The Vikings (filme de 1958)

Película de 1958 dirixido por Richard Fleischer
(Redirección desde «The Vikings (1958)»)

The Vikings é unha película épica de ficción histórica de 1958[1] dirixida por Richard Fleischer e filmado en Technicolor. Foi producida por Jerry Bresler e tivo como protagonista a Kirk Douglas.

The Vikings
Ficha técnica
Título orixinalThe Vikings
DirectorRichard Fleischer
ProdutorJerry Bresler
GuiónCalder Willingham
Dale Wasserman (adaptación)
Baseado enThe Vikings de Edison Marshall
IntérpretesKirk Douglas
Tony Curtis
Janet Leigh
Ernest Borgnine
James Donald
Alexander Knox
Frank Thring
Maxine Audley
Eileen Way
Edric Connor
Dandy Nichols
Almut Berg
Per Buchhij
Orson Welles (voz en off)
MúsicaMario Nascimbene
FotografíaJack Cardiff
MontaxeElmo Williams
EstudioBrynaprod S.A., Bavaria Film, Curtleigh Productions
DistribuidoraUnited Artists
Estrea1958
Duración114 minutos
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
XéneroAcción, aventuras, romántico
Orzamento3 500 000 $
Recadación6 200 000 $ (USA e o Canadá)
Na rede
IMDB: tt0052365 Filmaffinity: 300725 Allocine: 8883 Rottentomatoes: m/vikings Allmovie: v52768 TCM: 17833 TV.com: movies/the-vikings Netlix: 60022621Editar o valor em Wikidata

Está baseada nunha novela de 1951 titulada The Viking de Edison Marshall, o cal á súa vez se baseou no material das sagas de Ragnar Lodbrok e os seus fillos (Ragnarssona þáttr) e amósanse costumes viquingos da época e represéntase o ataque a York levado a cabo no 866 polo Grande exército pagán no que é capturado e morto o rei Aelle de Northumbria.

Outros papeis protagonistas tivéronos Tony Curtis e Janet Leigh, daquela marido e muller, así como Ernest Borgnine.

Argumento editar

O rei de Northumbria morre durante unha incursión viquinga dirixida polo temíbel Ragnar (Ernest Borgnine). Ao morrer sen ter descendencia, o seu curmán Aella (Frank Thring) toma o trono. No entanto, a viúva do rei está embarazada pois durante o ataque fora violada por Ragnar. Para protexe-lo fillo das ambicións políticas do novo rei, mándao a Italia. Mais, por mor do destino, o barco é interceptado polos viquingos, que descoñecen o parentesco do rapaz e é capturado.

O rapaz convértese nun mozo chamado Eric (Tony Curtis). O seu parentesco, finalmente, é descuberto por Lord Egbert (James Donald), un nobre de Northumbria oposto a Aella. Cando Aella o acusa de traizón, Egbert atopa refuxio con Ragnar en Noruega. Egbert recoñece o pomo de pedra da espada real de Northumbria nun amuleto ao redor do colo de Eric, colocado alí pola súa nai cando era cativiño, pero non llo di a ninguén.

O castigo de Eric editar

Eric provoca a ira do seu medio irmán Einar (Kirk Douglas), o fillo lexítimo e herdeiro de Ragnar, despois de que o primeiro ordenase ao seu falcón que atacase a Einar, que perde un ollo. Eric sálvase da execución inmediata cando Ragnar decreta que sexa atado preto da beira do mar para que morra coa suba da corrente; porén, Eric, prega a Odín e o vento cambia e afasta a auga, salvándose. Daquela, Lord Egbert, reclámao como o seu escravo para evitar que Einar, consciente do cambio das condicións meteorolóxicas, regrese para o matar.

 
Unha das localizacións en Kornati
 
Outra localización da película en Fort-la-Latte

A inimizade entre Eric e Einar agrávase cando ámbolos dous se namoran da princesa cristiá galesa Morgana (Janet Leigh), que ía casar co rei Aella pero que foi capturada nunha incursión suxerida por Egbert, para esixir un rescate e causar vergoña e presión política sobre o monarca de Northumbria. Durante unha festa no "gran salón", Einar, cheo, confesa os seus sentimentos a Ragnar, quen lle di que a muller debe ser tomada a miúdo pola forza e concede ao seu fillo que o tome como prisioneira. Einar afasta os gardas do barco onde Morgana está detida e comeza a forzala, desafiando as súas expectativas e esperanza de resistencia. Morgana non lle ofrece resistencia ningunha negándolle o desexo de levala pola forza. Antes de que as cousas poidan ir máis lonxe, Eric ataca por detrás a Einar e consegue fuxir con Morgana nun pequeno barco que construíra Egbert.

