millor?/ Pois logo, miña señora,/ torteliña de xamón [95].
- Pasei pola túa porta/ na cantadiña do galo;/ sentinche dar un sospiro/ cántos non terías dado! [96].
- Polo amor do voso galo,/ traidora, mala veciña,/ polo amor do voso galo/ perdín a miña galiña.
- Pra cando case/ xa teño un polo:/ non ten que dar/ miña nai todo [97].
- Se queres falar comigo/ e queres non verme torto,/ hasme andar, miña pequena/ como a galiña cos ovos.
- Señora María/ reprenda ó seu galo,/ que as miñas poliñas/ lle andan ó rabo;/ Señora María/ reprenda ó seu pito,/ que anda pola calle/ feito un señorito [98].
- Teño unha galiña choca/ e hama de come-lo cuco./ Pega tres voltas no aire./ Tócalle o pito, Farruco [99].
- Teño unha pita podeira/ que pon tres ovos no día,/ mais se me puxera catro/ millor conta me faría.
- Teño unha pitiña branca,/ teño unha pitiña negra;/ o galo da tía Ramona/ xempre anda picando nela [100].
- Tío Quico ten un galo,/ canta como unha galina:/ mata o galo, tío Quico,/ que vai a cria-la tiña.
- Tío Quico ten un galo/ que lle come na cazola;/ mata o galo, tío Quico,/ que cho vai comer Manola.
- Unha vella nun corral/ bota un peido, mata un polo,/ si non chegan a acudir/ mata galiñas e todo [101].
- Vaite á merda, vaite á merda,/ por debaixo dunha viña/ si non a queres de galo/ comerala de galiña [102].
- Vivan as nenas blanquiñas/ i ás morenas parta un raio,/ que por moito que se laven/ parecen un pito cairo [103].
Adiviñas
editar- A miña nai é tartamuda,/ o meu pai é cantador;/ teño branco o meu vestido/ e marelo o corazón.
- Antre dúas paredes brancas/ hai unha frol amarela/ que se pode presentare/ diante do rei de Castela.
- Augas claras,/ fontes amarelas;/ casas caladas,/ ninguén vive nelas.
- Barril, barrilote,/ sen tampa e sen batoque.
- ¿Cal é a cousa, cal é ela,/ que é branca e, caíndo no chan,/ fica amarela?
- Curcubico non ten pés,/ nin cu nin bico;/ e o fillo de curcubico/ ten pés, cu e bico. (o ovo e o polo)
- Dous xatos marelos/ nunha corte de ferro. (os ovos na tixola)
- Entre cancela e cancela/ hai unha xata marela. (a xema do ovo)
- Están dous becerriños amarelos/ pastando nun campo de ferro,/ corren que os torce o demo. (os ovos na tixola)
- Meu amigo tortobico/ non ten cara, cu nin bico;/ mais a nai de tortobico/ ten cara, cu e bico,/ e os fillos de tortobico/ teñen cara, cu e bico. (o ovo, a galiña e o polo)
- Nunha casiña/ ben encaleada,/ hai un pobriño/ facendo morada. (o pito dentro do ovo)
- O gato lambón/ comeu tres paxaros,/ catro mexillóns,/ media ducia de ovos;/ ¿cantas cousas son? (simplemente, media ducia)
- Señores, de Francia veño,/ meu pai era cantador;/ veño entre paredes brancas/ e amarelo o corazón.
- Son fillo de pais cantantes,/ miña nai non tiña dentes,/ nin ningún dos meus parentes;/ eu, de min, son todo calvo,/ meu corazón amarelo/ e o meu rostro é todo albo.
- Un redondín e un redondón/ que non ten tapa nin tapón.
- Unha corte moura/ con dous bois brancos. (os ovos na tixola)
- Veño vestido de frade, mais nunca fago oración;/ branco de neve é meu hábito,/ é cor de ouro o corazón.
Nota: cando non se sinala outra cousa, a solución destas adiviñas é o ovo.
Notas
editar- ↑ Cita que transcribe Antón Fraguas de Theatro Crítico Universal. Discursos varios en todo género de materias para desengaño de errores comunes. Madrid, 1741. Tomo II. Pag. 37-38.
- ↑ Manuel Leiras Pulpeiro.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 3,18 3,19 3,20 3,21 3,22 3,23 3,24 3,25 3,26 3,27 3,28 3,29 3,30 3,31 3,32 3,33 3,34 3,35 3,36 3,37 3,38 3,39 3,40 3,41 3,42 3,43 3,44 3,45 3,46 3,47 3,48 3,49 3,50 3,51 3,52 3,53 3,54 3,55 3,56 3,57 3,58 3,59 3,60 3,61 3,62 3,63 Eladio Rodríguez González, s. v. galiña.
- ↑ Aníbal Otero Álvarez (1977).
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 Losada, Castro e Niño 1992.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Elixio Rivas Quintas (2001).
- ↑ 7,0 7,1 Marcial Valladares Núñez.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Constantino García González.
- ↑ 9,0 9,1 Juan Cuveiro Piñol (1876).
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 10,7 Carme Ríos Panisse (1977).
- ↑ Eligio Rivas Quintas (1978)
- ↑ Miguel Rubinos Conde 2013.
- ↑ 13,00 13,01 13,02 13,03 13,04 13,05 13,06 13,07 13,08 13,09 13,10 13,11 13,12 13,13 13,14 13,15 13,16 13,17 13,18 13,19 13,20 13,21 Eladio Rodríguez González, s. v. ovo.
- ↑ 14,0 14,1 Victoria Cerviño Ferrín 2013.
- ↑ Ramón Anxo Martíns Seixo 2013.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 Eladio Rodríguez González, s. v. pito.
- ↑ 17,0 17,1 Elixio Rivas Quintas (1988).
- ↑ 18,0 18,1 José María Pereda Álvarez.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. parir.
- ↑ Marcial Valladares Núñez. No orixinal: A galiña po-l-o bico pòn.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
- ↑ 22,0 22,1 Eladio Rodríguez González, s. v. farelo.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. ave.
- ↑ 24,00 24,01 24,02 24,03 24,04 24,05 24,06 24,07 24,08 24,09 24,10 24,11 24,12 24,13 24,14 Eladio Rodríguez González, s. v. galo.
- ↑ 25,0 25,1 Eladio Rodríguez González, s. v. caldo.
- ↑ 26,0 26,1 Eladio Rodríguez González, s. v. pita.
- ↑ 27,0 27,1 Eladio Rodríguez González, s. v. capón.
- ↑ Santa Lucía, 13 de decembro.
- ↑ Son as fases da vida do lobo.
- ↑ 30,0 30,1 Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
- ↑ 31,0 31,1 Eladio Rodríguez González, s. v. martes.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
- ↑ Real Academia Gallega 1913, s. v. agosto. No texto: mayo, ja sayo, San Juan, ja fuxo ao can, ja pillo, ja son, bon.
- ↑ 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 34,6 34,7 Eladio Rodríguez González, s. v. polo.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. fillo.
- ↑ 36,0 36,1 36,2 36,3 Eladio Rodríguez González, s. v. pola.
- ↑ Marcial Valladares Núñez. No orixinal: Galiña que cascareja, algo venta, ou hòvo deija.
- ↑ Refrán que expresa desconfianza ante un probable engano. É o remate dun conto no que o labrego engana ó raposo dándolle un saco cun can dentro dicíndolle que son galiñas.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. pan.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido.
- ↑ Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No texto: nón.
- ↑ Refírese a quen se porta de forma valente en terra, pero se acovarda no mar. Lino Lema Bouzas, 5.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. neve.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. poñer.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
- ↑ 46,0 46,1 Rosario Soto Arias 2013.
- ↑ 47,0 47,1 Eladio Rodríguez González, s. v. mozo.
- ↑ Morriña, variante de morralla, carne obtida dun animal enfermo ou mesmo morto de enfermidade ou accidente.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. maio.
- ↑ Marcial Valladares Núñez. No orixinal: Ond'hai, qu'o.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro.
