Capelán (peixe)

(Redirección desde «Mallotus»)
Capelán
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Protacanthopterygii
Orde: Osmeriformes
Suborde: Osmeroidei
Superfamilia: Osmeroidea
Familia: Osmeridae
Xénero: Mallotus
Cuvier, 1829
Especie: M. villosus
Nome binomial
Mallotus villosus
(Müller, 1776)
Subespecies
  • Véxase o texto

O capelán[1] (Mallotus villosus) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos osmeriformes e familia dos osméridos, a única pertencente ao xénero Mallotus,[2][3] que vive nas costas dos océanos Atlántico norte e Glacial Ártico.

O seu nome galego segue a súa denominación noutros idiomas próximos (castelán, capelán ou capelín; portugués, capelim; francés, capelan; italiano, capelano, inglés, capelin).

É un peixe pequeno que viven a uns 300 m de profundidade. As súas míllaras están consideradas como un produto de alto valor comercial, sobre todo no Xapón, onde se combina co wasabi e véndese como «caviar de wasabi». Aparece na moeda de 10 coroas de Islandia.

Características editar

As principais características morfolóxicas do capelán son as seguintes:[4][5][6]

  • Corpo esvelto de até uns 20 cm de lonxitude, aínda que ordinariamente roldan os 15 cm.[7] O tamaño máximo rexistrado foi o dunha femia que medía 25,2 cm,[7] e o peso máximo rexistrado alcanzou os 52 g.[8]
  • Boca con dentes palatais pequenos.
  • Colaración prateada nos flancos e na rexión ventral, e verde olivácea na dorsal.
  • Liña lateral con polo menos 150 escamas nunha fileira lonxitudinal.
  • Os machos teñen unhas longas excrecencias pilosas sobre as grandes escamas da liña lateral.
  • Aleta dorsal sostida por de 10 a 14 raios brandos, e a anal por de 16 a 23 raios, así mesmo brandos. Presenta unha aleta adiposa de base longa e co extremo externo só lixeiramente curvado. Os machos teñen as aletas torácicas máis longas que as femias.
  • Columna vertebral formada por de 62 a 73 vértebras.

Bioloxía editar

Hábitat e distribución editar

Malllotus villosus é un peixe mariño que tamén se pode encontrar en augas doces e salobresanádromo), que frecuenta augas frías (duns 32 °C). Nos océanos é peláxico, vivindo agrupado en cardumes a profundidades de entre os 0 e os 725 m, usualmente a 150–200 m.[6] Durante o día encóntrase xeralmente contra os 150 m de profundidade, e de noite na superficie do mar.[4]

 
Distribución dos cardumes e migracións do capelán nas zonas de alimentación e de reprodución no Atlántico norte, ao redor de Islandia.
En verde: zonas de alimentación dos adultos.
En azul: distribución dos xuvenís.
Frechas verdes: migracións alimentarias.
Frechas azuis: migracións de retorno.
En vermello e frechas vermellas: migracións de desova: zonas principais de desova e itinerairios de deriva das larvas.

A súa área de dispersión abarca desde os 79 °N e os 40 °N, e os 180 °O e os 180 °L. A súa distribución é circumpolar no Ártico. No Atlántico norte encóntrase desde o mar de Barents até a illa do Oso (nas Svalbard) polo norte, até as costas de Islandia e os mares Branco e de Noruega polo sur e, pasando polas costas do sur de Groenlandia, chega desde a baía de Hudson no Canadá, polo norte, até o golfo de Maine, nos Estados Unidos, polo sur. No Pacífico norte encóntrase desde o sur da península de Corea até o estreito de Juan de Fuca, que fai fronteira entre os Estados Unidos e o Canadá.[4][5][6]

Nutrición editar

Os adultos aliméntanse de peixes pequenos, copépodos, eufausiáceos (krill), anfípodos, vermes mariños e crustáceos planctónicos.[5][9][10]

Reprodución editar

Alcanzan a madurez sexual entre os 2 e os 5 anos de vida, cando acadan un tamaño de entre os 15 e os 19 cm (13,5 cm de media).[5][6]

Os individuos maduros desprázanse na primavera e no verán até as costas en grandes cardumes para a desova. Os machos adoitan chegaren ás áreas de reprodución antes do que as femias.[5][6]

As femias producen entre 6 000 e 12 000 óvulos adherentes, de entre 0,6 e 1,2 mm de diámetro, que depositan en sucos na area do fondo, ou entre algas ou rochas, a unha profundidade de entre os 2 e os 100 m.[4][5] No mar de Barents encontráronse até 400 millóns de ovos por quilómetro cadrado. A maio´ría dos adultols, especialmen te os mac hos, morren despois da desova,[4][5]

Os ovos eclosionan, en augas dunha temperatura din 4 °C, ao cabo duns 40 días, e as larvas miden uns 5 mm ao naceren. Os capelán alcanzan unha lonxevidade duns 7 anos.[5] A idade máxima rexistrada foi de 10 anos.[11]

Taxonomía editar

Descricións editar

Xénero editar

O xénero Mallotus foi descito en 1829 polo naturalista francés Georges Cuvier,[2][3] na súa monumental obra Histoire naturelle des poissons, publicada en 22 volumes entre 1828 e 1848, rematada por Valenciennes, pois Cuvier faleceu en 1832.

Especie editar

En canto a especie xa fora descrita moito antes, en 1776, polo naturalista danés Otto Friedrich Müller, que a denominou Clupea villosa,[12] polo seu parecido coa sardiña ou o arenque e outros clupeidos. Posteriormente foi reclasificada nos xéneros Salmo e Osmerus, até que definitivamente foi situada como única especie do xénero Mallotus.

Etimoloxías editar

Nome xenénerico editar

O nome do xénero, Mallotus, é un substantivo do latín científico tirado do grego antigo μαλλoτός mallotós, "laúdo", derivado de μαλλόσ mallós, "estriga (ou guedella) de la" e -oτος -otos, sufixo grego formador de adxectivos, en referencia ás excrecencias pilosas sobre as escamas da liña lateral dos machos.

Nome específico editar

En canto ao epíteto específico, villosus, é o nominativo masculino singular do adxectivo latino villosus, -a, -um, "viloso", "peludo", "cuberto de pelo", que fai referencia á mesma característrica das escamas da liña lateral dos machos.

Nome vulgar editar

O nome vulgar, capelán, deriva do nome vulgar francés capelan, que vén do francés antigo chapelain, vía o occitano capelan, derivado do latín eclesiástico capellānus, -i, "capelán", sacerdote a cargo dunha capelanía. As denominacións nas outras linguas modernas (citadas ao principio do artigo, e tamén a alemá, Kapelan), derivan da francesa.

Sinónimos editar

A especie coñeceuse, ademais de polo nome actualmente válido, e polo que lle impuxo Müller, coñeuse tamén polos sinónimos:[12]

  • Clupea villosa Müller, 1776 (basónimo)
  • Mallotus catervarius (Pennant, 1784)
  • Mallotus villosus catervarius (Pennant, 1784)
  • Mallotus villosus socialis (Pallas, 1814)
  • Osmerus villosus (Müller, 1776) [13]
  • Salmo catervarius Pennant, 1784
  • Salmo groenlandicus Bloch, 1794
  • Salmo socialis Pallas, 1814

Subespecies editar

Algúns autores cosideran, dentro da especie, as dúas subespecies seguintes:[13]

  • Mallotus villosus
    • Mallotus villosus socialis (Pallas, 1814) – capelán do Pacífico.
    • Mallotus villosus villosus (Müller, 1776) – capelán do Atlántico.

Importancia económica e usos editar

O capelán é unha das especeis clave no ecosistema ártico, xa que constitúen un dos elementos principais da dieta de bacallaus, carboeiros,[14] baleas, focas e diversas aves mariñas.[4][5]

Así mesmo é obxecto de activa pesca en toda a súa área de dispersión. No mar de Barents captútrase con traíñas e artes de arrastre peláxico.[5]

As súas míllaras convertéronse nunha delicatesse en Noruega.[5] Pero quizais onde este produto alcanza o maior valor comercial é sobre todo no Xapón, onde se combina co wasabi e véndese como «caviar de wasabi».

Os machos empréganse sobre todo para a fabricación de fariña de peixe,[5][6] pero tamén son obxecto de consumo humano, comercializándose en fresco, conxelado ou en conserva. Consómese fresco, fritido, ou seco.[6]

Así mesmo utilízase como carnada para a pesca de bacallau con cana.[4]

As súas capturas anuais varían moito de ano en ano, pero durante uns anos foron de entre un e dous millóns de toneladas.[5]

Galería editar

Notas editar

  1. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 59.
  2. 2,0 2,1 Mallotus, Cuvier, 1829 no WoRMS,
  3. 3,0 3,1 Mallotus, Cuvier, 1829 no ITIS.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982), p. 126.
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 Muus, Bent J. et al. (1998), p. 98.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Mallotus villosus (Müller, 1776) en FishBase.
  7. 7,0 7,1 Muus, B. & P. Dahlström (1978): Meeresfische der Ostsee, der Nordsee, des Atlantiks. München: BLV Verlagsgesellschaft.
  8. Velikanov, A. Y. (1993): "Capelin", p. 105-109 en F. S. Terziev, ed. Project "The seas". Hydrometeorology and hydrochemistry of the seas. Vol. 9. Sea of Okhotsk. Sankt-Peterburg: Gidrometeoizdat.
  9. Hart, J. L. (1973): "Pacific fishes of Canada". Bull. Fish. Res. Board Can. 180, 740 p.
  10. Muus, B. J. & J. G. Nielsen (1999): Sea fish. Scandinavian Fishing Year Book. Hedehusene, Denmark. 340 p.
  11. Beverton, R. J. H.; J. R. Beddington & D. M. Lavigne (1985): Marine mammals and fisheries. Boston: G. Allen & Unwin.
  12. 12,0 12,1 Mallotus villosus (Müller, 1776) no WoRMS.
  13. 13,0 13,1 Mallotus villosus (Müller, 1776) no ITIS.
  14. Nome dado por Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario, p. 92.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0685-6.
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Eschmeyer, W. N.; E. S. Herald & H. Hammann (1983): A field guide to Pacific coast fishes of North America. Boston, U.S.A.: Houghton Mifflin Company.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World (4th ed.). Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-4712-5031-7.
  • Van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N.; Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (Eds.) European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50. ISBN 2-85653-538-0, pp. 357–374.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar