José Macia

futbolista brasileiro

José Macia, máis coñecido como Pepe, nado en Santos o 25 de febreiro de 1935,[1][2] é un exfutbolista e exadestrador brasileiro, de ascendencia galega. Xogaba como extremo esquerdo e está considerado un dos maiores ídolos da historia do Santos FC, o único club no que militou.[1] É o segundo máximo goleador da historia do club, con 403 goles, e tamén o segundo xogador con máis partidos coa camiseta alvinegra (750),[3][2][4] superado nos dous rexistros só polo seu compañeiro Pelé. Ambos, xunto a Coutinho, formaron un dos mellores ataques da historia do fútbol mundial, con preto de dous milleiros de goles anotados entre os tres.[5]

Pepe
Información persoal
Nome José Macia
Nacemento 25 de febreiro de 1935
Lugar de nacemento Santos
Altura 1,75 m.
Posición Extremo esquerdo
Carreira xuvenil
Comercial FC
Mota Lima
Continental
1952–1954 Santos
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1954–1969 Santos 750 (405)
Selección nacional
1955–1965 Brasil 41 (22)
Adestrador
1975 Santos
1978 Paulista
1979–1980 Santos
1981 Atlético Mineiro
1981 São José
1982 Náutico
1983 Inter de Limeira
1983–1985 Al Sadd
1985 Fortaleza
1986 São Paulo
1986–1987 Inter de Limeira
1987–1989 Boavista
1989 Perú
1989 Inter de Limeira
1989–1990 Santos
1992 Verdy Kawasaki
1993 Portuguesa
1993 Guarani
1994–1995 Santos
1995 Atlético Paranaense
1996 Inter de Limeira
1996 Coritiba
1997 Criciúma
1998 Atlético Paranaense
2002–2003 Portuguesa Santista
2003 Guarani
2003 Portuguesa Santista
2003 Ponte Preta
2004–2005 Al Ahli
Na rede
Instagram: pepe_santosfc FIFA: 53354 UEFA: 100493 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Conquistou unha cifra récord de 13 Campionatos Paulistas (11 como xogador do Santos, un como adestrador do Santos e outro como adestrador do Inter de Limeira),[6] e é tamén a persoa con maior número de títulos do Campionato Brasileiro, con sete (seis como xogador do Santos e outro como adestrador do São Paulo FC).[1]

Foi 40 veces internacional coa selección brasileira, coa que anotou 22 goles e gañou dúas Copas do Mundo (1958 e 1962).[1][7]

Traxectoria editar

Orixe e inicios editar

Fillo dos inmigrantes galegos José Macía Vega e Clotilde Arias Yáñez, ambos naturais provincia de Ourense[8], Pepe naceu un luns de Entroido,[9][7] no número 255 da rúa João Pessoa do barrio Centro de Santos,[10] a mesma rúa na que fora fundado o Santos FC 23 anos antes.[11] Seus pais, José Macía e Clotilde Arias, eran dous inmigrantes galegos, procedentes el de Rabal, Oímbra, e ela de Mandín, Verín, que a pesar da pouca distancia entre as súas aldeas, coñecéronse no Brasil.[12] Cando tiña dous anos, o seu irmán máis vello, Silvio, de sete, faleceu nun accidente doméstico mentres xogaba cun curmán, traxedia que afectou profundamente a familia, especialmente a nai.[13][14]

Aos sete anos, en 1942, Pepinho trasladouse coa súa familia á veciña cidade de São Vicente, onde seu pai, comerciante, mercou unha mercearia, unha tenda de alimentos e outros produtos básicos. Co seu irmán Mário comezou a xogar ao fútbol nos equipos do barrio onde vivía, o Comercial FC, o Mota Lima e o Continental.[11][15]

Con 16 anos xogaba no equipo infantil do São Vicente AC cando Cobrinha, o porteiro do equipo, que tamén militaba no equipo infantil do Santos, invitouno a facer unha proba co club. O 4 de maio de 1951 Pepe pisou por primeira vez o céspede de Vila Belmiro, e recibiu o visto e prace do técnico Salu da Bandinha.[1][16] A pesar da reticencia de seus pais, que non querían que fose futbolista, acabou entrando no club.[12]

Santos FC editar

Debut e primeiro título editar

Xa na canteira do Santos, entre os anos 1952 e 1953 estivo ás ordes do adestrador Lula, tamén fillo de galegos e que o dirixiría durante case toda a súa carreira. O 23 de maio de 1954, con 19 anos e da man do técnico Giuseppe Ottina, debutou co primeiro equipo nun partido contra o Fluminense en Pacaembu, durante o Torneo Río-São Paulo. O Santos perdeu por 2 a 1, e Pepe entrou na segunda metade en substitución de Boca, que xa entrara en substitución de Del Vecchio.[1][17][7] Na parte final do ano regresou ao equipo xuvenil, pero na tempada seguinte instalouse definitivamente no primeiro equipo, adestrado xa por Lula.

O seu primeiro gran momento como futbolista profesional chegou no Campionato Paulista de 1955, do que se proclamou campión contribuíndo con 10 goles, un deles o gol da vitoria co que o equipo gañou o título na derradeira xornada ante o Taubaté en Vila Belmiro.[15][1] Foi o segundo título de campión paulista para o club, 20 anos despois do primeiro, e Pepe saíu aclamado do estadio.[18] Titular indiscutible do equipo xa en 1955, converteuse ademais no tirador de faltas e penaltis do equipo.[19]

Dominio do fútbol paulista editar

Durante os seguintes anos o Santos continuou dominando de xeito case absoluto o fútbol paulista, conquistando ata 11 títulos do campionato estatal, cun equipo no que destacaban xogadores como Pelé, Coutinho, Zito, Jair Rosa Pinto ou o propio Pepe. O 6 de marzo de 1958, foi, cun triplete, un dos protagonistas do histórico partido ante o Palmeiras de Formiga e Mazzola, no Torneo Río-São Paulo, que rematou con vitoria santista por 7-6.[20][19]

En 1959 o club realizou a súa primeira xira por Europa, disputando 22 partidos en nove países do continente e anotando 78 goles, 20 deles obra de Pepe.[21] En xuño, Pepe pisou por primeira vez Galicia, a terra de seus pais, para disputar co equipo na Coruña a 14ª edición do Trofeo Teresa Herrera fronte ao Botafogo de Garrincha. Diante dalgúns dos seus familiares, presentes no estadio de Riazor, marcou dous dos catro goles do seu equipo, que acabou levando o trofeo para Santos.[12] Tralo partido colleu un taxi cara a Mandín, onde coñeceu a súa avoa, que estaba preto de cumprir os 90 anos.[22] Uns días despois marcou outros dous tantos na goleada por 7-1 sobre o Inter de Milán no Trofeo Laranxa de Valencia.[21]

Campión brasileiro, suramericano e intercontinental editar

Nese mesmo 1959 creouse o Campionato Brasileiro e o Santos chegou á primeira final da historia, na que Pepe marcou un gol fronte ao Bahia, aínda que o título acabou sendo para o club baiano. Dous anos despois, na edición de 1961, volveu disputar a final contra o Bahia, proclamándose desta volta campión brasileiro por primeira vez. O Santos revalidou o título nas seguintes catro tempadas, con varios goles máis de Pepe nas finais.

Ademais proclamouse campión da Copa Libertadores en 1962 e 1963, sendo titular en tódolos partidos das finais, contra Peñarol e Boca Juniors respectivamente. Saíu no once inicial tamén nas dúas Copas Intercontinentais que conquistou o seu equipo nos mesmos anos. Na primeira delas fixo un gol contra o Benfica de Eusébio, mentres que na segunda marcou dous goles de falta no partido de volta contra o Milan no Maracanã que contribuíron a unha histórica remontada dun partido que o Santos perdía por 0-2, e que rematou 4-2.[19]

Recibiu o alcume de "Canhão da Vila", polo seu forte golpeo coa perna esquerda,[15] coa que realizaba disparos que acadaron velocidades de ata 122 km/h.[23][24] A súa potencia era tal que nun dos seus tiros libres chegou a deixar sen coñecemento a Alfredo Ramos, defensor do São Paulo que estaba colocado na barreira.[25]

Últimos anos editar

Foi o titular absoluto no extremo esquerdo do Santos ata 1965, cando cumpriu os 30 anos. A partir desa data, ata 1969, ano no que rematou a súa carreira, comezou a alternarse no posto de titular con Abel primeiro e máis tarde con Edu.[1] Disputou o seu último encontro o 19 de marzo de 1969, na vitoria por 2-1 sobre o América de São José do Rio Preto no estadio Urbano Caldeira, partido correspondente ao Campionato Paulista.[26]

Militou durante 15 anos no Santos e, con 403 goles marcados en 741 partidos, é o segundo máximo goleador da historia do club, só por detrás de Pelé.[27] Á marxe de Pelé, só dous xogadores marcaron máis goles que Pepe nun só club: Roberto Dinamite, que marcou 620 goles co Vasco da Gama, e Zico, que conseguiu 500 co Flamengo.[3]

Os seus 27 títulos oficiais co Santos convérteno no futbolista con máis títulos para un mesmo club do Brasil, con dous máis que Pelé.[17]

Selección nacional editar

 
Foto de Pepe no Arquivo Nacional do Brasil.

Foi 40 veces internacional coa selección brasileira, coa que marcou 22 goles.[3][7][15] Debutou o 8 de xullo de 1956, nun partido contra a Arxentina pola Copa do Atlántico. Saltou ao campo na segunda parte, substituíndo a Ferreira, e tralo empate sen goles o equipo brasileiro fíxose co título.[1][7] Un mes despois disputou o seu primeiro encontro como titular na selección, nun amigable contra Checoslovaquia no Maracanã, onde formou na dianteira xunto con Zizinho, Didi, Canário e Leônidas.

En 1957, con 22 anos, foi convocado polo seleccionador Osvaldo Brandão para a súa primeira e única Copa América, marcando tres goles e rematando subcampión por detrás da Arxentina. Foi convocado para as Copas do Mundo de Suecia 1958 e Chile 1962,[28] pero en ámbolos casos sufriu unha lesión nas vésperas do torneo.[1][15] Acudiu igualmente a ambas citas coa esperanza de poder recuperarse a tempo, pero non chegou a debutar en ningún dos dous torneos, nos que a selección brasileira se proclamou campioa.

O seu mellor momento coa selección, segundo as súas propias palabras, foi o partido amigable que disputou en 1963 contra Inglaterra en Wembley (1-1), no que conseguiu marcar un tiro libre directo dende longa distancia, superando ao histórico gardameta Gordon Banks.[7]

Ademais dos dous Mundiais, gañou dúas veces a Copa do Atlántico (1956, 1960), dúas veces a Copa Roca (1957, 1963), a Copa Bernardo O'Higgins (1961) e tres veces a Copa Oswaldo Cruz (1958, 1961, 1962).[7]

Como adestrador editar

En 1969 comezou a súa carreira como adestrador na canteira do Santos. Pouco tempo despois pasou a ser adestrador axudante do equipo principal, e en 1972 colleu por primeira vez as rendas do primeiro equipo. En 1973 proclamouse campión do Campionato Paulista,[7] dirixindo a un grupo de futbolistas entre os que estaban Agustín Cejas, Carlos Alberto, Clodoaldo, Edu ou o seu antigo compañeiro Pelé, na parte final da súa carreira no Brasil.

A continuación regresou ao equipo xuvenil, e máis tarde volveu adestrar o primeiro equipo do Santos en catro etapas máis. Dirixiu un total de 371 partidos do club, sendo o terceiro adestrador con máis encontros na historia da entidade santista.[1]

Durante os seus case 40 anos como adestrador, dirixiu unha vintena de equipos, a maioría deles do Brasil. Viviu a súa mellor época como técnico a mediados da década de 1980, cando gañou de xeito consecutivo o Campionato Cearense co Fortaleza, un histórico Campionato Paulista co Internacional de Limeira, o único na historia do club, e o Campionato Brasileiro de 1986 co São Paulo. O seu balance á fronte do São Paulo foi de 45 partidos, con 22 vitorias, 16 empates e sete derrotas. Foi destituído tras a eliminación na Copa Libertadores de 1987.[2] A continuación regresou ao Inter de Limeira, co que conquistou o Campionato Brasileiro de Serie B.

Fóra do país amazónico, adestrou o Boavista portugués, a selección peruana, o Verdy Kawasaki xaponés (co que gañou a liga xaponesa en 1992), e o Al Sadd e o Al Ahli de Qatar, tendo ás súas ordes neste último a Pep Guardiola, case no final da súa carreira como futbolista.[1][7]

Recoñecementos editar

O 21 de setembro de 1967 recibiu o Premio Belfort Duarte, en recoñecemento á súa extrema deportividade.[3] A medalla de prata de dito premio era concedida ao futbolista profesional que pasase dez anos, e polo menos 200 partidos, sen ser expulsado do campo. Pepe superou por moito esa cifra, pois acumulou un total de 781 partidos (741 co Santos e 40 coa selección) sen ser nunca expulsado.[3][29]

O 3 de maio de 1969 foi homenaxeado diante de 22.810 espectadores no Vila Belmiro, antes dun partido entre o Santos e o Palmeiras.[7][1] En 2021 creouse o "Premio Pepe", para elixir o gol máis fermoso do Campionato Paulista.[6]

Vida persoal editar

Casado con Nélia, tivo catro fillos: Alexandre, Maria Clotilde, Gislene e Rafael.[9]

