Peto verde

especie de ave

O peto verde[2] (Picus viridis) é un peto do oeste da zona paleártica, da familia Picidae.

Peto verde

Peto verde macho
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Piciformes
Familia: Picidae
Xénero: 'Picus'
Especie: P. viridis
Nome binomial
'Picus viridis'
Linnaeus, 1758
Distribución
Distribución

Distribución

Descrición editar

Os petos verdes miden ata 31 cm. de lonxitude e teñen unha envergadura de ás de ata 52 cm. Na parte superior do corpo teñen a plumaxe verde escura, a inferior e gris averdesada, máis ou menos brillante. Teñen unha máscara facial negra que vai da base do bico ata detrás dos ollos. Esta marca negra falta na subespecie da Península Ibérica Picus viridis sharpei. A parte superior da cabeza e a caluga son vermellas, a base da cola, amarela verdosa. A zona dos oidos e a gorxa son abrancazadas. As ás teñen cor negra acastañada, con manchas amareladas ou castañas. As plumas remeiras teñen bandas negras sobre un fondo gris verdoso. As diferenzas entre o aspecto dos dous sexos son moi pequenas: os machos teñen unha mancha vermella con beira negra nas meixelas que nas femias é completamente negra. Os ollos dos petos verdes son azulados, o peteiro e os pés grises azulados. O peso e o talle dos dous sexos son semellantes.

A plumaxe dos exemplares novos é moi diferente da dos adultos. É moito máis mate, cos lados da cabeza, o pescozo e a parte inferior do corpo abrancazadas e con moitas manchas ou mesmo bandas escuras. O vermello da cabeza é case indistinguible e está en xeral cuberto de manchas grises. As ás amosan unha mancha branca ben visible. Os petos verdes novos empezan a remuda-las plumas cando están aínda no niño, polo que a finais do outono teñen xa a plumaxe típica das aves adultas.

 
Petos verdes adultos e xove comparados (de Naumann 1901)

Voz e sons editar

Non utilizan o repique do seu bico contra a madeira a xeito de instrumento de comunicación sonora tan frecuentemente coma outras especies de petos. Producen son redobres irregulares e baixos. O seu canto territorial é, pola contra, moi potente, e recorda unha risa ou o rinchar dun cabalo. Cantan machos e femias, aínda que estes últimos o fan con máis intensidade.[3]

Distribución e hábitat editar

Os petos verdes viven na maior parte de Europa e Oriente Próximo. Están presentes dende o sur de Escandinavia e Gran Bretaña pasando por máis da Europa continental ata a conca mediterránea. Polo sueste chegan ata ó Cáucaso, Turkmenistán e o norte de Irán. Os límites da súa distribución están sinalados polos bosques de coníferas polo norte e as estepas e semidesertos polo sur.

Prefiren vivir en áreas semiabertas con presenza de árbores vellas, coma beiras de bosques, hortas de frutais pouco mestas, parques, soutos e xardíns con moitas árbores. Dentro dos bosques meirandes atópanse só en áreas con moita luz, coma grandes claros. Amosan unha gran preferencia polos bosques de folla caduca, faltando ou sendo moi raros nos bosques de coníferas.

O feito de estaren especializados en alimentarse de formigas que viven no chan fai que a súa presenza en áreas de invernos moi fríos con grandes nevadas sexa reducida. As súas poboacións son máis abundantes nas terras baixas e ata os 500 metros de altura nas montañas.

Conduta editar

Son aves diúrnas. Pola noite desprázanse exclusivamente agatuñando polas árbores. Ten unha esfera de actividade regular, que o leva seguir as mesmas rutas e a buscar comida nos mesmos sitios durante semanas. A duración da fase de actividade depende das horas de luz, e pode ir das oito horas do inverno ás 15 dos días máis longos do verán. É moito máis hábil cando se move polo chan cá os outros petos e faino moito máis frecuentemente. Desprázase con brincos de ata 25 cm, sen utiliza-las ás. Agatuña polas árbores cun movemento diagonal ou espiral, nunha serie rápida de saltos e carreiras, parándose de vez en cando botando a cabeza cara a atrás con bico en ángulo recto co corpo.

Son moi fieis ó seu territorio do que se separan só para facer desprazamentos curtos. No inverno poden moverse máis, aparecendo con frecuencia en xardíns onde buscan alimento. Cando deixan os pais, os exemplares novos procuran os seus territorios preto do dos adultos, afastándose, en xeral, como máximo uns 30 km da área na que naceron.

Alimentación editar

 
Peto verde

Sete petos ten a peta
no burato dunha trabe;
¡malas nacidas me maten
se non che conto verdade!

—Popular[4]

Buscan a súa comida case exclusivamente no chan. Sobre todo en Centroeuropa, dependen moito das formigas terrestres para alimentarse. Para captura-las súas presas dispón dunha lingua duns 10 cm de lonxitude, coa punta endurecida e provista dunhas sedas duras.

Pouco despois de saír o sol comezan a buscar insectos en prados e outras superficies planas con vexetación, facendo co peteiro furados de varios centímetros e capturando os insectos coa lingua pegañenta. Ademais de formigas poden capturar outros insectos e mesmo en ocasións miñocas. No inverno fan túneles na neve para poder chegar ós formigueiros. Durante esta época buscan tamén alimento nas fendas de penas, tellados, paredes e postes da luz ou o teléfono, atrapando sobre todo arañas, moscas e mosquitos, máis raramente vermes e outros invertebrados. Ocasionalmente consomen bagas e froitos, coma por exemplo cereixas.

Reprodución e desenvolvemento editar

 
Exemplar xuvenil

Acadan a madureza sexual no primeiro ano de vida. O reclamo de contacto dos machos, que en Centroeuropa comeza en decembro e que se intensifica en xaneiro e febreiro, marca o inicio das cerimonias nupciais, aínda que as parellas e a marca dun territorio de cría non teñen lugar ata mediados de marzo a primeiros de abril. As parellas parecen ser estacionais, aínda que non se descarta a existencia de unións de máis dun ano de duración. O momento de máis actividade sonora é en abril e maio.

 
Picus viridis

Fan os niños por regra xeral nos furados de niños ou lugares de repouso abandonados doutras especies de petos, ou nos utilizados por eles mesmos para descansar durante o inverno. Non son moi esixentes á hora de escolle-la árbore na que farán o seu niño, e poden aproveitar ocos nunha ampla variedade de especies coma faias, carballos, bidueiros, e noutras especies, mesmo en árbores froiteiras e de xardín, coma o castiñeiro indio ou as pravias. Cando non atopan un lugar xeitoso baleiro, perfórano, en xeral en árbores de madeira branda. Adoitan abandonar a construción dun burato cando atopan con madeiras duras de máis. Estes furados a medio facer poden ser acabados posteriormente, cando a madeira podrece e lles facilita o traballo. A profundidade dos ocos vai habitualmente dos 25 ós 60 cm cunha altura e ancho de entre 5 e 7,5 cm.

Pouco despois de aparellárense, as femias poñen de cinco a oito ovos brancos que miden uns 31 x 23 mm de media. A incubación dura entre 14 e 17 días e os polos tardan entre 23 e 27 días en completa-lo desenvolvemento. Só no caso de que ningún ovo se logre se dan casos de segundas postas ou terceiras postas, para as que se utiliza un niño novo.

Os pais alimentan e coidan os polos entre 3 e 7 semanas, e nalgúns casos polos de ata 15 semanas de vida teñen aínda unha relación estreita cos pais.

Sistemática editar

 
Picus viridis sharpei (macho)

O peto verde conforma cunhas 15 especies de petos de distribución paleártica o xénero Picus. Está estreitamente relacionado co Peto de cabeza cincenta (Picus canus), a outra especie europea do xénero. As dúas especies separáronse na última Idade do xeo, que causou a división da especie orixinaria en dúas poboacións xeograficamente illadas que volveron coincidir 10.000 anos máis tarde. Segundo as fontes a especie Picus viridis subdivídese en entre tres e seis subespecies das que só as razas Picus viridis sharpei da Península Ibérica e Picus viridis innominatus do suroeste de Irán amosan características relativas á coloración, que as diferencian claramente da forma tipo. O peto verde do Atlas (Picus vaillanti), que era considerado unha raza máis do peto verde, ten hoxe rango de especie independente.

Situación da especie editar

É un dos petos máis comúns en Europa. A súa poboación estimada calcúlase entre 370.000 e 1,7 millóns de parellas reprodutoras (entre 590.000 e 1,3 millóns segundo a publicación Bird-Life Conservation Series Nr. 12, 2004). A nivel mundial os seus números estarían entre 920.000 e 2,9 millóns de exemplares. Os estudos da evolución dos seus números dan resultados contraditorios: nalgunhas rexións coma os Países Baixos a especie parece en claro retroceso, mentres que noutras, coma Francia e Polonia amosan un certo crecemento. A causa que inflúe máis negativamente nas súas poboacións é, coma no caso doutras especies, a perda dos seus hábitats tradicionais. Os invernos moi fríos poden causar tamén unha redución forte dos seus números, que, en condicións normais, adoita ser compensada en máis ou menos dez anos.

Nomes vulgares noutras linguas editar

  • Alemán: Grünspecht
  • Danés: Grønspætte
  • Español: Pico real
  • Francés: Pic-vert
  • Inglés: Green Woodpecker
  • Italiano: Picchio verde
  • Neerlandés: Groene specht
  • Polaco: Dzięcioł zielony
  • Sueco: Gröngöling
  • Ruso: Zelionyj diatel (Зелёный дятел)

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Hans-Günther Bauer, Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Aula-Verlag, Wiesbaden 1997, Seite 285–286, ISBN 3-89104-613-8
  • Hans-Günther Bauer, Peter Berthold, Peter Boye, Wilfried Knief, Peter Südbeck, Klaus Witt (2002): Rote Liste der Brutvögel Deutschlands. Berichte zum Vogelschutz 39: 13-60.
  • Mark Beaman, Steve Madge: Handbuch der Vogelbestimmung – Europa und Westpaläarktis. EugenUlmer Verlag 1998, S. 532, ISBN 3-8001-3471-3
  • Dieter Blume: Schwarzspecht, Grauspecht, Grünspecht. Neue Brehm-Bücherei Bd. 300, Westarp-Wissenschaften, Magdeburg 1996, ISBN 3-89432-497-X
  • Urs N. Glutz von Blotzheim, Kurt M. Bauer (Hrsg.): Handbuch der Vögel Mitteleuropas, Band 9; 2. Aufl., AULA-Verlag, Wiesbaden 1994, Seite 943–964, ISBN 3-89104-562-X
  • Wolfgang Scherzinger: Die Spechte im Nationalpark Bayerischer Wald. Schriftenreihe des Bayerischen Staatsministeriums für Ernährung, Landwirtschaft und Forsten, Heft 9, 1982.
  • David Snow, Christopher Perrins (Hrsg.): The Complete Birds of the Western Palaearctic. Oxford University Press 1998, CD-ROM, ISBN 0-19-268579-1
  • Siegfried Wagner: Grünspecht, in: Avifauna Kärntens 1. Die Brutvögel. Verlag des Naturwissenschaftlichen Vereins für Kärnten, Klagenfurt 2006, S. 192f, ISBN 3-85328-039-0

Ligazóns externas editar