Pollachius virens

O Pollachius virens Linneo 1758 [1], carboeiro, fogoneiro [2] ou burro [3], é un peixe mariño da familia dos gádidos, semellante ó bacallau (Gadus morhua) ou ó abadexo (Pollachius pollachius). En Galicia pode comercializarse coma fogoneiro, non confundir co burro ou fogueiro (Melanogrammus aeglefinus).[4]

Pollachius virens

Características editar

Pode alcanzar tamaños de máis dun metro e pesos de ata 12–14 kg, aínda que os talles frecuentes oscilan entre os 35 e os 50 cm, con pesos de 2–5 kg.

Presenta o dorso de cor escura, entre negro e o verde escuro [5], aclarándose ó gris amarelento nos flancos e branco prateado no ventre. As aletas son da mesma cor có dorso, excepto as pélvicas (en posición xugular) que son máis pálidas. Liña lateral pálida. Na queixada inferior ten unha pequena barbela (propia dos gádidos, a excepción do abadexo).

A aleta caudal presenta un bordo posterior aforquitado, mentres que noutros gádidos é recto.

Hábitat e distribución editar

Aliméntase de peixes pequenos, crustáceos copépodos e outros invertebrados, se ben cando adulto preda predominantemente peixes.

Especie migratoria, gregaria, peláxica, propia de augas ata profundidades de ata 200 m. Busca augas costeiras e superficiais para a desova, e máis profundas no inverno. No verán realiza grandes migracións cara ao norte, ás zonas de alimentación. A especie distribúese polo océano Atlántico desde o norte de Francia ata Islandia, no suroeste de Groenlandia, así como polas costas do leste do Canadá, sendo moi infrecuente capturala en latitudes máis baixas.

Alcanza a madurez sexual ós 5-10 anos (na poboación europea), con talles de 60–90 cm.

Uso culinario editar

Segundo estatísticas da FAO para 1987 [6] a captura total desta especie foron 483.758 toneladas, a maior parte destinada ó consumo dos países do norte de Europa, sobre todo Dinamarca e illas Feroe.

Comercialízase en fresco ou conxelado, e cocíñase fritido, salgado ou seco. Posúe unha carne branca, facilmente separable.

Notas editar

  1. Antes Gadus virens.
  2. https://www.pescadegalicia.gal/
  3. Constantino González García: Glosario de voces galegas de hoxe, Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Secretariado de Publicacións da Universidade, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela 1985.
  4. Resolución do 8 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se establece e publica a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España. BOE nº51, xoves 28 de febreiro de 2013, Sec. III, Páx. 16306 e seguintes
  5. De aí o nome vernacular en castelán de carbonero.
  6. FAO Yearbook of Fishery Statistics.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Karel Pivnicka e Karel Cerny: El gran libro de los peces. Susaeta, Madrid 1991.

Ligazóns externas editar