Publicacións editar

En 2012 publicou un libro de memorias, titulado “Bombas de Alegria, meio século de memórias do Canhão da Vila” ,[15] no que conta curiosas historias futbolísticas. A súa biografía foi publicada en 2015, escrita pola xornalista Gisa Macia, a súa filla.[1]

Palmarés editar

Como xogador editar

Santos
Selección brasileira

Como adestrador editar

Santos
Forzaleza
Inter de Limeira
São Paulo
Verdy Kawasaki
Atlético Paranaense

Premios individuais editar

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Santana, Gabriel (25 de febreiro de 2020). "Pepe faz 85 anos!". Santos Futebol Clube (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Pepe - Que fim levou?" (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Pierin, Gabriel (21 de setembro de 2021). "Pepe, a disciplina premiada" (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  4. Neves, Milton (25 de febreiro de 2021). "Pepe, 86: veja verdadeiras relíquias da carreira do “Canhão da Vila”" (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  5. "Ídolos". Santos Futebol Clube (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  6. 6,0 6,1 "Prêmio Pepe escolherá o gol mais bonito do Paulistão 2021" (en portugués). 1 de marzo de 2021. Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 "#TBTdaAmarelinha: Pepe, o Canhão da Vila" (en portugués). 16 de xullo de 2020. Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  8. Talão de registro de nascimento de José Macia - Ofício de registro civil de Santos]
  9. 9,0 9,1 "Com muita saúde, Pepe, o Canhão da Vila, comemora 80 anos em família" (en portugués). 25 de febreiro de 2015. Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  10. "Memória: O jovem José Macia realizava os primeiros testes na Vila Belmiro" (en portugués). 4 de maio de 2018. Consultado o 16 de setembro de 2020. 
  11. 11,0 11,1 "Pepe faz 85 anos!" (en portugués). Consultado o 2022-02-16. 
  12. 12,0 12,1 12,2 "El escudero gallego de Pelé" (en castelán). 23 de xaneiro de 2020. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  13. Programa Memória-História Oral (5 de xullo de 2022). Entrevista a Pepe (YouTube) (en portugués). 
  14. "José Macia (Pepe)" (en portugués). 2006-06-28. Consultado o 2024-02-01. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 "Especial Copa de 58" (en portugués). Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  16. "Memória: O jovem José Macia realizava os primeiros testes na Vila Belmiro" (en portugués). Consultado o 2022-02-16. 
  17. 17,0 17,1 "Há 66 anos, Pepe fazia sua estreia com a camisa do Santos" (en portugués). 23 de maio de 2020. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  18. "José Macía «Pepe», el mago brasileño de ascendencia gallega del Santos" (en castelán). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  19. 19,0 19,1 19,2 Santana, Gabriel (16 de marzo de 2014). "Pepe – 1954-1969". acervosantosfc.com (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  20. "Mazzola se despedia do Parque Antártica há exatamente 55 anos". Sociedade Esportiva Palmeiras (en portugués). 16 de abril de 2013. Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  21. 21,0 21,1 Santana, Gabriel (22 de maio de 2014). "Excursão para a Europa – 1959" (en portugués). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  22. Hinojal, Luis Miguel (17 de decembro de 2011). ""No era nada fácil jugar con Pelé"". El País (en castelán). Consultado o 16 de setembro de 2022. 
  23. Vitor, Raul (6 de agosto de 2020). "Aos 85 anos, Pepe, o 'Canhão da Vila', moderniza sua marca e lança nova linha de produtos na web" (en portugués). Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  24. Lázaro, Fábio (10 de agosto de 2020). "Ídolo do Santos, Pepe expande a sua marca e 'abandona' apelido de Canhão; entenda" (en portugués). Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  25. Pepe (5 de xullo de 2019). A BOLADA NO NARIZ DO ALFREDO RAMOS - CAUSO #11 (YouTube) (en portugués). Consultado o 22 de setembro de 2022. 
  26. Guarche, Guilherme (19 de marzo de 2019). "O último jogo de Pepe" (en portugués). Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  27. "Ídolos". santosfc.com (en portugués). Consultado o 13 de setembro de 2022. 
  28. "Remanescentes da seleção campeã mundial em 1958" (en portugués). Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  29. "Memória: Por carreira sem expulsões, Pepe recebia o diploma Belfort Duarte". Santos Futebol Clube (en portugués). 21 de setembro de 2017. Consultado o 17 de setembro de 2022. 
  30. "Pepe, a disciplina premiada" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2022. Consultado o 2022-02-16. 
  31. "Memória: Por carreira sem expulsões, Pepe recebia o diploma Belfort Duarte" (en portugués). Consultado o 2022-02-16. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar