Portal:Rusia/Artigo destacado/Arquivo

Aquí están todos os artigos destacados no portal Rusia:

1 editar

As Xornadas de Xullo de 1917 foi o nome que recibiron as protestas armadas apoiadas polos anarcocomunistas e os bolxeviques, finalmente fracasadas, que trataron de derrocar ao Goberno Provisional Ruso e traspasar o poder aos soviets (consellos) en xullo dese ano. Estas protestas producíronse ao mesmo tempo que tiña lugar unha crise gobernamental pola dimisión dos ministros kadetes do Goberno, o que deixou a xestión da crise en mans dos dirixentes defensistas do Soviet de Petrogrado, principalmente dos menxeviques.

As protestas, debidas a unha mestura de descontento polo empeoramento da situación económica, axitación radical e oposición á reanudación das operacións militares entre outros factores, producíronse no medio dunha crise gobernamental desencadeada pola dimisión dos ministros kadetes. As manifestacións foron un síntoma do amplo descontento co desempeño do Goberno de coalición social-liberal e do desexo de que o soviet tomase a iniciativa na aplicación de reformas...


2 editar

O termo Revolución rusa (ruso: Русская революция, Russkaya revolyutsiya) agrupa todos os sucesos que conduciron ao derrocamento do réxime tsarista e á instauración preparada doutro, leninista, a continuación, entre febreiro e outubro de 1917, que levou á creación da República Socialista Federativa Soviética de Rusia. O tsar viuse obrigado a abdicar e o antigo réxime foi substituído por un goberno provisional durante a primeira revolución de febreiro 1917 (marzo no calendario gregoriano, pois o calendario xuliano estaba en uso en Rusia nese momento). Na segunda revolución, en outubro, o Goberno Provisional foi eliminado e substituído cun goberno bolxevique (comunista).

A Revolución de febreiro focalizouse, orixinalmente, en torno a Petrogrado (hoxe San Petersburgo). No caos, os membros do parlamento imperial ou Duma asumiron o control do país, formando o Goberno provisional ruso. A dirección do exército sentía que non tiñan os medios para reprimir a revolución e Nicolao II, o último emperador de Rusia, abdicou...


3 editar

O golpe de Estado de Kornilov foi un errado intento de Golpe de Estado contrarrevolucionario levado a cabo polo comandante en xefe do Exército ruso, o xeral Lavr Kornilov, en setembro de 1917. O Goberno Provisional Ruso e os soviets recibiron o apoio maioritario da poboación e fixeron que o golpe fracasara aos poucos días do alzamento militar.

Tralo fracaso da Ofensiva de Kerenskii en xullo, o novo primeiro ministro, Aleksandr Kerenskii, nomeou ao xeral Lavr Kornilov novo comandante en xefe do Exército ruso; desde o comezo xurdiron roces entre ambos polos desexos do xeral de aplicar unha serie de reformas conservadoras e opostas aos consellos, que na súa opinión, debían servir para mellorar a situación militar. Pronto Kornilov converteuse no candidato das dispersas organizacións conservadoras e dos representantes da Entente para encabezar un novo goberno...


4 editar

Laika (ruso: Лайка c. 1954 – 3 de novembro de 1957) foi unha cadela que participou no Programa Sputnik soviético, converténdose nun dos primeiros animais en saír ao espazo e o primeiro en orbitar a Terra. Laika foi atopada nas rúas de Moscova sen dono e foi seleccionada para ser a ocupante do Sputnik 2, lanzado ao espazo o 3 de novembro de 1957.

Anteriormente á súa misión non se tiñan datos do impacto dos voos espaciais nos seres vivos e a tecnoloxía para saír de órbita non se desenvolvera aínda, polo que os científicos non esperaban que Laika sobrevivira á misión. Porén, consideraban esta misión coma un paso previo necesario ás misións tripuladas por seres humanos. O experimento tiña o obxectivo de probar que un pasaxeiro vivo podía sobrevivir o lanzamento e soportar a ingravidez, abrindo as portas aos voos tripulados por persoas e fornecendo os primeiros datos de como os organismos vivos reaccionan en ambientes externos á Terra...


5 editar

O Goberno provisional ruso formouse en Petrogrado despois da abdicación do tsar Nicolao II durante a Revolución de Febreiro de 1917. Consistiu nunha serie de sucesivos gabinetes, principalmente de coalición entre políticos liberais e socialistas moderados, que trataron infrutuosamente de resolver os graves problemas aos que se enfrontaba o país, enfrascado na impopular Primeira Guerra Mundial, ata a toma do poder dos bolxeviques en novembro, ala radical do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, na Revolución de Outubro.

O primeiro goberno estivo formado exclusivamente por políticos burgueses, coa única excepción de Aleksandr Kerenskii, do Partido Social-Revolucionario (SR), que ingresou no goberno a título persoal. Durou apenas dous meses antes de cesar durante a Crise de abril debido ás diferenzas sobre a guerra entre socialistas e os membros máis conservadores do Consello de Ministros. Formouse entón o primeiro dos varios Gobernos de coalición entre liberais e socialistas...


6 editar

A execución da familia imperial rusa, pertencente á dinastía Romanov, tivo lugar en Ekaterimburgo a noite entre o 16 e 17 de xullo de 1918. O tsar Nicolao II, a súa esposa a tsarina Alexandra e os seus cinco fillos (Olga, Tatiana, María, Anastasia e Aleksei) foron fusilados xunto a un grupo de axudantes que decidiron acompañalos no seu exilio, entre os que destacan Eugene Botkin, Anna Demidova, Aleksei Trupp e Ivan Kharitonov. O fusilamento foi executado por un grupo de bolxeviques dirixidos por Iakov Iurovski baixo as ordes do Soviet Rexional dos Urais.

O lugar no que se agocharon os corpos foi descuberto en 1979 polo detective Aleksandr Avdonin, pero o achado dos restos non se publicou ata 1989, durante o período do glasnost...


7 editar

O Potemkin (en ruso: Князь Потёмкин-Таврический Kniaz Potemkin Tavricheskii, «Príncipe Potiomkin de Táurica») foi un acoirazado pre-dreadnought ruso que se construíu para a Frota do Mar Negro da Armada Imperial rusa. O buque fíxose famoso polo motín dos seus mariñeiros contra os oficiais en xuño de 1905, durante a Revolución Rusa de 1905. Tempo despois este motín considerouse un primeiro paso cara á Revolución Rusa de 1917 e converteuse nun símbolo revolucionario grazas á película muda O acoirazado Potemkin, dirixida por Sergei Eisenstein en 1925.

Despois de que os amotinados buscasen refuxio no porto romanés de Constanza, a armada rusa recuperou o buque e renomeouno Panteleimón. En 1909 o acoirazado afundiu accidentalmente un submarino ruso e en 1911 encalou e resultou gravemente danado. Iniciada a Primeira Guerra Mundial, a finais de 1914 o Panteleimón participou na batalla do cabo Sarych contra buques de guerra do Imperio otomán...


8 editar

A crise de abril de 1917 en Rusia foi o primeiro conflito grave entre o Goberno provisional ruso e o Soviet de Petrogrado tras a creación de ambos durante a Revolución de Febreiro. Xurdida polo desacordo entre os obxectivos de paz condicional dos dirixentes da maioría no Soviet e a postura a favor da continuación da participación rusa na guerra mantendo os obxectivos do anterior réxime tsarista, levou á dimisión do ministro de Exteriores, Pavel Miliukov e á formación do primeiro gabinete de coalición entre liberais e socialistas moderados, que se mantivo con grandes tensións até a Revolución de Outubro cando os bolxeviques derrocaron ao Goberno...


9 editar

A Revolución de Febreiro (en ruso: Февральская революция, fevralskaia revoliutsiia) de 1917 no Imperio Ruso marcou a primeira etapa da Revolución Rusa de 1917. Causou a abdicación do tsar Nicolao II, puxo fin á monarquía rusa e levou á formación dun Goberno provisional. Esta revolución naceu como reacción á política realizada polo tsar, a súa negación a outorgar reformas políticas liberais e contra a participación de Rusia na primeira guerra mundial, que inflixira grandes penurias á poboación. O réxime nacente resultou dunha alianza entre liberais e socialistas que debía dar paso a un executivo elixido democraticamente e unha asemblea constituínte.

Ás crecentes pero estériles conspiracións contra o goberno autocrático de finais de 1916 uníronse as penurias da poboación, cada vez maiores, que produciron protestas a comezos de 1917. No principio do ano, ao descontento político pola falta de reformas sumáronse as privacións da poboación, moi prexudicada pola grande inflación e a escaseza de alimentos e produtos básicos...


10 editar

A Revolución de Outubro (en ruso: Октябрьская революция, Oktiabrskaia revoliutsiia), tamén coñecida como Revolución Bolxevique, foi a segunda fase da Revolución Rusa de 1917, trala Revolución de Febreiro. A data 25 de outubro de 1917 corresponde ao calendario xuliano vixente no Imperio Ruso, despois abolido polo novo Goberno bolxevique. No resto do mundo, baixo o calendario gregoriano, os sucesos iniciáronse o día 7 de novembro de 1917.

As sucesivas derrotas rusas na primeira guerra mundial foron unha das causas da Revolución de Febreiro. No momento de entrada na guerra, todos os partidos políticos mostráronse favorables á participación na contenda, coa excepción do Partido Obreiro Socialdemócrata, o único partido europeo xunto ao Partido Socialista do Reino de Serbia que se negou a votar os créditos de guerra, pero advertiu que non trataría de sabotar os esforzos provocados pola guerra...


11 editar

As negociacións Vikzhel foron unhas conversacións, finalmente fracasadas, entre os partidos socialistas rusos impostas polo comité executivo do sindicato ferroviario ruso (Vikzhel) co fin de substituír o Sovnarkom, un Goberno exclusivamente bolxevique recentemente formado durante a Revolución de Outubro, por unha coalición das forzas socialistas.

Trala toma do poder do Sovnarkom durante a Revolución de Outubro, os seus opositores políticos socialistas recorreron ás armas. O comité executivo do Vikzhel, partidario da formación dun Goberno de coalición entre os diversos partidos socialistas, obrigoulles a iniciar negociacións para a súa creación. O Vikzhel ameazaba con paralizar o transporte ferroviario, fundamental para abastecer as cidades e transportar as tropas tanto do Sovnarkom como as dos seus adversarios...


12 editar

A estrea da Sinfonía n.º 7 de Shostakovich en Leningrado tivo lugar o 9 de agosto de 1942 durante a segunda guerra mundial, mentres a cidade de Leningrado (actual San Petersburgo) era sitiada polas forzas da Alemaña nazi.

Dmitrii Shostakovich tiña a intención de que a obra fora estreada pola Orquestra Filharmónica de Leningrado, mais a causa do sitio esta foi evacuada da cidade, así como o propio compositor. A estrea mundial da sinfonía tivo lugar en Kuibyshev coa Orquestra do Teatro Bolshoi. A estrea en Leningrado foi realizada polas persoas sobreviventes da Orquestra da Radio de Leningrado, con reforzos de músicos militares. A maioría das persoas que integraban a orquestra estaban famentas, o que dificultou os ensaios: desmaiábanse frecuentemente durante os ensaios, e tres morreron. A orquestra só foi capaz de tocar a sinfonía ata o final unha vez antes do concerto...