Na mitoloxía nórdica, Valhalla (do antigo nórdico Valhöll, «salón dos mortos») é un enorme e maxestoso salón situado en Asgard gobernada por Odín. Elixidos por Odín, a metade dos mortos en combate viaxan ó Valhalla tralo seu falecemento guiados polas valquirias, mentres que a outra metade vai ó Fólkvangr da deusa Freia. No Valhalla, os defuntos reúnense coas masas de mortos en combate coñecidos como einherjer, así como con varios heroes e deuses xermánicos lendarios, mentres se preparan para axudar a Odín no Ragnarök, a batalla da fin do mundo. Ante a gran sala, cuxo teito está cuberto con escudos dourados, está a árbore dourado Glasir. Arredor do Valhalla moran varias criaturas, como o cervo Eikþyrnir e a cabra Heiðrún, que pacen a forraxe da árbore Læraðr sobre o Valhalla.

Valhalla (1896), por Max Brückner.
Walhalla (1905), por Emil Doepler.

O Valhalla é descrito na Edda poética, colección de poemas compilados no século XIII a partir de fontes tradicionais antigas, na Edda prosaica, tamén escrita no século XIII por Snorri Sturluson, nas Heimskringla, do propio Sturluson, e nunhas estrofas dun poema anónimo do século X, coñecido como Eiríksmál e incluído na saga Fagrskinna, que conmemora a morte de Erik I de Noruega. O Valhalla ten inspirado diversas obras de arte, títulos de publicacións, á cultura popular e converteuse nun termo sinónimo de lugar de veneración de grandes personaxes xa falecidos.