- ↑ José María Pereda Álvarez. No orixinal: ólenm'a.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. vindima.
- ↑ Santo Antón, 17 de xaneiro.
- ↑ Santa Mariña, 18 de xullo.
- ↑ Marcial Valladares Núñez. No orixinal: Pòbriñas, Abrenvos, diĵo o raposo às galiñas.
- ↑ Fai referencia a un grupo de persoas que están a tramar algo contra alguén. Miguel Rubinos Conde 2013.
- ↑ Elixio Rivas Quintas (1978). Xuño é un mes sen nubes.
- ↑ Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: d'un.
- ↑ A galiña, aquí, como símbolo de riqueza. Lino Lema Bouzas, 9.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No texto: pón, pr’a, par’o monte.
- ↑ Real Academia Galega 2013, s. v. cairo.
- ↑ Explica Ballesteros, que recolleu esta cantiga, que: “En Galicia se conoce la regueifa ó torta que se prepara en las bodas, y de la cual se va cortando un pedazo, que se entrega a los amigos que salen al paso á felicitar á los novios cuando se dirigen el día ó noche de boda á la casa destinada á los mismos. Dicha torta lleva parte de manteca, y, en el centro, un huevo con su cáscara”.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 35.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 49). Silvares é lugar de San Mamede de Grou, Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: és.
- ↑ 67,0 67,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 57.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 57. No orixinal: tua.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 58.
- ↑ Galliñas, neste caso, son os amentos que bota o castiñeiro ó florecer.
- ↑ Real Academia galega, s. v. cairo. No orixinal: chamacheme, por que, janeiro, deixame, mayo, ja.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 62. No orixinal: tú, no-élo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 62. No orixinal: tú, selo.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 65. No orixinal: tela.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 67.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos. Dada a época na que se cantan os reises, ese algo do fumeiro son chourizos e castañas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 72. O único significado de trambullón é o de golpe forte que alguén se dá ó caer.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 75. Venceáns (San Tomé) é parroquia de Entrimo; esa ferreiría pode ser erro por Ferreiros, outro lugar da parroquia e concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 75.
- ↑ J. Leite de Vasconcellos (1845).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 87. No orixinal: dala.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 89.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 168. No texto: c-unha.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 168.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 101.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 188. No texto: vín, n-esa, cáns. Seráns é lugar de San Pedro de Muro pero a cantiga está recollida en Palmeira (Ribeira).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 108.
- ↑ Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: N'o convento d'Acibeiro/ habia un frade galiñeiro/ qu'asi que se puña o sòl/ churras, churras, ò poleiro.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 180. No texto: ei, de un, non-o.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No texto: e máis, ch’hei.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 120. Crese que a pita choca ten febres e por iso fai mal a quen a come, moito máis se se trata dun doente.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 121.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 124. No orixinal: de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 127.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 130. No orixinal: paséi.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 135.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 145.
- ↑ Marcial Valladares Núñez. No orixinal: chòca, ham'a, come-l-o, Pèga, vòltas, n'o aire, Tòcall'o pito.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 153.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 197. No texto: bota un p... (por eufemismo).
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 182. No texto: â m... (por eufemismo), de unha, non-a.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 163.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- CERVIÑO FERRÍN, Mª Victoria: "Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 441-462.
- CUVEIRO PIÑOL, Juan: Diccionario Gallego, Barcelona 1876.
- GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
- LEIRAS PULPEIRO, Manuel: Vocabulario (1906) [manuscrito editado no Dicionario de Dicionarios].
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
- Ramón Anxo Martíns Seixo: "'Perdóolle o mal que me fai polo ben que me sabe'. Unha aproximación aos campos semánticos da comida e da bebida na fraseoloxía galega", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 463-486.
- OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: "Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés", en Cuadernos de Estudios Gallegos XXXVI 1957.
- PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
- REAL ACADEMIA GALLEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
- RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
- Elixio Rivas Quintas: Frampas II, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo 1988.
- Elixio Rivas Quintas: Frampas III, contribución al diccionario gallego, 2001, no Dicionario de Dicionarios.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.
- SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
- Mª Rosario Soto Arias: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.
- VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.