Fuxida a Inglaterra editar

Eric e Morgana foxen a Inglaterra, xunto con Sandpiper (amigo de Eric e compañeiro de escravitude), Kitala e a criada de Morgana Bridget (Dandy Nichols). Einar recupera a conciencia e dá a alarma, e comeza a perseguir os fuxitivos. Entre a espesa néboa, o drakkar de Ragnar golpea unha rocha e afúndese, mentres que a embarcación de Eric está guiada con seguridade cun compás primitivo (un anaco de magnetita en forma de peixe que Sandpiper obtivo nunha terra distante). Einar pensa que Ragnar está morto e abandona a persecución mais, con todo, Ragnar, é rescatado por Eric e levado prisioneiro a Aella. Eric e Morgana convértense en amantes durante a viaxe e esta acepta solicitar a liberación do compromiso de casamento con Aella.

Aella ordena atar a Ragnar e botalo a un pozo cheo de lobos famentos. Para facilitar a Ragnar unha morte viquinga (para que poida entrar no Valhalla), Eric desata a Ragnar e dálle unha espada. En resposta á "traizón" de Eric, Aella córtalle a man esquerda, volve a colocalo na súa nave e déixao á deriva. Eric retorna ao asentamento de Einar e cóntalle ao seu medio irmán como morreu o seu pai e cal foi a recompensa de Aella por permitir a Ragnar honorablemente. Con esta revelación e coa promesa de que Eric guiará os seus barcos pola néboa (facendo así posible un ataque sorpresa), Einar consegue finalmente persuadir os outros viquingos para a invasión de Northumbria e deixando de lado o seu mutuo odio, Einar e Eric diríxense a Inglaterra.

Ataque ao castelo e morte de Aella editar

Unha vez aló, atacan un castelo moi defendido. Einar manda a varios viquingos que lancen os machados contra a ponte levadiza que está pechada. Así, empregando os machados cravados coma os chanzos dunha escaleira, consegue entrar no castelo e baixa-la ponte para que entre o resto dos viquingos. Eric e Einar marchan na procura de Morgana pero, no seu lugar, Eric atopa a Aella e bótao ao pozo dos lobos.

Einar atopa a Morgana na capela da torre máis alta e pretende seducila dicíndolle que a converterá en raíña e ela respóstalle dicindo que ama a Eric. Daquela, arrástraa fóra e chama a Eric para desafialo. Este rompe a súa espada e é derrotado por Einar, mais cando vai da-lo golpe de graza, ten unha visión de seu pai e, de súpeto, Eric, que aínda non sabe que son irmáns, mátao coa espada rota.

Na escena final, Eric, tamén lle dá un funeral viquingo a Einar, colocándolle a espada a carón do seu corpo nun drakkar, que vai ser incendiado no mar.

Actores editar

Ernest Borgnine interpreta Ragnar, o pai de Einar, representado por Kirk Douglas. Na realidade, Borgnine era mes e medio máis novo ca Douglas.[2]

The Vikings foi a terceira das cinco películas protagonizadas pola parella Tony Curtis e Janet Leigh durante os 11 anos do seu matrimonio (entre 1951 e 1962).

Resultados editar

A película tivo un grande impacto nos Estados Unidos e no estranxeiro, pois contaba cun orzamento de 3,5 millóns de dólares[3] e recadou 6,2 millóns de dólares nos Estados Unidos e o Canadá e 7 millóns no estranxeiro e uns resultados totais estimados de 15 millóns,[4] converténdose na 3ª película máis popular na British Box Office en 1958.[5] Kirk Douglas non cobrou ningún salario pola película a cambio do 60% dos beneficios, e estimouse que gañara 3 millóns de dólares, mentres Tony Curtis tivo un salario de 150 000 dólares e Janet Leigh de 60 000.[6]

Produción editar

Os barcos viquingos que se empregaron na película foron construídos nos estaleiros de Bergen, Noruega. Foron auténticas réplicas de barcos viquingos afundidos que foron rescatados. A película fixo un uso importante de lugares naturais de Noruega e Bretaña como exteriores filmándose, especialmente, en Kvinnherad, unha pequena comunidade no fiorde Hardange[2] e en Maurangerfjorden e Maurangsnes, lugares captados na película polo director de fotografía Jack Cardiff, mentres que o castelo de Aella era, en realidade, Fort de la Latte no nordeste de Bretaña en Francia, e outra parte dos exteriores se realizaron en Baía Lim, en Croacia. Os interiores fixéronse en Múnic e empregáronse extras sobre todo de Noruega e Dinamarca.

Crítica editar

O crítico Bosley Crowther de The New York Times escribiu: "A visión desas elegantes barcazas viquingas que atravesan os mares agrisados, cargados de remeiros barbudos e musculosos, é algo emocionante de ver, especialmente na pantalla panorámica e na cor que empregan tan ben nesta película". Porén, Crowther estaba decepcionado "por seguir un formato puramente comercial sen ningunha intención evidente de abrir novos camiños. Dada a historia dos escandinavos e as excitantes aventuras que, seguramente, levaron a cabo coas súas exploracións e colonizacións dos mares do norte, semella que se podría concibir algo máis heroico e impresionante que esta copia dun western, con viláns estándar vestidos con peles".[7] Variety calificouno de "espectacular, conmovedor e colorido", e agregou: "Douglas, facendo un gran traballo libre como o loitador viquingo feroz e desfigurado, encaixa esplendidamente no papel".[8] Philip K. Scheuer de Los Angeles Times afirmou: "Como drama e contido emocional, a película é tan elemental, tan esaxerada que, dificilmente, pode ser tomada en serio por un espectador esixente. Unha especie de Prince Valiant sen o príncipe, está chea dunha acción desordenada que o ollo adulto seguirá cunha mestura de diversión e incredulidade". Scheuer tamén pensou que as "variadas malleiras, brutalidades e decapitacións" da película a facían demasiado violenta para os rapaces".[9] Leo Sullivan de The Washington Post declarou: "Producida con esplendor e filmada cunha beleza magnífica por ese mestre, Jack Cardiff, The Vikings, é tan espléndida que non pode ser cualificada como un fracaso. Pero a historia simple da película non permite escapar de ser un aburrimento".[10] John McCarten de The New Yorker escribiu: "É algo terrible, pero algunhas das vistas dos fiordes son impresionantes".[11] The Monthly Film Bulletin dixo: "Aquí non hai nada que tomar en serio; porén, na súa forma sentimental directa, concentrándose nalgúns dos elementos máis antigos da narración, esta película crea un colorido mundo de conto de fadas que, a miúdo, resulta fascinante e só sofre dunha parte media bastante errática".[12]

A película conseguiu unha puntuación de 76% en Rotten Tomatoes baseada en 21 críticas.[13]

Premios editar

Influencia editar

Aínda que o crítico do The New York Times, Bosley Crowther, cualificáraa, ironicamente, de "ópera nórdica", a película resultó ser un grande éxito e deu lugar, en 1959, á serie de televisión Tales of the Vikings, producida pola produtora Bryna de Kirk Douglas e dirixida polo editor de la película, Elmo Williams, que non incluíu ningún actor ou actriz do elenco orixinal da película.

Esta película foi a antecesora doutras películas contemporáneas baseadas no tema dos viquingos, entre as que se inclúen Gli Invasori de Mario Bava e The Long Ships, de Jack Cardiff[16]

Adaptación a cómic editar

En xuño de 1958, fíxose unha adaptación da película ao formato da banda deseñada, editada por Dell Publishing Co., Inc.[17]

Notas editar

  1. Halliwell (1977), p. 933
  2. 2,0 2,1 "The Vikings. Trivia". imdb.com (en inglés). Consultado o 13-8-2020. 
  3. Balio (1987), p. 132
  4. Redacción (24-6-1959). "Some of the Top UA Grossers". Variety (en inglés). p. 12. Consultado o 11-8-2020. 
  5. Guinness, Alec (2 de xaneiro de 1959). "World's Biggest Box-Office Attraction". Manchester Guardian (en inglés) (Manchester): 5. 
  6. Redacción (1 de outubro de 1958). "Kirk Douglas: Actor-Tycoon". Variety (en inglés): 3. 
  7. Crowther, Bosley (15 de xuño de 1958). Consultado o 11 de agosto de 2020. "A Norse Western". The New York Times (en inglés) (Sección 2): 1. 
  8. Redacción (21 de maio de 1958). "Film Reviews: The Vikings". Variety (en inglés). p. 6. 
  9. Scheuer, Philip K. (20 de xuño de 1958). "Vikings' Filled With Violent Action Scenes". Los Angeles Times (en inglés). p. Parte I, p. 2. 
  10. Sullivan, Leo (3 de xullo de 1958). "Yep, Those Vikings Are Cowboys of the Fjords". The Washington Post (en inglés). 
  11. McCarten, John (21 de xuño de 1958). "The Current Cinema". The New Yorker (en inglés) (69). 
  12. "The Vikings". The Monthly Film Bulletin (en inglés) 25 (295). Agosto de 1958. p. 101. 
  13. "The Vikings". rottentomatoes.com (en inglés). Consultado o 11-8-2020. 
  14. "Richard Fleischer. Awards". imdb.com (en inglés). Consultado o 14-8-2020. 
  15. "Premios 6 edición. 1958". sansebastianfestival.com (en castelán). 29-xullo-1958. Consultado o 13-8-2020. 
  16. Hughes (2011), p. 29
  17. "Four Color #910 - The Vikings". comics.org (en inglés). xuño 1958. Consultado o 9-8-2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar