Grande exército pagán

O Grande exército pagán, tamén coñecido como o Grande exército viquingo ou Grande exército danés, foi un exército viquingo de orixe danesa, mais tamén suecos e noruegueses, que devastou e conquistou gran parte de Inglaterra contra o 865. A diferenza da maioría de incursións escandinavas da época, as fontes contemporáneas existentes non ofrecen unha cifra concreta, pero é evidente que foi unha das máis poderosas forzas armadas da súa clase, entre centenares de naves e miles de guerreiros involucrados.

Finalmente, foi derrotado polo rei anglosaxón Alfredo o Grande, mais o remate das hostilidades trouxo un tratado polo que unha gran parte do norte e do leste de Inglaterra quedaron controlados polos daneses.

Historia editar

 
Mapa mostrando as diversas rutas que tomaron o grande exército pagán entre os anos 865 e 878.

O termo Grande exército pagán úsase na crónica anglosaxoa. A maioría de evidencias sobre o exército procede destes anais, e como o redactado se inicia o 1 de setembro, moitos dos acontecementos citados prodúcense un ano máis tarde (usando o calendario gregoriano).

A orixe do exército pode imputarse aos grupos viquingos que atacaron París no ano 845, posibelmente liderados polo lendario caudillo Ragnar Lodbrok. Devastaron a rexión a partir de 850, saqueando repetidamente Ruán e outras cidades pequenas, posibelmente utilizando bases esporádicas facilmente defendíbeis para dar curso á súa actividade depredadora.

Tras gañar experiencia ao longo e ancho de Europa, o exército chegou a Gran Bretaña a finais de 865, entrando por Anglia Oriental. Baixo o mando de Halfdan Ragnarsson e Ivar o Desosado, con apoio de Ubbe Ragnarsson, animou a conquistar e asentarse en Inglaterra. As sagas nórdicas entenden a invasión como unha resposta á morte do seu pai, Ragnar Lodbrok, a mans de Ælle de Northumbria en 865, pero a historicidade desta xustificación é moi incerta. Simeón de Durham na súa Historia de Sancto Cuthberto menciona aos caudillos viquingos e jarls do grande exército pagán: Halfdan, Inguar, Hubba, Beicsecg, Guthrum, Oscytell, Amund, dous jarls co mesmo nome Sidroc, Osbern, Frana e Harold[1][2].

A finais de 866, conquistaron o reino de Northumbria, e en 870 o reino de Anglia Oriental. En 871, o grande exército de verán chegou desde Escandinavia liderado polo viquingo Bagsecg[3]. O fortalecemento das forzas militares capacitaron ao exército para conquistar Mercia no ano 874. O mesmo ano, un considerábel número de colonos asentáronse nos territorios conquistados, seguidos doutro grupo en 877. Halfdan seguiu ao norte para atacar os pictos, mentres que Guthrum aparecía como caudillo das forzas viquingas no sur, e en 876 sumáronse máis forzas que serviron para gañar a batalla de Wareham. No entanto, Alfredo o Grande devolveu o golpe e eventualmente conseguiu a vitoria sobre o exército nórdico na batalla de Ethandun en 878, forzando o Tratado de Wedmore.

Os asentamentos do exército serviron para fundar o reino viquingo de York, que sobreviviu con algunhas interrupcións até 954.

Volta ao continente editar

O 12 de abril de 879 os viquingos do grande exército dirixen a súa atención cara ao continente e desembarcan na desembocadura do Escalda. Durante trece anos, cidades e cultivos foron pasto das chamas e a devastación estendeuse como unha mancha de aceite, chegando a Lieja, Malinas, Coblenza, Tréveris, Colonia e Aquisgrán, mesmo até o mesmo palacio de Carlomagno. De novo París foi ameazada con 700 naves e 40 000 guerreiros do norte pero Eudes de Francia, conde de París, fíxolles fronte durante once meses e non lograron o seu labor. En 892 regresan ao Danelaw en Inglaterra, pero Alfredo o Grande aproveitouse da longa tregua, chegara a Londres e estaba mellor preparado para calquera posíbel arremetida dos belicosos veciños[4].

Véxase tamén editar

Notas editar

  1. Stevenson, J. (1855) The Historical Works of Simeon of Durham, Church Historians of England, volume III, part II p. 654.
  2. "«Fact and Fiction in the Legend of St. Edmund.» Proceedings of the Suffolk Institute of Archaeology 31 (1969) p. 227.". Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2006. Consultado o 04 de setembro de 2006. 
  3. Hooper, Nicholas Hooper & Bennett, Matthew The Cambridge Illustrated Atlas of Warfare: the Middle Ages, p. 22.
  4. Oxenstierna, Eric Graf (1959). Los Vikingos, Ed. W. Kohlhammer GmbH, Stuttgart, ISBN 8421742248 pp. 155-156.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar